Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 20 de xullo de 2001 Páx. 9.945

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 168/2001, do 19 de xullo, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, a favor do Servicio Galego de Saúde, dun soar de 166.000 metros cadrados, propiedade do Concello de Lugo, no lugar de San Cibrao, para a construcción dun novo hospital.

O Pleno do Concello de Lugo en sesión que tivo lugar o 30 de decembro de 1999, rectificada por outra do 28 de xuño de 2000, acordou segregar e cederlle gratuitamente ó Servicio Galego de Saúde unha parcela de 188.100 metros cadrados, sita na zona de San Cibrao para a construcción dun novo hospital.

Con data do 13 de setembro de 2000 asinouse o convenio de cooperación entre o Servicio Galego de Saúde da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, no que se determina que a parcela que se vai ceder ten unha superficie de 166.000 metros cadrados, polo que se procedeu a unha segregación autorizada mediante Decreto da alcaldía número 135/2001, do libro de resolucións de contratación.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas e afectacións impostas sobre aqueles supera o seu valor intrínseco. Non se considerarán carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

1. Acéptase a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Lugo a favor do Servicio Galego de Saúde, dunha parcela dunha superficie de 166.000 metros cadrados para a construcción dun novo hospital.

2. O soar cedido está situado no lugar de San Cibrao, no concello de Lugo, e ten unha superficie de 166.000 metros cadrados. As súas extremas son as seguintes:

Norte: restos da parcela matriz.

Sur: vía de Galegos a Cima de Vila.

Leste: vía de Galegos a Cima de Vila.

Oeste: vía de Galegos a Astrar.

Artigo segundo.

O inmoble acéptase segundo o establecido nos artigos 23.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e 38 do seu regulamento, para a construcción dun novo hospital.

Artigo terceiro.

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais