Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 21 de agosto de 2001 Páx. 11.180

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 195/2001, do 26 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

O Colexio Oficial de Químicos de Galicia, reunido en Xunta Xeral Extraordinaria, celebrada o 14 de novembro de 1998, procedeu á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal informou favorablemente sobre a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteseis de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Químicos de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Químicos

de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. O Colexio Oficial de Químicos de Galicia (en diante o colexio) é unha corporación de dereito públi

co, con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións.

2. O ámbito territorial do colexio é o correspondente á totalidade da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º

O colexio rexerase polos presentes estatutos e regulamentos que os desenvolvan, a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais e pola lexislación básica do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º

É requisito indispensable para o exercicio da profesión de químico encontrarse incorporado ó colexio e cumpri-los requisitos legais e estatutarios.

Para tal efecto, para poder formar parte do colexio será necesario encontrarse en posesión do título de licenciado en ciencias químicas, licenciado en química, licenciado en ciencias (sección de químicas) ou enxeñeiro químico. De igual modo e en tanto non teñan colexio profesional propio poderán colexiarse aqueles titulados en bioquímica, licenciados en ciencia e tecnoloxía de alimentos, licenciados en ciencias ambientais, licenciados en ciencias do mar e calquera outra titulación relacionada coa ciencia e tecnoloxía química que, de acordo coas leis e disposicións legais vixentes, exerzan a súa profesión en calquera das súas especialidades, aspectos ou formas de traballo, tanto libre como por conta allea.

Artigo 4º

1. O colexio ten a súa sede social en Vigo, rúa Urzaiz 1, 2º dereita, CP 36201.

2. Logo da deliberación e acordo da Xunta Xeral o colexio poderá cambia-lo domicilio da súa sede social dando conta ó departamento do Goberno Autonómico correspondente. Este cambio non se considerará como modificación dos presentes estatutos.

Artigo 5º

En tódalas cuestións relativas a aspectos corporativos e institucionais, o colexio relacionarase coa Administración pública a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou a que regulamentariamente a substitúa. En todo o que respecta ós contidos da súa profesión relacionarase cos departamentos que teñan atribuídas as competencias na materia.

Artigo 6º

No ámbito da súa actuación, o colexio poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con outros colexios, asociacións e organismos profesionais estatais e internacionais de acordo coa lexislación vixente.

Capítulo II

Finalidades e funcións do colexio

Artigo 7º

Son fins esenciais do colexio a ordenación do exercicio da profesión de químico en tódalas súas formas e especialidades, a representación exclusiva desta e

a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, todo iso sen prexuízo das competencias das administracións públicas.

Capítulo III

Dos colexiados e a colexiación

Artigo 8º

1. Poderán incorporarse ó colexio todos aqueles doutores e licenciados españois a titulación universitaria dos cales estea incluída no artigo 3º.

2. Os cidadáns estranxeiros poderán incorporarse ó colexio cando cumpran os requisitos para poder exerce-la profesión no Estado español.

Artigo 9º

Son dereitos dos colexiados:

a) Aproveitar tódolos servicios do colexio.

b) Participar con voz e voto nas xuntas xerais do colexio.

c) Participar como electores e elixibles para ocupar cargos de xestión e representación dentro do colexio.

d) Ser informados das actuacións e funcionamento da entidade e das cuestións que fagan referencia ó exercicio da profesión.

e) Intervir na xestión económica e administrativa do colexio.

f) Expresar libremente dentro do ámbito colexial as súas opinións en asuntos de interese profesional.

g) Estar amparados polo colexio no exercicio e defensa dos seus intereses profesionais.

h) Estar representados polo colexio cando así o soliciten e o acorde a Xunta Directiva co fin de facilitar aquelas accións, excepcións e defensas relacionadas co exercicio profesional ante tribunais, autoridades e organismos e entidades públicas e privadas.

i) Presentar ante a Xunta Xeral ou a Xunta Directiva todas aquelas queixas, iniciativas ou suxestións para unha mellor actuación profesional del colexio ou calquera dos seus membros.

j) Todos aqueles outros recoñecidos pola lexislación vixente e por estes estatutos.

Artigo 10º

Son deberes dos colexiados:

a) Cumprir e facer cumpri-los presentes estatutos, os regulamentos que os desenvolvan e os acordos que legalmente o colexio poida adoptar.

b) Exercer dignamente a profesión observando a disciplina colexial e a harmonía cos restantes colexiados.

c) Contribuír nos prazos establecidos regulamentariamente ó sostemento económico do colexio.

d) Informa-lo colexio de todos aqueles feitos que poidan afectar á profesión, a importancia dos cales poida determina-la intervención corporativa con carácter oficial.

e) Poñer en coñecemento do colexio a existencia de persoas que exerzan a profesión sen a titulación correspondente, sen estar colexiados ou que falten ás obrigas que, como tales, deben cumprir.

f) Todos aqueles outros recollidos na lexislación vixente e nos presentes estatutos.

Artigo 11º

1. Para incorporarse ou reincorporarse ó colexio será necesario cumpri-los requisitos legais correspondentes e solicitalo á Xunta Directiva nos termos que aprobe a Xunta Xeral.

2. A colexiación só poderá ser denegada cando:

2.1. Os documentos presentados coa solicitude sexan insuficientes ou existan dúbidas sobre a súa lexitimidade e o solicitante non repare os erros no prazo fixado pola Xunta Directiva.

2.2. O solicitante falsease os datos ou documentos necesarios para a súa colexiación.

2.3. A persoa estea afectada de sentencia xudicial firme inhabilitatoria para o exercicio da profesión.

2.4. O solicitante estea cumprindo unha sanción disciplinaria que leve aparellada a exclusión temporal ou definitiva do colexio.

Artigo 12º

A condición de colexiado pérdese por:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Baixa voluntaria comunicada por escrito.

d) Separación ou expulsión do colexio como consecuencia de sanción disciplinaria, logo de incoación do correspondente expediente que deberá incluír en calquera caso a audiencia ó interesado.

e) Baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas inherentes á condición de colexiado.

2. O procedemento que se seguirá para a baixa como colexiado será aprobado pola Xunta Xeral.

Artigo 13º

1. As persoas que formen parte do Colexio de Químicos de Galicia poderán ser exercentes, non exercentes, distinguidos ou de honor.

2. En canto sexa aplicable, non poderán establecerse diferenciacións de dereitos e deberes entre os distintos tipos de colexiados.

Artigo 14º

1. Son membros exercentes as persoas naturais que obtivesen a incorporación ó colexio e exercesen a profesión como tales.

2. Son membros non exercentes as persoas naturais que obtivesen a incorporación ó colexio e non exercesen a profesión.

3. Son membros distinguidos aqueles colexiados ós que a Xunta Xeral, por proposta da Xunta Directiva

ou o 10% dos colexiados, recoñeza tal condición polos seus méritos ou servicios relevantes ó colexio.

4. Son membros de honor aquelas persoas naturais ou xurídicas que, non sendo colexiados, reciban este nomeamento por acordo da Xunta Xeral en atención ós méritos ou servicios relevantes prestados á profesión. O nomeamento non incluirá en ningún caso a posibilidade de exercer dereitos políticos no ámbito colexial.

5. A condición de membro distinguido ou de honor leva aparellada consigo a non necesidade de participación nas cargas económicas do colexio.

Artigo 15º

Das solicitudes de colexiación.

Para a incorporación ó colexio, o interesado solicitará a súa admisión á Xunta Directiva achegando título orixinal ou certificado administrativo supletorio acreditativo dos estudios e aboamento dos dereitos de expedición e aboar, se é o caso, a cota de incorporación. Se se trata dun traslado de colexio, abondará unha simple certificación do de procedencia acreditativa de encontrarse en activo e ó día nas súas obrigas, ademais de non estar inhabilitado para o exercicio profesional.

A Xunta Directiva acordará no prazo dun mes, a denegación ou admisión da colexiación. Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa, entenderase que esta é negativa.

Cando un colexiado teña que efectuar calquera traballo profesional no ámbito territorial doutro colexio deberá comunicar preceptivamente, a través do colexio ó que pertenza, e coa debida anterioridade a estas, as actuacións profesionais que vaia realizar co fin de quedar suxeitos, ás competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

Capítulo IV

Do goberno do colexio

Artigo 16º

Son órganos de dirección e xestión do colexio:

a) Colexiados:

A Xunta Xeral.

A Xunta Directiva.

A Comisión Permanente.

b) Unipersoais:

O decano.

Os vicedecanos.

O secretario xeral.

O tesoureiro.

O xerente ou secretario técnico, que poderá, se é o caso, formar parte da Xunta Directiva.

Os presidentes das comisións, seccións técnicas e/ou asociacións, se é o caso.

Artigo 17º

Sen prexuízo da supremacía dos órganos colexiados sobre os unipersoais, corresponde a estes últimos todo aquilo que non estea atribuído explicitamente ós primeiros.

Artigo 18º

Ningún cargo do colexio será remunerado, con excepción do de xerente/secretario técnico, sen prexuízo do posible reembolso dos gastos orixinados por estes no desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 19º

1. Os acordos da Xunta Xeral e da Xunta Directiva e as resolucións do decano en temas da súa competencia poderán ser recorridos, se é o caso, en reposición ante o órgano que os dictou no prazo de trinta días desde a súa comunicación ós interesados. Se a resolución do recurso fose negativa entenderase esgotada a vía administrativa, podendo exercerse os recursos xurisdiccionais que procedan. En calquera caso os acordos serán executivos, salvo que o órgano xudicial decida o contrario.

2. As restantes resolucións e acordos son impugnables ante a Xunta Directiva ou o decano, respectivamente, nos mesmos prazos e condicións sinalados no parágrafo anterior. Contra a resolución das impugnacións non caberá recurso administrativo algún.

Artigo 20º

A Xunta Xeral é o órgano soberano do colexio, e como tal os seus acordos obrigan a tódolos colexiados, incluídos os ausentes, disidentes ou que se absteñan.

Artigo 21º

1. A Xunta Xeral está formada por tódolos colexiados que estean en plenitude dos seus dereitos e será presidida polo decano do colexio ou vicedecano que o substitúa, excepto nos casos previstos para a moción de censura, actuando como secretario o secretario xeral do colexio ou, na súa ausencia, o colexiado máis novo presente.

2. Para a válida constitución da Xunta Xeral será necesaria a presencia en primeira convocatoria da maioría absoluta dos colexiados presentes ou representados. En segunda convocatoria, que se celebrará media hora máis tarde, será suficiente a presencia de calquera número de colexiados.

3. As reunións da Xunta Xeral serán comunicadas a tódolos colexiados polo secretario xeral por escrito e con notificación individual polo menos con 20 días de antelación, debendo incluír día, lugar e hora da reunión e a orde do día.

Artigo 22º

Son funcións da Xunta Xeral:

a) Aprobar, se procede a memoria anual de actividades presentada pola Xunta Directiva.

b) Aprobar, se procede, os orzamentos e os balances e contas de resultados.

c) Aprobar por maioría absoluta a fixación de cotas non periódicas e derramas.

d) Controla-la xestión do decano e da Xunta Directiva.

e) Aprobar por maioría absoluta as modificacións dos presentes estatutos.

f) Aproba-lo código deontolóxico do colexio.

g) Decidir sobre todas aquelas cuestións que o decano ou a Xunta Directiva sometan á súa competencia.

h) Aprobar, se procede, por maioría de dous tercios as propostas de fusión, absorción, segregación, cambio de denominación ou disolución do colexio.

i) Aprobar por maioría de dous tercios as mocións de censura presentadas contra a Xunta Directiva.

Todas aquelas outras que lle concedan a lexislación vixente e os presentes estatutos.

Artigo 23º

En todo o referido ó artigo anterior, a maioría absoluta debe estimarse sobre o número total de colexiados presentes e representados.

Artigo 24º

1. Os acordos da Xunta Xeral tomaranse por maioría simple de votos, excepto para aqueles asuntos nos que estes estatutos dispoñan outra cousa.

2. As votacións poderán ser a man alzada ou secretas cando así estea establecido estatutariamente, o acorde o decano ou o solicite o 25% dos asistentes á xunta.

3. A representación para cada reunión da Xunta Xeral só poderá exercerse por outro colexiado, mediante escrito fidedigno dirixido ó secretario xeral. O número máximo de representacións que poderá ter cada colexiado será de catro.

Artigo 25º

1. A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces durante o primeiro e cuarto trimestre do ano. A reunión do primeiro trimestre incluirá a lectura e aprobación da memoria de actividades e o balance e conta de resultados. Na reunión do cuarto trimestre aprobarase o plan de actividades e o orzamento do ano seguinte.

2. A Xunta Xeral poderá reunirse de forma extraordinaria para debater e aprobar mocións de censura ou cando así o decida a Xunta Directiva por maioría absoluta ou o soliciten polo menos un 10% dos colexiados con dereito a voto, debendo incluír nestes dous últimos casos unha orde do día concreta.

3. Nas xuntas xerais non poderán tomarse acordos sobre aqueles puntos que non figuren explicitamente na orde do día.

4. Das reunións da Xunta Xeral levantarase acta que quedará reflectida no libro correspondente, e que poderá ser aprobada na propia xunta ou na seguinte ordinaria. En todo caso os acordos serán executivos, sen prexuízo da comunicación ós interesados en canto

afecten ós seus dereitos e dos recursos que contra estas poidan interpoñerse.

Artigo 26º

A Xunta Directiva é o órgano de dirección e xestión ordinario do colexio.

Artigo 27º

1. A Xunta Directiva estará formada por:

a) O decano, que a convocará e a presidirá.

b) Dous vicedecanos, un dos cales terá o seu domicilio nas provincias da Coruña ou Lugo e o outro na de Ourense ou Pontevedra.

c) O secretario xeral do colexio, que o será tamén da xunta.

d) O tesoureiro.

e) Un vocal por cada cen colexiados con dereito a voto ou fracción, dos que o máis novo actuará como vicesecretario da Xunta Directiva.

2. Tamén formarán parte da Xunta Directiva, con voz pero sen voto, o delegado territorial da Mutualidade Xeral de Previsión Social dos Químicos Españois en canto sexa colexiado, e os presidentes daquelas comisións, seccións técnicas e/ou asociacións do colexio que así o acorde anualmente a Xunta Xeral. Así mesmo, os presidentes daqueles organismos públicos e privados cos que o colexio manteña os correspondentes acordos de reciprocidade, logo da autorización da Xunta Xeral.

Artigo 28º

1. Os membros da Xunta Directiva cesan por:

a) Perda da condición de colexiado.

b) Dimisión escrita.

c) Aprobación dunha moción de censura pola Xunta Xeral.

d) Inasistencia ás reunións desta.

2. Se algún dos compoñentes da Xunta Directiva, con excepción do decano, cesa por calquera causa excepto moción de censura, a mesma xunta designará de entre os seus membros o substituto con carácter de interinidade ata a celebración das seguintes eleccións. O mandato do novo elixido será o que correspondería ó cesado.

3. Se se producise a vacante do decano ou de máis da metade dos membros con dereito a voto da Xunta Directiva convocaranse eleccións no prazo dun mes para cubrir exclusivamente as ditas vacantes e polo prazo que faltase ata a próxima elección regulamentaria. Se o dito prazo fose inferior a seis meses, os membros da Xunta Directiva que continuasen nela continuarían as súas funcións presididas por un vicedecano, ou no seu defecto polo colexiado máis antigo da Xunta Directiva que no fose o secretario.

Artigo 29º

A duración do mandato dos membros da Xunta Directiva será de catro anos. O procedemento para a súa elección será fixado regulamentariamente por

maioría absoluta da Xunta Xeral, e incluirá como mínimo a forma de presentación das candidaturas e a forma de votación. En todo caso estará permitido o voto por correo pero non o voto por delegación.

Artigo 30º

1. Contra a actuación da Xunta Directiva ou do decano poderá presentarse unha moción de censura asinada por un 10% de colexiados con dereito a voto que será debatida e, se é o caso, aprobada por maioría de dous tercios dos presentes nunha Xunta Xeral Extraordinaria convocada de forma inmediata que será presidida polo colexiado de maior antigüidade dos presentes.

2. O procedemento de tramitación da moción de censura será fixado mediante un Regulamento aprobado previamente pola Xunta Xeral. En todo caso, a moción incluirá unha exposición de motivos e o nome ou nomes dos colexiados que substituirán o decano ou Xunta Directiva polo tempo que reste para concluí-lo seu mandato.

3. Se a moción de censura fose rexeitada pola Xunta Xeral, ningún dos seus asinantes poderá presentar outra no prazo de dous anos contados desde a celebración da xunta.

4. Desde o momento da presentación da moción de censura e ata a súa aprobación ou rexeitamento non poderá presenta-la dimisión ningún membro da Xunta Directiva.

Artigo 31º

Son funcións da Xunta Directiva:

a) Cumprir e facer cumpri-los acordos da Xunta Xeral, os estatutos e a lexislación vixente que afecte ó colexio.

b) Decidir sobre as solicitudes de colexiación.

c) Administra-los bens do colexio e recada-las cotas de todo tipo que teñan que facer efectivas os colexiados.

d) Elaborar un baremo de honorarios que terá carácter meramente orientativo.

e) Adopta-las medidas convenientes para a defensa dos intereses do colexio e os seus colexiados.

f) Crear e disolve-las comisións e/ou seccións técnicas necesarias para o mellor cumprimento das funcións colexiais.

g) Aprobar e modifica-lo seu regulamento de funcionamento interno, dando conta á Xunta Xeral.

h) Velar polo cumprimento das funcións e competencias profesionais dos colexiados.

i) Fixa-la data de celebración das xuntas xerais ordinarias e extraordinarias.

j) Cantas outras funcións lle estean atribuídas pola lexislación vixente e os presentes estatutos ou lle encomende explicitamente a Xunta Xeral.

k) A potestade para crea-la figura do xerente/secretario técnico, se o estima oportuno, decidindo así mesmo as condicións de contratación e funcións asignadas.

Artigo 32º

1. A Xunta Directiva reunirase de forma ordinaria e logo da convocatoria escrita polo menos seis veces ó ano. Poderá reunirse de forma extraordinaria cando así o decida o decano ou o soliciten polo menos tres membros da xunta con dereito a voto.

2. Para a reunión válida da Xunta Directiva en primeira convocatoria será necesaria a presencia do decano e da maioría absoluta dos membros da xunta con dereito a voto. En segunda convocatoria será suficiente coa presencia de polo menos tres dos seus membros con dereito a voto.

3. A asistencia ás reunións da Xunta Directiva é obrigatoria, salvo casos xustificados. A falta de asistencia non xustificada a tres sesións consecutivas ou cinco no período de dous anos levará aparellado o cesamento no cargo.

4. Nas reunións da Xunta Directiva só se poderán adoptar acordos sobre puntos que figuren explicitamente na orde do día, excepto que estean presentes tódolos seus membros con dereito a voto e se acorde a súa urxencia por maioría.

5. Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes, excepto naqueles casos nos que os estatutos prevexan un réxime diferente. En caso de empate decidirá o voto de calidade do decano.

Artigo 33º

A Comisión Permanente estará formada polo decano, o secretario, o tesoureiro e outro membro da Xunta Directiva elixido anualmente por e entre os membros da mesma.

Artigo 34º

Son funcións da Comisión Permanente:

a) Asesora-lo decano en todos aqueles asuntos da súa competencia que este presente á súa consideración.

b) Resolver todos aqueles asuntos de trámite urxente, dando conta posterior á Xunta Directiva.

c) Todas aquelas outras que lle delegue a Xunta Directiva ou lle atribúan os presentes estatutos.

Artigo 35º

A Xunta Xeral ou a Xunta Directiva poderán crear por si mesmos ou por solicitude de calquera colexiado cantas comisións o seccións técnicas crean necesarias para o bo funcionamento do colexio. O réxime do seu funcionamento será fixado regulamentariamente.

Artigo 36º

Os colexiados poderán formar dentro do colexio asociacións para temas concretos ou mellor defensa dos seus intereses, dando conta á Xunta Directiva. O procedemento de creación e o seu funcionamento serán regulados pola Xunta Directiva.

Artigo 37º

1. O decano é o representante oficial do colexio en tódalas relacións cos poderes públicos, entidades e corporacións de todo tipo.

2. Será elixido pola Xunta Xeral logo da presentación da súa candidatura, debendo levar polo menos cinco anos colexiado no Colexio de Galicia.

Artigo 38º

Son competencias do decano:

a) Exerce-la representación do colexio. Esta representación poderá ser delegada en calquera colexiado, provéndoo para tal fin da correspondente acreditación.

b) Dirixi-lo colexio e coordina-lo labor de tódolos membros da Xunta Directiva.

c) Autorizar coa súa sinatura todos aqueles documentos do colexio que así o requiran.

d) Conceder apoderamentos para cuestións xudiciais, logo da autorización da maioría absoluta da Xunta Directiva.

e) Convocar e presidi-las reunións da Xunta Xeral e da Xunta Directiva.

f) Efectuar conxuntamente co tesoureiro tódalas operacións bancarias e movementos de fondos do colexio.

g) Todas aquelas outras que lle delegue a Xunta Xeral ou a Xunta Directiva ou que non estean atribuídas explicitamente a outro órgano de goberno.

Artigo 39º

O decano poderá delegar calquera das súas funcións por tempo determinado en calquera membro da Xunta Directiva, logo de información a esta.

Artigo 40º

Os vicedecanos exercerán tódalas funcións que lles encomenda a Xunta Directiva ou o decano, a quen substituirán en caso de ausencia ou enfermidade.

2. Os vicedecanos serán elixidos pola Xunta Xeral debendo levar polo menos cinco anos colexiados en Galicia.

Artigo 41º

O secretario xeral do colexio será elixido pola Xunta Xeral debendo levar polo menos tres anos colexiado en Galicia.

Artigo 42º

Serán funcións do secretario xeral:

a) Leva-los libros necesarios para consegui-lo mellor e máis ordenado funcionamento dos servicios do colexio. En calquera caso deberá existir un libro de actas ou documento que os substitúa para a Xunta Xeral e outro para a Xunta Directiva e un de Rexistro de Entrada e Saída de Documentos e outro de colexiados.

b) Redactar e asina-las actas correspondentes e expedi-las certificacións correspondentes co visto e prace do decano.

c) Redacta-la memoria anual de actividades do colexio para a súa presentación ante a Xunta Xeral, logo da aprobación da Xunta Directiva.

d) Controla-la tramitación dos expedientes dos colexiados e ter permanentemente actualizada a lista destes.

e) Coidar do funcionamento das oficinas do colexio e da actuación do persoal.

f) Redactar e envia-los oficios de citación para tódolos actos do colexio.

g) Dar cumprimento dos acordos adoptados pola Xunta Directiva.

h) Todos aqueles outros que lle delegue o decano ou a Xunta Directiva ou lle estean atribuídos polos estatutos.

Artigo 43º

O tesoureiro será elixido pola Xunta Xeral debendo levar polo menos tres anos colexiado en Galicia.

Artigo 44º

Son funcións do tesoureiro:

a) Recadar, vixiar e administra-los fondos do colexio e leva-la contabilidade.

b) Efectua-los pagamentos e asinar xuntamente co decano os documentos para o movemento dos fondos do colexio.

c) Elabora-lo orzamento do colexio para a súa tramitación correspondente.

d) Levar ou supervisa-los libros de contabilidade que sexan necesarios.

e) Informa-la Xunta Directiva do estado económico e financeiro do colexio.

f) Todas aquelas outras que lle delegue o decano ou a Xunta Directiva ou lle sexan atribuídas polos estatutos.

Artigo 45º

1. Os vocais serán elixidos pola Xunta Xeral debendo levar polo menos dous anos colexiados en Galicia.

2. As súas funcións respectivas serán asignadas pola Xunta Directiva.

Capítulo V

Do réxime económico

Artigo 46º

O colexio ten plena capacidade patrimonial para a xestión e administración dos seus bens para o cumprimento das súas finalidades, de acordo cos orzamentos correspondentes.

Artigo 47º

Os bens do colexio estarán constituídos por:

1. Recursos ordinarios.

a) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúan o patrimonio colexial.

b) Os dereitos que se establezan para a elaboración de estudios, informes, dictames ou outros servicios.

c) As cotas dos colexiados, incluídas as de incorporación e derramas.

d) A participación na organización de cursos, congresos ou conferencias.

e) A entrega de certificacións e visado de documentos.

f) Calquera outro legalmente posible de similares características.

2. Recursos extraordinarios.

a) As subvencións ou donativos de calquera tipo, públicas ou privadas.

b) Os bens recibidos por doazón ou herdanza.

c) As cotas especiais para o levantamento de cargas corporativas.

d) Calquera outra que non constitúa recurso ordinario.

Artigo 48º

1. Os bens do colexio serán xestionados de acordo co orzamento anual, que incluirá a contía das cotas ordinarias, presentado polo tesoureiro e aprobado pola Xunta Xeral por proposta da Xunta Directiva. O procedemento de elaboración e presentación será regulado por acordo da Xunta Directiva.

2. A xestión económica do colexio será realizada pola Xunta Directiva, que poderá delega-la súa execución no tesoureiro.

3. En calquera caso o movemento de bens ou a realización de pagamentos só poderá realizarse mediante autorización escrita conxunta do decano e do tesoureiro ou persoas que legalmente o substitúan.

Artigo 49º

En caso de disolución ou reestructuración que afecte o patrimonio do colexio, este destinarase en primeiro lugar a cubri-lo pasivo. O activo restante repartirase de forma proporcional aprobada por unha Xunta Xeral Extraordinaria entre tódolos colexiados con máis dun ano de antigüidade e de maneira proporcional de acordo co número de anos cotizados.

Capítulo VI

Do réxime disciplinario

Artigo 50º

O colexio, a través da Xunta Xeral ou da Xunta Directiva, ten potestade para sanciona-las faltas cometidas polos seus membros colexiados ou habilitados no exercicio da súa profesión ou actividade colexial.

Artigo 51º

1. Ninguén poderá ser sancionado por feitos que non estean previstos nestes estatutos ou no código deontolóxico que constituísen falta no momento da súa realización ou sen previa instrucción do correspondente expediente no que se respecten os principios de audiencia, contradicción e defensa.

2. O procedemento sancionador será establecido de acordo coa lexislación vixente pola Xunta Xeral por maioría de dou tercios do seus membros presentes ou representados.

3. As faltas cualificaranse de leves, graves ou moi graves.

Artigo 52º

Son faltas leves:

a) A desconsideración importante cos compañeiros.

b) Todas aqueloutras que non sexan consideradas como graves ou moi graves.

Artigo 53º

Son faltas graves:

a) As relacionadas co artigo anterior cando sexan cometidas por membros da Xunta Directiva no exercicio das súas funcións.

b) A reiteración continuada de faltas leves.

c) Os actos de desconsideración ofensiva cos compañeiros.

d) A neglixencia no cumprimento dos acordos da Xunta Xeral.

e) A realización de traballos profesionais que pola súa forma ou fondo atenten contra o prestixio da profesión e o colexio.

Artigo 54º

Son faltas moi graves:

a) A reiteración continuada de faltas graves.

b) A comisión de delictos que afecten ó prestixio da profesión e ó colexio.

c) A realización de actos de desconsideración ofensiva ós membros dos órganos de goberno no exercicio das súas funcións.

Artigo 55º

1. A competencia xeral para a imposición de sancións leves ou graves corresponde á Xunta Directiva e poderá ser obxecto de recurso ante a Xunta Xeral, a decisión da cal esgotará a vía administrativa. A imposición de sancións moi graves corresponde en exclusiva á Xunta Xeral, podendo ser recorrida en reposición ante ela. O seu acordo esgota a vía administrativa.

2. A imposición de sancións ós membros da Xunta Directiva no exercicio das súas funcións correspóndelle á Xunta Xeral. Contra os seus acordos non caberá recurso administrativo ningún.

Artigo 56º

1. As sancións que poderán impoñerse son:

Faltas leves:

Amoestación verbal ou escrita.

b) Faltas graves:

Amoestación por escrito con advertencia de suspensión.

Suspensión da condición de colexiado por un prazo non superior a dous meses.

Suspensión para o desempeño de cargos colexiais por un período non superior a catro anos.

c) Faltas moi graves:

Suspensión da condición de colexiado por un tempo superior a un ano e inferior a dous.

Inhabilitación por un máximo de dez anos para o desempeño de cargos directivos colexiais.

Expulsión do colexio, con perda da condición de colexiado.

2. A suspensión da condición de colexiado por un prazo non superior a dous anos non eximirá do deber de contribución económica ó colexio, incluído o pagamento das cotas correspondentes.

Artigo 57º

1. As faltas prescriben ós dous meses da súa comisión sen iniciarse a incoación do oportuno expediente se se tratase de leves, ós catro meses se foron faltas menos graves, ós seis meses se fosen graves e ó ano se se tratase de faltas moi graves, salvo as que constitúan delicto, neste caso terán o mesmo prazo de prescricións que este.

2. A prescrición interrómpese polo inicio do expediente disciplinario e mentres dure este. Se non estivese resolto no prazo de seis meses para as faltas leves ou dun ano para as graves ou moi graves por causas non imputables ó expedientado, procederase ó seu arquivo inmediato.

Capítulo VII

Da reforma dos estatutos

Artigo 58º

1. A iniciativa de reforma dos presentes estatutos corresponde á maioría absoluta dos membros da Xunta Directiva ou ó 25% dos colexiados con dereito a voto, seguindo o procedemento que regulamentariamente se estableza.

2. Para a súa aprobación o rexeitamento deberá convocarse unha Xunta Xeral Extraordinaria que, logo de deliberación, decidirá por maioría absoluta dos colexiados presentes. Contra o devandito acordo non caberá recurso administrativo algún.

3. Se o acordo alcanzado fose positivo remitiranse as modificacións ó organismo competente do Goberno autonómico para a súa aprobación e publicación. Os novos estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. Se o acordo da Xunta Xeral fose de rexeitamento das modificacións propostas, os asinantes non poderán presentar outras novas relacionadas con elas nun prazo de dous anos contado desde a celebración da Xunta Xeral.

Disposición adicional

Mentres exista a Agrupación Territorial da ANQUE en Galicia procurarase a máxima colaboración con

esa organización, enviando ás asembleas anuais as suxestións que se estimen oportunas, que serían canalizadas polos asembleístas elixidos para o efecto.

Disposición transitoria

En tanto a Xunta Xeral non aprobe os regulamentos para o desenvolvemento dos presentes estatutos, a Xunta Directiva poderá adopta-los acordos que estime oportunos para o adecuado funcionamento do colexio, por un prazo máximo dun ano e sen que os ditos acordos poidan limita-los dereitos dos colexiados.