Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 24 de xullo de 2001 Páx. 10.139

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena a publicación do texto do acordo acadado entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e os representantes das organizacións sindicais, UGT, CSIF e CIG, sobre determinadas condicións especiais de traballo dos veterinarios adscritos á consellería, con motivo da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB).

Visto o texto do acordo acadado entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e os representantes das organizacións sindicais, UGT, CSIF e CIG, e que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de xuño de 2001, sobre determinadas condicións especiais de traballo dos veterinarios adscritos á consellería, con motivo da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB), e de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito acordo no rexistro correspondente desta dirección xeral.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2001.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Acordo entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e os representantes das organizacións sindicais, Unión Xeral de Traballadores (UGT), Confederación de Sindicatos Independentes e Sindical de Funcionarios (CSIF), e Converxencia Intersindical Galega (CIG), sobre determinadas condicións especiais de traballo dos veterinarios adscritos á consellería con motivo da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB)

A crise desencadeada no sector gandeiro galego pola aparición da EEB determinou a necesidade de

que a Xunta de Galicia adoptase diversas medidas encamiñadas á súa erradicación, ó aseguramento do consumo e ó apoio ó sector gandeiro, incardinadas no Plan de Acción do Sector Cárnico Bovino Galego.

Estas circunstancias, e outras excepcionais, determinan posibles riscos para a saúde pública, a sanidade animal e a economía do sector gandeiro, redundando nunha maior carga de traballo para os servicios veterinarios oficiais que deben desempeña-la súa actividade con especial intensidade e eficiencia.

No marco das actuacións encamiñadas á erradicación da enfermidade, á seguridade do consumidor, e ó apoio ó sector gandeiro galego, encadradas no plan de acción do sector cárnico bovino, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e as organizacións sindicais estableceron un foro de diálogo respecto das condicións especiais de traballo dos servicios veterinarios adscritos a consellería, tendo como punto de partida o estudio elaborado pola Inspección Xeral de Servicios sobre o incremento das cargas de traballo dos servicios veterinarios oficiais por causa da EEB e a súa repercusión sobre os diferentes colectivos integrados neles. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de conformidade coa normativa orzamentaria vixente, elevará ó Consello da Xunta, a seguinte proposta de acordo sobre as condicións especiais de traballo dos veterinarios oficiais da consellería, con motivo da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB).

ACORDO:

1. Ámbito de aplicación.

1.1. Territorial: o acordo será de aplicación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. Persoal: o acordo será de aplicación a todo ó persoal veterinario adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, pertencente ó Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia que con carácter voluntario se adhira a el.

1.3. Temporal: o acordo entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia e ata o 31 de decembro de 2001. Sendo, non obstante, aplicable á actividade extraordinaria realizada a partir do 1 de xaneiro de 2001. De persisti-la situación de sobrecarga de traballo negociarase a súa adaptación a partir do 1 de xaneiro de 2002.

2. Condicións especiais de traballo.

O persoal veterinario adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria realizará a prestación de servicios extraordinarios no marco do Plan de Aseguramento da Calidade Inspectora dos SS. VV. OO. para a erradicación da EEB, baseado nunha maior dispoñibilidade, mellor aten

ción ós gandeiros e dunha maior eficacia de xestión dos recursos humanos. Esta maior dispoñibilidade tradúcese na prestación dalgúns dos seguintes servicios extraordinarios retribuídos:

2.1. Unha quenda semanal de dispoñibilidade, ó mes, de luns a venres laborables en horario entre as 17 e as 20 horas, mediante o establecemento de quendas rotatorias en situación localizada e con dispoñibilidade para desprazarse fisicamente, se é necesario, por razóns de urxencia.

2.2. Quenda semanal de xornada partida , en horario de 9 a 14 horas e de 17 ás 19.30 horas.

2.3. Servicio de garda en fin de semana e festivos, nas modalidades de presencia física e/ou de presencia localizada. As ditas modalidades quedarán determinadas pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, en función das necesidades, da forma seguinte:

a) A presencia física durante a fin de semana e/ou festivos non poderá exceder de sete horas e trinta minutos, distribuídas entre o sábado e/ou o domingo, ou en horario continuado.

O resto da fin de semana permanecerase na modalidade de presencia localizada, en horario de 10 horas ata as 19 horas, con dispoñibilidade para desprazarse fisicamente, se é necesario, por razóns de urxencia.

b) Durante os festivos coincidentes no período de luns a vernes, nos que non sexa necesaria a presencia física, a prestación de servicios farase segundo a modalidade de presencia localizada, en horario de 10 horas a 19 horas, de modo que cando coincida un só día festivo na semana a prestación do servicio realizarase polos veterinarios que estean de garda o fin de semana siguiente. Cando coincidan dous festivos na semana o primeiro deles asignarase os veterinarios que realicen a gardas do fin de semana anterior. No se poderá acumular máis dun festivo á fin de semana.

Cando sexa necesaria a prestación dunha garda continuada de presencia física de sete horas e trinta minutos en día festivo, computarase como se se tratara dunha garda de fin de semana.

2.4. Servicio de garda de apoio en fin de semana e festivos, que suporá a prestación de gardas localizadas dun día, con dispoñibilidade para desprazarse fisicamente se é necesario, entre as 10 horas e as 19 horas.

Corresponderalle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria a determinación das necesidades, a xestión e control do cumprimento dos horarios, quendas e servicios de fin de semana e festivos, sen prexuízo das atribucións xenéricas que lles corresponden ós delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. Compensación horaria.

Os servicios de garda que supoñan ou deriven en presencia física implicarán unha compensación equivalente por hora traballada nesta modalidade. A compensación efectuarase en horario laboral, en días completos ou fraccionados ó longo dunha semana (ó inicio ou ó final do horario diario) segundo as necesidades do servicio, dentro dos trinta días hábiles seguintes ó día da súa realización.

4. Funcións que haberá que desempeñar durante a prestación de servicios de garda.

a) Na modalidade de presencia física.

As funcións que serán desempeñadas polo persoal facultativo veterinario adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no marco das súas competencias serán as seguintes:

-Exame clínico dos animais cando así sexa necesario con motivo da sospeita de EEB, ou situacións epizootolóxicas de especial gravidade.

-Detección, inspección e control de factores de risco relativos a EEB, ou de especial gravidade para a sanidade animal e saúde pública.

-Realización de análises e diagnósticos de urxencia como consecuencia de alertas epizootiolóxicas ou situacións extraordinarias de especial relevancia relacionadas coa detección da EEB, ou de especial gravidade para a sanidade animal e saúde pública.

-Toma de mostras de urxencia como consecuencia de alertas epizootiolóxicas relacionadas coa detección da EEB, ou de especial gravidade para a sanidade animal.

-Inspección e control do movemento pecuario en mercados e feiras, así como en transportes de gando. Así mesmo, efectuarase calquera control derivado dunha denuncia fundada e que non poida ser aprazada por razón da súa natureza ou do seu risco para a sanidade animal ou a saúde pública.

-Colaboración coas forzas de seguridade do Estado e autonómicas, cando esta sexa requirida por motivos de urxencia e sanidade animal e saúde pública.

-Actuacións extraordinarias derivadas do marco competencial do persoal veterinario adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

b) Na modalidade de presencia localizada.

As funcións que se deberán realizar serán as derivadas das alertas que se produzan en materia epizootiolóxica, movemento pecuario, mantementos de equipos de laboratorio de especial urxencia, e en xeral, as derivadas de funcións atribuídas ó persoal veterinario adscrito á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria de especial urxencia para a saúde pública e a sanidade animal.

5. Aspectos retributivos.

O persoal facultativo dos servicios veterinarios oficiais de Galicia asignados á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, polo cumprimento das condicións especiais de traballo antes descritas, percibirá as seguintes contías retributivas, todas elas en concepto de complemento de productividade:

PrestaciónRetribución (ptas.)

Por quenda de gardas localizadas de tardes (punto 2.1)36.000

Por quenda de xornada partida (punto 2.2)49.700

Por servicio de gardas en fin de semana e festivos (punto 2.3)20.000

Por servicio de garda en apoio en fin de semana e festivos (punto 2.4)10.000

A aplicación orzamentaria do complemento de productividade establecido segundo a actividade extrordinaria que regula este acordo, e en consonancia cos módulos retributivos fixados, quedará límitada ás dotacións orzamentarias que anualmente se establezan para a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e que para o ano 2001 ascenden a cen millóns setecentas mil pesetas.

6. Mobilidade do persoal dos servicios veterinarios oficiais.

Co fin de conseguir unha maior racionalización na distribución dos recursos de persoal, poderase determina-la mobilidade dos inspectores veterinarios oficiais, postos de nivel 20, e xefes de áreas veterinarias comarcais, nos seguintes supostos:

a) Necesidade de aumenta-la dotación de inspectores veterinarios oficiais dunha comarca determinada polo incremento temporal das súas cargas de traballo.

b) Necesidade de aumenta-la dotación de inspectores veterinarios oficiais de comarca nos casos de investigación e seguimento de alertas epidemiolóxicas que se produzan na zona ou área veterinaria.

c) Cobertura de vacantes temporais en razón de licencias e permisos previstos na vixente normativa da función pública da Comunidade Autónoma de Galicia, mentres non sexan cubertas por substitutos. En ningún caso a cobertura de vacantes temporais terá unha duración superior a 3 días hábiles.

Nos casos en que, como consecuencia da mobilidade o persoal se desprace dentro da zona ou área veterinaria e para isto, voluntariamente, utilice un vehículo non oficial, o seu uso será compensado retributivamente segundo os criterios xerais de pagamento de locomoción.

A mobilidade dos efectivos en ningún caso será permanente e terá unha duración máxima de 50 días hábiles ó ano no caso dos inspectores veterinarios oficiais de comarcas e postos de nivel 20 do servicios de sanidade e producción animal, e de 25 días o

ano no caso dos xefes de área veterinaria comarcal, cumprida de modo fraccionado ou continuado.

Para os efectos de desprazamento e cumprimento do horario, computarase traballo e desprazamento efectivo, a partir da saída da oficina comarcal á que estivera asignado o persoal.

7. Ámbito territorial da prestación das condicións especiais de traballo.

A prestación das condicións especiais de traballo previstas no presente acordo, gardas e mobilidade, refírense ó ámbito da respectiva área veterinaria no caso do inspectores veterinarios oficiais de comarcas, e ó ámbito da provincia para o resto do persoal veterinario.

8. Alcance das condicións especiais de traballo para os distintos colectivos dos servicios veterinarios oficiais durante o ano 2001.

8.1. Os inspectores veterinarios oficiais de comarcas e os veterinarios de postos bases de nivel 20 prestarán os seguintes servicios:

-Unha quenda semanal (máximo 12 ó ano) de dispoñibilidade das definidas no punto 2.1.

-Un máximo de 9 gardas de fin de semana e festivos das definidas no punto 2.3.

8.2. Os xefes das áreas veterinarias comarcais prestarán os seguintes servicios:

-Un máximo de 10 quendas semanais de dispoñibilidade das previstas no punto 2.1.

-Un máximo de 8 gardas de fin de semana e festivos das definidas no punto 2.3.

8.3. O persoal veterinario de postos base de nivel 20 do Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Galicia (Lugo) realizará as seguintes prestacións extraordinarais:

-Un máximo de 9 gardas de fin de semana e festivos o ano das definidas no punto 2.3.

-Un máximo de 8 quendas de xornada partida das previstas no punto 2.2.

8.4. O restante persoal do Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Galicia (Lugo) realizará as seguintes prestacións extraordinarais:

-Un máximo de 1 garda de fin de semana e festivos das definidas no punto 2.3.

-Un máximo de 8 quendas de xornada partida das previstas no punto 2.2.

8.5. O restante persoal dos servicios veterinarios oficiais realizará as seguintes prestacións extraordinarais:

-Un máximo de 10 quendas semanais de dispoñibilidade das previstas no punto 2.1.

-Un máximo de 3 gardas de fin de semana e festivos das definidas no punto 2.3.

8.6. Os servicios extraordinarios previstos no punto 2.4. serán voluntarios, e poderán ser establecidos pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, por razóns de necesidade, no marco das condicións retributivas deste acordo.

9. Comisión de seguimento.

Créase unha comisión para o seguimento do recollido no presente acordo, onde estarán representados de xeito paritario os representantes da Administración e os dos sindicatos asinantes. No prazo de dous meses anteriores á expiración da súa vixencia, esta comisión elaborará un informe onde se recolla a análise da súa aplicación, a persistencia ou non das circunstancias que motivaron o seu establecemento, e, en caso afirmativo analizarán o incremento da carga de traballo estimada para o novo exercicio para a súa remisión á Inspección Xeral de Servicios.

10. Compromiso de diálogo.

As partes asinantes do acordo, recoñecendo a necesidade dunha nova regulación dos servicios veterinarios, que para a Administración deberá encadrarse no futuro desenvolvemento regulamentario da lei que cree a Escala de Sanidade e Producción Animal, establecerá mecanismos de diálogo permanentes a través da mesa correspondente. Neste marco de diálogo os representantes dos traballadores comprométense a non levar a cabo medidas de presión durante a vixencia do acordo.

Santiago de Compostela, 5 de xuño 2001.