Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2001 Páx. 9.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do comercio da pel da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do comercio da pel da provincia de Ourense (código de convenio número 3200135), con entrada nesta delegación provincial o día 24 de maio de 2001, subscrito con data do 10 de maio de 2001, dunha parte pola Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense, en representación da parte empresarial, e doutra pola central sindical Comisións Obreiras (CC.OO.), en representación dos traballadores do sector, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 29 de maio de 2001.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio da pel da provincia de Ourense para o ano 2001

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense e a central sindical CC.OO. Ambas partes con lexitimidade suficiente para asina-lo convenio, segundo o previsto no artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal, o presente convenio afectará ás empresas establecidas ou que se poidan establecer en Ourense, xa sexan naturais ou xurídicas as persoas titulares delas, que se dediquen ás actividades do comercio da pel en xeral, tanto por xunto como polo miúdo

e ás que lles sexa de aplicación a Ordenanza laboral do traballo para o comercio e, así mesmo, ás relacións laborais entre tales empresas e os productores que presten nelas os seus servicios.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2001, independentemente da súa publicación no BOP. Este convenio será de aplicación na súa totalidade ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 4º.-Duración.

Establécese para o presente convenio unha duración de 1 ano, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2001, prorrogable tacitamente de ano en ano a partir de 2001 en períodos anuais sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes que o subscribe antes do termo da súa vixencia inicial, ou de calquera das súas prórrogas.

Os requisitos formais da denuncia serán os establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras que presenta este convenio se establecen co carácter de mínimas dentro das condicións pactadas. Respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas, manténdose ad personam en canto excedan do cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión mixta paritaria de interpretación e vixilancia do convenio, integrada polas persoas asinantes deste, tal e como se sinala na disposición derradeira terceira deste convenio.

Artigo 7º.-Funcionamento da comisión mixta paritaria.

No caso de reclamación sobre materia regulada no convenio, a comisión mixta paritaria, unha vez oída a representación sindical dos traballadores do centro de traballo afectado e a dirección da empresa, dictaminará por maioría sobre o asunto. De non ser aceptado o dictame da comisión mixta paritaria resolverá a autoridade laboral competente en cada caso.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais para cada traballador/a. Este período poderase dividir en dous, que se fixarán de común acordo entre empresa e representantes dos traballadores, fixando o calendario de goce nos tres primeiros meses do ano e debendo coñece-los traballadores o dito calendario con dous meses de antelación á data do comezo destas, tal como establece a lexislación vixente.

Artigo 9º.-Salario base.

Os salarios base do presente convenio serán os que figuran na táboa anexa.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio, consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 6% do salario correspondente á categoría na que estea clasificado.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, que se pagará entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade, que será estimado, de se-lo caso, sobre o salario actualizado á data na que sexa pagada e incluso a de beneficios, para aqueles que, regulamentariamente ou por pacto, o teñan recoñecido, de tal maneira que o importe destas pagas ha de ser igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 12º.-Axuda de estudios.

Establécese unha axuda mensual de 575 pesetas para os fillos dos traballadores que cursen BUP ou ensinanzas inferiores e de 1.219 pesetas ó mes para estudios superiores. Aqueles traballadores que desde o ano 96 veñan percibíndoa, seguirán facéndoo ata que desapareza a causa que a motiva, non xerándose esta axuda para os que non a perciban, ó atoparse xa incorporada ó salario.

Artigo 13º.-Remuneración anual.

A remuneración anual total será a establecida no presente convenio correspondente a cada categoría incluída a antigüidade, pagas extraordinarias, beneficios e axudas de estudios cando a xornada sexa a tempo parcial ou reducida. Nos casos de enfermidade, vacacións e licencias aplicarase o disposto na Ordenanza laboral do comercio.

Artigo 14º.-Xornada.

A xornada laboral para a vixencia do presente convenio será de 40 horas semanais. A xornada semanal será de luns a sábado, rematando a xornada ás 13.30 horas do sábado, ata a sinatura do seguinte convenio, respectándose en todo caso os límites de traballo fixados para a xornada diaria e o descanso entre xornadas establecidos no texto refundido do Estatuto dos traballadores Lei 1/1995, do 24 de marzo.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha gran superficie como é Continente, ambas partes manifestan que, no caso de que a instalación deste inflúa no comercio da pel en Ourense, se reunirá a comisión paritaria do convenio para analiza-la situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Fíxanse como días libres no sector, para tódolos efectos, que se escollerán entre a empresa e os traballadores, un día de entre o 8 e o 22 de novembro, podendo ser modificadas as datas por acordo entre empresa e traballadores.

Fíxanse como días para traballar como consecuencia das festas do Nadal e de acordo coa tradición con que se vén facendo, os sábados pola tarde do mes de decembro: 1, 15, 22 e o 29 de decembro de 2001, e o 5, 12, 19 e 26 de xaneiro de 2002, tendo os ditos sábados pola tarde a consideración de xornada efectiva de traballo sempre e cando non se superen as 40 horas semanais de xornada efectiva establecida neste artigo. Aqueles traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas ou á súa compensación económica se así o acordan entre empresa e os traballadores.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio establecen como unha guía adecuada para a creación de emprego a reducción das horas extraordinarias, para o cal recomendan a súa supresión. Non obstante o anterior, poderán realizarse as horas extraordinarias que sexan consideradas como estructurais ou de forza maior. Para os efectos de considerar cáles son as horas estructurais ou de forza maior, haberá que aterse ó disposto no punto cuarto do Acordo nacional de emprego, así como ó disposto no R.D. 1858/1981, do 29 de agosto.

Artigo 16º.-Premio por compensación da antigüidade.

Aqueles traballadores que leven cando menos 10 anos traballando na empresa e causen baixa nela de xeito voluntario a partir dos 64 anos, terán dereito a gozar dun mes de vacacións retribuídas.

O goce das ditas vacacións retribuídas farase efectivo coa correspondente antelación ó cesamento efectivo na empresa, debendo comunicarlle o traballador fidedignamente á empresa a súa decisión de cesar nela.

A empresa entregaralle un certificado da concesión do mencionado premio de vacacións acreditativo da solicitude deste por parte do traballador.

Artigo 17º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar no centro de traballo para o coñecemento do persoal. Así mesmo, colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social co fin de que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 18º.-Baixa por IT.

A baixa por maternidade terá a retribución do 100% do salario neto que viña percibindo. No caso de que a traballador/ra opte por gozar dúas semanas antes do parto segundo determina a OMS, respectaráselle a mencionada retribución.

Artigo 19º.-Dereitos sindicais.

A. As empresas deberán cumpri-lo texto refundido do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexis

lativo 11/1995, do 24 de marzo e, de se-lo caso, a normativa que poida substituíla ou modifícala e os acordos nacionais asinados entre ambas partes sobre esta materia de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán de forma mancomunada ante o empresario a representación para a que foron elixidos, e intervirán en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións e traballo do persoal que representan, formulando reclamacións ante a autoridade laboral ou entidades xestoras da Seguridade Social segundo proceda, sobre o cumprimento das relativas á seguridade e hixiene no traballo e seguridade social. Os comités de empresa recibirán información, que lles será facilitada trimestralmente alomenos, sobre a situación da producción e vendas da empresa, sobre a súa programación da producción e a evolución probable de emprego na empresa, o balance de resultados, a memoria e no caso de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que se lles dean ós socios e

nas mesmas condicións que a estes. Emitir informe con carácter previo sobre a reestructuración do cadro de persoal e os cadros bancarios.

B. En tódolos contratos, modificacións e prórrogas destes poderase incluír xunto á sinatura do empresario e do traballador, a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais, comités de empresa e delegados de persoal.

C. A dirección da empresa, no prazo dunha semana, entregarálle-la copia do contrato ou documento que o modifique ós representantes sindicais dos traballadores.

D. Cláusula sobre liquidacións: tódolos recibos de liquidación deberán especificar con toda claridade, xunto cos demais conceptos que se lle deben ó traballador, os correspondentes atrasos do convenio e os derivados da aplicación da cláusula de revisión, se existise.

E. As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan poderán realizar contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo en todo caso a estricta causalidade da contratación. Para isto a empresa notificaralles ós representantes dos traballadores para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 20º.-Cláusula de descolgamento.

As empresas afectadas por este convenio colectivo só poderán aplica-lo réxime salarial pactado polo acordo maioritario da comisión paritaria do convenio e referendo da maioría da totalidade do cadro de persoal de traballadores da empresa ós que lles é de aplicación o convenio, mediante asemblea legal

mente constituída. Ademais, o descolgamento do réxime salarial deberá servir para superar unha situación de crise económica da empresa provocada polas perdas nos últimos dous exercicios contables.

A empresa afectada deberá solicitarlle á comisión paritaria a aplicación desta cláusula por escrito no que consten os datos da empresa, a reducción salarial proposta e a duración do descolgamento. Así mesmo, deberá achega-la documentación que lle sexa solicitada pola comisión paritaria para a resolución da petición, a cal deberá producirse no prazo de 1 mes.

No caso de considerar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo para aplicar na empresa afectada, que en ningún caso afectará á estructura establecida para o salario do convenio.

En todo caso, o beneficio da non aplicación só se estende ata o remate do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no momento da solicitude. Rematado este, a empresa deberá recupera-lo nivel establecido no convenio seguinte.

Os acordos da comisión paritaria e da asemblea de traballadores/as reflectiranse nas actas que se rexistrarán no SMAC.

Artigo 21º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirán discriminacións por razón de sexo, idade, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc. Así mesmo, as empresas garantirán a percepción de igual salario en igual función, respectándose para todo o persoal con contrato de traballo ou sen el, unha vez cumpridos os 18 anos, as táboas vixentes neste convenio.

Artigo 22º.-Fomento da contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b do Estatuto dos traballadores, en prol dunha menor precariedade do emprego que deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas e exceso de pedidos a que se refire o dito artigo, poderá realizarse cunha duración máxima de 6 meses dentro dun período de 12 meses e unicamente no período oficial de rebaixas e para a substitución por IT ou durante o período vacacional. Nos demais casos a duración será como mínimo de 6 meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó goce de beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con alomenos 15 días de antelación, cunha indemnización de 12 días por ano traballado, entendéndose que a dita indemnización corresponde por finalización do contrato ou das súas prórrogas. Se o contrato se rescindira antes de remata-la súa dura

ción máxima, o de cada unha da súas prórrogas por causa non imputable ó traballador, este terá dereito á indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción ó remate do tempo máximo de duración dos doce meses, se o traballador seguise prestando os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertaran con carácter temporal ou por duración determinada, acolleranse ó disposto na letra b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado e fomento da contratación indefinida, en virtude do cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 23º.-Contratos de formación.

De conformidade co artigo 11.2º c do Estatuto dos traballadores (Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e o R.D. 488/1998, poderanse efectuar contratos formativos cunha duración mínima de seis meses e unha máxima de tres anos. No non previsto neste convenio para estes contratos haberá que aterse ó que dispón o mencionado R.D. 488/1998. Os ditos contratos estenderánselles ós traballadores de 16 a 21 anos.

Artigo 24º.-Contrato en prácticas.

A retribución destes contratos será do 75% e do 85% respectivamente, para o primeiro e segundo ano do contrato, do salario de convenio fixado para a categoría profesional que corresponda.

Artigo 25º.-Fixos descontinuos.

Aqueles traballadores que presten os seus servicios laborais nunha mesma empresa e nun mesmo período de forma eventual, ós tres anos como máximo, pasarán a ser fixos descontinuos.

Artigo 26º.-Contrato por obra ou servicio determinado.

As partes asinantes deste convenio colectivo consideran que dada a peculiaridade do sector, este tipo de contrato non é o máis adecuado para este, polo que se recomenda a realización doutros tipos de contratación.

Artigo 27º.-Non asistencias retribuídas.

O traballador, tralo aviso e xustificación, poderá faltar ó traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a continuación se expón:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Cando por tal motivo o traballador necesite efectuar un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días. Igualmente, o traballador terá dereito a dous días no caso de hospitalización de fillos e parentes ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade. Cando por tal motivo o traballador teña que facer un desprazamento, o prazo será de catro días.

No non previsto neste convenio haberá que aterse ó disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, de conciliación da vida familiar e laboral.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo inescusable, para o cumprimento dun deber público e persoal, comprendido o exercicio inescusable do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis dun vinte por cento das horas laborais nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

g) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou o pai no caso de que ámbolos dous traballen.

h) Quen por garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, alomenos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O incremento salarial do presente convenio é dun 4% durante a súa vixencia.

Segunda.-Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC previsto polo Goberno superase o 31 de decembro de 2001 o 3%, actualizaranse

as táboas salariais para o ano 2002 na diferencia entre o IPC real e o 3%, aboándose os atrasos unicamente a partir do mes no que se superase o dito 3%.

Terceira.-En todo, caso o que non se encontre previsto expresamente neste convenio suxeitarase ó disposto na Ordenanza laboral de traballo no comercio, mentres ambas partes non acorden substituíla por un convenio colectivo, no caso de que fose derrogada, ademais da Lei do Estatuto dos traballadores, así como a Lei orgánica de liberdade sindical e todas aquelas disposicións legais de aplicación.

Cuarta.-A comisión paritaria do convenio estará formada polas persoas asinantes do presente convenio.

Quinta.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida supoñer para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado pola CEG e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e a CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que estean formuladas.

Sexta.

As partes que asinantes do presente convenio son a Asociación Empresarial do Comercio da Pel de Ourense e a central sindical CC.OO.

Táboa salarial

Xefe de división: 116.696 pesetas.

Encargado xeral e xefe de compras: 112.412 pesetas.

Xefe de sucursal ou almacén: 112.447 pesetas.

Xefe de sección mercantil: 108.193 pesetas.

Encargado: 106.068 pesetas.

Viaxante: 106.068 pesetas.

Dependente maior: 101.818 pesetas.

Dependente: 96.182 pesetas.

Axudante: 94.919 pesetas.

Mozo: 94.919 pesetas.

Xefe administrativo: 112.447 pesetas.

Contable: 106.178 pesetas.

Oficial administrativo: 101.818 pesetas.

Auxiliar administrativo: 94.919 pesetas.

Auxiliar de caixa maior: 96.184 pesetas.

Auxiliar de caixa: 73.507 pesetas.

Escaparatista: 111.172 pesetas.

Persoal de limpeza salario/hora: 667 pesetas.