Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 17 de xullo de 2001 Páx. 9.701

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, subestación Boimente-subestación A Pena Grande, nos termos municipais de Muras, Ourol e Viveiro (Lugo). (Expediente 030/2000 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Electra de Viesgo I S.A., con domicilio para efectos de notificación en r/ Medio, 12; apartado 35; 39080 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 24 de novembro de 2000 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria undécima do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

1. Liña de alta tensión aérea a 132 kV, para interconexión das subestaciones eléctricas de Boimente, Pena Luisa e Pena Grande, de 9.480 m de lonxitude composta por dous circuítos con dous conductores por fase LA-280 e cable de terra NKF-OPGW sobre torres metálicas de celosía.

2. Liña de alta tensión aérea a 132 kV, para interconexión da subestación eléctrica de Boimente, coa liña aérea existente de alta tensión a 132 kV Mondoñedo-Mazagazos, de 800 m de lonxitude composta por dous circuítos con dous conductores por fase LA-280 e cable de terra NKF-OPGW sobre torres metálicas de celosía.

3. Liña de alta tensión aérea a 132 kV, para conexión provisional das dúas liñas descritas antes, ata a posta en funcionamento da subestación de Boimente, de 112 m de lonxitude composta por un circuíto con dous conductores por fase LA-280 e cable de terra NKF-OPGW sobre torres metálicas de celosía.

A traza da liña discorre polos concellos de Muras, Ourol e Viveiro (Lugo).

Orzamento: 262.186.145 ptas.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, ó trámite de información pública mediante Resolución do 28 de febreiro de 2001, publicada non DOG do 14 de marzo, non BOP de Lugo do 24 de marzo e o diario O Progreso do 10 de marzo, no taboleiro de anuncios dos concellos de Muras, Ourol e Viveiro e na Delegación Provincial de Lugo. Así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos o corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Venancio Casavella Yánez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia de Santo André de Boimente alega que debe ser tramitado o expediente de prevalencia dos montes veciñais polo Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da consellería correspondente, afirma non ter noticias de que se estea tramitando ou se vaia facer.

2. Eulogia Rúa Castelo, alega que a afección dos predios 84 e 88, foi notificada a nome do seu defunto esposo Jesús Ramil Vizoso, sendo ela a titular por herdanza, ademais que a afección notificada das dúas parcelas é de 1.376 m, cando en realidade é de 1.585 m.

3. Carlos Fraga Calvo, alega que a superficie real de afección é un 30% superior á superficie que consta na notificación.

4. José Martínez Torea en nome e representación de Carmen Fraga Hermida e de David Fraga Díaz alega a improcedencia da utilidade pública e a falla de determinación dos bens afectados.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Lugo, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo a traza proposta para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas non artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos artigos 25 e 26 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro e na Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto ás alegacións, formuladas por Eulogia Rúa Castelo e por Carlos Fraga Calvo, referidas a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados, estas tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de valoración.

2. En relación ós cambios de titularidade nas parcelas, manifestado por Eulogia Rúa Castelo, a empresa beneficiaria tomará razón delas e procederase a tramita-lo expediente de expropiación forzosa co alegante. Non obstante, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, da que será convenientemente notificado, deberá presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

3. En canto á alegación feita por José Martínez Torea en nome e representación de Carmen Fraga Hermida e de David Fraga Díaz, cabe dicir que, a declaración de utilidade pública realízase ó abeiro do artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e, por outra banda, que se deu traslado á empresa promotora da solicitude de documentación complementaria formulada polos alegantes e esta tomou razón delas, procedendo ó seu envío.

4. En relación á alegación presentado por Venancio Casavella Yánez, cabe dicir que non se pode estudia-la posibilidade de prevalencia dunha instalación sobre outra ata que se declare a utilidade pública da devandita instalación.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, subestación Boimente-subestación Pena Grande, nos termos municipais de Muras, Ourol e Viveiro (Lugo).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria