Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 06 de agosto de 2001 Páx. 10.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de xullo de 2001 pola que se establecen subvencións para promoción de actividades realizadas por entidades de iniciativa social con destino a colectivos ou persoas en situación ou risco de exclusión social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, recolle no seu artigo 49 que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servicios sociais.

De conformidade co Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, modificado parcialmente polo Decreto 69/2001, do 22 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, correspóndenlle a esta competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e actuación administrativa, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo cos principios inspiradores da acción da Unión Europea en materia de inclusión social, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da Dirección Xeral de Servicios Sociais, elaborou o I Plan Galego de Inclusión Social. Este plan, enmarcado no Eixo 44 do Programa Operativo do Fondo Social Europeo para o período 2000-2006, relativo á integración no mercado de traballo das persoas con especiais dificultades, concíbese como un conxunto integrado de medidas dirixidas á inserción sociolaboral partindo do carácter multidimensional do fenómeno da pobreza e a exclusión social.

Coa finalidade de dar cabida ás directrices comunitarias que propician o enfoque integrado e a involucración do partenariado social nas súas actuacións, o plan quere dar cabida ós axentes sociais e económicos así como ás entidades prestadoras de servicios sociais, especialmente as de carácter non gobernamental, para a súa participación nos itinerarios integrados de inserción que se deseñen dentro do plan realizando accións de acompañamento social principalmente.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3 e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e actuación administrativa, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades de iniciativa social para a súa participación nos itinerarios integrados de inserción de persoas ou grupos en situación de desfavorecidos e/ou beneficiarios da renda de integración

social de Galicia, especialmente mediante a realización de accións de acompañamento social.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicita-las subvencións reguladas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social, referidas no artigo 32.1 c) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior, ou que teñan presentada a correspondente solicitude de inscrición, sempre e cando esta se verifique con anterioridade á resolución da subvención.

2. As entidades que accedan a esta convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións dirixidas en favor de calquera dos colectivos enumerados no artigo primeiro desta disposición.

Artigo 3º.-Contido das subvencións.

As entidades de iniciativa social poderán solicitar subvencións para a promoción de actividades de acompañamento social, ou de calquera outro contido relacionado co anterior, sempre e cando se trate de actividades susceptibles de ser integradas nun itinerario individualizado de inserción.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

O importe total das axudas reguladas por esta orde ascende a 105.058.000 pesetas, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. O dito importe farase efectivo con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias: 11.03.212A.483.0, 11.03.212D.481.0 e 11.03.212D.485.1, nas que existen partidas orzamentarias consignadas para as axudas que se establecen no articulado desta orde.

Artigo 5º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) O importe das subvencións concedidas en ningún caso poderá ser de contía tal que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, de se-lo caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se establece.

b) A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá efectua-las comprobacións que considere oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento ás asociacións de iniciativa social.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse no modelo oficial publicado como anexo I desta orde. A devandita solicitude deberá ir ademais, xunto coa seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

b) Memoria da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

d) Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

h) Programa das actividades que se pretenden realizar (anexo IV).

-Denominación de cada programa ou actividade.

-Resumo do contido de cada programa.

-Colectivo de atención.

-Descrición e fins de cada programa.

-Período de execución. Localización territorial.

-Número de usuarios directos.

-Metodoloxía e instrumentos que se van utilizar.

i) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento (anexo V).

Artigo 7º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 8º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais ou servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior, emitirá unha certificación relativa ás entidades inscritas e ás que teñen solicitada a inscrición, para os efectos de comproba-lo disposto no artigo 2º.

2. Os servicios centrais da consellería comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirán dos interesados que no prazo de dez días emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, terán por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á Comisión de Valoración de Subvencións, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

4. A composición da Comisión de Valoración de Subvencións será a seguinte:

-Presidente: a directora xeral de Servicios Sociais.

-Vocais: o subdirector xeral de Planificación e Ordenación Social e o subdirector xeral de Administración e Inspección de Servicios Sociais, actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta da directora xeral de Servicios Sociais. Poderá asistir, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Delegada.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da respectiva comisión e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servicio que o substituído.

Artigo 10º.-Criterios de prioridade na valoración das subvencións.

1º Criterios xerais:

-Implantación social da entidade e número de socios ou afiliados.

-Garantías de realización das actuacións propostas.

-A complementariedade coas actuación públicas ou a satisfacción, por parte dos proxectos deseñados, de necesidades sociais non cubertas suficientemente.

2º Criterios específicos:

-A adecuación das actividades que se van subvencionar ós proxectos deseñados dentro das actuacións do programa operativo do Fondo Social Europeo pola Dirección Xeral de Servicios Sociais.

-A realización daquelas actividades que tendan a posibilitar e fomenta-lo desenvolvemento persoal e a integración social dos colectivos recollidos nesta orde.

-En todo caso gozarán de preferencia neste epígrafe, as solicitudes que sexan formuladas entidades xuridicamente independentes para a consecución e financiamento conxunto de actividades con idéntica finalidade.

Artigo 11º.-Resolución.

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, atendendo ós criterios de prioridade establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse ós interesados para a execución da subven

ción outorgada no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resoluciones recaídas poñerán fin á vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir da referida notificación.

De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os beneficiarios destas subvencións deberán:

a) Realiza-la actividade, servicio ou investimento que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Fondo Social Europeo.

d) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería. En particular, o beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das suas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Autoriza-la inspección dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sobre os seus centros e actividades.

f) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

g) Adecua-la metodoloxía de recolla e proceso de datos de seguimento de beneficiarios relativos á execución das accións ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Artigo 13º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. De conformidade co establecido no artigo 41.3º da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, as asociacións e outras entidades de iniciativa social quedan exentas de acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento e á xustificación na forma que a continuación se indica:

a) Ata o 80% da subvención concedida poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique ter realizado un gasto equivalente mediante certificación do director ou responsable da entidade, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

b) O 20% restante farase efectivo, unha vez xustificada a aplicación da totalidade da subvención para o fin para o que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou responsable da entidade, no que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá remitir, no prazo dun mes, certificación acreditativa de que foi aceptada a subvención.

Así mesmo, a entidade deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural conforme o anexo VI, así como unha memoriano caso de promoción de actividades. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

3. A xustificación do gasto realizarase mediante a presentación de facturas que deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, e nas súas modificacións posteriores.

4. No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas por esta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.

A concesión das subvencións reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para estes fins nos orzamentos desta Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Segunda.

De acordo co artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e segundo o artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos de que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou privadas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, de se-lo caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Terceira.

En materia de infraccións e sancións observarase o disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa.

Cuarta.

En tódolos supostos, a realización de gastos no marco desta orde axustarase ás normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financiadas con fondos comunitarios e en particular, ó Regulamento (CE) nº 1685/2000 da Comisión do 28 de xullo de 2000, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1260/1999, do Consello, no relativo ó financiamento de gastos de operacións cofinanciadas polos fondos estructurais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Servicios Sociais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais