Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2001 Páx. 9.776

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2001 pola que se convoca un seminario sobre a contratación pública en Europa e a súa incidencia na práctica diaria.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Instituto Europeo de Administración Pública-Centro Europeo de Rexiones (IEAP-CER), un seminario sobre a contratación pública en Europa e a súa incidencia na práctica diaria, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O obxectivo principal deste seminario é presentar e explica-las directivas sobre contratación pública dunha maneira clara e accesible. O novo paquete lexislativo previsto para o 2002, que apunta cara a unha maior simplificación, flexibilidade e modernización dos procedementos, seralles explicado en detalle ós asistentes.

Os conferenciantes exporán as implicacións prácticas das directivas nas actividades de contratación pública, e os principais casos levados ante o Tribunal europeo. O segundo día abordarase o tema da organización dos contratos públicos na práctica, e presentaranse exemplos sobre as principais problemáticas que deben ser abordadas polos xestores e licitadores destes contratos.

Este seminario aspira a facilitarlles ós asistentes a súa plena participación no novo mercado de contratacións públicas.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

* Obxectivos e principios da política comunitaria de contratos públicos.

* Presentación das directivas comunitarias sobre contratación pública e a problemática da súa transposición en España. O novo paquete lexislativo.

* Explicación das normas I: as directivas de contratos públicos e a xurisprudencia.

-O ámbito de aplicación.

-O procedemento de adxudicación.

* Explicación das normas II: as directivas de contratos públicos e a xurisprudencia.

-Cualificación.

-Procedementos especiais.

-A directiva de servicios excluídos (Utilities).

-As directivas de recursos legais.

* A organización de contratos públicos na práctica: temas principais na organización e xestión dos contratos públicos (I).

* Organización e xestión dos contratos públicos (II).

* A organización de contratos públicos na práctica: a experiencia da Asociación Española de Responsables de Compras e Existencias (AERCE).

* Unha visión desde Galicia sobre a evolución da contratación pública.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o seminario convocado desenvolverase no salón de actos da EGAP os días 13 e 14 de setembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 11 de setembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 12 de setembro, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a este, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada pola Internet, poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública