Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 20 de xullo de 2001 Páx. 9.946

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 170/2001, do 20 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Carnota, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto básico de saneamento integral de Carnota (fase II).

O Concello de Carnota, en sesión celebrada o día 22 de febreiro de 2001, aprobou o proxecto básico de saneamento integral de Carnota (fase II) e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de xuño de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada

no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de abril de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, se trata de completa-lo proxecto global de saneamento de Carnota, dividido en dúas fases das que a primeira xa foi aprobada e executada, e a segunda sen executar. Tamén vén imposta por imperativo legal derivado da directiva europea nº 271, do 21 de maio de 1991, na que se impón un prazo límite ata o 1 de xaneiro de 2001, para a instalación de sistemas colectores en poboacións de máis de 15.000 habitantes, sendo o caso deste concello, que, ademais posúe financiamento da obra con cargo ós fondos europeos e cun prazo de execución que remata a finais do ano 2001.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Carnota para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto básico de saneamento integral de Carnota (fase II).

Santiago de Compostela, vinte de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais