Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 20 de agosto de 2001 Páx. 11.145

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de efectos ambientais do 30 de maio de 2001 do proxecto de clausura, selaxe e rexeneración do vertedoiro de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Vilagarcía de Arousa.

Antecedentes.

Segundo o previsto no Programa de Rexeneración de Espacios Degradados recollido na Resolución do 28 de outubro de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, pola que se acorda facer pública a adaptación do Plan de Xestión de RSU de Galicia, calquera actuación de clausura e selaxe de vertedoiros requirirá unha declaración de efectos

ambientais se o volume dos residuos é superior a 300.000 m.

Segundo o Real decreto lexislativo 9/2000, do 6 de outubro, este tipo de actividades só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando o decida o órgano ambiental en cada caso. Tendo en conta que o volume almacenado para selar é de 136.534 m, e que ocupa unha superficie de 20.000 m, o órgano ambiental considera que non é necesario que o proxecto se someta ó dito trámite. Sen embargo, e por solicitude da Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, procedeuse á cualificación como sometido á tramitación establecida no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia (Diario Oficial de Galicia do 15 de outubro), que establece a obriga de formular declaración de efectos ambientais (DEA), con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización ou, se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade obxecto do proxecto.

O vertedoiro de Vilagarcía de Arousa localízase na comarca do Salnés, na marxe dereita do río Con. Os residuos están dispostos formando un depósito compacto que ocupa unha superficie duns 20.000 m, con noiros de pendente 1V:1,5H coroados nunha plataforma superior. O volume de residuos estimouse nuns 136.534 m, xerados entre os anos 1992 e 1998. A zona sitúase nunha zona típica de monte galego, con bosques de coníferas e eucalipto, pradería e matogueiras.

O proxecto ten como obxectivo acondicionar e sela-los terreos sobre os que se localizan os residuos, para o que se levarán a cabo as seguintes tarefas: acondicionamento e selaxe, desgasificación, control da enxurrada superficial, captación e tratamento de lixiviados, control de accesos e control e seguimento ambiental.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas correctoras contempladas no estudio de efectos ambientais presentado.

En cumprimento do establecido no artigo 2 punto 4º, do Decreto 327/1991, e con data do 29 de marzo de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 63), someteuse a información pública o estudio de avaliación ambiental do proxecto de clausura, selaxe e rexeneración do vertedoiro de Vilagarcía de Arousa, mediante Resolución do 9 de febreiro de 2001. Os resultados deste trámite na Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra e no concello de Vilagarcía de Arousa recíbense o 25 de maio de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

En data 19 de abril de 2001 recíbese nesta dirección xeral unha alegación presentada pola Sociedade Galega de Historia Natural, que se ten en conta no condicionamento, concretamente no punto 1.4 da DEA.

O 31 de xaneiro de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Cumprida a tramitación, conforme se establece no artigo 2 número 5º do Decreto 327/1991, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula, só para os efectos ambientais, a declaración de efectos ambientais do proxecto de clausura, selaxe e rexeneración do vertedoiro de Vilagarcía de Arousa, promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Vilagarcía de Arousa.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DEA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Vilagarcía de Arousa para a selaxe e rexeneración ambiental do vertedoiro do concello, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Vilagarcía de Arousa. Durante a fase de obras, esa obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas correctoras.

Declaración de efectos ambientais.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa:

* Proyecto de clausura, sellado y regeneración del vertedero de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Noviembre 2000.

e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Sen embargo, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen para a selaxe e rexeneración ambiental contempladas no proxecto, as recollidas na presente declaración de efectos ambientais, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido no estudio ambiental presentado e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionamentos.

1. Condicións xerais.

1.1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de efectos ambientais refírese en exclusiva ó proxecto de clausura, selaxe e rexeneración do vertedoiro de Vilagarcía de Arousa, situado no Monte Xiabre, sendo as súas coordenadas U.T.M. aproximadas: X=522.500 e Y=4.719.650.

1.2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Na fase de realización das obras de selaxe observarase ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto), así como o disposto, na ordenanza xeral municipal reguladora da contaminación acústica (BOP de Pontevedra, do 21 de outubro de 1986).

1.3. Sobre a calidade do aire.

En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisións de po á atmosfera, especialmente durante a fase de realización dos traballos de selaxe, debidas á acción da maquinaria e ós movementos de terra e residuos, deberase cumprir cos límites establecidos no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, de protección do ambiente atmosférico, para o que se procederá á humectación das zonas de explanación nos períodos de seca, coidando de non xerar verteduras líquidas.

En canto ás emisións dos vehículos e da maquinaria pesada que se empregue, reduciranse mediante o seu axeitado mantemento.

No movemento e compactación dos residuos, e na evacuación do biogás a través dos pozos de desgasificación do vertedoiro de R.S.U., tomaranse as medidas necesarias para asegura-lo control da posible xeración de cheiros. Para isto terase en conta a influencia da climatoloxía na xeración de cheiros, intentando que no momento de realiza-los movementos de residuos, as condicións sexan de baixa temperatura, ausencia de vento e pluviosidade mínima.

Durante a fase de obras, en tódolos procesos de escavación de residuos procederase á súa aireación, co fin de evitar explosións que poderían ser debidas á xeración de atmosferas explosivas.

No referente ó control do bo funcionamento do sistema de extracción de gases, vixiaranse as condicións de funcionamento da cámara de venteo, comprobándose a eficacia deste sistema co fin de valora-la súa incidencia no ambiente atmosférico.

1.4. Sobre as augas.

Durante a fase de obras, as augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos destinados ós operarios conduciranse a un sistema de depuración de augas fecais que garanta o seu axeitado tratamento.

Terase en conta na execución dos movementos de terras e residuos que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de asolagamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

As augas de enxurrada superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos de asolagamento ou erosivos mediante a colocación de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura, tal e como se indica no estudio. Nestes puntos, os valores límite de vertedura, para os parámetros que se indican a continuación, serán os seguintes:

TÁBOA I

Parámetro (unidades)Valor límite

pH5,5-9,5

Sólidos en suspensión (mg/l)80

Materiais sedimentables (ml/l)0,5

Sólidos grososAusentes

Co fin de comproba-la posible afección das augas superficiais, tomaranse mostras no río Agudelo, augas abaixo do vertedoiro. Ademais dos parámetros indicados no punto 3.2.1 e 3.3.1 do anexo nº 10 do proxecto, analizaranse o cromo +VI e o mercurio.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados, garantíndose o correcto estado dos sistemas de depuración e das estructuras asociadas.

1.5. Sobre o solo.

A impermeabilización do vertedoiro cumprirá co establecido no Decreto 260/1998, polo que se regula a autorización de xestor de residuos sólidos urbanos e a inscrición no Rexistro Xeral de Xestores de Residuos Sólidos Urbanos.

Disporanse os elementos necesarios para realizar un adecuado control do asentamento do vertedoiro selado, segundo o descrito no proxecto.

Queda expresamente prohibido depositar calquera residuo fóra dos terreos do vertedoiro.

Os materias sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. No caso de pertenceren ós clasificados como non perigosos, dispoñeranse os medios necesarios para a súa recolla en contedores axeitados que se entregarán a un xestor autorizado, que se fará cargo deles. En canto non se produza á entrega ó xestor, estes contedores almacenaranse nun lugar debidamente sinalizado.

1.6. Sobre a vexetación.

Para o desbroce utilizaranse sistemas de roza. Os restos vexetais que se produzan, deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa reciclaxe fronte á súa vertedura. Neste senso recoméndase o seu trituramento e espallamento nas zonas que se van restaurar.

1.7. Sobre a restauración.

En relación á revexetación proposta no proxecto, teranse en conta as seguintes consideracións:

* Os fornecementos de terra vexetal deberán contar coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas.

* As especies que se empreguen serán autóctonas, presentes na zona actualmente.

* A profundidade mínima da camada superficial de terras na selaxe do vertedoiro de R.S.U. será de 100 cm, dos que como mínimo os 50 cm superiores serán de terra vexetal, e no resto de zonas degradadas disporase unha camada 20 cm desta terra.

* Os labores de sementeira realizaranse no outono ou na primavera, en función dos ecotipos seleccionados, mentres que a plantación das especies arbus

tivas, levarase a cabo a finais do inverno ou principios de outono dependendo das precipitacións e o risco de xeadas (coincidindo coa parada vexetativa).

* Ata asegura-la viabilidade da revexetación procederase á rega regular e a fertilización mineral de reforzo anual e a resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas.

1.8. Sobre a protección e control de accesos.

Tomaranse as medidas oportunas co fin de controla-lo libre acceso de persoas durante a execución das obras de selaxe e con posterioridade dificulta-la aparición de novas verteduras. O sistema de control de accesos deberá incluír un programa de medidas para detectar e disuadi-la vertedura ilegal no lugar.

2. Documentación adicional.

Previamente ó inicio da selaxe do vertedoiro, o concello de Vilagarcía de Arousa presentará ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dúas (2) copias da documentación na forma e cos contidos referidos a seguir:

2.1. Copia da autorización de vertedura do correspondente organismo de bacía.

2.2. Plano a escala 1:500 no que se indique en coordenadas U.T.M., a localización dos puntos de vertedura das augas pluviais recollidas nas canles de intercepción e das augas tratadas no decantador, e os puntos de mostraxe no río Agudelo.

Será necesaria a aprobación dos planos, estudios e informes recollidos neste punto por parte desta dirección xeral, quen consultará cos organismos competentes sobre a súa adecuación. Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó Concello de Vilagarcía de Arousa o resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata contar co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

3. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (P.V.S.A.).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio de efectos ambientais e dos condicionamentos desta declaración. Este programa permite detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou nos condicionamentos da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

3.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 ou maior detalle onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control (chemineas, sistemas de depuración, etcétera).

c) Reportaxe fotográfica das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos producidos durante a obra.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante as obras.

A continuación, nos puntos 3.2. e 3.3., indícase a periodicidade e documentación que deberá ser presentada polo concello de Vilagarcía de Arousa perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Deberase ter en conta que tódalas analíticas e medicións solicitadas serán realizadas por laboratorios homologados:

3.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contando desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será, como mínimo, o seguinte:

a) Reportaxe fotográfica semestral, na que se reflicta a evolución do vertedoiro selado e da súa revexetación.

b) Resultado da inspección visual do terreo, estudiando o seu asentamento e o da camada de selaxe. Anualmente a entidade explotadora realizará un levantamento topográfico do depósito. Este realizarase de xeito que sexa posible a comparación e superposición dos resultados obtidos cos levantamentos anteriores.

c) Estado da gabia de intercepción das augas da enxurrada e actuacións de mantemento.

d) Para gases emitidos: análises semestrais realizadas por un laboratorio homologado, incluíndose información sobre caudais de gases e composición segundo o indicado no punto 1.3. da presente declaración. Ademais, informarase sobre as condicións de funcionamento do sistema de desgasificación.

e) Resultado da inspección da revexetación do vertedoiro e actuacións de mantemento levadas a cabo.

Se durante o período de control postclausura do vertedoiro se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade explotadora, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros a controlar, así como a frecuencia dos controis que se realicen.

4. Condicións adicionais.

4.1. As condicións sinaladas nesta DEA son de cumprimento obrigatorio para os promotores.

4.2. O Concello de Vilagarcía de Arousa poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade e no mantemento postclausura, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o concello de Vilagarcía de Arousa solicitara á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó antedito concello o acordo adoptado.

4.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o Concello de Vilagarcía de Arousa deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

4.5. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que sexan corrixidas.

4.6. Esta dirección xeral por iniciativa propia poderá dictar, en calquera momento e unicamente para os efectos ambientais, condicionamentos adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

4.7. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DEA poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

4.8. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime de solicitar tódolos per

misos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala.

4.9. Os promotores quedan obrigados a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto e das medidas correctoras

O obxecto do proxecto é a selaxe, clausura e rexeneración do vertedoiro de RSU, para o que se levarán a cabo as seguintes tarefas:

-Acondicionamento e selaxe.

-Desgasificación.

-Control da enxurrada superficial.

-Captación e tratamento de lixiviados.

-Control de accesos.

-Control e seguimento ambiental.

Localización e descrición do vertedoiro de R.S.U.

LocalizaciónMonte Xiabre, Concello de Vilagarcía de Arousa

Superficie20.000 m a impermeabilizar

Volume (m) R.S.U.136.534 m

Tipos de residuosR.S.U.

Tipo de vertedoiroEn terraplén

Tempo de utilizaciónDesde 1992

Situación actual do vertedoiro de residuos sólidos urbanos e situación prevista coa realización do proxecto.

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosDrenaxe

perimetral

NonSi

Fondo

impermeabilizado

NonArxila

Drens

lixiviados

NonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonSistema de depuración anexo

GasesDrens de gasesNonSi

Captación de gasesNonSi

TratamentoNonVenteado

CubertaLámina/camada

impermeable

NonSi

Terra vexetalNonSi

VexetaciónNonSi

EstabilidadePendente do noiro de lixo1,5 H:1 V2,5 H: 1 V

AccesosPosibilidade de

accesos

NonNon

Resumo das medidas correctoras.

-Rega de vías de acceso e zonas de manobra, co fin de minimiza-las emisións de po.

-Control das operacións de escavación e movemento de terras, co fin de minimiza-la emisión de gases de vertedoiro e a dispersión de residuos. Porase especial atención ós riscos de explosión ou autocombustión na recolocación de residuos.

-Control dos niveis de ruído xerado polos diferentes focos.

-Control da estabilidade das zonas seladas.

-Realización do plan de seguimento e control ambiental.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental