Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 02 de agosto de 2001 Páx. 10.577

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 25 de maio de 2001 do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de RSU de Ourense, promovido polo Concello de Ourense e a Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

O Real decreto lexislativo 9/2000, do 6 de outubro, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, de 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 12 de xaneiro de 2001.

O proxecto ten como obxecto a adecuación, clausura e selaxe do vertedoiro de Ourense, localizado nunha valgada na parroquia de Eiroás, próxima a Vilar das Tres e á cidade de Ourense.

Prevese a adecuación da masa de residuos, co obxecto de asegura-la súa estabilidade, mediante a execución dun dique para reforzo do existente, a formación dun terraplén de contención e movemento dos residuos na parte superior para recuamento do último noiro. Posteriormente proxéctase

a selaxe superficial mediante a instalación dun sistema multicapa.

Así mesmo, proxéctanse as obras necesarias para a axeitada captación dos lixiviados, a captación e tratamento dos gases (instalación dun sistema activo de desgasificación) e das augas de escorrega.

Finalmente, prevese a revexetación da zona, utilizando para iso especies presentes na zona: piñeiros, choupos, bidueiros, estripos, xestas, xaras, lameiros, olmos, uceiras e trevos.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas correctoras previstas no estudio ambiental presentado.

O estudio ambiental do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de RSU de Ourense someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 24 de xaneiro de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 62, do 28 de marzo. O resultado deste trámite recíbese con data 25 de maio de 2001, sen que se teña constancia da presentación de alegacións.

Con data 26 de xaneiro de 2001 consúltanse ás direccións xerais de Saúde Pública e de Montes e Medio Ambiente Natural, e ten entrada o informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 25 de maio de 2001.

No anexo II resúmese o contido do antedito informe.

Efectuada a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os únicos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de Ourense, promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o concello de Ourense.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o concello de Ourense, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do concello de Ourense. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinados os documentos Proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de RSU de Ourense. Tomos I e II. Deceembro, 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ade

mais das medidas que se propoñen para a selaxe e rexeneración ambiental previstas no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido no estudio ambiental presentado e esta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de Ourense.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Rexerá o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, e dada a proximidade de vivendas, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mismo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen encharcamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos.

No caso de que na vertedura os lixiviados existentes actualmente nas bermas e na denominada balsa de lixiviados non cumpran cos límites de vertedura estipulados no Regulamento de vertidos á rede municipal de saneamento e uso desta do concello de Ourense, estes deberán ser entregados a un xestor autorizado. Na fase posclausura, serán conducidos ata a rede de saneamento de Ourense, segundo o proxectado, controlando que se cumpre cos límites sinalados anteriormente.

Garantirase o axeitado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

De observarse a xeración de fenómenos erosivos na incorporación das augas interceptadas polo sistema de drenaxe de pluviais, adoptaranse medidas para disipa-la enerxía da auga.

5. Sobre o solo.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexis

lación vixente. Os contedores previstos para o almacenamento temporal dos residuos á espera da súa entrega ó xestor autorizado deberán localizarse nun lugar debidamente sinalizado.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada. Neste sentido, o xabre procederá de zonas de extracción debidamente autorizadas.

6. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertido, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

O peche perimetral deberá asegura-la súa función en todo momento.

7. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Asemade, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará a disposición da Administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes a remitir a esta dirección xeral.

As analíticas a realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:200 ou maior detalle, en coordenadas UTM onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mismo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 8.2 desta declaración.

7.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contando desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no programa de vixilancia ambiental proposto no punto 10 do estudio ambiental.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros a controlar, así como a frecuencia dos controis a realizar.

8. Condicións adicionais.

1. O concello de Ourense poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade

e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

7. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala.

8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO

Localización e descrición do vertedoiro

LocalizaciónParroquia de Eiroás, próximo ó núcleo de Vilar de Tres (Ourense)

Superficie da parcela actualmente delimitada156,876 m

Superficie a selar82.000 m + 2.500 m dique

Volume de residuos actual1.357.700 m

Volume de residuos a selar1.553.000 m

Tipos de residuosRSU e asimilables

Tipo de vertedoiroTerraplén de altura (máis de 50 ml)

Uso do vertedoiro20 anos

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación actualProxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoParcialmente, no fondo da valgadaPermanecerá igual
Drens lixiviadosSi, pero insuficientes (existen rezumes nas bermas)Si
Captación de lixiviadosSi, balsa abertaSi, arquetón
TratamentoParcialmente, parte á rede de saneamentoRede de saneamento
GasesDrensNonSi
Captación20 chemineas, algunhas inutilizadas26 pozos de captación activa
TratamentoCombustión nas chemineasCombustión

Situación actualProxecto

PluviaisFoxos de recollida perimetralSi, infradimensionadosSi, redimensionados
Punto de vertidoExtremo sur do vertedoiroExtremo sur do vertedoiro
CubertaLámina/capa impermeableNonSi
Terra vexetalNon30 cm
VexetaciónNonSi
EstabilidadeEstabilidadeNonSi, noiro final 4H:1V
AccesosPosibilidade de accesoNonNon
Vixilancia

ambiental

Plan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema multicapa

Superficie do vertedoiroDique

Capa de asentamento15 cm de xabre compactado20 cm de xabre compactado

Protección da capa de impermeabilizaciónXeotéxtil de 300 g/cmXeotéxtil de 300 g/cm

Capa de impermeabilizaciónLámina de PEAD texturizada de 2 mm de espesorLámina de PEAD texturizada de 2 mm de espesor

Capa de drenaxeXeocomposto drenanteXeocomposto drenante

Capa de cobertura40 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal70 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas, protectoras e correctoras.

Na fase de execución das obras:

-Sobre atmosfera.

Mantemento dos motores da maquinaria.

Limitación da velocidade dos camións.

Utilización de maquinaria homologada e que cumpra coa normativa existente sobre emisión de ruídos.

Rega das distintas zonas, especialmente nos períodos máis secos. Tomarase a precaución de non regar sobre residuos, para evita-la formación de lixiviados.

Establecemento dun procedemento de limpeza periódica de camións e maquinaria móbil que evite o arrastre de partículas e a diseminación de sedimentos polas vías de comunicación próximas.

-Sobre o solo.

Retirada e amoreamento da terra vexetal existente nas áreas do vertedoiro, dispoñendo das medidas necesarias para evitar afeccións, e protexendo estes amoreamentos fronte a deslizamentos e perdas por escorrega.

Realización das reparacións e cambios de aceite de vehículos en talleres autorizados.

Recollida en contedores e entrega a xestor autorizado dos aceites provintes dos equipos e maquinaria.

Modificación da morfoloxía do vertedoiro, co obxecto de acada-la súa estabilidade.

-Sobre as augas.

Controlaranse posibles bloqueos dos conductos, saídas indesexables e vertedura, segundo os parámetros esixidos na ordeanza municipal para a rede de sumidoiros.

Manteranse limpas as cunetas de drenaxe de pluviais e repararase nas zonas nas que se atope en mal estado (parte superior oeste).

-Sobre a vexetación.

Afectarase á mínima vexetación necesaria para a execución do proxecto, coidando a súa selección. En todo caso, nunca se afectará vexetación fóra da zona abranguida polo proxecto.

Revexetarase a zona con especies herbáceas, arbustivas e arbóreas propias da zona.

-Sobre a fauna.

Evitarase, na medida do posible, os ruídos intensos e vibracións na época de cría e reproducción das especies aniñantes, elixindo, para efectua-las obras que entrañen estas afeccións, as épocas estivais como máis axeitadas ou propicias para iso.

Medidas de proxecto:

-Sobre a atmosfera.

Coa clausura do vertedoiro eliminaranse os procesos de combustión continua á que se ven sometidos os residuos, o que redundará nunha mellora da calidade do aire na zona.

O biogás extraerase a través de pozos verticais, mediante un sistema activo, para posteriormente pasar a fachos.

A recollida e tratamento de lixiviados eliminará cheiros actuais debidos á súa incorporación ós sistemas naturais de escorrega.

-Sobre o solo.

Modificarase a actual morfoloxía do vertedoiro, acadando a súa estabilidade, mediante a incorporación entre outros de terras e solos vexetais.

-Sobre as augas.

Corrección das deficiencias observadas na xestión das augas superficiais e subterráneas.

-Sobre a fauna.

Coa creación de novos hábitats, que facilita a restauración e revexetación do vertedoiro, producirase unha progresiva utilización destes espacios por especies máis esixentes e en condicións de maior naturalidade, ó tempo que se evita en gran medida o risco da presencia de vectores e pragas.

-Sobre a paisaxe.

O conxunto das medidas comentadas permitirá a integración paisaxística da zona recuperada.

-Sobre a socioeconomía.

Coa execución do proxecto elimínanse os riscos para a saúde das persoas motivada pola presencia do vertedoiro, ó tempo que se produce un aumento no valor económico de terreos próximos e a súa recuperación para outros usos.

Trala execución do proxecto:

Formúlase a realización dun programa de vixilancia ambiental que comprenda actuacións de control durante a fase de obras (control do replanteo, balizamento e sinalización de obras, permeabilidade territorial, ocupación do terreo, xestión de residuos, calidade do aire, procesos erosivos e revexetación) e postclausura (datos metereolóxicos, control de augas, lixiviados, gases, estabilidade e dos elementos instalados).

ANEXO II

RESUMO DOS INFORMES

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable ó proxecto de adecuación, selaxe e clausura deste vertedoiro.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental