Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 31 de xullo de 2001 Páx. 10.410

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de xullo de 2001 pola que se establece que permanecen en funcións os membros de consellos reguladores de productos agroalimentarios con indicativo de calidade.

O Decreto 835/1972, do 23 de marzo, polo que se aproba o regulamento da Lei 25/1970, estatuto da viña, do viño e dos alcohois, regula no capítulo segundo do título III os consellos reguladores.

Posteriormente, o Real decreto 2004/1979, do 13 de xullo, estableceu normas sobre a constitución dos consellos reguladores, adaptando a normativa na materia á nova situación xurdida despois da aprobación da Constitución española de 1978.

A normativa anteriormente citada establece que os cargos de vocais, presidente e vicepresidente destes órganos deben renovarse cada catro anos. Sen embargo

causas diversas, basicamente relacionadas coa actualización e informatización de censos e a aprobación de reformas normativas en marcha, atrasaron a convocatoria de eleccións nalgúns consellos reguladores, polo que na actualidade estes superaron o período de tempo de mandato.

Polo tanto, de conformidade co artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia e co Real decreto 4189/1982, do 29 de setembro, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, polo que se asumen competencias sobre denominacións de orixe, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Os vocais dos consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeiro e Valdeorras e daqueles outros para os que finalice o seu mandato antes da súa renovación mediante o correspondente proceso electoral, continuarán en funcións ata que se produza a dita renovación, que será, en todo caso, antes dun ano desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 2º.-Así mesmo, continuarán en funcións os presidentes e vicepresidentes dos consellos reguladores ós que se refire o artigo anterior, coas responsabilidades inherentes a estes cargos, ata o momento da toma de posesión dos que resulten designados con posterioridade ó proceso electoral ó que se fai referencia no artigo anterior.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria