Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 16 de agosto de 2001 Páx. 10.985

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 6 de agosto de 2001 pola que se regulan as comisións de desaugamento de encoros de augas de Galicia.

Galicia asumiu no seu Estatuto de autonomía, en virtude dos diversos títulos competenciais que nel se conteñen e que se complementan entre si, as competencias en materia de augas e obras hidráulicas que lle corresponden dentro do marco prefigurado nos artigos 148 e 149 da Constitución.

Concretadas as ditas competencias na súa vertente administrativa e aberto o camiño para o seu exercicio mediante os correspondentes reais decretos de transferencia de funcións e servicios hidráulicos do Estado á Administración autonómica, regulouse pola Lei 8/1993, do 23 de xuño, a Administración hidráulica de Galicia, dentro da que se creou o organismo autónomo de carácter administrativo Augas de Galicia, adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, configurándoo como o elemento central da estructura organizativa que se establece na mesma lei para o desenvolvemento da administración e policía do dominio público hidráulico e programación das obras hidráulicas correspondentes.

O Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, deu cumprimento ó mandato contido na dita lei naqueles aspectos nos que se ordenaba o seu posterior desenvolvemento regulamentario, procedendo á configuración específica do propio organismo, así como dos seus órganos de goberno, órganos colexiados de xestión e órganos da administración.

En concreto, na regulación dos órganos colexiados de xestión establécese a participación dos usuarios de xeito destacado, xa que se toman en consideración os distintos intereses no uso da auga en proporción á súa importancia respectiva dentro das bacías internas de Galicia, plasmando deste xeito o principio de participación establecido no artigo 13 da Lei estatal de augas 29/1985, do 2 de agosto.

Dentro dos referidos órganos colexiados de xestión en réxime de participación destacan, pola importancia das funcións que teñen desenvolver, as comisións de desaugamento de encoros.

Efectivamente, nun sistema hidrolóxico que conta entre as súas infraestructuras hidráulicas básicas cos encoros, como mecanismos imprescindibles de xestión e administración do recurso natural que constitúe a auga, as operacións de enchedura e baleirado destes supoñen unha delicada e pola súa vez transcendental cuestión para regular e garanti-la

axeitada oferta en cantidade e calidade do recurso hídrico.

Coa constitución formal no ámbito territorial correspondente ás bacías intracomunitarias de Galicia-Costa das comisións de desaugamento de encoros asegúrase o axeitado coñecemento e supervisión do réxime de enchedura e baleirado dos encoros nelas establecidos e da súa explotación, fundamentalmente no aspecto relativo ás previsións de enchentes. Así mesmo, fanse compatibles os intereses dos usuarios dos encoros cos propios intereses da Administración hidráulica de Galicia, referidos á protección dos leitos e ribeiras, cultivos, fauna e flora e poboación asentada nas zonas de influencia dos ditos encoros, harmonizando e conciliando, igualmente, os diversos usos e aproveitamentos do dominio público hidráulico en tódalas súas vertentes.

O referido Decreto 108/1996 dispón, no seu artigo 29.2º, que lle corresponde ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, por proposta do presidente de Augas de Galicia e mediante orde, a fixación do número e ámbito territorial das comisións de desaugamento de encoros dentro da Administración hidráulica de Galicia.

Doutra banda, a antedita Lei 8/1993 declara o sometemento da Administración hidráulica de Galicia, no exercicio das súas competencias, ós principios xerais de respecto á unidade da bacía hidrográfica e respecto dos sistemas hidráulicos e do ciclo hidrolóxico, atribuíndolle ó Consello da Xunta a facultade de división do territorio de Galicia en demarcacións hidrográficas para a prestación de servicios hidráulicos de competencia autonómica, que constituirán, así mesmo, ámbitos de representación dos usuarios nos órganos colexiados da Administración hidráulica.

O Decreto 108/1996 concreta a citada previsión dividindo o territorio de Galicia en cinco demarcacións hidrográficas, das que as denominadas Demarcación Galicia Norte, Demarcación Galicia Centro e Demarcación Galicia Sur constitúen as bacías hidrográficas de Galicia-Costa, desenvolvendo a totalidade de competencias que, por tratarse de bacías hidrográficas comprendidas integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, lle corresponde exercer á Administración hidráulica de Galicia sobre o dominio público hidráulico.

En definitiva, a constitución das comisións de desaugamento de encoros posibilitarán, baixo o principio de unidade de xestión integral, o desenvolvemento racional e harmónico das actuacións hidráulicas relacionadas cos encoros comprendidos no ámbito territorial das bacías hidrográficas de Galicia-Costa.

En consecuencia, de conformidade coas previsións establecidas pola Lei 8/1993, de 23 de xuño, regu

ladora da Administración hidráulica de Galicia e o Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, a proposta do presidente de Augas de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

No territorio correspondente ás bacías hidrográficas de Galicia-Costa constituiranse tres comisións de desaugamento de encoros, coas seguintes denominacións e ámbito territorial:

1. Comisión de Desaugamento de Encoros da Demarcación Galicia Norte:

Comprenderá as bacías intracomunitarias dos ríos vertentes ó mar Cantábrico, e a bacía do río Eume, mesmo na parte que transcorre na provincia de Lugo, así como tódolos concellos da provincia da Coruña ó norte da liña formada polos seguintes, todos eles incluídos: Carballo, Cerceda, Carral, Abegondo, Cesuras, Oza dos Ríos, Aranga, Monfero, As Pontes de García Rodríguez e Mañón.

2. Comisión de Desaugamento de Encoros da Demarcación Galicia Centro:

Comprenderá tódolos concellos da provincia da Coruña, agás os incluídos na Demarcación Galicia Norte, así como a bacía do río Ulla que transcorre polas provincias de Pontevedra e Lugo.

3. Comisión de Desaugamento de Encoros da Demarcación Galicia Sur:

Comprenderá as bacías intracomunitarias dos ríos vertentes ó océano Atlántico da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º

1. Correspóndelles ás comisións de desaugamento de encoros, como órganos de xestión en réxime de participación do organismo autónomo Augas de Galicia, deliberar e formular propostas ó presidente de Augas de Galicia sobre o réxime axeitado de enchedura e baleirado dos encoros existentes nos seus respectivos ámbitos territoriais, atendendo ós dereitos concesionais dos distintos usuarios.

Artigo 3º

1. Formarán parte das comisións de desaugamento de encoros:

a) O xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, que actuará como presidente das comisións, salvo que asista ás reunións o presidente de Augas de Galicia, que neste caso asumirá a presidencia.

b) Ata tres membros do persoal técnico de Augas de Galicia, designados polo Presidente de Augas de Galicia, que asistirán con voz e sen voto.

c) Os representantes dos usuarios afectados, designados segundo prevé o artigo seguinte.

2. Poderá asistir ás reunións das comisións de desaugamento de encoros, con voz e sen voto, un representante das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, Medio Ambiente, Industria e Comercio e Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. O presidente de Augas de Galicia poderá autoriza-la asistencia ás reunións das comisións de desaugamento de encoros de asesores ou expertos que acompañen ós seus vocais, os cales deberán identificarse como tales ó inicio das sesións e carecerán de voz e voto.

4. Actuará como secretario de cada Comisión de Desaugamento de Encoros o secretario xeral de Augas de Galicia.

O secretario poderá intervir nas deliberacións con voz e sen voto, correspondéndolle cursa-las convocatorias, prepara-las sesións, redacta-las correspondentes actas, dar fe dos acordos acadados e tramitalos para a súa execución.

Artigo 4º

1. Nas comisións de desaugamento de encoros estarán representados os usuarios afectados pola regulación que se efectúe, con dereitos inscritos ou en trámite de inscrición no Rexistro de Augas. Esta representación articularase como segue:

a) Por cada municipio, mancomunidade de municipios, consorcio ou empresa pública ou privada titular de concesións de abastecemento de auga con poboación abastecida superior a cen mil habitantes, un (1) representante.

b) Pola agrupación única do resto de municipios abastecidos, un representante por cada cen mil habitantes ou fracción, ata un máximo de dous (2).

c) Nos usos agrícolas de rega que utilicen augas superficiais, pola agrupación de tódalas comunidades de regadores e regadores individuais, un (1) representante, elixido entre eles.

d) Cada empresa productora de enerxía eléctrica con potencia hidroeléctrica instalada superior a 100.000 KVA designará un (1) representante.

e) Polo resto de aproveitamentos non incluídos entre os anteriores, e en representación de intereses non específicos, o presidente de Augas de Galicia designará ata dous (2) representantes.

2. Garantirase, en todo caso, a representación individual ou colectiva das entidades públicas ou privadas que teñan algún dereito específico sobre os encoros de que se trate, en caso de non se incluír nos supostos do epígrafe precedente.

3. A designación dos representantes dos usuarios nas comisións de desaugamento de encoros poderá ir acompañada da dun suplente, que poderá substituír ó titular nas reunións destas comisións.

Estes suplentes non poderán exerce-las funcións que lles correspondan ós titulares respectivos como membros doutros órganos de Augas de Galicia.

Artigo 5º

As comisións de desaugamento de encoros someterán a súa actuación á orde de preferencia de aproveitamentos establecida na lei e na planificación hidrolóxica aprobada, ós regulamentos de explotación, ás dispoñibilidades hidráulicas, ás necesidades concretas dos distintos aproveitamentos e ás normas dictadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 6º

As comisións de desaugamento de encoros reuniranse como mínimo dúas veces ó ano; unha no mes de outubro, para a preparación dos programas de enchedura de encoros, e outra na primavera seguinte, para revisa-los devanditos programas á vista dos recursos dispoñibles.

Así mesmo, as comisións poderanse reunir en calquera outro momento, cando sexan convocadas polo presidente seu, por iniciativa propia ou a petición dun número non inferior ó tercio dos seus respectivos membros.

Artigo 7º

O presidente de Augas de Galicia ordenará as actuacións de encoramento e desaugamento de encoros ou outras relacionadas con elas de conformidade coas propostas que formulen as comisións de desaugamento de encoros por unanimidade dos seus membros. No caso contrario, correspóndelle ó presidente a adopción das resolucións que estime máis axeitadas á vista dos antecedentes e das deliberacións das comisións.

Artigo 8º

1. En casos de precipitacións extraordinarias, enchentes ou calquera outra circunstancia de carácter excepcional, constituirase inmediatamente no seo de Augas de Galicia e designado polo seu presidente un comité técnico no que se integrarán o xefe do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico e os técnicos encargados de dirixi-la explotación dos encoros afectados. O devandito comité poderá adopta-las determinacións que crea oportunas, e tamén ordenar operacións extraordinarias de encoramento ou desaugamento de encoros, sen que se precise reunir previamente a Comisión de Desaugamento de Encoros correspondente, que será informada, non obstante, coa máxima urxencia das medidas adoitadas.

2. Este comité técnico será o órgano de información e asesoramento das autoridades competentes en materia de protección civil nas emerxencias por enchentes ou por outras causas acerca das que lles cumpra ser informadas, debendo coordinar así mesmo as actuacións que realice coas das devanditas autoridades.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o presidente de Augas de Galicia para dicta-las resolucións requiridas en orde a acada-la plena operatividade das comisións referidas.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2001.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial

Obras Públicas e Vivenda