Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 19 de xullo de 2001 Páx. 9.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 165/2001, do 29 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización do proxecto de obra número 116 Plan de Obras e Servicios 2000, Outeiro de Rei, alargamento e mellora da estrada provincial de Outeiro de Rei por Arcos a Castro, do punto quilométrico 2,200 ó 3,500 (concello de Outeiro de Rei).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 21 de xullo de 2000, aprobou o proxecto de obra nº 116 Plan de Obras e Servicios 2000.

Outeiro de Rei. Alargamento e mellora da estrada provincial de Outeiro de Rei por Arcos a Castro, punto quilométrico 2,200 ó punto quilométrico 3,500, e na sesión do día 30 de marzo de 2001, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de xuño de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, trátase de adecuar e moderniza-la rede provincial de estradas para adaptalas ó tráfico cada vez máis intenso, alargando o radio das curvas, na súa parte interior, ou facendo un novo trazado da calzada. A obra afecta á estrada da zona coñecida como Terra Chá e é a estrada provincial que intercomunica as localidades de Rábade e Outeiro de Rei con Castro de Ribeiras de Lea, localidade que ten os servicios comarcais do Mercado de Gando, Hospital Psiquiátrico e a Granxa Provincial, sendo tamén a vía de acceso coa N-VI e a A-9.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil un

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de obra nº 116 Plan de Obras e Servicios 2000. Outeiro de Rei. Alargamento e mellora estrada provincial de Outeiro de Rei por Arcos a Castro, punto quilométrico 2,200 ó punto quilométrico 3,500.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais