Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2001 Páx. 10.973

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 18 de xullo de 2001 de autorización para o exercicio da actividade aseguradora á entidade denominada Mutualidad Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fija para operar no ramo de vida e de inscrición da mencionada entidade no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social Non Integradas na Seguridade Social.

A entidade Mutualidad Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fija presentou na Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro solicitude de autorización administrativa para operar como mutualidade de previsión social a prima fixa no ramo de vida.

Da documentación que se achegou coa solicitude formulada despréndese que a entidade Mutualidad Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fija cumpre os requisitos establecidos na Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados.

Pola súa parte, o Decreto 340/1996, do 13 de setembro, asígnalle as funcións e os servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mutualidades de previsión social á Consellería de Economía e Facenda, e polo Decreto 312/2000, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, adscribe as competencias á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

En consecuencia, por proposta da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro,

DISPOÑO:

Primeiro.-Autoriza-la Mutualidad Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fija para o exercicio da actividade aseguradora no ramo de vida.

Segundo.-Inscribir, en consecuencia, a Mutualidad Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fija no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social Non Integradas na Seguridade Social, previsto na Orde do 5 de maio de 1999 (DOG do 20 de maio).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e os artigos 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda