Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 19 de xullo de 2001 Páx. 9.862

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 164/2001, do 29 de xuño, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Por Decreto 120/2000, do 19 de maio, creouse o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, por segregación do colexio nacional.

O devandito colexio, reunido en Asemblea Constituínte, celebrada o día 16 de decembro de 2000, procedeu á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a cualificación da súa legalidade e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal informou favorablemente sobre a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais

ANEXO

Capítulo I

Natureza, competencia e funcións

Artigo 1º.-Natureza e réxime xurídico.

O Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia é unha corporación de dereito público, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

O Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia rexerase por estes estatutos e a lexislación autonómica e estatal aplicable, sen prexuízo das leis que regulen o exercicio da profesión, así como polos regulamentos de réxime interior, os que non poderán ir contra o disposto nestes estatutos.

Artigo 2º.-Principios constitutivos, ámbito territorial, sede, emblema.

Son principios constitutivos da estructura e funcionamento do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia a igualdade dos seus membros ante as normas colexiais, a electividade de tódolos cargos colexiais, a adopción democrática dos acordos e a súa liberdade de actuación dentro do respecto das leis.

O seu ámbito territorial é o da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa sede está situada na cidade de Santiago de Compostela.

O emblema do colexio estará constituído por un anagrama inspirado na letra grega psi.

Artigo 3º.-Fins.

1. Son fins do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia:

a) O ordenamento do exercicio da profesión de psicólogo en tódalas súas formas e especialidades, a representación exclusiva dela e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

b) Vixia-lo exercicio da profesión, facilitando o coñecemento e cumprimento de todo tipo de disposicións legais que afecten á profesión de psicólogo, e facendo cumpri-la ética profesional e as normas deontolóxicas do psicólogo, así coma velar polo adecuado nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados; para iso promoverá a formación e perfeccionamento destes e cooperará na mellora dos estudios da licenciatura en psicoloxía.

c) Fomenta-la promoción e desenvolvemento técnico e científico da profesión e da ciencia psicolóxica, a solidariedade profesional e o servicio da profesión á sociedade.

2. Para o cumprimento dos seus fins o colexio relacionarase coa Administración autonómica a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e con aquelas que presenten a titularidade nos diferentes ámbitos de intervención profesional.

3. Dentro dos correspondentes marcos competenciais o COPG poderá establecer tamén relacións con outras administracións, institucións e organismos de dentro e fóra de Galicia.

4. O COPG relacionarase igualmente con outras asociacións e colexios profesionais. Participará, así mesmo, no Consello Xeral de Colexios de Psicólogos do Estado español de acordo á lexislación e normativa que sexa de aplicación.

Artigo 4º.-Funcións.

Para o cumprimento dos seus fins, o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia exercerá as seguintes funcións:

a) Facilitarlles ós seus colexiados o exercicio da profesión procurando o maior nivel de emprego entre

eles así como o seu perfeccionamento profesional continuado, colaborando coas administracións públicas e a iniciativa privada en canto sexa necesario.

b) Asesora-la representación e defensa da profesión diante da Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten ós intereses profesionais, podendo exercita-lo dereito de petición conforme a lei e propoñer cantas reformas lexislativas estime xustas para a defensa da profesión.

c) Asumi-la representación da psicoloxía profesional galega no ámbito estatal e, se é o caso, no internacional.

d) Ordenar no seu ámbito competencial o exercicio profesional velando para que se desempeñe dignamente e conforme a criterios deontolóxicos e con respecto dos dereitos dos particulares, exercendo para o efecto a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial nos termos provistos na lei e nestes estatutos.

e) Garantir unha eficaz organización e funcionamento colexial promovendo a participación e o funcionamento de seccións e comisións especializadas e fomentando as actividades e servicios comúns de interese colexial e profesional na orde cultural, asistencial e de previsión. A estes efectos poderá establece-la colaboración con outros colexios ou entidades.

f) Administra-la economía colexial mediante a elaboración e aprobación de orzamentos anuais de ingresos e gastos, repartindo equitativamente as cargas coa fixación de cotas e achegas, coas facultades de recadación e xestión necesarias.

g) Organizar actividades de perfeccionamento e actualización científico-profesional dos colexiados na orde formativa e investigadora, tales como cursos, xornadas, congresos, publicacións, e cantas outras se orienten ós obxectivos citados.

h) Elabora-las normas deontolóxicas, elixi-la Comisión Deontolóxica do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia e aproba-lo seu regulamento de funcionamento, que se axustarán ó disposto na normativa deontolóxica promulgada polo Consello Xeral de Colexios de Psicólogos do Estado Español.

i) Defende-los colexiados e colexiadas no exercicio dos dereitos que lles correspondan polo desenvolvemento das súas funcións profesionais ou con ocasión delas.

j) Procura-la harmonía e colaboración entre os colexiados impedindo a competencia desleal entre eles, mesmo intervindo en vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre eles, así como, se é o caso, resolver por laudo por instancia dos interesados as discrepancias xurdidas no cumprimento das obrigas dimanantes do exercicio da profesión.

k) Adopta-las medidas conducentes a evita-lo intrusismo profesional denunciando e perseguindo ante a Administración e os tribunais de xustiza os casos que sexan coñecidos pola Xunta de Goberno.

l) Establecer táboas de honorarios por actos profesionais, que terán carácter meramente orientativo.

m) Informar, nos termos previstos nas disposicións aplicables, os proxectos de lei e disposicións de calquera outro rango que se refiran ás condicións xerais do exercicio profesional, incluso titulación requirida, incompatibilidades con outras profesións, así como exercer cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración pública colaborando con ela para o mellor cumprimento dos seus fins.

n) Participar nos consellos e organismos consultivos das distintas administracións públicas en materias da súa competencia profesional, informa-los plans de estudio propios da titulación de psicólogo, colaborar na formación práctica dos futuros titulados e prepara-la información necesaria para facilita-lo acceso á vida profesional dos novos psicólogos.

o) Facilitarlles ós tribunais de xustiza a relación de colexiados que poidan ser requiridos como peritos en asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmo cando proceda.

p) Emitir informes e dictames en procedementos xudiciais e administrativos nos que se susciten cuestións que afecten a materias de competencia profesional.

q) Cumprir e facer cumprir ós colexiados os estatutos profesionais e regulamentos colexiais así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

r) Velar pola correcta distribución e uso das probas e material psicolóxico.

s) Crear seccións profesionais e delegacións territoriais e elabora-los seus regulamentos respectivos.

t) Cantas outras funcións lle atribúan as disposicións legais ou redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados ou da profesión.

Capítulo II

Da adquisición, denegación e perda da condición de colexiado

Artigo 5º.-Incorporación ó colexio. Clases.

Teñen dereito a se incorporar ó colexio os licenciados e doutores en psicoloxía, os licenciados e doutores en filosofía e letras -sección ou rama psicoloxía- e os licenciados e doutores en filosofía e ciencias da educación -sección ou rama psicoloxía-. Poderán tamén incorporarse ó colexio quen obtivesen a homologación do seu título académico a calquera das titulacións anteriormente mencionadas, conforme o sistema xeral de recoñecemento de títulos de ensinanza superior legalmente establecido.

A incorporación ó colexio poderá realizarse como colexiado exercente e como colexiado non exercente.

Necesariamente, serán non exercentes aqueles colexiados que ostenten a titulación de doutor en psicoloxía, de doutor en filosofía e letras -sección ou rama psicoloxía- e doutor en filosofía e ciencias da educación -sección ou rama psicoloxía- sen presentar á vez o título de licenciado en psicoloxía, licenciado en filosofía e letras -sección ou rama psicoloxía- ou licenciado en filosofía e ciencias da educación -sección ou rama psicoloxía- ou obtivesen a homologación do seu título académico a calquera das titulacións anteriormente mencionadas, conforme o sistema xeral de recoñecemento de títulos de ensinanza superior legalmente establecido.

Para obte-la colexiación, ademais de ostenta-la titulación requirida, haberá de solicitarse por escrito á Xunta de Goberno, aportando a correspondente documentación acreditativa, e abona-las cotas correspondentes.

Artigo 6º.-Obrigatoriedade de colexiación.

A incorporación ó Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia é obrigatoria, na modalidade de exercente, para todos aqueles que, posuíndo a titulación oficial, exerzan a profesión de psicólogo co seu domicilio profesional único ou principal en Galicia.

Os profesionais incorporados a un colexio de psicólogos con distinto ámbito territorial que desexen exercer de forma ocasional ou secundaria na Comunidade Autónoma de Galicia deberán cursar ó COPG comunicación da súa actuación.

Artigo 7º.-Causas de denegación.

A colexiación só poderá ser denegada nos seguintes casos:

a) Por carecer da titulación requirida.

b) Por non abona-las cotas colexiais correspondentes.

c) Por terse dictado sentencia firme contra do interesado que o condene a inhabilitación para o exercicio profesional.

O acordo denegatorio de colexiación, que haberá de comunicárselle ó solicitante debidamente razoado, non esgota a vía administrativa.

Artigo 8º.-Perda da condición de colexiado.

Pérdese a condición de colexiado:

a) A petición propia, comunicada por escrito, sen prexuízo das obrigas profesionais ou corporativas pendentes de cumprimento.

b) Por pena de inhabilitación para o exercicio profesional imposta por sentencia xudicial firme.

c) Por falta de pagamento da cota colexial ou outras achegas establecidas polo colexio, durante un prazo superior a seis meses, e previos audiencia e requirimento fidedigno de pago efectuado polo colexio no que se establecerá un termino de prórroga doutros dous meses.

d) En cumprimento de sanción disciplinaria imposta, conforme o previsto nestes estatutos.

A Xunta de Goberno poderá acorda-la suspensión cautelar da colexiación a partires do coñecemento fidedigno da apertura de xuízo oral ou procesamento dun colexiado por delicto que na súa condena poida levar aparellada a inhabilitación profesional. Esta decisión haberá de adoptarse mediante resolución motivada, logo de audiencia do interesado e a instrucción do correspondente expediente.

Artigo 9º.-Reincorporación ó colexio.

A reincorporación ó colexio rexerase polas mesmas normas da incorporación, debendo acredita-lo solicitante, se é o caso, o cumprimento da pena ou sanción, cando este fose o motivo da súa baixa. Cando o motivo fose a falta de pagamento de cotas ou achegas, o solicitante haberá de satisface-la débeda pendente, máis os seus intereses legais desde a data do requirimento.

Artigo 10º.-Membros de honra.

A Xunta de Goberno poderá outorga-lo nomeamento de membro de Honra do Colexio ás persoas que, polos seus merecementos científicos, técnicos ou profesionais, sexa cal fose a súa titulación, contribuíran ó desenvolvemento da psicoloxía ou da profesión de psicólogo. O nomeamento terá mero carácter honorífico, sen prexuízo da participación na vida colexial e nos servicios do colexio que poidan establece-las normas regulamentarias.

Capítulo III

Dos dereitos e deberes dos colexiados e colexiadas

Artigo 11º.-Dereitos dos colexiados/as.

Son dereitos dos colexiados/as no Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia:

a) Exerce-la profesión de psicólogo.

b) Ser asistidos/as, asesorados e defendidos/as polo colexio, de acordo cos medios de que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, en cantas cuestións se susciten con motivo do exercicio profesional.

c) Ser representados pola Xunta de Goberno do colexio, cando así o soliciten, nas reclamacións de calquera tipo dimanantes do exercicio profesional.

d) Utiliza-los servicios e medios do colexio nas condicións que regulamentariamente se fixen.

e) Participar como elector ou elixible en cantas eleccións se convoquen no ámbito colexial, intervir de xeito activo na vida do colexio e ser informado das actuacións dos seus órganos de goberno.

f) Participar nas sesións da Xunta Xeral.

g) Formar parte das comisións e seccións segundo o que regulamentariamente se estableza.

h) Presentar á Xunta de Goberno escritos de suxestión, petición ou queixa e recibir dela a contestación oportuna.

i) Recibir información regular sobre a actividade colexial e canta sexa de interese profesional a través dos medios de difusión informativa dos que o colexio dispoña.

Ós colexiados non exercentes só lles serán de aplicación os dereitos recollidos nos apartados d), e) exceptuando a posibilidade de ser elixibles-, f), g), h) e i) do presente artigo.

Artigo 12º.-Deberes dos colexiados/as.

Son deberes dos colexiados/as no Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia:

a) Exerce-la profesión eticamente e en particular conforme ás normas deontolóxicas establecidas no Código Deontolóxico do Psicólogo promulgado polo colexio.

b) Cumpri-las normas corporativas, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio.

c) Abona-las cotas e achegas establecidas.

d) Comunicarlle ó colexio, dentro do prazo de trinta días, os cambios de residencia ou domicilio.

e) Desempeñar responsablemente os cargos para os que fose elixido e as responsabilidades que lle fosen encomendadas.

f) Non prexudica-los dereitos profesionais ou corporativos doutros colexiados/as.

g) Cooperar coa Xunta de Goberno nas cuestións de interese xeral, e en particular, prestar declaración e facilitar información nos asuntos de interese colexial cando lle sexa requirido, sen prexuízo do segredo profesional.

Para os colexiados non exercentes só serán de aplicación os deberes contemplados nos apartados b), c), d), f) e g) do presente artigo.

Capítulo IV

Dos principios básicos reguladores do exercicio profesional

Artigo 13º.-Definición da actividade do psicólogo.

O Colexio Oficial de Psicólogos asume como propio, o establecido na Clasificación Uniforme de Ocupacións Comunitaria, CIUO-88 (COM) adoptada pola Unión Europea e incorporada por España como Clasificación Nacional de Ocupacións (CON-94) polo Real decreto 917/1994, do 6 de maio, e en consecuencia corresponden ó psicólogo as seguintes funcións:

Os psicólogos investigan e estudian os procesos mentais e o comportamento dos seres humanos, individualmente ou como membros de grupos ou sociedades, e asesoran sobre estes coñecementos ou aplícanos co fin de promove-la adaptación e desenvolvemento tanto individual como social, educativo ou profesional das persoas.

As súas tarefas inclúen as seguintes:

a) Idear, organizar e efectuar ensaios psicolóxicos para determina-las características mentais, físicas e doutro tipo das persoas, por exemplo no que se refire a intelixencia, facultades, aptitudes e disposicións, interpretar e avalia-los resultados e brindar asesoramento ó respecto.

b) Analiza-la influencia dos factores hereditarios, sociais, profesionais e doutro xénero sobre a maneira de pensar e o comportamento de cada persoa.

c) Realizar entrevistas de carácter terapéutico ou consultivo e prestar servicios de apoio ou orientación ulterior.

d) Mante-los contactos necesarios con familiares, autoridades, docentes ou empregadores e recomendar cómo resolver ou trata-los problemas.

e) Estudia-los factores psicolóxicos no diagnóstico, tratamento e prevención de enfermidades mentais e trastornos emocionais ou da personalidade, e consultar con profesionais de ramas conexas.

f) Preparar relatorios e informes de carácter académico ou científico.

g) Desempeñar tarefas afines.

h) Supervisar a outros traballadores.

Artigo 14º.-Exercicio da profesión.

A profesión de psicólogo pode exercerse de maneira liberal, individual ou asociadamente, e tamén a través de relación de natureza laboral con calquera empresa pública ou privada ou, se procede, a través de relación de natureza funcionarial.

En todo caso, a actuación profesional haberá de ser conforme coas normas deontolóxicas contidas no Código Deontolóxico do Psicólogo aprobado polo colexio.

Artigo 15º.-Fundamentos do exercicio da profesión.

O exercicio da profesión baséase na independencia de criterio profesional, a adecuada atención ó cliente e o servicio á comunidade.

a) O psicólogo non debe aceptar ningún traballo que atente contra a súa autonomía profesional, ou aqueles nos que se susciten problemas que non poidan ser asumidos no estado actual da técnica.

b) O psicólogo deberá manter unha formación científica e técnica continuada, para obter unha mellor capacitación profesional.

c) Nos seus traballos, informes e diagnósticos, deberá distinguir coidadosamente o que presenta a nivel de hipótese, daquelas conclusións que poidan considerarse fundamentadas.

d) O psicólogo ten o dereito e o deber de garda-lo segredo profesional.

Artigo 16º.-Publicidade e competencia desleal.

O psicólogo estará sometido, en canto á oferta de servicios e fixación da súa remuneración, á lexislación sobre defensa da competencia, competencia desleal e publicidade. Estará prohibida en calquera caso a propaganda enganosa, a que ofreza mellores condicións económicas e a que ofreza garantías nos tratamentos.

O psicólogo debe procurar, consonte cos usos científicos, a comunicación do seu saber á comunidade profesional.

Artigo 17º.-Dereitos do cliente e/ou usuario.

O cliente, e, se é o caso, os seus representantes legais, deben coñece-los obxectivos e posibles consecuencias de calquera proceso ou tratamento que vaia realizarse.

En todo caso, o psicólogo respectará a autonomía, liberdade de decisión e dignidade do cliente e/ou usuario. Cando se atope diante de intereses persoais ou institucionais contrapostos, procurará o psicólogo realiza-la súa actividade coa máxima imparcialidade. A prestación de servicios nunha institución non exime da consideración, respecto e atención ás persoas que poidan entrar en conflicto coa institución mesma e das que o psicólogo, naquelas ocasións nas que lexitimamente proceda, haberá de facerse valedor ante as autoridades institucionais.

Artigo 18º.-Traballos escritos.

Tódolos traballos profesionais que teñan que emitirse documentalmente, tales como informes, dictames, diagnósticos, e análogos, deberán ser asinados polo profesional, expresando o seu número de colexiado e responsabilizándose do seu contido e oportunidade.

Capítulo V

Da organización do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia

Artigo 19º.-Creación de seccións profesionais.

Para o mellor cumprimento dos fins colexiais nos distintos ámbitos de intervención psicolóxica, e o desenvolvemento da ciencia psicolóxica, o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia poderá crear seccións que se rexerán polo seu Regulamento de réxime interior e polo disposto nestes estatutos.

Artigo 20º.-Seccións. Ámbito e composición.

A sección agrupa a todos aqueles colexiados e colexiadas no COPG integrados/as nun ámbito disciplinario de especialidade profesional cunha identidade definida e recoñecida, e que cumpren os requisitos específicos de formación ou experiencia científica e profesional establecidos regulamentariamente para pertencer a ela.

A sección abarcará o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 21º.-Seccións. Regulamento marco.

A Xunta Xeral aprobará, por proposta da xunta de goberno, un Regulamento marco das seccións profesionais que contemplará os seguintes puntos:

a) Natureza, fins e funcións.

b) Da constitución, modificación e disolución das seccións. Do seu regulamento de réxime interior.

c) Membros. Da adquisición e perda da condición de membro. Dereitos e deberes dos/as membros.

d) Competencias dos órganos de goberno.

e) Réxime económico e administrativo.

Artigo 22º.-Seccións. Fins e funcións.

1. Os fins e funcións de cada sección deberán ser establecidos no seu regulamento e axustaranse ó disposto nestes estatutos e no Regulamento marco das seccións.

2. Deberán contemplarse cando menos os seguintes fins:

a) Potencia-lo desenvolvemento científico, técnico e profesional, a investigación e a formación, no ámbito disciplinario da sección.

b) Promove-la cooperación e o intercambio de información e experiencia profesional entre os membros da sección.

c) Velar polo exercicio competente da profesión no ámbito que lle é propio, e pór unha práctica da profesión acorde co Código Deontolóxico do Psicólogo establecendo se é o caso, os criterios ou requisitos de cualificación recomendables para un adecuado exercicio profesional.

3. Entre as funcións deberán contemplarse as seguintes:

a) Funcións de potenciación do desenvolvemento científico profesional a través da organización de actividades de intercambio científico e profesional (congresos, xornadas, cursos de formación, etc.), das publicacións periódicas e non periódicas, do apoio e iniciativa na realización de investigacións ou estudios específicos, e doutras, que se é o caso, poidan contribuír a este fin.

b) Funcións que permitan velar polo prestixio da profesión entre as que cabe menciona-la acreditación de profesionais e dos programas de formación de posgrao dese ámbito específico.

Artigo 23º.-Seccións. Órganos de goberno.

As seccións dotaranse de dous órganos de goberno: a Asemblea de Socios e a Xunta Directiva.

A asemblea de socios é o órgano supremo da sección e estará constituída por todos os membros da sección, coas obrigas e dereitos que se establezan nos regulamentos correspondentes.

A Xunta Directiva, elixida na Asemblea de Socios, estará constituída polo presidente/a, o vicepresidente/a, o secretario/a, o tesoureiro/a, e un mínimo de tres vocais.

Artigo 24º.-Requisitos para a creación dunha sección.

a) A sección deberá representar un ámbito de identidade disciplinar e profesional recoñecido.

b) Constitución dunha comisión xestora que dirixirá a solicitude de creación á Xunta de Goberno avalada por un mínimo de 30 colexiados e acompañada dun informe xustificativo da conveniencia e identidade disciplinaria e profesional que abarcaría a sección.

c) Presentación á Xunta de Goberno para a súa aprobación de proposta de Regulamento de réxime interior axustado ó de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo comúnegulamento marco de seccións do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

d) Aprobación da súa creación polos órganos de goberno competentes do colexio, previa satisfacción do procedemento que se prevea no Regulamento marco de seccións do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Artigo 25º.-Creación de delegacións territoriais.

Para o mellor cumprimento dos seus fins o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia poderá crear delegacións provinciais que se rexerán polo seu Regulamento de réxime interior e asumirán as funcións administrativas do colexio no seu territorio de competencia.

Artigo 26º.-Requisitos para a creación dunha delegación.

Para a creación dunha delegación terán que cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que o seu ámbito administrativo e territorial de competencia se corresponda cunha das provincias galegas.

b) Constitución dunha comisión promotora formada polo menos por dez colexiados/as que dirixirá a súa petición á Xunta de Goberno xustificando a súa necesidade e viabilidade económica.

c) A petición deberá estar avalada cando menos polo 10% dos colexiados/as pertencentes ó ámbito territorial e administrativo da delegación que se desexa crear.

d) Aprobación da súa creación polos órganos de goberno competentes do colexio.

e) Preceptivamente aprobada polos citados órganos, a proposta deberá ser apoiada pola maioría dos colexiados/as do ámbito territorial e administrativo correspondente nun referendo convocado para o efecto.

Capítulo VI

Dos órganos de goberno: constitución, competencia e funcionamento.

Artigo 27º.-Órganos de representación e goberno.

O Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia dótase de dous órganos de goberno e representación colexial: a Xunta Xeral de Colexiados/as e a Xunta de Goberno.

A Xunta Xeral de Colexiados/as é o órgano supremo de decisión do colexio, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos do mesmo.

A Xunta de Goberno é o órgano executivo e de representación do colexio.

Artigo 28º.-Xunta Xeral. Convocatorias e constitución.

A Xunta Xeral, constituída por tódolos colexiados, poderá reunirse en sesión ordinaria ou extraordinaria, previa convocatoria do decano.

As sesións estarán presididas polo decano -que moderará as xuntanzas concedendo ou retirando a palabra- actuando como secretario quen o sexa da Xunta de Goberno, que levantará acta da reunión, co visto e prace do decano.

As sesións ordinarias da Xunta Xeral serán convocadas sempre cunha antelación mínima dun mes á data da súa celebración, mediante comunicación escrita a tódolos colexiados, con expresión do lugar e hora de celebración para primeira e segunda convocatoria, así como da orde do día.

A Xunta Xeral constituirase validamente en primeira convocatoria cando estean presentes a maioría absoluta dos seus membros e en segunda, que se producirá media hora máis tarde da primeira, sexa cal sexa o número de asistentes.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes tódolos integrantes e sexa declarada a urxencia do asunto por maioría simple de votos emitidos.

Artigo 29º.-Xunta Xeral. Réxime de sesións.

A Xunta Xeral realizará, alomenos, dúas xuntanzas ordinarias ó ano no segundo e último trimestre, para coñecer e decidir sobre os asuntos da súa competencia.

Poderá xuntarse con carácter extraordinario a iniciativa da Xunta de Goberno, ou por petición do dez por cento dos colexiados, que irá dirixida ó decano e que deberá expresa-la orde do día dos asuntos a tratar. O decano realizará de inmediato a convocatoria da Xunta Xeral extraordinaria para a súa celebración no prazo de trinta días e coa orde do día proposta polos solicitantes.

Artigo 30º.-Xunta Xeral. Acordos.

A Xunta Xeral adoptará as súas decisións por maioría simple, maioría absoluta ou maioría cualificada segundo o previsto nestes estatutos.

Artigo 31º.-Xunta Xeral. Competencias.

Serán competencias da Xunta Xeral as que a continuación se expresan e que se exercerán polos sistemas de maioría previstos no artigo 30º:

a) Aprobación das actas das sesións (maioría simple).

b) Coñecemento e aprobación da memoria anual de actividades, balance económico e orzamento do colexio que lle presentará a Xunta de Goberno ó comezo de cada exercicio (maioría simple).

c) Autorización para a inversión de bens colexiais por proposta da Xunta de Goberno (maioría simple).

d) Elección dunha comisión censora de contas formada por tres dos seus membros coa misión de supervisión e inspección da actividade económica e contable do colexio cando o estime oportuno (maioría absoluta).

e) Aprobación das propostas de cooptación de membros para suplir baixas na Xunta de Goberno por proposta desta (maioría absoluta).

f) Aprobación de cotas extraordinarias (maioría absoluta).

g) Nomeamento de Xunta de Goberno provisional no suposto de imposibilidade de goberno da xunta de goberno (maioría absoluta).

h) Realización de moción de censura contra a Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous tercios).

i) Aproba-lo Código Deontolóxico Profesional (maioría cualificada de dous tercios).

j) Aproba-los nomeamentos e ceses de membros da Comisión Deontolóxica e o Regulamento de funcionamento dela, por proposta da Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous tercios).

k) Aprobación do outorgamento de premios ou distincións colexiais a iniciativa propia ou por iniciativa da Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous tercios).

l) Interpreta-los estatutos e regulamentos do colexio e promove-la súa modificación, a iniciativa propia ou por proposta da Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous tercios).

m) Creación de delegacións e seccións e aprobación dos seus regulamentos a proposta e previo informe favorable da Xunta de Goberno (maioría cualificada de dous tercios).

n) Aprobación do Regulamento electoral e das modificacións a ela (maioría cualificada de dous tercios).

o) Demanda de comparecencia ante a Xunta Xeral da Xunta de Goberno ou calquera outro órgano colexial para acadar informacións que se xulguen necesarias (maioría absoluta).

p) Deliberar e acordar sobre tódalas demais cuestións que someta a súa competencia a Xunta de Goberno ou lle atribúan estes estatutos.

Artigo 32º.-Xunta de Goberno. Composición.

1. A Xunta de Goberno estará constituída polo decano-presidente/a, o vicedecano, o secretario/a, o vicesecretario/a, o tesoureiro/a e oito vocais. Adoptará as súas decisións colexiadamente dun xeito democrático.

A Xunta de Goberno será elixida cada catro anos como máximo, por elección directa de tódolos colexiados e colexiadas que votarán listas pechadas e completas con especificación de cargos e segundo o previsto nestes estatutos.

2. Cáusase baixa na Xunta de Goberno por:

a) O falecemento.

b) A expiración do termo ou prazo para o que fose elixido.

c) Padecer enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.

d) A renuncia.

e) O traslado de residencia fóra do ámbito territorial do colexio.

f) A aprobación pola Xunta Xeral dunha moción de censura.

g) Ter dictada resolución sancionatoria firme en expediente disciplinario.

h) A baixa colexial.

i) A falta de asistencia ás sesións da Xunta de Goberno, cando esta sexa inxustificada e se produza a dúas sesións consecutivas ou a tres non consecutivas no prazo de doce meses.

3. Cando a Xunta de Goberno se atope ante a imposibilidade de gobernar como consecuencia de: voto de censura, cesamento de máis da metade dos seus membros elixidos en votación directa colexial, cesamento do decano e vicedecano, ou imposibilidade material de se xuntar, a Xunta Xeral nomeará unha xunta provisional de tres integrantes que dirixirá a Administración do colexio ata a constitución dunha nova Xunta de Goberno nacida no proceso electoral que convocará no prazo máximo de dous meses.

4. Cando os cesamentos na Xunta de Goberno sexan inferiores á metade dos seus integrantes proveniente de elección directa colexial, e con excepción do decano e vicedecano, a Xunta de Goberno propoñerá os candidatos para a cobertura das vacantes á Xunta Xeral que deberá autorízalos. Os candidatos referendados pola Xunta Xeral incorporaranse á Xunta de Goberno con tódolos dereitos e obrigas propios do cargo que ocupen.

Artigo 33º.-Xunta de Goberno. Reunións e convocatorias.

A Xunta de Goberno reunirase cantas veces sexa convocada polo decano/a, por iniciativa propia ou por petición dun tercio dos seus compoñentes. En calquera caso reunirase, polo menos, unha vez cada dous meses.

A convocatoria farase polo decano a través de comunicación escrita ós seus integrantes, cunha antelación mínima de corenta e oito horas á data de reunión e con expresión da orde do día e do lugar de realización dela.

Así mesmo, estableceranse na convocatoria a hora de primeira e segunda convocatoria entre as que mediará un prazo de media hora.

A Xunta de Goberno quedará validamente constituída cando se atope presente a maioría dos seus membros na primeira convocatoria ou calquera que fose o seu número na segunda. Poderá constituírse tamén sen mediación de convocatoria formal cando, atopándose presente a totalidade dos seus integrantes, acepten por unanimidade a súa constitución.

Presidirá as reunións o decano, levantándose acta da sesión polo secretario/a co visto e prace do decano, debendo ser aprobada na mesma sesión ou na seguinte.

Artigo 34º.-Funcións dos cargos da Xunta de Goberno.

1. Corresponde ó decano/a:

a) Te-la representación do colexio, con tódolos dereitos e atribucións que se deducen das leis, regulamentos e normas colexiais.

b) Convocar, presidir, moderar e coordina-las tarefas desenvolvidas pola Xunta de Goberno.

c) Conferir apoderamento para cuestións xudiciais, logo de autorización da Xunta de Goberno.

d) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos colexiais, a apertura de contas correntes, a constitución e cancelación de todo tipo de fianzas e depósitos e o movemento de fondos de acordo coas propostas do tesoureiro.

2. O vicedecano substituirá o decano nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que o decano/a lle encomende.

3. O secretario desempeñará as seguintes funcións:

a) Redactar e dar fe das actas das sesións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Goberno.

b) Custodia-la documentación do colexio e os expedientes dos colexiados.

c) Expedir certificacións de oficio ou por instancia de parte interesada, co visto e prace do decano.

d) Expedir e tramitar comunicacións e documentos, dando conta deles á Xunta de Goberno e ó órgano competente a quen corresponda.

e) Exerce-la xefatura do persoal administrativo e de servicios necesarios para a realización das funcións colexiais, así como organizar materialmente os servicios administrativos.

f) Redacta-la memoria de xestión anual para a súa aprobación na Xunta Xeral.

g) Auxiliar ó decano na súa misión e orientar cantas iniciativas de orde técnico e socio-profesionais deban adoptarse.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

4. O/a vicesecretario/a auxiliará e compartirá as funcións do/a secretario/a e o substituirá nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade. No caso de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario e vicesecretario, un membro da Xunta de Goberno elixido por ela substituirá o secretario e desempeñara todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno que estean relacionadas co seu cargo.

5. O tesoureiro/a deberá reflecti-la súa xestión nos libros habituais, debidamente legalizados e reintegrados, asumindo a responsabilidade da recadación e custodia de fondos, coidará da execución do orzamento, pagos e contabilidade colexial e informará, polo menos trimestralmente, do seu desenvolvemento á Xunta de Goberno.

6. Os/as vocais desempeñarán os cometidos que lle sexan encomendados pola Xunta de Goberno, asistirán ás súas reunións e deliberacións e formarán parte de cada unha das comisións ou grupos de traballo que se constitúan no colexio.

Artigo 35º.-Competencias da Xunta de Goberno.

Son competencias da Xunta de Goberno:

a) Ostenta-la representación do colexio.

b) Executa-los acordos que a Xunta Xeral adopte no ámbito das súas competencias.

c) Manifestar en forma oficial e pública a opinión do colexio nos asuntos de interese profesional.

d) Presentar estudios, informes e dictames cando lles sexan requiridos ou por iniciativa propia, asesorando deste xeito á Administración. Para estes efectos a Xunta de Goberno poderá formar grupos de traballo e estudio, ou designar ós/ás colexiados/as que estime oportunos para preparar tales estudios ou informes.

e) Designar, cando fora oportuno, representantes do colexio en calquera ámbito previa consulta ós órganos do colexio directamente relacionados co obxecto da representación.

f) Acorda-lo exercicio de accións e a interposición de recursos administrativos e xurisdiccionais.

g) Propoñer á Xunta Xeral para a súa aprobación os nomeamentos ou ceses de colexiados/as integrantes da comisión deontolóxica e do seu regulamento de funcionamento e de substitutos das vacantes que se produzan na propia composición da Xunta de Goberno.

h) Propoñer á Xunta Xeral a creación de seccións e delegacións provinciais e a aprobación dos seus regulamentos.

i) Regula-los procedementos de incorporación, baixa, pago de cotas e outras achegas.

j) Exerce-las facultades disciplinarias previstas nos estatutos e máis en particular a imposición de sancións.

k) Organiza-las actividades e servicios de carácter cultural, profesional, asistencial e de previsión, en beneficio dos colexiados/as.

l) Recada-las cotas e achegas establecidas, elabora-lo orzamento e o balance anual, executa-lo orzamento, e organizar e dirixi-lo funcionamento dos servicios xerais do colexio.

m) Informar ós colexiados/as das actividades e acordos do colexio e preparar a memoria anual da súa xestión.

n) Propoñerlle á Xunta Xeral o outorgamento de premios ou distincións colexiais.

o) Resolve-los recursos contra a denegación de incorporación ó colexio.

p) Resolve-los recursos contra actos ou acordos dos órganos do Colexio Oficial de Psicólogos, cando proceda.

q) Dirimi-los conflictos que poidan suscitarse entre as seccións ou delegacións do colexio.

r) Convoca-las eleccións a órganos de goberno.

s) Someter calquera asunto de interese xeral á deliberación e acordo da Xunta Xeral.

Artigo 36º.-A comisión permanente.

A Xunta de Goberno poderá actuar en comisión permanente, que estará constituída, alomenos, polo decano, o vicedecano, o secretario, o vicesecretario e o tesoureiro. A comisión permanente asumirá as funcións que nela delegue a Xunta de Goberno en pleno.

As súas decisións deberán ser ratificadas pola Xunta de Goberno.

Capítulo VII

Da participación dos colexiados/as nos órganos de goberno e na actividade colexial. Do réxime electoral

Artigo 37º.-Dereito dos colexiados a participar na elección de cargos.

Tódolos colexiados/as teñen dereito a participar como electores para forma-los órganos de goberno do colexio, así como nas actividades científicas, sociais, culturais, organizativas ou de calquera outro tipo que desenvolva o colexio, conforme o previsto nas normas colexiais. Só poderán ser elixibles os colexiados exercentes.

Quedan exceptuados aqueles que se atopen cumprindo sanción que ocasione a suspensión dos seus dereitos colexiais.

Artigo 38º.-Constitución de grupos de traballo.

Os colexiados/as poderán crear grupos de traballo no marco colexial coa única limitación de que o obxecto delas se adecue ós fins e funcións colexiais previstos nestes estatutos. O seu funcionamento deberá ser autorizado pola Xunta de Goberno.

Artigo 39º.-Eleccións.

As eleccións á Xunta de Goberno realizaranse cada catro anos como máximo. A convocatoria de eleccións realizarase, cun mínimo de tres meses de antelación á data da súa celebración, pola Xunta de Goberno ou pola Xunta de Goberno provisoria no caso do cese da anterior. A convocatoria de eleccións especificará a composición da comisión electoral, a data de celebración delas, o calendario electoral, o procedemento de votación, escrutinio e proclamación, así como os recursos procedentes e os medios colexiais postos a disposición dos candidatos concorrentes.

Para tódolos efectos electorais só serán electores e elixibles os colexiados que teñan tal condición o día da convocatoria das eleccións. As comunicacións previstas neste capítulo só se lle remitirán a estes e só estes estarán lexitimados para interpor reclamacións e recursos sobre o proceso electoral.

Constituiranse sete distritos electorais ós que serán asignados os colexiados/as en función do seu lugar de residencia. O día da votación existirá unha mesa

electoral en cada un dos distritos situada nas súas cidades de referencia que serán Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense; sendo a mesa electoral de Santiago de Compostela a única que poderá recibir voto por correo ademais de voto directo procedente dos colexiados/as do seu distrito. Os colexiados e colexiadas só poderán votar directamente na mesa electoral do seu distrito ou por correo na mesa de Santiago de Compostela.

Artigo 40º.-Presentación e proclamación de candidaturas.

Para concorrer ás eleccións a Xunta de Goberno deberán presentarse candidaturas completas, pechadas e con expresión da persoa proposta para cada cargo, mediante escrito dirixido ó presidente/a da comisión electoral e avalado por un mínimo de 50 colexiados/as que con sinatura orixinal expresarán o seu apoio á presentación da candidatura.

Poderán presentarse candidaturas no prazo de 45 días naturais contados desde o día da convocatoria de eleccións, a partir dos cales e no prazo de cinco días a comisión electoral proclamará as candidaturas validamente presentadas comunicándollo a tódolos colexiados. Fronte a esta decisión e no prazo de cinco días calquera colexiado/a poderá presentar reclamación á proclamación, que a comisión electoral resolverá noutros cinco días realizando a proclamación definitiva.

Será elixida a candidatura a Xunta de Goberno que obteña máis votos. De haber unha única candidatura concorrente será proclamada, sen necesidade de votación, finalizado o proceso electoral. En caso de igual número de votos entre as candidaturas máis votadas repetirase o proceso electoral.

Artigo 41º.-Da comisión electoral.

A comisión electoral constituirase no momento da convocatoria de eleccións a Xunta de Goberno e nos procesos electorais realizados nas seccións ou delegacións, e ten como competencias a proclamación de candidaturas, a proclamación de resultados, a recepción e resolución de reclamacións sobre o proceso electoral, a supervisión do proceso e a adopción das medidas que xulgue oportunas para preserva-la igualdade dos colexiados/as ante este e a pureza democrática daquel, mesmo a de suspensión do proceso electoral en curso.

A comisión electoral estará formada por tres membros procedentes da comisión deontolóxica: o presidente/a e o secretario/a dela e un vocal elixido entre os seus membros que desempeñarán as mesmas funcións que lles son propias na comisión deontolóxica.

Nas súas actuacións estará especialmente apoiada polo secretario/a da Xunta de Goberno e o asesor xurídico do colexio.

Artigo 42º.-Mesas electorais.

Cinco días antes da votación constituiranse as mesas electorais en cada un dos distritos formadas

por un presidente/a, dous vocais e un secretario/a que non sexan candidatos. Os membros das mesas serán elixidos por sorteo supervisado pola comisión electoral entre os colexiados de cada distrito. Os candidatos poderán designar un interventor para cada mesa no prazo de vintecatro horas anteriores ó inicio da votación.

Artigo 43º.-Votación.

Os colexiados exercerán o seu dereito ó voto nas papeletas e sobres oficiais autorizadas polo colexio. Poderán exercelo directamente presentándose ante a súa mesa electoral na xornada electoral identificándose mediante DNI ou carné de colexiado/a ou documento acreditativo da identidade legalmente recoñecido, e depositarán o seu voto en urna precintada. O secretario/a deberá anotar nas oportunas listas o nome dos colexiados/as que depositaron o seu voto.

Artigo 44º.-Voto por correo.

Poderán, así mesmo, exerce-lo seu voto por correo, que deberá ser certificado, remitindo este ó presidente/a da mesa electoral de Santiago de Compostela en sobre pechado que incluirá a papeleta asinado ó dorso por sinatura orixinal, que irá dentro doutro, xunto coa fotocopia do carné de colexiado ou DNI do votante ou de documento acreditativo da identidade legalmente recoñecido. Só se considerarán válidos os votos por correo recibidos na mesa electoral de Santiago de Compostela antes da hora de peche da xornada electoral.

Artigo 45º.-Actas de votación e escrutinio.

Cada secretario/a de mesa levantará acta das votacións e das súas incidencias, que deberá ser asinada por tódolos membros da mesa e polos interventores se os houbera, podendo estes facer consta-las súas queixas. Terminada a votación realizarase o escrutinio, que será público, incluíndose na acta o resultado.

Serán nulas as papeletas que conteñan emendas, riscaduras ou modificacións que puideran inducir a erro e os sobres que conteñan máis dunha papeleta.

No prazo de vintecatro horas o secretario/a remitirá ó presidente/a da comisión electoral as actas de votacións e as listas de votantes. A comisión electoral resolverá, con carácter definitivo, as reclamacións dos interventores e adoptará as decisións oportunas ante as demais incidencias rexistradas.

Recibidas tódalas actas e listas de votantes a mesa electoral de Santiago de Compostela comprobará que os votos enviados por correo no prazo regulamentario corresponden a colexiados/as que non o exerceron directamente, procedendo a continuación a abri-los sobres introducindo as papeletas na urna para o seu posterior escrutinio e conservará os sobres exteriores como proba potencial ante posteriores reclamacións e remitirá acta de votación á comisión electoral.

A comisión electoral fará públicos as listas dos votantes, con especificación expresa de quen o fixo por correo, durante dez días ó final dos cales e despois de resolve-las reclamacións que puideran presentarse proclamará definitivamente os resultados e os comunicará ós colexiados e á consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de colexios profesionais.

Artigo 46º.-Anulación da elección.

Cando á vista das incidencias ou queixas formuladas, a comisión electoral decida anula-la elección nunha ou varias mesas electorais, a Xunta de Goberno procederá a convocala novamente para que se celebre no prazo máximo de dous meses, suspendendo ata entón a proclamación dos resultados finais.

Artigo 47º.-Recursos en materia electoral.

Os colexiados/as poderán presentar recurso de reposición contra das decisións da comisión electoral ante esta no prazo dun mes a partir da data de adopción da decisión recorrida, sen prexuízo dos demais recursos previstos nas leis.

Capítulo VIII

Da comisión deontolóxica

Artigo 48º.-Composición.

O Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia constituirá entre os seus membros a comisión deontolóxica que estará formada por un presidente/a, un secretario/a e tres vocais, coas atribucións propias dos seus cargos.

A comisión deontolóxica disporá de total independencia, e facultades e competencias plenas no desenvolvemento das súas funcións, dispondo de cantos medios reclame entre os do colexio para o exercicio do seu cometido.

Artigo 49º.-Elección.

Os membros da comisión deontolóxica coas expresións do cargo que ocuparán nesta serán elixidos ou cesados pola Xunta Xeral, co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, por proposta da Xunta de Goberno que a formulará así mesmo co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus integrantes.

A comisión deontolóxica será elixida para un período de catro anos. Os seus integrantes non poderán en ningún caso volver a ser elixidos para a mesma función ata catro anos despois da finalización do seu cometido.

Artigo 50º.-Competencias.

A comisión deontolóxica ten como competencias:

a) Emitir informes de carácter vinculante no referido á cualificación disciplinaria dos actos profesionais que se someta á súa valoración por razóns deontolóxicas e consultivo en tódolos demais temas relacionados coa normativa deontolóxico-profesional.

b) Promover comportamentos éticos no exercicio da profesión a través dos instrumentos educativos que xulgue oportunos.

c) Desenvolve-lo código deontolóxico, as normas reguladoras do correcto exercicio profesional e a normativa reguladora dos procedementos de actuación propios da comisión.

d) Constituí-la comisión electoral cando proceda desempeñando as funcións que lle son propias.

Artigo 51º.-Funcionamento.

Os sistemas de funcionamento e adopción de decisións da comisión deontolóxica estableceranse regulamentariamente. En calquera caso deberá adopta-los seus acordos por maioría absoluta.

A Comisión Deontolóxica presentará ante a Xunta Xeral informes anuais da súa actividade sen prexuízo da protección da información de carácter confidencial que obtivese como froito das súas actuacións.

Capítulo IX

Do réxime económico e administrativo. Da comisión censora de contas

Artigo 52º.-Recursos económicos e patrimonio do colexio.

O colexio deberá contar cos recursos necesarios para o cumprimento dos seus fins, estando obrigados os colexiados a contribuír ó seu sostemento na forma regulamentaria.

Artigo 53º.-Procedencia dos recursos económicos do colexio.

Son recursos económicos do colexio aqueles procedentes da recadación das cotas ordinarias, extraordinarias e de incorporación de colexiados, da percepción de taxas ou pagos por servicios, da recepción de subvencións, legados ou doazóns e da obtención de rendementos da actividade colexial, publicacións, dictames ou informes e dos seus propios bens e dereitos.

A recadación e xestión dos recursos económicos é competencia da Xunta de Goberno.

Artigo 54º.-Orzamento e balance económico.

Cada ano natural a Xunta de Goberno elaborará balances económicos e orzamentos anuais que incluirán a totalidade de gastos e ingresos colexiais así como a distribución de recursos entre as diferentes estructuras organizativas do colexio, e que presentará á Xunta Xeral para a súa aprobación.

Artigo 55º.-Execución do orzamento anual.

A execución do orzamento e a dirección dos servicios do colexio estarán a cargo da Xunta de Goberno, sen prexuízo das funcións que poidan atribuírse a seccións e delegacións.

Artigo 56º.-Da comisión censora de contas.

A Xunta Xeral elixirá por maioría absoluta a comisión censora de contas formada por tres dos seus membros que poderán examina-la contabilidade colexial cando o estimen oportuno, estando obrigados

ó segredo sobre o coñecido no exercicio da súa función sen prexuízo da súa obriga de informar das súas actuacións á Xunta Xeral.

O seu funcionamento deberá establecerse regulamentariamente.

A Xunta de Goberno garantirá en todo momento o libre acceso da comisión censora de contas á documentación contable que requira para o cumprimento da súa función.

Artigo 57º.-Disolución do colexio.

A disolución do colexio non poderá efectuarse máis que por cesación dos seus fins, previo acordo da Xunta Xeral. A disolución, unha vez acordada pola Xunta Xeral, requirirá a aprobación por decreto.

No caso de disolución do colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora, sometendo á Xunta Xeral propostas do destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigacións pendentes, adxudicándollos a calquera entidade non lucrativa de ámbito galego que cumpra funcións relacionadas coa psicoloxía e de interese social.

Artigo 58º.-Publicidade dos acordos.

Os acordos e normas colexiais deberán ser publicados, ben mediante a súa inserción no órgano de información pertinente do colexio, ben mediante circular, de forma que poidan ser coñecidos por tódolos colexiados.

Notificaranse individualmente ós interesados os acordos que afecten os seus dereitos e intereses.

Artigo 59º.-Arquivo de actas.

O arquivo e conservación de actas dos diversos órganos colexiais, así coma a documentación contable, se levarán polos sistemas técnicos adecuados, sempre que garantan suficientemente a autenticidade.

Artigo 60º.-Sometemento ás leis e estatutos dos actos colexiais.

Tódolos actos do colexio estarán sometidos, no non previsto especificamente nos presentes estatutos, ás normas legais e regulamentarias aplicables, concretamente á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As notificacións deberán ser cursadas no prazo de dez días a partir da data na que o acto fose dictado, e deberá conte-lo texto íntegro da resolución, con indicación de se é ou non definitivo na vía administrativa, a expresión dos recursos que procedan, órgano ante o que houberan de presentarse e prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que os interesados podan exercitar, no seu caso, calquera outro que estimen procedente.

Artigo 61º.-Nulidade e anulabilidade dos actos dos órganos colexiais.

Cando o colexio actúe como entidade de dereito público, serán nulos de pleno dereito os seguintes actos dos órganos colexiais:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os dictados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou o territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se dicten como consecuencia desta.

e) Os dictados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ó ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

Artigo 62º.-Revisión de actos nulos.

Cando o decano teña coñecemento da existencia dun acto nulo ou anulable, dictado no exercicio de funcións públicas, actuará conforme as disposicións legais establecidas para a revisión de actos nulos, anulables ou establecidas para a revocación de actos administrativos.

Unha vez iniciado o procedemento de revisión de oficio, o decano poderá declara-la suspensión da execución do acto.

Artigo 63º.-Recursos contra os actos dos órganos colexiais.

O réxime de recurso estará suxeito, en tanto o colexio actúe en exercicio de funcións públicas, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra os actos e acordos dos órganos de goberno de sección e delegacións poderá interpoñerse recurso diante da Xunta de Goberno.

Contra os actos e acordos da Xunta de Goberno que non poñan fin á vía administrativa poderá interpoñerse recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou o acordo, que terá por esgotada a vía administrativa.

Con carácter extraordinario cabe recurso de revisión contra dos actos dos órganos colexiais que esgoten a vía administrativa, que se tramitará acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Asemade, poderá solicitarse pola parte interesada e acordarse a suspensión dos actos obxecto de recurso na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Capítulo X

Do réxime disciplinario e de distincións

Artigo 64º.-Aceptación da disciplina colexial.

Por virtude da colexiación, os colexiados aceptan o réxime disciplinario do colexio, que integra as competencias para previr e corrixir exclusivamente as infraccións dos deberes colexiais e das normas de deontoloxía profesional, que se establezan con carácter xeral.

Artigo 65º.-Clasificación das faltas.

As faltas clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

a) O incumprimento das normas establecidas polo colexio sobre documentación profesional.

b) A desatención ós requirimentos de informes e outros documentos que realice o colexio.

c) A falta de respecto ós compañeiros, sempre que non implique grave ofensa ós mesmos.

d) O incumprimento das normas sobre publicidade profesional.

Son faltas graves:

a) A acumulación, no período dun ano, de tres ou máis sancións por falta leve.

b) A infracción das normas deontolóxicas establecidas con carácter xeral.

c) As ofensas graves ós compañeiros.

d) Os actos e omisións que atenten á moral, dignidade ou prestixio da profesión.

e) A infracción grave do segredo profesional, con prexuízo para terceiro.

f) A emisión de informes ou expedición de certificados faltando á verdade.

g) Os actos que supoñan competencia desleal contra determinado ou determinados compañeiros.

h) O incumprimento dos deberes que corresponden ós cargos electos nos órganos colexiais.

i) Infracción de normas deontolóxicas contidas no Código Deontolóxico do psicólogo.

Son faltas moi graves:

a) A reiteración de falta grave, durante o ano seguinte á súa corrección.

b) Calquera conducta constitutiva de delicto doloso, en materia profesional.

c) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

Artigo 66º.-Sancións. Prescrición.

As faltas leves serán sancionadas mediante apercibimento por escrito, con constancia no expediente do colexiado.

As faltas graves serán sancionadas con suspensión do exercicio profesional ou, se é o caso, con suspensión do mandato do infractor ata un ano.

As faltas moi graves serán sancionadas con suspensión no exercicio profesional superior a un ano, ou expulsión do colexio.

As infraccións moi graves prescribirán ós tres anos, as graves ós dous anos e as leves ós seis meses; as sancións impostas por faltas moi graves prescribirán ós tres anos, as impostas por faltas graves ós dous anos e as impostas por faltas leves ó ano.

Artigo 67º.-Imposición de sancións.

A imposición de sancións ós colexiados é competencia da Xunta de Goberno, logo de instrucción de expediente no que, en todo caso, se dará audiencia ó interesado, observándose ademais os principios establecidos por disposicións legais ou regulamentarias para a tramitación destes procedementos.

A Xunta de Goberno dará traslado do coñecemento das presuntas faltas á Comisión Deontolóxica cando o contido destas sexa concernente á cualificación disciplinaria dos actos profesionais. A Comisión Deontolóxica instruirá o correspondente expediente, nomeando instructor, valorando o contido dos feitos, con observancia das disposicións legais ou regulamentarias reguladoras dos procedementos sancionadores, e finalmente emitirá dictame para resolución pola Xunta de Goberno.

Contra a imposición de sancións caberá recurso na forma prevista nestes estatutos e naslLeis aplicables, sen prexuízo doutros que o interesado considere oportuno interpoñer.

Artigo 68º.-Baixa por falta de pagamento de cotas.

Non requirirá a instrucción de expediente a baixa do colexiado polos motivos b) e c) do artigo 8 destes estatutos.

Artigo 69º.-Inasistencia ás reunións dos órganos de goberno do colexio.

Os membros da Xunta de Goberno que deixen de asistir inxustificadamente a dúas sesións consecutivas do correspondente órgano ou a tres non consecutivas dentro do prazo de doce meses, poderán ser cesados no seu cargo por acordo da Xunta de Goberno, que non requirirá de formación de expediente previo.

Artigo 70º.-Premios e distincións.

A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno ou por iniciativa propia, decidirá sobre o outorgamento de premios, distincións ou honras a persoas ou entidades que co seu esforzo teñan contribuído excepcionalmente ó progreso da psicoloxía en Galicia. A Xunta Xeral adoptará a súa decisión favorable co apoio das dúas terceiras partes dos asistentes.

Capítulo XI

Das incompatibilidades

Artigo 71º.-Incompatibilidade de cargos colexiais.

Son incompatibles entre si os cargos de decano, presidente/a de seccións e delegacións.

É incompatible ser membro da comisión censora de contas con formar parte da Xunta de Goberno ou presidir seccións ou delegacións.

É incompatible con calquera outro cargo colexial definido nestes estatutos o cargo de membro da Comisión Deontolóxica.

Capítulo XII

Da reforma dos estatutos

Artigo 72º

A reforma dos presentes estatutos require o acordo da Xunta Xeral co voto favorable das dúas terceiras partes dos votos emitidos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Como colexio único do ámbito galego, o COPG exercerá as facultades que a lexislación autonómica lle outorgue ós consellos de colexios de Galicia.

Segunda.-O Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia queda subrogado en todos os dereitos e obrigas da antiga Delegación de Galicia do COP.

Disposicións transitorias

Primeira.-Facúltase a Xunta de Goberno para introducir as eventuais modificacións suxeridas pola consellería competente en materia de colexios profesionais para efectos de cualificación da legalidade dos presentes estatutos, de acordo ó estipulado no Decreto 120/2000, polo que se constitúe o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Segunda.-No prazo dos doce meses posteriores á cualificación de legalidade e, de se-lo caso, da publicación pola consellería competente destes estatutos procederase, pola Xunta de Goberno elixida na asemblea constituínte, á convocatoria de eleccións ós órganos de goberno segundo o contemplado nos presentes estatutos.

Terceira.-En tanto non se aproben polos novos órganos de goberno constituídos segundo o previsto nos presentes estatutos, serán de aplicación os distintos regulamentos vixentes na antiga Delegación de Galicia do COP.