Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 27 de xullo de 2001 Páx. 10.287

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 176/2001, do 12 de xullo, sobre creación, apertura e funcionamento dos servicios de farmacia e depósitos de medicamentos nas estructuras de atención primaria.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, establece, no seu artigo 2.3º, que a Administración garantirá que a atención farmacéutica se prestará en tódolos niveis do sistema de saúde de modo coordinado e integrado e que lle ofreza á poboación unha asistencia eficaz, completa e eficiente.

Para tal fin, no artigo 3, a lei diferencia entre establecementos e servicios de atención farmacéutica, considerando os primeiros as oficinas de farmacia e as boticas anexas, e os segundos os servicios de farmacia de atención primaria e os depósitos de medicamentos e productos sanitarios.

Para garantir unha atención farmacéutica integral ós pacientes, procurando a coordinación de funcións e tarefas entre os establecementos e servicios de tódolos niveis asistenciais, na sección 3ª do capítulo III do título II da dita lei, dedicado á atención farmacéutica en atención primaria, regúlase a atención farmacéutica a través dos servicios de farmacia de atención primaria nos centros asistenciais tanto de titularidade pública como concertados, en desenvolvemento do artigo 103.1º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Así mesmo, na devandita sección 3ª considérase conveniente a existencia de depósitos de medicamentos, coa presencia dun farmacéutico e baixo a responsabilidade dun servicio de farmacia de atención primaria, para que o equipo multidisciplinario de atención á saúde dispoña dos medios terapéuticos necesarios para garantirlle-la atención farmacéutica ós pacientes dos centros e estructuras de atención primaria.

En aplicación do establecido no artigo 11 Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, corresponde a cada Administración pública delimitar, no seu propio ámbito competencial, as unidades administrativas que configuran os órganos administrativos propios das especialidades derivadas da súa organización.

En virtude do disposto no artigo 34.5º da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame nº 200/01 do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto establecer:

a) Os requisitos e procedemento para a creación, apertura e funcionamento dos servicios de farmacia

e dos depósitos de medicamentos nas estructuras de atención primaria, e

b) As condicións materiais e técnicas coas que terán que contar para o desenvolvemento das súas funcións.

2. Dentro de cada xerencia de atención primaria constituiranse servicios de farmacia naquelas estructuras que presten a súa actividade como punto de atención continuada, baixo a responsabilidade, supervisión e control dun farmacéutico pertencente á xerencia correspondente.

3. Naqueloutras estructuras de atención primaria que non cumpran coas anteriores condicións, constituiranse depósitos de medicamentos, baixo a responsabilidade dun servicio de farmacia de atención primaria, que contará coa actuación profesional dun farmacéutico do dito servicio.

Artigo 2º.-Definición.

Para os efectos deste decreto, enténdese por servicios de farmacia e depósitos de medicamentos de atención primaria, o seguinte:

a) Servicios de farmacia de atención primaria: son os destinados a garanti-la atención farmacéutica necesaria para que o equipo multidisciplinario de atención á saúde dispoña dos medios terapéuticos necesarios para a súa aplicación dentro das institucións existentes no nivel de atención primaria e daqueles que esixan unha particular vixilancia, supervisión e control do devandito equipo multidisciplinario. Así mesmo, proverán dos devanditos medios ós depósitos de medicamentos que existan no seu ámbito de actuación.

b) Depósitos de medicamentos de atención primaria: son aqueles que lles garantirán a atención farmacéutica necesaria ós pacientes dentro das estructuras de atención primaria que non dispoñan de servicio de farmacia, prestando a dita atención integrada coas demais actividades asistenciais do equipo multidisciplinario de atención á saúde.

Artigo 3º.-Funcións.

1. Nos servicios de farmacia de atención primaria desenvolveranse as seguintes funcións:

a) Adquiri-los medicamentos e productos sanitarios e elaborar, segundo as normas de correcta fabricación, as fórmulas maxistrais e preparados oficiais necesarios para garanti-la atención farmacéutica ós pacientes nos centros e estructuras do seu ámbito de actuación.

b) Custodiar, conservar e dispensa-los medicamentos e productos sanitarios que vaian ser utilizados nos centros e daqueles, previamente establecidos pola División de Farmacia e Productos Sanitarios do Servicio Galego de Saúde por proposta das comisións de Farmacia e Terapéutica de Atención Primaria, que esixan unha particular vixilancia, supervisión e control do equipo multidisciplinario da atención á saúde.

c) Promove-la elaboración, actualización e difusión da guía farmacoterapéutica da súa área, segundo os criterios de selección e protocolización farma

coterapéutica establecidos pola Comisión de Farmacia e Terapéutica de Atención Primaria correspondente, co fin de conseguir unha farmacoterapia segura e eficiente.

d) O seguimento do cumprimento e aplicación da guía farmacoterapéutica da súa área nos centros do seu ámbito de actuación.

e) Colaborar en que a utilización dos recursos dispoñibles para a atención farmacéutica sexa eficiente.

f) Asesora-lo persoal sanitario e os órganos de xestión da área, en materia de medicamentos e productos sanitarios, promocionando o desenvolvemento de sesións farmacoterapéuticas nos seus centros co fin de avalia-lo uso e efectividade dos medicamentos e a utilización destes en patoloxías de especial control.

g) Levar a cabo, a través da consulta farmacéutica ós pacientes dos seus centros, o rexistro e seguimento da utilización de medicamentos e productos sanitarios, e con esta información elabora-la historia farmacoterapéutica dos pacientes.

h) Coordina-las oficinas de farmacia cos servicios de farmacia dos centros hospitalarios, garantindo unha utilización eficiente dos recursos farmacoterapéuticos, prestando especial dedicación ó seguimento da historia farmacoterapéutica, ó cumprimento dos tratamentos e á información de medicamentos e productos sanitarios.

i) Colaborar nos programas que se establezan na súa área sobre o uso racional do medicamento, realizando información farmacoterapéutica, así como xunto con outros profesionais, promoción e educación en saúde da poboación.

j) Implantar un sistema de detección de posibles problemas relacionados cos medicamentos e propoñe-las intervencións necesarias para a súa corrección e seguimento.

k) Implantar un sistema de detección de reaccións adversas a medicamentos e productos sanitarios nos seus centros, e de comunicación destas ó Centro Autonómico de Farmacovixilancia, colaborando deste xeito co sistema de farmacovixilancia.

l) Realizar traballos de investigación no ámbito do medicamento e dos productos sanitarios, participar nos ensaios clínicos e conservar e dispensa-los fármacos e productos sanitarios en fase de investigación clínica.

m) Elabora-la memoria anual, onde se recollerán tanto as actividades asistenciais como as de investigación e de promoción e educación da saúde.

2. Nos depósitos de medicamentos de atención primaria e baixo a responsabilidade do servicio de farmacia do que dependan, desenvolveranse as seguintes funcións:

a) Garanti-la correcta custodia, conservación e dispensación dos medicamentos e productos sanitarios para a súa aplicación dentro do centro e daqueles que esixan unha particular vixilancia, supervisión e control do equipo multidisciplinario de atención á saúde, segundo o establecido no punto 1.b) anterior.

b) Asesora-lo persoal sanitario e os propios pacientes, en materia de medicamentos e productos sanitarios, promocionando a súa correcta utilización.

c) Colaborar co resto do persoal do equipo multidisciplinario de atención á saúde do seu centro, naquelas actividades nas que os seus coñecementos poidan ser útiles.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Condicións dos locais.

Os servicios de farmacia e os depósitos de medicamentos disporán de locais, que contarán cunha superficie útil suficiente e adecuada e que estará distribuída, polo menos, nas seguintes zonas:

a) De recepción, revisión e almacenamento de medicamentos e productos sanitarios, que contará cunha zona de seguridade para os medicamentos psicótropos e estupefacientes, cámara de refrixeración e aqueloutras medidas necesarias para garanti-la súa correcta custodia e conservación.

b) De dispensación de medicamentos e productos sanitarios.

c) De xestión e administración.

d) De consulta farmacéutica, na que disporá ademais dos libros e exemplares esixidos pola normativa vixente, do equipamento informático adecuado para o desenvolvemento das súas funcións.

e) De laboratorio para a elaboración de fórmulas maxistrais e preparados oficinais, no caso de que se trate dun servicio de farmacia.

2. Persoal.

Nos servicios de farmacia e depósitos de medicamentos, os farmacéuticos contarán coa colaboración do persoal técnico ou auxiliar de farmacia e demais persoal que precisen para o desenvolvemento das funcións recollidas no artigo anterior.

Artigo 5º.-Procedemento de creación, apertura e funcionamento.

1. Inicio do procedemento.

O procedemento para a creación, apertura e funcionamento dun servicio de farmacia ou dun depósito de medicamentos iniciarase de oficio:

a) Por petición da xerencia de atención primaria na que se pretenda a súa instalación.

b) Por petición da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Servicio Galego de Saúde.

c) Pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Documentación que hai que achegar.

1. As solicitudes dirixiranse ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e presentaranse perante a Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Memoria das necesidades que se tratan de satisfacer, ámbito de aplicación e relación do equipamento co que se pretende levar a cabo o funcio

namento do servicio de farmacia ou depósito de medicamentos solicitado.

b) Relación do persoal necesario para o servicio de farmacia ou depósito de medicamentos.

c) Plano elaborado por técnico competente dos locais destinados ó servicio de farmacia ou ó depósito de medicamentos, no que aparezan as distintas zonas, así coma a súa superficie e localización dentro do centro ou estructura de atención primaria na que se pretenda a súa instalación.

2. Cando o procedemento sexa iniciado por petición da División de Farmacia e Productos Sanitarios do Servicio Galego de Saúde, seguirase o procedemento descrito no número 2 do punto 3 deste artigo.

3. Órganos competentes.

1. Correspóndelles ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no seu respectivo ámbito territorial, tramita-las iniciativas de creación dos servicios de farmacia e depósitos de medicamentos ós que se refire o epígrafe anterior, que remitirán, unha vez recibida a documentación pertinente, nun prazo de dez días, á División de Farmacia e Productos Sanitarios do Servicio Galego de Saúde.

2. Correspóndelle á División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas emitir informe que elevará, nun prazo máximo de quince días, co resto do expediente á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia acorda-la creación, apertura e funcionamento dos servicios de farmacia e depósitos de medicamentos de atención primaria na Comunidade Autónoma galega.

A resolución favorable á instalación dun servicio de farmacia e depósitos de medicamentos nas estructuras de atención primaria remitiráselle á xerencia de atención primaria e á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente, para os efectos de que se adopten as medidas oportunas.

4. Visita de inspección.

Unha vez acondicionado o local a xerencia á que estea vinculado o servicio de farmacia ou depósito de medicamentos deberá solicitar, no prazo de dez días, a visita de inspección do órgano correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos de comproba-lo cumprimento dos requisitos técnicos-sanitarios e demais condicións fixadas neste decreto.

5. Remisión de documentación.

A remisión da documentación solicitada, tanto ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, coma á División de Farmacia e Productos Sanitarios, deberá realizarse no prazo de quince días.

Artigo 6º.-Farmacéutico responsable.

O farmacéutico responsable do servicio de farmacia e do depósito de medicamentos será nomeado polo órgano competente do Servicio Galego de Saúde,

entre os farmacéuticos pertencentes á xerencia de atención primaria correspondente, por proposta do xerente desta.

Artigo 7º.-Obrigas dos servicios de farmacia.

Correspóndelles ós servicios de farmacia solicitarlle á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente, os libros oficiais de contabilidade de estupefacientes, os talonarios de vales de entregas destes e o número sigla identificativo do dito servicio, co fin de que no desenvolvemento das súas funcións cumpran cos requisitos establecidos na normativa específica en materia de medicamentos psicótropos e estupefacientes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Os incrementos de persoal que deban tener lugar por adecuación dos dispositivos previstos neste decreto levaranse a cabo paulatinamente con suxeición ás disponibilidades orzamentarias existentes no capítulo I do orzamento de gastos do Servicio Galego e Saúde.

Terceira.-As expresións «nivel» e «estructuras de atención primaria» entenderanse nos termos da regulación efectuada polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais