Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 27 de xullo de 2001 Páx. 10.290

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 177/2001, do 29 de xuño, polo que se acorda a transacción con Epamar de Gestión, S.L., en relación co xuízo verbal de paralización de obra nova sobre unha parcela propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, situada en Palavea, termo municipal da Coruña.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do Real decreto 1108/1984, do 29 de febreiro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección de menores (BOE nº 140, do 12 de xuño de 1984), do predio sito no lugar de Palavea, termo municipal da Coruña que se describe como segue: unha peza de terreo que estivo adicada a prado, chamada Cortiña da Aira, sementeira de medio ferrado ou dúas áreas vintedúas centiáreas. Linda ó norte, con prado de Domingo Barba Blanco; ó sur, outro de José Rega Fernández; ó leste, máis de José Patiño Rumbo e oeste, labradío de Linares. Nesta porción de terreo está a arqueta da fonte que dá auga á horta.

Este predio é anexo ó inmoble coñecido como Casa Tutelar de Menores ou Centro de Menores Xesús de Nazareth e foi adquirido en data 28 de abril de 1942, pola Xunta Provincial de Protección de Menores da Coruña, mediante escritura pública outorgada ante o notario Manuel Banet Fontenla, xunto cos predios coñecidos por Pazo del Carmen, sitas no lugar de Palavea, parroquia de San Vicente de Elviña, Concello da Coruña. O dito inmoble consta no Inventario de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia como ben de dominio público adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Á vista do escrito da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude na Coruña no que se informaba sobre a existencia de actuacións dirixidas a unha posible construcción por parte de terceiros alleos á Comunidade Autónoma de Galicia sobre unha parcela que forma parte do inmoble coñecido como Casa Tutelar de Menores ou Centro de Menores Xesús de Nazareth, situada en Palavea, termo municipal da Coruña, con data 27 de outubro de 2000 remitiuse desde a Secretaría Xeral e do Patrimonio á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia a documentación para a interposición das accións xudiciais coa finalidade da paralización da obra nova contra Epamar de Gestión, S.L.

Con data 27 de abril de 2001, Epamar de Gestión, S.L. presenta unha proposta inicial de transacción no litixio suscitado pola ocupación dunha parcela, dependente do Centro Tutelar de Menores situado na Zona de Palavea (A Coruña).

Logo da análise da proposta inicial de transacción e de posteriores negociacións, Epamar de Gestión manifestou a súa conformidade coa proposta de con

trato de transacción redactado pola Subdirección Xeral do Patrimonio, que implica, en síntese, a desistencia da Comunidade Autónoma de Galicia no devandito xuízo e a permuta da parcela ocupada por outros inmobles propiedade de Epamar de Gestión, S.L.

De conformidade co disposto nos artigos 22.1º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e 6.7º do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, a transacción require acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, informada pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e fiscalizada pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autoriza-la transacción con Epamar de Gestión, S.L. nos seguintes termos:

«1ª Coa sinatura do presente documento, a Comunidade Autónoma de Galicia comprométese a desistir do xuízo verbal de paralización de obra nova en trámite no Xulgado de Primeira Instancia número catro da Coruña mediante a presentación do correspondente escrito de desistencia, ó que non se oporá Epamar de Gestión, S.L., renunciando ámbalas dúas partes á imposición de custas, e Epamar de Gestión, S.L. renuncia a reclamar danos e perdas que puideran derivarse da interposición do devandito xuízo e a opoñerse no expediente de dominio que a Comunidade Autónoma de Galicia está a tramitar perante o Xulgado de Primeira Instancia número nove da Coruña para reinicia-lo tracto rexistral do predio descrito.

2ª Como consecuencia da presente transacción as partes comprométense a formalizar un contrato de permuta, sempre sometida á condición establecida na cláusula terceira, da parcela propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia polas unidades de obra que a continuación se describen, libres de cargas e gravames, que forman parte do edificio que Epamar de Gestión, S.L. está construíndo no lugar obxecto de litixio que figuran no seu escrito do 8 de xuño de 2001:

a) Piso situado no portal 2, vivenda 1-baixo, (Vivenda nº 14, letra B en planta baixa, de oitenta e cinco metros e dez decímetros cadrados. Linda á fronte, distribuidor do portal 2; ó fondo, Cooperativa Castiñeiriño; dereita, distribuidor, patio de luces e Cysugal, S.A.; e esquerda, zona de recreo. Cota 2,91%).

b) Praza de garaxe nº 33 vinculada á vivenda. Situada na planta soto 2. Linda: á fronte, acceso rodado; ó fondo, rochos nº 7 e nº 8; á dereita, praza de garaxe nº 34; e á esquerda, muro do edificio e rúa da súa situación.

c) Praza de garaxe nº 34. Situada na planta soto 2, de 2,20 m de largo e 4,5 m de fondo. Linda: á fronte, acceso rodado; ó fondo, rochos nº 8 e nº 9; á dereita, praza de garaxe nº 35; e á esquerda, praza de garaxe nº 33.

d) Rocho en soto 2, portal 1, nº 7 (trastero vinculado a vivenda. Situado na planta soto 2. Linda: á fronte, praza de garaxe nº 33; ó fondo, corredor de acceso a rochos; á dereita, rocho nº 8; e á esquerda, muro do edificio e rúa da súa situación.

Xúntase plano e memoria de calidades.

3ª As partes poderán compelerse reciprocamente a concertar e formalizar, mediante o outorgamento de escritura pública, o contrato de permuta previsto na cláusula segunda, no prazo de dous meses contado partir da finalización da obra (prevista para xuño de 2002) e sempre e cando estea inscrito o predio a favor da Comunidade Autónoma de Galicia. Se esta última circunstancia non se producira á finalización da obra, o prazo de dous meses computarase desde que se materialice a referida inscrición. Con este fin a Administración autonómica comprométese a iniciar e impulsa-lo expediente administrativo de permuta ó abeiro do disposto na normativa patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia.

En canto as custas xudiciais, ámbalas dúas partes renuncian á súa reclamación, en virtude do cal cada unha das partes pagará as súas».

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización do contrato de transacción con Epamar de Gestión, S.L.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda