Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 16 de agosto de 2001 Páx. 10.988

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 190/2001, do 19 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alargamento e mellora da estrada provincial número 1201 de Rodiño a Codeso por Boqueixón (Programa Operativo Local Adicional II de 1998) (concello de Boqueixón).

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión do o día 26 de setembro de 1997, aprobou o proxecto de alargamento e mellora da estrada provincial nº 1201, de Rodiño a Codeso por Boqueixón (Programa Operativo Local Adicional II de 1998), e na sesión do día 29 de decembro de 2000, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial da Coruña foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de xullo de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de abril de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, existen razóns que fan necesaria a execución urxente da citada obra pola existencia de numerosas curvas perigosas de pequeno radio, edificacións e vivendas no bordo da estrada, deficiente estado do firme cun largo da calzada inferior ó das necesidades dos vehículos e unha intensidade do tráfico superior á normal; por todo isto é polo que se fan tan necesarias as obras co fin de evita-lo elevado risco de accidentes con perigo para a vida das persoas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alargamento e mellora da estrada provincial nº 1201 de Rodiño a Codeso por Boqueixón (Programa Operativo Local Adicional II de 1998).

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais