Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 09 de agosto de 2001 Páx. 10.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de xullo de 2001 pola que se convocan axudas económicas para alumnos e profesores de centros docentes que participen en proxectos de mobilidade transnacional no marco do programa europeo de formación profesional Leonar- do da Vinci durante o ano 2001.

O Tratado de Maastricht nos seus artigos 126 e 127 establece un marco xurídico para propor accións de cooperación no ámbito da educación, especial- mente no eido escolar. No novo contexto do mercado único, a educación debe prepara-los mozos para exerce-las súas responsabilidades nun espacio eco- nómico e social cada vez máis amplo. A mellora de habilidades lingüísticas e o coñecemento das cul- turas doutros países son factores fundamentais para permitir que os mozos desenvolvan plenamente tóda- las súas potencialidades na súa vida activa como cidadáns europeos.

Mesmo como se establece no libro branco sobre a educación e a formación, publicado pola Comisión Europea, entre os numerosos e complexos cambios que afectan a sociedade europea, existen tres ten-

dencias: a globalización dos intercambios, a chegada da sociedade da información e a aceleración da revolución científica e técnica. A educación e a formación poden responder a estes desafíos fomentando o desenvolvemento da cultura xeral e un enfoque máis flexible na adquisición de coñecementos, que deben estar baseados en estímulos da mobilidade de ensinantes e alumnos, dado que hoxe en día as mercadorías, capitais e servicios están circulando máis libremente en Europa que as persoas.

Un dos eixes máis importantes da construcción europea está baseado na libre circulación de persoas e coñecementos. Para facer realidade este proceso é importante o intercambio de experiencias tanto entre centros escolares coma no marco das relacións escola-empresa, por medio de estadías formativas en empresas ou institucións, que permita a visión dun mercado global. A calidade da educación, tamén inclúe a dimensión europea da formación, que permitirá ás alumnas e alumnos exercer plenamente o papel de cidadáns da Unión Europea do vindeiro século.

Todo isto aconsella apoia-las iniciativas xurdidas para desenvolve-la colaboración con outros países

europeos, polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

1. Convocar axudas económicas destinadas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, de niveis non universitarios que participen en proxectos de mobilidade transnacional do programa Leonardo da Vinci aprobados para o ano 2001, coa finalidade de sufragar gastos orixinados polas viaxes e estadías de alumnos e profesores.

2. As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322T.481.0 por un importe total máximo de 10.000.000 de pesetas.

3. As axudas económicas que se obteñan a través desta convocatoria servirán para cubrir, totalmente ou en parte, a porcentaxe do orzamento que debe ser asumido polos alumnos e profesores como cofinanciamento do proxecto aprobado polo programa Leonardo da Vinci.

Artigo 2º.-Destinatarios e modalidades das axudas.

Os destinatarios das axudas serán alumnos e profesores de centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos, dos seguintes cursos e niveis educativos: FP2, ciclos formativos de grao medio ou superior, COU e bacharelatos LOXSE, así como alumnos e profesores de escolas oficiais de idiomas e escolas de arte que participen no programa Leonardo da Vinci da Unión Europea en colaboración con outras institucións educativas.

As actividades de intercambios e estadías de profesores e alumnos deberán estar aprobadas e financiadas en parte con fondos do programa Leonardo da Vinci.

Artigo 3º.-Criterios de adxudicación da subvención.

Terán prioridade os proxectos que, tendo concedida unha subvención nalgún dos programas ou iniciativas establecidas pola Comisión Europea no eido da educación, se desenvolvan durante o ano 2001 e reúnan as seguintes características:

a) Carácter innovador.

b) Capacidade para a transferencia de resultados.

c) Actuar como coordinador do proxecto.

d) Características do colectivo destinatario.

e) Ter involucrado un número elevado de institucións como colaboradoras do proxecto.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Os alumnos e profesores interesados deberán presenta-la súa solicitude a través dos centros docentes, antes do 21 de setembro, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse segundo o modelo do anexo desta publicación e irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Unha copia do proxecto aprobado.

b) Unha copia da comunicación oficial de aprobación do proxecto e da ficha financeira, na que conste a contía concedida por ese organismo e a cantidade que se deberá achegar como financiamento propio.

c) Certificación de ter ou non subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

3. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os requisitos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos perceptivos; de non o facer, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Artigo 5º.-Comisión de selección.

A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe de Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado, o xefe de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefa de Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral e un inspector educativo designado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos.

A comisión seleccionará os proxectos tendo en conta os criterios establecidos no artigo 3º.

Artigo 6º.-Resolución e comunicación.

1. Valorados os proxectos, a comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

2. A concesión ou denegación da axuda seralle notificada ós interesados a través do centro docente, mediante escrito da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción

da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia os centros docentes sostidos con fondos públicos considéranse entidades colaboradoras para a entrega e distribución das axudas concedidas ós beneficiarios, debendo someterse as obrigas recollidas no citado artigo.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde.

Artigo 7º.-Prazo e forma de pagamento.

As axudas aboaranse unha vez rematada a actividade e logo da súa completa xustificación económica e entrega da memoria de actividades por parte da entidade colaboradora da xestión de axudas públicas, de acordo co establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. achegando a documentación a que fai referencia o apartado 2º do artigo 8, no prazo máximo dun mes contado a partir do remate das actividades.

Artigo 8º.-Obrigacións dos beneficiarios.

a) Acepta-la axuda concedida. Neste sentido, se no prazo de quince días, contados a partir da recepción da comunicación pola que se notifica a concesión da axuda, os beneficiarios non aceptan esta, entenderase que renuncian á súa percepción.

b) Facilita-la información requirida pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

c) Xustifica-lo correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da seguinte documentación:

1. Memoria.

Os alumnos e profesores beneficiarios enviarán unha memoria das actividades realizadas polos alumnos e profesores. A memoria enviarase a través do centro e deberá incluí-los seguintes puntos:

a) Resumo do desenvolvemento da actividade realizada.

b) Obxectivos conseguidos.

c) Procedemento de avaliación utilizado, resultados obtidos e difusión que se realizou deles.

2. Xustificación de gastos efectuados.

-Certificación do Consello Escolar do centro aprobatoria das contas, achegando unha relación dos gastos efectuados. As facturas orixinais dos referidos gastos arquivaranse no centro docente para a súa custodia e para a posta en disposición, se é o caso, dos órganos de control que teñan atribuídas as funcións de comprobación e control da aplicación deses fondos.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

Os alumnos e profesores participantes no proxecto, así como os centros docentes ós que pertencen, quedan sometidos ás actuacións de comprobación e seguimento que realice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, e, se é o caso, a Inspección Educativa. Igualmente, queda sometida ás accións de control financeiro que poidan realiza-la Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e as que poidan efectuar pola comisión e o Tribunal de Contas da Unión Europea.

O importe das axudas concedidas ós alumnos e profesores en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10º.-A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde, levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas de acordo co establecido nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las disposicións necesarias para desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria