Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 19 de xullo de 2001 Páx. 9.876

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 166/2001, do 29 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ribadeo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación da beiramar das praias de Rochas Brancas e Cabalar.

O Concello de Ribadeo, en sesión celebrada o día 17 de outubro de 2000, aprobou o proxecto de recuperación da beiramar litoral das praias de Rochas Brancas e Cabalar, e na sesión do día 14 de decembro de 2000, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Ribadeo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de xuño de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 4 de xaneiro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a urxencia das obras vén dada pola necesidade de mellora-los accesos a praias semiurbanas, situadas nas inmediacións da vila, e acondiciona-los accesos dos seus camiños naturais que non reúnen as debidas condicións de seguridade. Estas praias, e sobre todo a de Rochas Brancas, soporta a visita, no verán, da maior parte dos habitantes do concello, polo que se fai necesario o acondicionamento dos seus accesos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil un

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ribadeo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras

do proxecto de recuperación da beiramar das praias de Rochas Brancas e Cabalar.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais