O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do 19 de xullo de 2001, declara-lo Plan rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas, como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
Polo tanto, en cumprimento do disposto no artigo 25.3º da citada lei e no artigo 13.2º do decreto dictado en aplicación desta, sométese a información pública o Plan rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas, por un prazo de dous meses contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para o fin de que os interesados poidan examinalo, en horas hábiles de oficina, na Dirección Xeral de Obras Públicas, no servicio provincial de estradas da Coruña e nos concellos de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas, e presentar ante a dirección xeral de Obras Públicas as alegacións que consideren pertinentes.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas