Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 10 de agosto de 2001 Páx. 10.871

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

AUDIENCIA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA (SECCIÓN SEGUNDA)

EDICTO (2009/2001).

José Andrés Salgado Fernández, secretario da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra,

Polo presente edicto fago constar que na peza nº 2009/2001 se dictou a sentencia que ten o teor literal seguinte:

Peza: recurso de apelación 2009/2001.

Maxistrados:

Presidenta accidental:

Ángela Irene Domínguez Viguera Fernández.

Maxistrados:

Jaime Esain Manresa.

Miguel Ángel Bouza López.

Sentencia nº 45.

«En Pontevedra, no quince de febreiro de dous mil un.

No recurso de apelación interposto contra a sentencia dictada nos autos do proceso civil nº 234/1999, procedente do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Lalín, e promovido entre as partes, dunha, como apelante e demandante Antonio Dabouza Soengas (no seu propio nome e en representación da comunidade hereditaria xurdida polo falecemento do seu pai, Ramón Dabouza Carballo), e da outra, como parte apelada e demandados José Gallego Menoyo, Antonio Salgado Fente, María Fernández Salgado, Ramón Salgado García, Gloria Lourdes Sobrado Fernández, Jesús Dabouza Carballo, e como apelados e demandados en rebeldía procesual Margarita Sobrado Fernández, Casimiro Sobrado Fernández, Celso Sobrado Fernández, Carmen Viana, Blanca Camiñas, Manuel Ratón García, Consuelo Ratón García, Avelino Sobrado Porto, Ramona Vázquez Gómez, Celso Sobrado Fernández, Pilar Fernández Quinta, Mª Sol Fernández Quinta, Carmen Fernández Quinta, José Fernández Quinta, Ramón Fernández Quinta, Fernando

Fernández Quinta, Florinda Lamazares, no xuízo verbal civil, sobre servidume de paso.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Nos autos a que se refire esta peza, na data do 1 de xuño de 2000, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Lalín, dictou a sentencia que na parte dispositiva di textualmente: «Que debo desestimar e desestimo integramente a demanda interposta pola procuradora Blanco Mosquera en nome e representación da comunidade hereditaria, xurdida polo falecemento do seu pai, Ramón Dabouza Carballo, contra José Gallego Menoyo e Antonio Salgado Fente, os cales contestaron a demanda asistidos do letrado Gamallo Pita, contestación á que se adheriu o tamén demandado Ramón Salgado García e contra Gloria Lourdes

Sobrado Fernández e Jesús Dabouza Carballo e, finalmente, contra Margarita Sobrado Fernández, Casimiro Sobrado Fernández, Celso Sobrado Fernández, Pilar, María Sol, Carmen, José, Ramón e Fernando Fernández Quinta, Florinda Lamazares, Carmen Viana, Blanca Camiñas, Manuel e Consuelo Ratón García, Avelino Sobrado Porto e Ramona Vázquez, todos eles declarados en rebeldía procesual e, en consecuencia, debo absolver e absolvo a tódolos demandados de tódolos pedimentos da demanda, con expresa condena en castas á parte demandante».

E contra esta sentencia a parte demandante interpuxo recurso de apelación solicitando a súa revogación, e, conferido traslado do dito recurso á contraria, a parte demandada José Gallego Menoyo e Antonio Salgado Fente presentou escrito de impugnación contra el.

Segundo.-Na tramitación desta instancia cumpríronse as prescricións e termos legais, sendo relator o maxistrado substituto Miguel Ángel Bouza López, quen expresa o parecer desta sala.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-Acéptanse e dense por reproducidos tódolos fundamentos da sentencia impugnada.

Segundo.- A representación de Ramón Dabouza Carballo impugna a sentencia do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Lalín do 1 de xuño de 2000, sostendo, en primeiro lugar, que o xulgador de instancia padeceu un erro porque a sentencia número 6/1997 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Lalín do 14 de xaneiro de 1997 non declarou a existencia dunha serventía permanente senón dunha serventía destinada a dar acceso permanente ós predios sitos nas súas marxes.

Pois ben, este motivo debe ser totalmente rexeitado porque a sentencia do xuíz de instancia expón con gran clareza que a sentencia 6/1997 declarou que o camiño descrito na demanda (feito undécimo) era unha serventía destinada a dar acceso permanente ós predios sitos nas súas marxes, polo que os demandados carecían do dereito a realizar nel calquera acto que impedise ou perturbase o paso, sen prexuízo do establecido no artigo 32 da Lei de dereito civil de Galicia. Ademais, a sentencia impugnada expón que na resolución de 1997 se acredita que o cultivo da folla do ano en curso era o centeo e que o demandante pai defunto de Ramón Dabouza Carballo destinara a leira a prado, infrinxindo o cultivo tradicional do agro, o cal é posible segundo o artigo 32 da Lei de dereito civil de Galicia, pero limita o acceso á leira en canto estea pendente de apañarse a colleita de centeo, podendo realizarse unicamente a pé. Neste senso, na propia demanda o actual apelante expuxo con gran clareza que os

demandados cumprían escrupulosamente o establecido na lei porque trala sentencia de 1997 procederon a abri-lo camiño que forma a dita serventía. Pero, en novembro de 1997, o demandado José Gallego cerrouno ó inicio da súa leira Coto do Medio do Agro, deixando só o paso a pé. Abriu de novo o camiño no verán de 1998 (folio 3 bis).

Terceiro.-O segundo motivo do recurso contén unha extensa explicación da transformación das tarefas agrícolas no campo galego debido á introducción

de equipos mecanizados e ós cambios na gandería acontecidos nos últimos anos. Esta xenerosa explicación fundamenta, segundo o recorrente, a inaplicación do artigo 32 da Lei de dereito civil de Galicia, que establece que quen cambiase o cultivo respecto á xeneralidade non podará realizar, en canto estivesen pendentes as colleitas, outro paso que o de pé polo lugar por onde non cause prexuízo ós outros.

Este motivo do recurso tamén debe ser rexeitado, pois aínda que de lege ferenda se puidese defende-la modificación deste precepto, non é esta tarefa que corresponda ós tribunais. Ademais, a apelante esquece que unha das características da agra é a unidade de cultivo, que permite a tódolos propietarios dos predios plantaren toda a superficie, mesmo o camiño, e que cando chega a época da colleita este é utilizado como paso para a realización das tarefas agrícolas, o cal xustifica que, mentres estea pendente a colleita, só se autoricen os pasos de pé, pois en caso contrario prexudicaríanse os cultivos (vid. en tal sentido Rebolledo Varela, A: Los Derechos reales en la Ley 4/1995, de 24 de mayo, de Derecho Civil de Galicia, R.X.G., 1999, p. 357).

Cuarto.-O terceiro motivo do recurso solicita, subsidiariamente, a ampliación da serventía aplicando analoxicamente as normas da servidume previstas na Lei de dereito civil de Galicia. Este motivo do recurso tamén debe ser rexeitado pois a Lei de dereito civil de Galicia regula as servidumes de paso e as serventías como dúas institucións independentes, non sendo por tanto posible a aplicación analóxica das súas normas, como sinalou a doutrina e a xurisprudencia (STSXG do 22 de xullo de 1994, SAP Pontevedra do 8 de febreiro de 1996, SAP Pontevedra do 28 de abril de 1997, Moure Mariño, P. Comentario a la sentencia del TSJG de 22 de julio de 1994, 7 R.X.G., pp. 250-251). Así pois, a modificación de calquera das características da serventía só será posible co consentimento de tódolos propietarios (vid. Rebolledo Varela, op. cit., p. 356, seguindo a Rodríguez Montero).

Quinto.-Segundo o teor do establecido no artigo 736 da LEC procede impoñe-las castas causadas nesta instancia á parte apelante.

En atención ó exposto e en exercicio da potestade xurisdiccional que nos confire a constitución española.

Decidimos

Desestima-lo recurso de apelación interposto pola representación de Ramón Dabouza Carballo contra a sentencia dictada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Lalín, nos autos

de xúízo verbal número 234/1999, confirmándoa integramente, coa imposición das castas causadas nesta apelación á parte apelante.

Notifiqueselle esta resolución ás partes comparecidas na forma establecida no artigo 248.4º da Lei orgánica do poder xudicial.

Con testemuño desta resolución, devólvanse as actuacións ó xulgado de procedencia, quen avisará da recepción.

Así, por esta nasa sentencia, o pronunciamos, mandamos e asinamos».

Concorda ben e fielmente co seu orixinal, ó que me remito, e para que así conste e sirva de notificación ós demandados rebeldes, en ignorado paradoiro, Celso Sobrado Fernández, Pilar, María Sol, Carmen, José, Ramón e Fernando Fernández Quinta e Florinda Lamazares, expido e asino o presente testemuño en Pontevedra no nove de marzo de dous mil un.

O secretario xudicial

Rubricado