Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 24 de xullo de 2001 Páx. 10.134

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2001 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xullo de 2001, polo que se modifica a relación de postos de traballo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A entrada en vigor da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, supón unha maior intervención da Comunidade Autónoma na defensa xudicial dos menores, na execución de medidas e no número de menores atendidos ó seren diferentes os tramos de idade previstos pola nova lei. Para poder facer fronte a estas novas funcións créanse diferentes postos de persoal funcionario e laboral na relación de postos de traballo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

En consecuencia, por proposta da devandita consellería, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma de Galicia e a Comisión de Persoal, o

Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de dous mil un,

ACORDO:

Primeiro.-Modifica-la vixente relación de postos de traballo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos termos que se sinalan nos anexos a este acordo.

Segundo.-Ordena-la publicación da dita modificación no Diario Oficial de Galicia para efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte a ela.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do doce de xullo de dous mil un, relativo á modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa finalidade de cumpri-lo dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Modificacións:

No DOG nº 184, do 22-9-1998, na páxina 10.536, no centro de destino ALBERGUE XUVENIL DE GANDARÍO (BERGONDO), no posto FA.C99.40.101.15080.001. DIRECTOR ALBERGUE, na columna Corpo/escala engádese DOCENTE.