Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de 2º nivel de perfeccionamento ó salvamento e socorrismo acuático, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Primeira.-Obxectivos.
Dota-lo persoal voluntario de Protección Civil de Galicia que asiste ó curso dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teñan encomendadas, adquirindo unha maior destreza e coñecementos suficientes no salvamento e socorro de persoas en situacións difíciles.
Segunda.-Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superase o curso básico de protección civil e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crol, de brazas e de costas e superasen a proba de nadar 200 m en 4,5 minutos e desprazarse baixo a auga 25 metros.
Terceira.-Desenvolvemento.
1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 27.
2. Duración e datas:
O curso terá lugar durante o ano 2001 e cunha duración de 40 horas lectivas.
O curso comezará o día 10 de novembro e durará ata o 15 de decembro.
O horario será de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas, tendo en conta a dispoñibilidade da piscina.
3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.
Cuarta.-Solicitudes e prazo de presentación:
1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta en tódolos seus recadros á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
3. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relaciona-las en orde prioritario. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.
5. As instancias serán enviadas por correo, fax, etc... á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Quinta.-Contido.
Nel trataranse diversos temas relacionados cos seguintes apartados:
a) Introducción. Conceptos xerais.
b) Salvamento acuático.
c) Primeiros auxilios.
d) Proba de superación do curso.
Sexta.-Relación de admitidos.
A relación de admitidos para as probas de selección publicarase o día 20 de setembro de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Sétima.-Asistencia.
É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.
Oitava.-Certificado de aproveitamento.
Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ós mesmos e superen as correspondentes probas prácticas.
Novena.-Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 13 de xullo de 2001.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade