Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 21 de agosto de 2001 Páx. 11.173

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de agosto de 2001 pola que se establece, no período 2001/2002, o procedemento para a adquisición de cantidade de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas.

O fondo nacional de cotas lácteas, concibido, dentro da reserva nacional, como un elemento básico para a modernización do sector, está constituído, na actualidade, polas cantidades de referencia adquiridas mediante o programa de abandono indemnizado executado durante o período 2000/2001, de acordo co capítulo III do R.D. 1486/1998, do 10 de xullo, e a orde do MAPA de 26 de setembro de 2000, programa desenvolvido nesta Comunidade Autónoma mediante a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 3 de novembro de 2000. A distribución das cantidades adquiridas entre os productores de cada Comunidade Autónoma efectuarase ó abeiro do disposto no segundo parágrafo da alínea 1.a) do artigo 15 do Real decreto 324/1994, de 28 de febreiro, polo que se establecen normas reguladoras do sector do leite e dos productos lácteos e do réxime da taxa suplementaria.

É necesario, polo tanto, establece-lo procedemento para que os productores de leite poidan acceder á cota existente no fondo, así como á asignación complementaria de cota da reserva nacional. Neste senso, a normativa estatal citada xa establece os aspectos básicos, como requisitos dos beneficiarios, contías máximas que se solicitarán do fondo, prazo de solicitude, criterios básicos de prioridade, prezo e procedemento de xestión, así como límites máximos das asignacións complementarias da reserva nacional, en función das cantidades adquiridas do fondo, quedando pendentes de establecer, a nivel de Comunidade Autónoma, determinados aspectos complementarios dos anteriores, ademais dos de carácter procedemental.

De acordo co anterior, o obxecto da presente orde é establece-las condicións e procedemento para a adquisición de cantidades de referencia do fondo nacional coordinado de cotas lácteas e para a asignación complementaria de cantidades da reserva nacional, no marco do establecido no devandito Real Decreto 1486/1998, de 10 de xullo, e da orde do MAPA de 31 de maio de 2001, relativa ó período 2001/2002, da que se transcriben, total ou parcialmente, algunhas das súas disposicións, para unha mellor comprensión por parte dos interesados.

Por outra parte, de acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que respecta á aplicación das

medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la xestión das solicitudes de adquisición polos gandeiros de cantidades de referencia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Pola presente orde establécese o procedemento para a adquisición de cantidades de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas, en diante fondo, segundo o disposto no Real decreto 1486/1898, do 10 de xullo, e a asignación complementaria da reserva nacional, para o período 2001/2002.

Artigo 2º.-Cantidades existentes e prezo.

1. A cantidade existente no fondo correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia é de 6.362.585 quilos.

2. O prezo de venda das cantidades do fondo establécese en 59,05 pesetas/quilo.

3. A cantidade correspondente a productores da Comunidade Autónoma de Galicia existente na reserva nacional ascende a 6.362.585 quilos.

4. Con cargo ás cantidades sinaladas nos puntos 1 e 3 deste artigo atenderanse os recursos presentados, contra a denegación do fondo coordenado e asignación complementaria da campaña 2000/2001, que resulten estimados. As cantidades restantes, unha vez atendidos os ditos recursos, serán as dispoñibles para a adquisición do fondo e reserva complementaria regulados nesta orde.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do fondo e da asignación complementaria da reserva nacional, logo de aboamento do importe correspondente, aqueles productores que o soliciten, que teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia e que cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 4º.-Limitacións.

De acordo co establecido no artigo 15.4º do R.D. 1486/1998, os gandeiros adquirentes de cantidade de referencia do fondo comprométense a non transferir nin ceder temporalmente tanto a súa cota propia como a adquirida do fondo durante cinco períodos.

As cantidades de referencia asignadas da reserva nacional ó abeiro da presente orde non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado e serán reintegradas na reserva nacional cando o productor cese na actividade ou transfira, total ou parcialmente, a súa cota.

Exceptúanse do establecido no parágrafo anterior os casos de herdanza, doazón e cambio de titularidade, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as canti-

dades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. Poderán solicita-la asignación cantidades de referencia do fondo os productores que reúnan os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de cota asignada inferior a 400.000 quilogramos na data 1 de abril de 2001.

b) Estar incluído nalgunha das categorías de productores recollidas no artigo 34.1º do Real decreto 1486/1998 e que se indican a seguir:

1. Que teña a condición de agricultor a título principal, tal e como se define no artigo 2.6º do Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, ou a acade en virtude da adquisición.

2. Que sexa agricultor mozo, tal como se define no artigo 2.7º do citado Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, e acceda por primeira vez á producción de leite.

3. Que se trate de agrupacións de productores agrarios, sociedades agrarias de transformación, cooperativas de producción, comunidades de bens ou sociedades civís.

4. Que a súa explotación estea situada nas zonas agrícolas desfavorecidas definidas no artigo 3 da Directiva 75/268/CEE, do consello, ou en zonas de recolla con problemas específicos.

5. Que se trate dunha institución de carácter benéfico ou docente.

c) Non se ter acollido ós programas de abandono definitivos da producción de leite, financiados con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

d) Non ter transferido nin cedido cota durante os últimos cinco períodos, incluíndo aquel no que se presenta a solicitude ó fondo coordinado.

e) Ter comercializado na campaña 2000/2001 polo menos o 90 por 100 da súa cantidade de referencia individual.

f) Cumpri-las condicións sanitarias esixibles á producción e comercialización de leite e productos lácteos.

2. A esixencia indicada na alínea 1.a) anterior entenderase sen prexuízo do establecido no último parágrafo do artigo 7º.

Os requisitos expresados na alínea 1.b) deberán cumprirse na data de publicación desta orde.

As condicións sanitarias indicadas na alínea 1.f) consideraranse cumpridas para os productores con entrega a compradores, cando os resultados das análises de leite da explotación efectuadas polos laboratorios interprofesionais de análises de leite ou laboratorios autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondentes ós meses de marzo, abril e maio de 2001, demostren que, alomenos, na media dun deses meses, o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas inferior a 400.000, non hai presencia de residuos de substancias farmacoloxi

camente activas e non existe presencia de auga engadida.

No caso de que se trate de explotacións de cota exclusivamente de venda directa, consideraranse cumpridas as esixencias de calidade se a explotación está cualificada sanitariamente de acordo coa normativa vixente.

Artigo 6º.-Puntuación e clasificación das solicitudes.

1. Puntuación.

No marco do establecido no artigo 15 do R.D. 1486/1998, a puntuación das solicitudes para a adquisición de cantidades de referencia do fondo efectuarase co seguinte baremo:

a) Por ter aprobado, no período do 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 2000, un plan de mellora da explotación ou unha axuda á primeria instalación de agricultores novos, ó abeiro dos reais decretos 204/1996 e 1887/1991, coas melloras realizadas ou en execución: 1 punto.

b) Por ser agricultor mozo: 1 punto.

No caso de cooperativas, SAT, sociedades civís, laborais, mercantís ou comunidades de bens, poderán obter esta puntuación se, alomenos, o 50% dos socios cumpre a condición de agricultor mozo.

c) Se a explotación acredita reuni-la condición de prioritaria, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia: 2 puntos.

d) Por te-la explotación integrada no control de rendemento leiteiro oficial e cumpri-lo establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 14 de abril de 1999, de desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX), como mínimo, no período do 1-10-1999 ó 30-9-2000: 1 punto.

O Servicio de Producción Animal, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, facilitaralle ó Ilgga a información necesaria para a comprobación deste requisito.

e) Por ter sido destinatario dunha transferencia de cota doutra explotación para a campaña 2000/2001 ou precedentes, no marco dos reais decretos 2307/1994 ou 1486/1998: 2 puntos.

f) Por ser socio, con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2001, de cooperativa, sociedade agraria de transformación ou asociación de productores, que sexa primeiro comprador de leite, autorizado polo FEGA, ou que participase en programas de asistencia técnica a explotacións leiteiras subvencionados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en 2000: 1 punto.

g) Por non ter recibido cota da reserva nacional, no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 6 de xullo de 2000 (DOG do 10 de xullo): 1 punto.

h) Por non ter recibido cota do fondo nacional de cotas lácteas de acordo co establecido nas ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 17 de setembro de 1999 e do 6 de outubro de 2000 (DOG do 27-9-1999 e do 16-10-2000 respectivamente): 3 puntos.

Para que poidan ser obxecto de puntuación as condicións establecidas nas alíneas b) e c), estas terán que cumprirse na data de publicación desta orde.

2. Clasificación das solicitudes.

A distribución entre os productores das cantidades de referencia do fondo efectuarase tendo en conta os criterios de prioridade, a puntuación acadada segundo o baremo establecido no punto 1 e a cantidade de referencia dispoñible do solicitante, coas cantidades máximas previstas no artigo 7º.

Para tal fin, nos expedientes que cumpran tódolos requisitos indicados no artigo 5º distribuiranse as cantidades de referencia do fondo en dous grupos, de acordo os seguintes criterios de prioridade:

1. Solicitantes que cumpran a condición de ser agricultor a título principal. Para os solicitantes que sexan persoas xurídicas, que alomenos o 50% dos membros dela cumpran a dita condición.

2. Resto dos productores.

Dentro de cada grupo ordenaranse as solicitudes por orde de puntuación, de maior a menor, ata que se esgote a cantidade dispoñible.

No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, daráselles preferencia ós productores que teñan menor cantidade de referencia o 1 de abril de 2001 e, en caso de persisti-la igualdade, terá prioridade o solicitante de menor idade ou con data de constitución da entidade máis recente.

Artigo 7º.-Cantidade máxima a solicitar do fondo.

1. A cantidade máxima que poderá solicitar establécese en función da cantidade de referencia que teña asignada o 1 de abril de 2001, segundo o que a seguir se indica:

a) Se a súa cantidade de referencia asignada é inferior a 150.000 quilos, ata un máximo do 33 por 100 dela.

b) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 150.000 e 250.000 quilos, ata un máximo do 25 por 100 da diferencia entre a súa cota e 350.000 quilos.

c) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 250.000 e 400.000 quilos, ata un máximo do 10 por 100 da diferencia entre a súa cota e 500.000 quilos.

Por outra banda, con independencia da cota láctea do gandeiro, non se asignarán cantidades inferiores a 5.000 quilos.

2. Se, asignando as cantidades previstas no número 1 ás solicitudes que cumpran tódolos requisitos establecidos no artigo 5º, se esgota a cantidade de cota dispoñible no fondo, antes de proceder á cla

sificación e puntuación das solicitudes limitarase tamén a cantidade a asignar por solicitante a un máximo de 15.000 quilos.

3. Nos casos de sociedades agrarias de transformación, cooperativas de producción, comunidades de bens ou sociedades civís con cota asignada, os límites sinalados de acceso ó fondo calcularanse dividindo a cota asignada polo número de agricultores a título principal que as integren e a cantidade a solicitar será o resultado de multiplicar polo dito número a cantidade que correspondería a cada un, segundo os baremos anteriores.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. Os productores de leite que teñan a súa explotación situada na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos, e estean interesados en obter cantidades de referencia do fondo de cotas para o período 2001/2002, presentarán, antes do 30 de setembro de 2001, unha solicitude dirixida ó director do Ilgga, de acordo co modelo incluido como anexo I, preferentemente nas oficinas agrarias comarcais. Así mesmo, poderán presentarse as ditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados comprometeranse na solicitude a que unicamente poderán desistir dela con anterioridade ó ingreso das cantidades correspondentes a adquisición de cota.

Artigo 9º.-Documentación.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación, xustificativa do cumprimento de requisitos esixidos ós solicitantes e ás súas explotacións:

1. Se o solicitante é persoa física:

a) Fotocopia do DNI e NIF do solicitante.

b) Para xustifica-la condición de agricultor a título principal, fotocopias cotexadas da declaración do IRPF do exercicio 2000 e do recibo da cotización á Seguridade Social do mes de marzo de 2001.

c) Un boletín de análise, xustificativo do requisito do artigo 5.1º f), dun laboratorio interprofesional de análise de leite ou doutro laboratorio autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondente á media dun mes do período 1-3-2001 ó 31-5-2001, se o leite da explotación non se analiza no LIGAL.

Nas explotacións de cota exclusivamente de venda directa, para acredita-lo previsto no último parágrafo do artigo 5º.2, presentarase copia do comunicado da última campaña oficial de saneamento gandeiro realizada na explotación (folla verde), na que conste a súa cualificación sanitaria.

d) Se é o caso, certificado da cooperativa, SAT ou asociación de productores, xustificativo do indicado na alínea f) do artigo 6º, segundo modelo do anexo II.

2. Se o solicitante é unha comunidade de bens:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento constitutivo da comunidade de bens.

c) Certificación do órgano rector da comunidade de bens autorizando o representante para face-la solicitude e indicando a relación nominal e o NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados no punto 1, alíneas a) e b) para os membros da comunidade que reúnan a condición de ATP.

e) Se é o caso, as certificacións indicadas nas alíneas c), d) do punto 1.

3. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da entidade.

c) Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persona autorizada para a presentación da solicitude.

d) Certificación do órgano competente dos membros que a constitúen, así como os documentos indicados nas alíneas a) e b) do punto 1 do presente artigo, para aqueles membros que reúnan a condición de agricultor a título principal.

e) De se-lo caso, fotocopia cotexada do imposto de sociedades do exercicio 2000 e certificado de retencións.

f) Se é o caso, os certificados indicados nas alíneas c), d) punto 1 do presente artigo.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. As solicitudes presentadas remitiranse ós servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a súa comprobación e análise, os cales, tendo en conta os requisitos, prioridades e puntuacións previstas na presente orde elaborarán un informe, que elevarán, coa proposta correspondente, ó director do Ilgga.

2. Recibidas tódalas propostas dos servicios provinciais, a Dirección do Ilgga, segundo os baremos e condicións establecidas, elaborará a proposta de asignación, que notificará ós interesados e comunicará á Dirección Xeral de Gandería do MAPA.

3. No prazo de 10 días a partir da recepción da proposta, os gandeiros deberán ingresa-lo importe do prezo das cantidades de cota que figuran nela, na conta corrente que figura no anexo III, remitíndolle unha copia do xustificante do ingreso ó servicio provincial do Ilgga.

4. A Dirección do Ilgga, unha vez comprobado o ingreso efectivo en prazo, remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a relación dos gandeiros incluídos na proposta que non constituíran en prazo o ingreso, para o efecto da súa exclusión da resolución de asignación, de acordo cos artigos 15.3º do R.D. 1486/1998, e 5.3º da orde do MAPA do 31 de maio de 2001.

5. Unha vez realizada pola Dirección Xeral de Gandería do MAPA a asignación de cota ata o límite dos dereitos dispoñibles do fondo, a relación das cantidades asignadas a cada productor exporase nos taboleiros de anuncios da Dirección do Ilgga, ser

vicios provinciais do mencionado instituto, así como nas oficinas comarcais de Extensión Agraria.

Artigo 11º.-Desistencia e renuncia.

1. De acordo co establecido no artigo 6.1º da orde do MAPA do 31 de maio de 2001, os solicitantes que non efectúen en prazo o ingreso do importe das cantidades adquiridas do fondo considerarase que desisten da súa solicitude.

2. Así mesmo, non se poderá renunciar á asignación unha vez efectuado o ingreso das cantidades correspondentes á adquisición de cota do fondo.

Artigo 12º.-Asignación complementaria.

1. Tendo en conta o establecido no artigo 17 do R.D. 1486/1998 e no artigo 7 da orde do MAPA do 31 de maio de 2001, o director xeral de Gandería asignaralle ós gandeiros que obtiveran cota do fondo e que o soliciten unha cantidade de referencia complementaria da reserva nacional, en función da cota individual que teña xa asignada e da cota obtida do fondo, cun límite máximo que non poderá supera-lo 100 por 100 da cantidade de referencia adquirida ó fondo de cotas.

2. O director do Ilgga remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a proposta de asignación complementaria conxuntamente, se é o caso, coa proposta de asignación de cantidade de referencia do fondo.

3. Unha vez realizada a asignación complementaria, se é o caso, polo director xeral de Gandería do MAPA, conxuntamente coa asignación de cantidades de referencia do fondo, a relación de productores e cantidades expoñeranse nos lugares indicados no artigo 10º.5 da presente orde.

Artigo 13º.-Falsidade dos datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que se puideran derivar, especialmente as da taxa suplementaria.

Artigo 14º.-Inspección e control.

O Ilgga poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria