Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 16 de agosto de 2001 Páx. 10.988

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 191/2001, do 26 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Toén, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción do camiño Feá-Toén, 1ª fase desde o quilómetro 0,00 ó 1,250 (concello de Toén).

O Concello de Toén, en sesión celebrada do 20 de xullo de 1999, aprobou o proxecto de construcción do camiño Feá-Toén, 1ª fase do quilómetro 0,00 ó 1,250 e na sesión do 26 de decembro de 2000, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 25 de xuño de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de xullo de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, o camiño de Feá-Toén é de vital importancia para a zona, dado que comunica case todo o municipio de Toén coa vía situada na localidade de Feá e que enlaza coa autovía A-52 das Rías Baixas, evitando a tódalas localidades do municipio facer un enorme rodeo para acceder á autovía.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Toén para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción do camiño Feá-Toén, 1ª fase do quilómetro 0,00 ó 1,250.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais