Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 24 de xullo de 2001 Páx. 10.147

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

ENTE PÚBLICO PORTOS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2001 pola que se anuncia a convocatoria de prazas de persoal laboral fixo para o ente público Portos de Galicia.

De conformidade coa Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, o Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, e a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e segundo a delegación conferida por acordo do Consello de Administración do 23 de xullo de 1997 das competencias do artigo 21.3º da Lei 5/1994, resólvese convoca-lo proceso selectivo para o ingreso no cadro de persoal laboral fixo do ente público Portos de Galicia de acordo coas seguintes bases da convocatoria:

1. Xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 19 prazas de celadores-gardapeiraos.

1.2. O procedemento de selección será o concurso-oposición, cos exercicios, probas, sistemas de cualificación, temario, baremo e relación de méritos que se especifican nestas bases.

1.3. A adxudicación da praza ó aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuacións totais obtidas nas fases do proceso de selección.

1.4. O primeiro exercicio da oposición realizarase transcorrido, como mínimo, un mes desde a publicación no DOG da presente convocatoria, expoñéndose a data deste exercicio así como dos seguintes no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia.

1.5. O aspirante ó que lle sexa adxudicada a praza será contratado en réxime laboral fixo. A formalización do contrato e a incorporación definitiva dos seleccionados producirase segundo as necesidades de Portos de Galicia.

1.6. En cumprimento das previsións da Lei de normalización lingüística de Galicia; os aspirantes seleccionados que non acrediten no momento da presentación da documentación necesaria para a súa contratación, a posesión de diploma acreditativo do nivel de perfeccionamento no coñecemento da lingua

galega, deberán realiza-los cursos que para tal efecto sexan convocados e conten coa homologación da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

1.7. Todo o persoal contratado mediante este procedemento selectivo comprométese a realizar un curso específico que organizará e impartirá Portos de Galicia. O dito curso, que versará sobre as funcións e responsabilidades propias dun celador-gardapeiraos, terá unha duración de 200 horas e será realizado fóra da xornada laboral.

No que se refire ás características concretas de desenvolvemento do curso formativo, estas indicaranse oportunamente mediante convocatoria establecida para o efecto.

2. Requisitos mínimos de admisión dos candidatos.

2.1. Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional do Reino de Noruega, ou nacional da República de Islandia.

Tamén poderán participar o cónxuxe, ascendentes e descendentes de cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da devandita idade que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros Estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

2.2. Ter cumpridos os dezaoito (18) anos de idade.

2.3. Estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharelato, formación profesional de 2º grao ou equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá estarse en posesión de documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

2.4. Posuí-la a capacidade funcional física e psíquica para o desempeño das tarefas e funcións correspondentes á vacante á que se opta, para o que presentará un certificado médico acreditativo se resulta seleccionado.

2.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.6. Tódolos requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de incorporarse a ocupa-la praza logo do asinamento do correspondente contrato.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte no concurso-oposición deberá presentar solicitude, en instancia axustada ó modelo que figura como anexo II da presente resolución, xuntando, ademais:

-Fotocopia do DNI.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán achegar declaración xurada ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive a expensas ou está ó seu cargo.

-Xustificante emitido pola entidade bancaria que corresponda de ter pagados os dereitos de exame.

-Documentación acreditativa, se é o caso, dos méritos que se aleguen para a súa valoración, ben orixinal ben fotocopia compulsada. Acreditarase a experiencia con historial completo da Seguridade Social ou con certificado de empresa.

3.2. Reixetaranse todas aquelas instancias que non acheguen os documentos acreditativos dos requisitos esixidos para o acceso ó concurso-oposición e mailo aboamento dos dereitos de exame. Non se admitirán copias simples para acreditar méritos ou cumprir requisitos.

3.3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). As solicitudes dirixidas ó presidente do ente público Portos de Galicia, presentaranse no rexistro xeral do ente público, (praza de Europa nº 5 A 6º B, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Por imperativo legal, de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, a Lei 4/2000, de orzamentos para o ano 2001, e demais normativa de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia; os dereitos de exame será de cinco mil oitocentas dez (5.810) pesetas, que se ingresarán na conta aberta por Portos de Galicia na Caixa Galicia, Polígono das Fontiñas (Área Central), Santiago de Compostela, Conta Portos de Galicia, concurso-oposición nº 2091 0394 87 3040004217; o xustificante de ingreso servirá para acredita-lo pagamento. Estes dereitos destinaranse ó pagamento de cantos gastos se orixinen por mor desta convocatoria.

3.5. En ningún caso a presentación do xustificante de pagamento dos dereitos de exame suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.6. O importe satisfeito en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten.

3.7. Portos de Galicia reserva para si a facultade de comproba-la veracidade dos documentos achegados polos aspirantes.

3.8. A presentación de solicitudes supón a aceptación incondicionada das bases reguladoras da convocatoria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Esgotado o prazo de presentación de solicitudes, ós 20 días seguintes e por mandado do presidente de Portos de Galicia, exporase no taboleiro de anuncios dos servicios centrais deste ente público a lista provisional de admitidos e excluídos do proceso selectivo; respecto destes últimos farase constar na devandita lista a causa da súa exclusión.

4.2. Os aspirantes excluídos poderán presentar documentación complementaria perante o presidente de Portos de Galicia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ó da publicación da lista provisional de admitidos e excluídos, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

4.3. Os erros de feito poderanse emendar en calquera momento, ben de oficio ben a instancia do interesado.

4.4. Unha vez transcorrido o dito prazo, o presidente de Portos de Galicia dictará resolución coa lista definitiva de admitidos e excluídos, contra a que se poderá interpoñer, no prazo dun mes, recurso potestativo de reposición, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A citada resolución será exposta, para os efectos de publicidade, no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia, xunto coa indicación do lugar e data na que comezaran as probas, ás que deberán asistir os candidatos provistos de DNI..

4.5. O feito de figuraren na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente resolución. Cando da documentación que se debe presentar no caso de superaren o procedemento selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puideran derivar da súa participación neste procedemento.

5. Comisión de selección.

5.1. A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.

5.2. O presidente de Portos de Galicia designará os membros da comisión de selección, excepto o representante dos traballadores que será nomeado por proposta dos delegados de persoal do ente público.

A resolución pola que se determina a composición nominal da comisión de selección, segundo o previsto no parágrafo anterior, será exposta, con anterioridade á data fixada para o primeiro exercicio, no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia. A designación nominal dos membros da comisión de selección incluirá a dos respectivos suplentes.

5.3. A comisión de selección estará composta por cinco membros coa seguinte distribución:

Presidente: o presidente de Portos de Galicia.

Secretario: un técnico do cadro de persoal de Portos de Galicia.

Vocais:

Un técnico empregado do ente público.

Un técnico alleo a Portos de Galicia.

Un representante dos traballadores empregado do ente público.

5.4. Tódolos membros da comisión de selección actuarán con voz e voto.

5.5. Os membros da comisión de selección deberán absterse de formar parte dela cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e notificaranllo ó presidente da comisión. Os aspirantes poderán recusalos de acordo co artigo 29 da devandita Lei 30/1992.

O presidente da comisión poderá solicitarlles ós membros dela declaración expresa de non atopárense incursos nas causas de abstención e recusación.

5.6. A comisión de selección non poderá constituírse nin actuar se non están presentes o presidente e o secretario e, polo menos, dous dos seus vocais.

As decisións adoptaranse por maioría dos membros presentes, resolvendo en caso de empate, o voto de calidade do presidente.

5.7. A comisión de selección queda facultada para resolve-las dúbidas que xurdan da aplicación destas bases e poderá adopta-los acordos que correspondan para aqueles supostos non previstos nas bases; axustándose na súa actuación ás previsións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.8. Funcións dos tribunais:

-Elaborar as probas e garanti-lo seu segredo.

-Avalia-las probas e outorgarlles cualificación ós aspirantes segundo as normas desta convocatoria.

-Formalizar, mediante actas, todo o proceso do concurso-oposición e mailo resultado final, que será remitido ó presidente de Portos de Galicia mediante certificación do secretario da comisión da lista de aspirantes por orde de cualificación, da máis alta á máis baixa.

-No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, estas resolverase pola puntuación obtida na primeira proba e, se iso non fora suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que se resolva. De persisti-lo empate, resolverase por orde alfabética, de acordo co sorteo de letra vixente que para os efectos da realización de procedementos de selección na administración pública sexa publicado no DOG.

5.9. Sede da comisión de selección:

Para os efectos de comunicacións e demais incidencias a comisión terá a súa sede na praza de Europa nº 5 A, 6º B, 15707 Santiago de Compostela. Teléfono 981 54 45 02 Fax 981 54 5337.

5.10. A comisión de selección que actúe nestas probas selectivas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio.

6. Oposición: desenvolvemento das probas.

6.1. Establécense tres tipos de probas, que se realizarán pola orde seguinte: teórica, práctica e entrevista persoal.

6.2. Teórica:

6.2.1. Consistirá no desenvolvemento duns temas directamente relacionados coas funcións e obrigas das vacantes convocadas. O temario que corresponde á categoría consta no anexo I desta convocatoria.

6.2.2. O cuestionario do exame será o resultante do sorteo entre tres cuestionarios correspondentes ó contido do programa. O tempo máximo de duración será de dúas horas.

6.3. Práctica:

Consistirá na realización por escrito dun exercicio práctico tamén relacionado cos contidos do temario, elixido por sorteo de entre dous presentados pola comisión de selección e para o que se lles facilitará ós aspirantes o material e os medios que a xuízo desta sexan necesarios para a súa resolución, non podendo ser utilizado ningún outro material de consulta e axuda por parte dos aspirantes.

O tempo máximo de duración desta proba será de dúas horas.

6.4. Entrevista persoal:

Valoraranse calidades como son a capacidade de relación e iniciativa, a capacidade de integración en grupos de traballo e, en xeral, a aptitude do candidato para exerce-las súas responsabilidades dentro dunha organización complexa.

6.5. As probas teórica e práctica serán de carácter eliminatorio para aqueles aspirantes que non acaden entre ámbalas dúas a cualificación mínima de 15 puntos, avaliándose de cero a 20 o exercicio teórico e de 0 a 10 o exercicio práctico. A entrevista persoal valorarase de 0 a 7 puntos.

6.6. As puntuacións expoñerase no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia, rematada a corrección da totalidade dos exercicios de cada proba.

6.7. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único e será excluído quen non compareza, podéndose considerar os casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal. Os anuncios para a realización dos exercicios faraos públicos a comisión de selección na súa sede, con corenta e oito (48) horas de antelación como mínimo ó seu comezo.

6.8. As probas realizaranse a porta pechada, sen outra asistencia que a dos aspirantes, membros da comisión de selección e a dos colaboradores designados por esta.

7. Concurso: baremo de méritos.

7.1. A comisión de selección avaliará os méritos que, con motivo da súa experiencia laboral, acrediten os aspirantes que teñan superado a oposición.

7.2. Experiencia acreditada, ata un máximo de 3 puntos:

-Nun posto de traballo no ente público Portos de Galicia, na categoría profesional de celador-gardapeiraos: 0,075 puntos por mes traballado ou fracción.

-Nun posto de traballo da mesma categoría profesional desempeñando os servicios de celador-gardapeiraos nas administracións públicas, en empresas ou sociedades públicas que xestionen portos marítimos: 0,050 puntos por mes traballado ou fracción.

-Nun posto de traballo no ente público Portos de Galicia, na categoría profesional de peón especializado:

Co carácter de contratado laboral fixo:0, 075 puntos por mes traballado ou fracción.

Co carácter de contratado temporal ou interino: 0,050 puntos por mes traballado ou fracción.

7.3. Os méritos enumerados deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7.4. A baremación desta fase de concurso será feita pública no taboleiro de anuncios dos servicios centrais de Portos de Galicia, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante a propia comisión de selección no prazo de dez (10) días hábiles a partir da exposición da dita baremación.

7.5. Á vista das reclamacións presentadas, e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións da

baremación inicialmente asignada a cada aspirante, a comisión de selección incluiraas no acordo definitivo que conteña a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo.

8. Contratación laboral e período de proba.

8.1. Portos de Galicia, de acordo cos resultados do concurso-oposición e no suposto de haber aspirantes que superasen os mínimos esixibles establecidos nesta convocatoria, procederá á contratación con carácter fixo ata o número de vacantes fixadas no concurso-oposición, dentro do grupo de aspirantes que propoña a comisión de selección, a cal non poderá declarar que superaron as probas de selección un número de aspirantes superior ó dos postos convocados.

8.2. Para os efectos da súa contratación, e a requirimento de Portos de Galicia, os aspirantes seleccionados deberan presentar no prazo de 20 días naturais os seguintes documentos:

8.2.1. Fotocopia compulsada do título esixido ou certificación académica que acredite ter realizados tódolos estudios para a obtención do título ou, de se-lo caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

8.2.2. Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

8.2.3. Deberá presentarse certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados no punto 2.4.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación, ou do exame dela se deducira que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

8.4. Os aspirantes que obteñan praza deberán incorporarse no prazo máximo de 3 días desde a notificación, salvo casos de forza maior debidamente xustificados; de non se efectuar, entenderase como renuncia tácita ó seu posto de traballo.

8.5. Tódalas contratacións para ocupar vacantes do cadro de persoal fixo estarán sometidas a un tempo de proba de dous meses.

8.6. O desempeño de calquera posto de traballo en Portos de Galicia estará sometido ás incompatibilidades previstas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas.

9. Recursos.

A presente convocatoria e as súas bases poderán ser impugnados ante a xurisdicción contencioso-administrativa nos casos e na forma establecida na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo coa Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (LRXAP-PAC).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos da comisión de selección ante o presidente do ente público Portos de Galicia nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da devandita Lei 30/1992, de RXAP-PAC.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2001.

Emilio García Gallego

Presidente do ente público Portos de Galicia

ANEXO I

Temario para a categoría de celadores-gardapeiraos que rexerá nas probas selectivas para o ingreso no ente público Portos de Galicia.

1. Dereito constitucional.

-A Constitución española. Estructura e principios xerais.

-Dereitos e deberes fundamentais dos españois.

-Organización territorial do Estado.

2. Dereito procesual. Conceptos xerais. Partes do proceso. Demandas e denuncias.

3. Dereito autonómico.

-O Estatuto de autonomía de Galicia.

-Lei de creación do ente público Portos de Galicia.

-Regulamento do ente público.

4. Dereito administrativo.

-Decreto de tarifas.

-Aplicación normativa sancionadora.

O Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

-Fundamentos básicos da Lei de portos y mariña mercante: competencias, xestión do dominio público portuario, tipos de infraccións e sancións.

-Fundamentos básicos da Lei 62/1988, de costas. Bens de dominio público marítimo terrestre, as servidumes legais, utilización do dominio público (autorizacións e concesións).

-O procedemento administrativo común. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Lei 30/1992,

do 26 de novembro): idea xeral sobre iniciación, ordenación, instrucción e terminación do procedemento administrativo.

Os recursos administrativos.

-Conceptos básicos sobre a responsabilidade patrimonial.

-Normativa básica de pesca.

5. Regulamento de servicio, vixilancia e policía do porto. Funcións dos celadores-gardapeiraos. Responsabilidades e obrigas.

6. Relacións cos usuarios.

-A prestación dos servicios portuarios.

-A actitude como factor clave para prestar un servicio de calidade.

-Comunicación e relacións interpersoais na atención ó cliente.

-A satisfacción e atención do cliente.

7. Atestados.

-O atestado.

-Atestado instruído por accidentes de circulación con só danos materiais.

-Atestados por accidentes de circulación con víctimas.

-Atestado por suposto delicto contra a seguridade do tráfico.

8. Seguridade e saúde no traballo.

-Técnicas de seguridade.

-Pautas de comportamento ante situacións límite.

-Productos tóxicos.

-Almacenamento e mercadorías perigosas.

-Protección e mellora do ambiente.

-Seguridade vial: normativa específica en portos.

-Nocións básicas de electricidade.

9. Primeiros auxilios.

-Técnicas de resucitación: respiración artificial. Obstrucción das vías respiratorias.

-Traumatismos. Traumatismos de urxencia. Fracturas. Estordegóns e luxacións.

-Feridas e queimaduras.

10. Incendios. Extintores. Lume.

-Conceptos xerais.

-Comportamento diante do lume.

-Medidas de prevención e extinción.

-Utilización de extintores.