Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 18 de xullo de 2001 Páx. 9.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 163/2001, do 31 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acceso ó núcleo da Igrexa da parroquia de Perdecanai.

O Concello de Barro, en sesión que tivo lugar o día 28 de novembro de 2000, aprobou o proxecto de acceso ó núcleo da Igrexa da parroquia de Perdecanai, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de maio de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a obra se debe executar sen tardanza dada a necesidade de dotar dun acceso adecuado as vivendas do núcleo de poboación da zona da Igrexa na parroquia de Perdecanai coa estrada nacional 550 e a provincial A Goulla-Cuntis, feito que melloraría a seguridade vial e accesos ó núcleo citado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Barro, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acceso ó núcleo da Igrexa da parroquia de Perdecanai.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais