Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Luns, 16 de xullo de 2001 Páx. 9.570

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de xullo de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias e se convocan para o ano 2001.

A agricultura galega está a facer fronte nos últimos anos ó reto da integración na Unión Europea, afrontando profundos cambios estructurais, que se traducen nunha mellora da estructura productiva, da dimensión económica e da calidade das produccións finais das explotacións que permanecen no sector.

Este proceso debe continuar nos vindeiros anos, co fin de seguir mellorando a competitividade e a eficacia productiva das explotacións, no marco do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, sobre axuda ó desenvolvemento rural, do previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias e do disposto no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, sobre mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, e tendo en conta a problemática específica das explotacións agrarias de Galicia.

Neste sentido, a situación xurdida pola detección de casos de EEB poderá condiciona-lo deseño e realización de investimentos nas explotacións gandeiras, e mesmo podería afecta-la execución de plans xa aprobados con anterioridade.

As axudas reguladas por esta orde van dirixidas, principalmente, a logra-la modernización das explotacións agrarias a través de investimentos para a mellora do seu sistema productivo, e de medidas para a incorporación de agricultores mozos como titulares das explotacións do sector agrario.

Coa finalidade de incrementa-la competitividade das explotacións galegas, é necesario dirixi-las actuacións a explotacións agrarias que poidan acredita-la súa viabilidade económica, que cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, nas que o seu titular teña a capacidade e competencia profesional adecuadas, que, coa realización de plans de mellora, aseguren a viabilidade das explotacións e lles proporcionen rendas ós agricultores, dentro dun sistema productivo adaptado a un aproveitamento racional dos recursos naturais e respectuoso co ambiente.

A incorporación da poboación máis nova e capacitada á titularidade das explotacións agrarias é unha das mellores vías para estimula-la introducción de novas tecnoloxías no sector e contribuír a asegura-la súa competitividade e continuidade no desenvolvemento da actividade. Por iso, é necesario incentivar, en maior grao, aquelas fórmulas de incorporación nas que exista unha maior ligazón entre o mozo e a explotación.

Con base no anterior, esta orde establece as bases reguladoras das axudas para melloras estructurais e modernización de explotacións agrarias, xunto coa documentación da convocatoria destas axudas para o ano 2001, de conformidade co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Liñas de axuda.

A través desta orde convócanse axudas, ó abeiro do establecido no R.D. 613/2001, do 8 de xuño, sobre a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, e demais normativa concordante, en relación coas seguintes liñas de axuda:

1. Investimentos en explotacións agrarias mediante plans de mellora (liña B).

2. Primeira instalación de agricultores mozos (liña A).

Sección primeira

Investimentos en explotacións agrarias mediante plans de mellora

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

Os titulares de explotacións que desexen acceder ás axudas para investimentos en plans de mellora previstos no R.D. 613/2001, presentarán unha solicitude, segundo modelo que se especifica no anexo I, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 4 do devandito real decreto, do modo que segue, segundo o tipo de titular da explotación agraria e as características desta:

1. Titular persoa física.

a) A condición de agricultor profesional:

a.1. No que respecta a que alomenos o 50% da súa renda total a obteña das actividades agrarias e complementarias, sinaladas no punto 5º do artigo 2 do R.D. 613/2001, xustificarase mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio do que xa finalizara o prazo para a súa presentación en período voluntario ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales por el durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos, imputaránselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

1º As da actividade agraria da explotación.

2º As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas polo traballo desenvolvido fóra da explotación, incluídas

as pensións e haberes pasivos que fiscalmente haxa obriga de declarar.

3º O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

a.2. A condición de dedicar máis do 50% do tempo de traballo total ás actividades agrarias e outras complementarias, así como o requisito de afiliación ó réxime da Seguridade Social que corresponda á actividade desenvolvida na explotación, poderá xustificarse da seguinte maneira:

1º No caso do réxime especial agrario da Seguridade Social, co informe de vida laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

2º No caso do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria ou outras, co informe de vida laboral e o documento de afiliación á Seguridade Social ou último pagamento do imposto de actividades económicas.

3º No caso de asalariados do réxime xeral, co correspondente documento de cotización á Seguridade Social.

b) A capacitación profesional suficiente poderá acreditarse dalgunha das seguintes formas:

b.1. Presentando a documentación xustificativa de ter obtido o título de capataz agrícola ou de formación profesional agraria de primeiro grao, ou outro de grao superior, na rama agraria.

b.2. Con cinco anos de exercicio da actividade agraria, que deberá acreditarse, con carácter xeral, cun informe de vida laboral da Seguridade Social, salvo que:

1º No caso de que parte ou a totalidade do exercicio da actividade agraria se levase a cabo como man de obra familiar, será precisa unha declaración do titular da explotación onde realizou tal actividade, na que se especifique o tempo traballado na explotación e as tarefas desenvolvidas.

2º Os anos nos que non se exercese a actividade agraria, ata alcanza-los cinco anos requiridos, poderán substituírse pola asistencia a cursos ou seminarios de capacitación agraria cunha duración de 25 horas lectivas por cada ano.

3º En calquera caso, os servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) estudiarán a documentación achegada e establecerán a súa idoneidade para os efectos de xustifica-la actividade agraria do solicitante.

b.3. No caso de agricultores mozos e para os efectos de primeira instalación ou de incremento do 5% nas axudas ós investimentos en plans de mellora, a capacitación profesional suficiente xustificarase dalgún dos seguintes xeitos:

1º Mediante fotocopia cotexada da titulación académica de capataz agrícola, formación profesional agraria de primeiro grao ou outra superior na rama agraria.

2º Cun certificado de asistencia ós cursos, de duración mínima de 200 horas lectivas, establecidos pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria, a través das súas unidades de Extensión e Capacitación Agraria, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro, da mesma consellería.

3º Mediante certificación de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 200 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias e previamente homologados pola Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, de acordo co devandito Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

4º Considerarase tamén acreditada se o agricultor mozo se compromete a adquiri-la capacitación profesional suficiente no prazo de dous anos por calquera das vías sinaladas nos tres parágrafos anteriores. Neste caso, no momento da solicitude da axuda deberá presentarse xustificante de ter solicitada a admisión no centro correspondente. Posteriormente, o mozo deberá presentar, no prazo sinalado, a documentación acreditativa de ter acadada a devandita capacitación.

c) A idade, mediante copia cotexada do DNI.

d) A condición de residir na comarca onde está a explotación, ou noutra limítrofe, acreditarase coa copia cotexada do DNI ou certificado de empadroamento nun dos municipios da comarca onde radique a explotación, ou noutra limítrofe, excepto en casos de forza maior ou necesidades apreciadas pola dirección do Ilgga. Para tal efecto aplicarase o establecido no mapa de comarcalización da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 65/1997, do 20 de febreiro.

e) Para a xustificación de estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, xuntaranse os correspondentes certificados da Axencia Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social.

Así mesmo, presentarase xustificación de non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma. Esta documentación será presentada no momento da certificación das melloras realizadas.

2. Titular persoa xurídica.

a) Para a xustificación de que a actividade principal é a agraria, deberán presentarse os estatutos ou documento de constitución e a declaración do imposto de sociedades do último exercicio. Así mesmo, a procedencia agraria dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas das orientacións productivas e actividades económicas da explotación.

b) A xustificación de que se trata dunha explotación agraria prioritaria ou que acadará esa condición coa realización do plan de mellora, xustificarase segundo se establece nos artigos 3 e 4 da orde desta consellería, do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o rexistro de explotacións agrarias prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Para a xustificación de estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, xuntaranse os correspondentes certificados da Axencia Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social.

Así mesmo, presentarase xustificación de non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma. Esta documentación será presentada no momento da certificación das melloras realizadas.

3. Titular: comunidade de bens.

No caso de que o titular sexa unha comunidade de bens, só poderá ser beneficiaria destas axudas se existe un pacto de indivisión por un período mínimo de 6 anos a partir da data de solicitude e se, alomenos, un dos comuneiros, reúne os requisitos especificados no punto 1 deste artigo, para as persoas físicas. Ademais, deberá presenta-los estatutos da comunidade e a acta de constitución.

A xustificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma, efectuarase respecto de cada un dos comuneiros cos correspondentes certificados, presentadas no momento da certificación das melloras realizadas.

4. Requisitos das explotacións beneficiarias.

As explotacións solicitantes das axudas deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Acredita-la súa viabilidade económica, conforme o definido no punto 17º do artigo 2 do R.D. 613/2001. Neste sentido, considerarase que unha explotación é viable economicamente cando a renda unitaria do traballo sexa igual ou superior ó 20% da renda de referencia, que poderá ser modulada por resolución do director do Ilgga.

Tamén se considerarán viables as explotacións clasificadas como prioritarias, de conformidade co establecido na disposición derradeira terceira da Lei 19/1995 e no artigo 4 da orde desta consellería, do 16 de xuño de 1998.

b) Cumpri-las normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica, así como o especificado no programa operativo, aprobado pola Unión Europea, para a mellora das estructuras de producción.

c) En tódolos casos, o compromiso, por parte do titular da explotación, de exerce-la actividade durante 5 anos con posterioridade á data de aprobación da axuda, será sometido a seguimento, en virtude das inspeccións e controis que se establezan, podendo esixir durante estes cinco anos e unha vez finalizado o período voluntario de presentación da declaración do IRPF, que o beneficiario lle envíe ó servicio provincial do Ilgga da copia cotexada da declaración do IRPF e boletíns de cotización á Seguridade Social o informe de vida laboral.

Artigo 3º.-Cálculo da renda unitaria de traballo.

Para os efectos do cálculo da renda unitaria de traballo (RUT) á que se refire o punto 15º do artigo 2 do R.D. 613/2001, teranse en conta os seguintes criterios:

1. En relación coas unidades de traballo agrario (UTA) da explotación:

a) Cando o titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase das seguintes maneiras:

a.1. A man de obra familiar do titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.

a.2. A achega de man de obra familiar do titular da explotación, ata segundo grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu fogar e estean ó seu cargo, que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ó correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0.5 unidades de traballo agrario polo primeiro traballador e 0.25 unidades por cada un dos restantes membros. Esta circunstancia acreditarase mediante declaración xurada do titular solicitante ou por calquera outra forma admitida en dereito, acompañada da copia do DNI de cada un dos familiares, dun informe de vida laboral e do correspondente xustificante de que a persoa ou persoas ás que se refire a declaración, está ó seu cargo como beneficiario na Seguridade Social e tamén na declaración do IRPF.

a.3. A man de obra asalariada acreditarase documentalmente con base na cotización á Seguridade Social.

b) Cando o titular sexa persoa xurídica, computarase unicamente a man de obra achegada polos socios e asalariados non socios acreditada mediante a correspondente cotización á Seguridade Social. Esta circunstancia xustificarase mediante documento de ingreso no Tesouro das retencións do IRPF practicadas ós asalariados, así como cos xustificantes de pagamento ou boletíns (TC1-TC2) dos tres últimos meses cotizados no réxime da Seguridade Social que corresponda segundo a normativa que sexa de aplicación, dos socios e asalariados non socios que traballen na explotación.

c) No caso de que o titular da explotación sexa unha comunidade de bens, utilizaranse os mesmos criterios para a determinación das UTA, que no caso de que o titular sexa unha persoa física.

2. En relación coa marxe neta da explotación:

Entenderase por tal a diferencia entre os ingresos da explotación derivados do conxunto das actividades productivas, incluídas as subvencións de explotación, e tódolos gastos fixos e variables, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e da man de obra familiar.

A marxe neta poderase obter como resultado de resta-los gastos fixos contabilizados ou, no seu defecto, estimados, de cada explotación, non imputados nas marxes brutas, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e do traballo familiar, da suma das marxes brutas estándar das actividades productivas da explotación, moduladas con criterios técnico-económicos pola dirección do Ilgga, tal como se indica na disposición derradeira primeira desta orde.

3. En calquera caso, os titulares de explotacións poderán solicita-la determinación da renda unitaria de traballo con base nos datos da súa contabilidade

documentalmente acreditados e, de se-lo caso, da documentación relativa á Seguridade Social.

Artigo 4º.-Condicións dos plans de mellora.

Os plans de mellora das explotacións agrarias que cumprirán as condicións da letra A) do anexo 2 do R.D. 613/2001, suporán unha mellora integral e duradeira da economía da explotación agraria, debendo cumprir, ademais, as seguintes condicións:

1. Acredita-la viabilidade na situación inicial, de acordo co punto 4 a) do artigo 2º desta orde.

2. Cando o plan de melloras afecte a unha explotación gandeira:

a) Deberase xustificar que esta cumpre a normativa relativa a campañas oficiais de saneamento gandeiro, mediante a presentación da folla de saneamento da última campaña.

b) Deberá cumpri-las normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica así como o especificado no programa operativo aprobado pola Unión Europea, para a mellora das estructuras de producción. Non obstante, cando o plan de mellora inclúa investimentos destinados a cumpri-las normas mínimas especificadas na letra d) do punto 1º, do artigo 5 do citado real decreto, poderase conceder, para o seu cumprimento, un prazo de ata un ano desde o momento de concesión da axuda. No caso de plans de mellora presentados por agricultores mozos dentro dos 5 anos seguintes á súa primeira instalación, poderá concedérselles un prazo de ata dous anos para o cumprimento do requisito regulado no punto 1º e) do artigo 4 do R.D. 613/2001.

Esta circunstancia xustificarase co correspondente anexo ou memoria xustificativa do plan ou do proxecto, se é o caso.

c) Os titulares de explotacións con plans de mellora para a producción de leite, deberán comprometerse a permanecer coa mesma orientación productiva por un período mínimo de cinco anos, contados desde a data de aprobación da axuda e deberán cumpri-lo disposto no capítulo II do anexo A do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, que establece as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos.

Para estes efectos, consideraranse cumpridas as esixencias, cando os resultados da análise do leite da explotación, efectuada polos laboratorios interprofesionais ou laboratorios autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de acordo co establecido na Orde do 31 de xullo de 1998, da mesma consellería, correspondentes ás medias xeométricas dun dos tres meses anteriores ó da publicación desta orde, demostren que, polo menos, nas medias dun deses meses, o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas inferior a 400.000, non hai presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas e non existe presencia de auga engadida.

Para xustificar este requisito, e sempre que o leite sexa analizado nun laboratorio autorizado distinto do LIGAL, presentarase un boletín de análise xustificativo do exposto no parágrafo anterior, correspondente á media dun dos meses do período do ano 2001 indicado.

d) Os plans de mellora que se vaian realizar en explotacións productoras de leite, cunha carga gandeira superior a 3 vacas de leite por hectárea de superficie forraxeira, deberán incluír actuacións tendentes á súa reducción.

3. Se os investimentos se realizan en obra civil, deberase presenta-lo correspondente bosquexo acotado e memoria descritiva da construcción, adaptándose esta á tipoloxía da zona. Esta documentación completarase cun proxecto asinado por técnico competente, no caso de que o dito investimento sexa superior a 8 millóns de pesetas (48.080,97 euros). O prazo para a presentación deste proxecto é do dous meses, contado desde a data de aprobación da axuda.

As construccións novas deberán contar coa preceptiva licencia municipal, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para dar cumprimento a este requisito, coa documentación da solicitude de axuda ó plan de mellora incluirase, de se-lo caso, a correspondente solicitude de licencia de obras e, debendo achegarse esta no momento da certificación.

4. Tódolos proxectos e memorias incluirán un anexo relativo á producción e xestión dos residuos da explotación.

Artigo 5º.-Limitacións sectoriais.

1. En razón ó producto, ó tipo de investimento e á capacidade actual e prevista, poderán excluírse deste réxime de axudas os investimentos que aumenten a producción sen saídas normais no mercado. En todo caso, serán de aplicación as limitacións á producción, investimentos ou axudas reguladas nas organizacións comúns de mercado.

2. Os investimentos que se vaian realizar naqueles sectores para os que se teñan establecido cotas, primas ou calquera outro dereito de producción, serán auxiliables sempre que se acredite, á súa finalización, a dispoñibilidade deles en contía suficiente.

3. Se se trata dunha explotación con asignación de cantidade de referencia para a producción de leite ou productos lácteos, ou con dereitos de prima, deberán presentarse os documentos de asignación a nome do solicitante.

4. Os investimentos no sector de producción de leite que teñan por efecto excede-la cantidade de referencia, poderán ser obxecto de axuda se a explotación ten concedida, previamente á data de remate das melloras, unha cantidade de referencia adicional, de acordo coa normativa reguladora da taxa suplementaria. Nos supostos que permiten obte-las axudas inclúense os mecanismos de acceso á nova cota de producción de leite, ou ó seu incremento, establecidos no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, sobre modernización e mellora da competitividade do sector lácteo.

5. No caso de que as axudas se concedan para realizar investimentos no sector de vacún de carne, limitaranse a explotacións gandeiras que teñan unha densidade gandeira, no último ano do plan, igual ou inferior a 2 UGM/Ha de superficie forraxeira total, xustificándose esta superficie coa presentación da documentación prevista na Orde do 29 de decembro de 2000, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, sobre axudas por superficie e declaración de superficies forraxeiras, ou documento similar que indique as referencias catastrais, superficie e aproveitamento das parcelas da explotación utilizadas para a alimentación do vacún de carne. Exceptúanse desta limitación aquelas explotacións cunha dimensión igual ou inferior a 15 UGM.

6. Queda excluída a concesión de axudas a investimentos no sector de gando porcino intensivo que aumente o número de prazas de porco.

7. No sector de aves, non se auxiliarán investimentos que incrementen a capacidade de producción de ovos para o seu consumo directo.

8. Este réxime de axudas non será aplicable ós investimentos dirixidos a mellora-la producción agraria que sexan auxiliados acolléndose ós fondos establecidos nas organizacións comúns de mercado. No caso concreto do viñedo, non se concederán axudas para a súa reestructuración establecida no Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello, de 17 de maio de 1999, polo que se establece a OCM vitivinícola.

Artigo 6º.-Investimentos obxecto de axuda.

1. As axudas a investimentos mediante plans de mellora aplicaranse ós fins indicados no artigo 5 do R.D. 613/2001, coas excepcións contidas no punto 2º do mesmo artigo do devandito real decreto.

2. O investimento en adquisición de maquinaria previsto no plan de mellora, incluído o tractor, de se-lo caso, deberá ser inferior ó 35% do investimento total previsto na totalidade do plan.

3. No caso de investimentos en equipos de muxidura, deberán axustarse, no relativo á instalación e funcionamento, ó establecido na norma UNE 68050/98.

4. No caso de investimentos en equipos de refrixeración de leite, deberán cumpri-los requisitos da norma UNE 68049/82.

Artigo 7º.-Contía do investimento e axudas.

1. Contía do investimento.

a) O investimento poderá chegar a un máximo de 15.000.000 de pesetas (90.151,82 euros) por UTA, sen superar 30.000.000 de pesetas (180.303,63 euros) por explotación, cando o titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá multiplicarse polo número de socios da entidade que acrediten, pola actividade que desenvolven nela, a súa condición de agricultores profesionais, ata un máximo de catro, sen prexuízo do límite por UTA. O número de plans de mellora que se poderán aprobar por explotación e beneficiario, para este volume de investimento, será como máximo de tres nos seis últimos anos,

contados desde a data á que corresponda a aprobación do último plan solicitado.

b) Para o cálculo do investimento máximo, en función do límite máximo por UTA, consideraranse as UTA iniciais indicadas no artigo 3.1º.

Cando se trate dun plan de mellora dun agricultor mozo que se presente simultaneamente á primeira instalación, o límite máximo de investimento por UTA calcularase en función do número de UTA correspondentes á situación posterior á realización do plan de mellora.

c) Para os efectos destas axudas, considerarase como unha única explotación as pertencentes a un mesmo titular ou sociedade conxugal en réxime de gananciais, aínda que a base territorial radique en lugares xeograficamente distintos e teñan distintas orientacións productivas. A determinación das axudas ós investimentos que se vaian realizar neste tipo de explotacións efectuarase de acordo coas condicións específicas que correspondan ó municipio asignado á explotación, en función da pertenza a este da fracción maioritaria dos bens, dereitos e elementos da explotación, ó que fan referencia os puntos 2º e 3º do artigo 2 do R.D. 613/2001.

2. Tipo e contía da axuda.

a) As axudas ó investimento poderán consistir en subvención de capital, bonificación de xuros, minoración de amortizacións, axudas para sufragar custos do aval, ou nunha combinación delas.

b) A contía máxima de axuda, expresada en porcentaxe do investimento, con carácter xeral, poderá chegar ata:

b.1. O 50% para bens inmobles e o 35% para bens mobles, nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas ás que fai referencia o punto 4º do artigo 55 do R(CE) 1257/1999, do Consello do 17 de maio.

b.2. O 40% para bens inmobles e o 25% para bens mobles, nas demais zonas.

c) A distribución da axuda baixo as formas de subvención de capital, bonificación de xuros ou minoración de anualidades de amortización farase de acordo co disposto nos artigos 8, 9 e 10 do R.D. 613/2001.

d) Se o beneficiario é un agricultor mozo, que simultaneamente á primeira instalación, ou nos seguintes 5 anos a esta, e antes de cumpri-los 40 anos, presente un plan de mellora, poderá obter unha axuda suplementaria do 5% do investimento, que poderá ser aplicada en calquera dos tipos de axuda establecidos no punto 1º do artigo 7 do R.D. 613/2001. Esta axuda suplementaria ó investimento concederase, na súa integridade, cando o plan de mellora da explotación corresponda a un agricultor mozo instalado ou que se vai instalar na modalidade de titularidade exclusiva, e na proporción da participación do agricultor mozo no financiamento dos investimentos nas restantes modalidades de instalación.

No caso de plans de mellora nos que participe un agricultor mozo instalado nos cinco últimos anos, xa sexa baixo a modalidade de titularidade compartida ou cotitularidade, ou como socio de entidade asociativa, presentarase un documento asinado por

tódolos partícipes no plan de mellora no que se estableza o grao de participación do mozo nos investimentos que se van realizar, para aplica-la axuda suplementaria descrita no parágrafo anterior.

Artigo 8º.-Prazo de execución do plan de mellora.

O prazo de execución dos investimentos incluídos no plan de mellora será, como máximo, de 18 meses computados a partir do día seguinte ó da data da notificación da concesión da axuda ou, se é o caso, da data de formalización do préstamo subvencionado correspondente.

En casos excepcionais, se por causa xustificada o solicitante non puidese remata-la mellora no prazo previsto, deberá solicitar prórroga, especificando os motivos e o novo prazo de execución, que deberá ser aprobado pola Subdirección Xeral do Ilgga. As prórrogas ós prazos aprobados non poderán ser xustificadas polas condicións meteorolóxicas, carencia de dispoñibilidade financeira ou de man de obra cualificada.

O incumprimento dos anteditos prazos de realización das melloras poderá levar aparellado a perda dos dereitos á axuda prevista nesta orde. Así mesmo, cando se produzan modificacións dos plans de mellora relacionados coa producción ou co programa de investimentos, terase en conta o establecido no artigo 12 do R.D. 613/2001.

Sección segunda

Primeira instalación de agricultores mozos

Artigo 9º.-Solicitude e documentación complementaria.

O mozo que desexe acceder ás axudas á primeira instalación nas condicións, modalidades, e cos requisitos e criterios básicos previstos no Real decreto 613/2001 presentará unha solicitude, segundo o modelo especificado no anexo I, xunto coa seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI.

2. Plan de explotación, conforme o establecido no punto 3º do artigo 13 do R.D. 613/2001, agás cando o mozo presente un plan de mellora dos previstos no punto 1º do artigo 4 do mencionado real decreto. En calquera dos casos, deberá poñerse de manifesto o grao de viabilidade económica e a situación da explotación na que queda instalado o mozo e que prevexa para este unha renda procedente daquela igual o superior ó 35% da renda de referencia.

3. Informe de vida laboral, emitido pola Tesourería da Seguridade Social sobre afiliación, tipo de réxime e períodos de alta.

4. Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria sobre as declaracións do IRPF presentadas polo solicitante e, se é o caso, copia das indicadas no punto 1 a).a.1 do artigo 2º desta orde.

5. Xustificante da capacitación profesional, segundo o punto 1 b).b.3 do artigo 2º desta orde.

6. Segundo a modalidade da primeira instalación prevista no artigo 14 do R.D. 613/2001:

a) Escritura pública que acredite o acceso á titularidade, exclusiva ou compartida, da explotación agraria por compra, herdanza, pacto sucesorio, doa

zón, arrendamento, parcería ou figuras xurídicas análogas, asumindo o mozo que se instala, polo menos, o 50% dos riscos e das responsabilidades civil, fiscal e social da xestión da explotación, así como a declaración do IRPF ou imposto de sociedades, segundo o caso, do anterior titular, se a primeira instalación se realiza de acordo co letra a) do artigo 14 do R.D. 613/2001.

b) Se se accede á cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria conforme a letra b) do artigo 14 do R.D. 613/2001, deberá acreditarse de acordo co artigo 18 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias. Na escritura pública que se asine para tal efecto deberá consta-lo seguinte:

b.1. Relación de tódolos elementos que compoñen a explotación, valorados a prezo de mercado, dos que, sendo propietario ou titular, estean integrados nela, con expresión detallada dos que lle transmite ó mozo, que deberán representar, polo menos, 1/3 do valor total daqueles. Sen prexuízo do anterior, incluirase na transmisión, polo menos, 1/3 da propiedade, tanto dos predios rústicos integrantes da propiedade como do conxunto dos restantes bens inmobles. En todo caso, deberá indicarse expresamente que os usos e o aproveitamento dos elementos da explotación transmitidos ó mozo cotitular continuarán integrados na referida explotación.

b.2. Que o titular e o agricultor mozo acordan que este compartirá as responsabilidades xerenciais, os resultados económicos da explotación, os riscos inherentes á súa xestión e ós investimentos que nela se realicen, nunha proporción igual ou superior ó 50%. Este acordo deberá ter unha duración mínima de 6 anos.

c) No caso de integración como socio nunha entidade asociativa con personalidade xurídica, preexistente ou de nova constitución, que sexa titular dunha explotación prioritaria conforme a letra c) do artigo 14 do R.D. 613/2001, certificación expedida polo órgano rector da entidade, onde se especifiquen as condicións de participación do agricultor mozo e a súa contribución, os estatutos da entidade, a relación de socios que exercen a dirección técnica e de xestión, así como a documentación que acredite a condición de prioritaria para a dita explotación, segundo os artigos 3 e 4 da orde desta consellería do 16 de xuño de 1998.

7. Solicitude de cambio de titularidade da explotación, se é o caso.

8. Solicitude de transferencia en favor do novo titular dos dereitos de prima e cantidade de referencia de leite e productos lácteos que tivese a explotación, agás no caso de instalación nunha explotación asociativa.

Os documentos públicos sinalados nas letras a) e b) do punto 6, así como a solicitude de cambio de titularidade do punto 7 e a solicitude de transferencia recollida no punto 8, poderán ser presentados unha vez aprobado o expediente, xunto coa xustificación de realización de melloras, sendo, neste caso, substituídos na documentación que se lle xunta á solicitude de axuda á primeira instalación, por un compromiso debidamente aceptado por ámbalas dúas partes.

Artigo 10º.-Adquisición e acondicionamento da vivenda.

Cando os gastos se dediquen á adquisición ou acondicionamento da vivenda, esta deberá constituí-la residencia habitual do mozo, e estar situada na mesma parroquia que a explotación, ou nunha parroquia que limite coa de situación da explotación. Se se trata de construcción nova, o soar deberá ser propiedade do mozo como privativo ou ganancial.

Cando se trate de construcción ou acondicionamento exterior da vivenda, esta deberá ser acorde coa tipoloxía da zona e coa normativa urbanística correspondente. Para dar cumprimento a este requisito, coa documentación da solicitude de axuda presentarase, de se-lo caso, a correspondente solicitude de licencia de obras, xuntándose, no momento da certificación dos investimentos e gastos, a licencia definitiva, cando aquela sexa preceptiva segundo a normativa urbanística.

En tódolos casos, deberase presentar un bosquexo acotado e unha memoria indicativa de tódalas melloras que se vaian realizar.

Artigo 11º.-Axudas á primeira instalación.

As axudas á primeira instalación de agricultores mozos, dirixidas a auxiliar gastos e investimentos derivados dela, segundo o establecido no artigo 15.2º e) do R.D. 613/2001, poderán consistir en:

1. Unha bonificación de xuros, na que o importe actualizado non supere a cantidade de 2.500.000 pesetas (15.025,30 euros), resultante de aplicar, durante un período máximo de quince anos, unha reducción do tipo de xuro preferente das entidades de crédito, establecido, de se-lo caso, nos convenios financeiros para os préstamos de primeira instalación.

2. Unha prima por explotación, que poderá substituírse, total ou parcialmente, por unha bonificación de xuros equivalente e con contía máxima de:

a) 2.500.000 pesetas (15.025,30 euros) no caso de instalación como cotitular dunha explotación prioritaria, conforme o indicado no punto 6º b) do artigo 9, sempre que a explotación resultante requira un volume de traballo equivalente polo menos a 2 UTA.

Esta mesma contía aplicarase nos casos de acceso á titularidade exclusiva por compra, herdanza, doazón ou cando a primeira instalación se produza aplicando a figura da apartación, recollida na Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia.

b) 2.000.000 de pesetas (12.020,24 euros) nos demais casos de cotitularidade, ou instalación en entidades asociativas.

c) 1.500.000 pesetas (9.015,18 euros) nos casos de instalación mediante contrato de arrendamento ou parcería.

As contías máximas de axuda expresadas anteriormente poderanse incrementar nun 10% cando se xere na explotación alomenos 1 UTA asalariada adicional á do mozo que se instala, así como nos supostos nos que se instale unha muller, e tamén

cando a explotación estea situada nun concello dos cualificados de montaña de acordo co punto 4º do artigo 55 do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio.

Artigo 12º.-Casos especiais de primeiras instalacións.

Nunha mesma explotación non poderá percibirse máis dunha prima nin dunha bonificación de xuros por primeira instalación, durante o prazo dos cinco anos seguintes á data da súa concesión. No caso de existiren instalacións múltiples, estas axudas distribuiranse en función do grao de participación de cada mozo no conxunto dos gastos e investimentos derivados das ditas instalacións. Exceptúanse desta regra as primeiras instalacións que se produzan mediante a integración como socio nunha entidade asociativa, xa que estas axudas se outorgarán, de forma íntegra, a cada mozo solicitante, sempre e cando o volume de traballo na explotación asociativa requira unha UTA para cada mozo que se instale.

Nos casos en que o réxime económico do matrimonio sexa o de gananciais, non poderá ser beneficiario dunha axuda á primeira instalación un agricultor mozo cando o seu cónxuxe sexa xa titular dunha explotación agraria. Tampouco cando se pretenda a instalación nunha parte segregada da explotación, nin por integración como socio dunha entidade asociativa constituída co outro cónxuxe para o exercicio da actividade agraria na explotación da que este fose titular.

Artigo 13º.-Prazo de execución e acreditación da primeira instalación.

1. No relativo ó prazo de execución dos investimentos e gastos para a primeira instalación será de aplicación o indicado no artigo 8º.

2. Para acreditar que se produciu a primeira instalación e poder percibi-las axudas solicitadas deberase presentar:

a) Documentación suficiente que xustifique a realización dos gastos de instalación aprobados.

b) O documento de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime de autónomos na actividade agraria e o documento de alta no censo de actividades económicas do Ministerio de Economía e Facenda (declaración censual modelo 036 ou 037).

c) Declaración do IRPF correspondente ó último período, se é o caso.

d) Os documentos indicados nas letras a) e b) do punto 6 e nos puntos 7 e 8 do artigo 9º, de non telos presentalos coa solicitude.

3. O pagamento da axuda poderá facerse de forma fraccionada, aboando o 50% despois da certificación da realización dos gastos e investimentos e o outro 50% cando acredite o cumprimento de tódolos compromisos adquiridos no momento da solicitude.

4. O compromiso de exerce-la actividade agraria durante 5 anos con posterioridade á data de aprobación da axuda, será sometido a seguimento, en virtude das inspeccións e controis que se establezan,

podendo esixir durante estes 5 anos e unha vez finalizado o período voluntario de presentación da declaración do IRPF, que o beneficiario lle envíe ó servicio provincial do Ilgga copia compulsada da declaración do IRPF e boletíns de cotización á Seguridade Social ou informe de vida laboral.

Sección tercera

Tramitación

Artigo 14º.-Presentación de solicitudes e prazo.

1. A presentación das solicitudes de axudas, para cada medida das incluídas nesta orde realizarase segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo I, que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas, xunto coa documentación complementaria prevista para o tipo de axuda solicitada.

2. As devanditas unidades administrativas asesorarán os solicitantes na realización dos estudios técnico-económicos necesarios para a elaboración dos plans de mellora das estructuras das explotacións, e das axudas á primeira instalación de agricultores mozos.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta. Sen embargo, para os casos de primeiras instalacións de mozos motivadas por cesamento anticipado na actividade agraria acollido ás axudas do R.D. 5/2001, xubilación, falecemento ou invalidez do actual titular da explotación, este prazo permanecerá aberto, ata o final do ano 2001.

Artigo 15º.-Conformidade previa da entidade financeira.

1. Na tramitación de calquera das axudas establecidas nesta orde, vinculadas a préstamos, para a súa aprobación polo Ilgga, o solicitante deberá achegar, previamente, a conformidade dunha entidade financeira asinante do convenio financeiro co MAPA, á concesión do préstamo correspondente.

2. O prazo para formaliza-la póliza coa entidade financeira será de 60 días, improrrogables, contados desde a data de recepción da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo, quedará sen efecto a resolución de concesión da axuda, agás casos de forza maior oportunamente xustificados.

Artigo 16º.-Priorización de solicitudes.

Dado que estas axudas se concederán en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, a dirección do Ilgga asignará unha contía de orzamentos a cada unha das liñas de axuda indicadas no artigo 1º.

Dentro de cada tipo de axuda, os expedientes completos e que cumpran tódalas condicións iniciais

esixidas pola normativa, clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ó titular e á explotación:

1. Plans de mellora:

a) Titular dunha explotación prioritaria.

b) Que a orientación productiva da explotación sexa vacún de leite.

c) Viabilidade da explotación.

d) Tipo de investimento.

e) Investimento por UTA.

f) Tipo de axuda ligada a préstamo.

g) Explotacións de producción ecolóxica.

h) Diversificación da producción.

i) Incorporación de mozo agricultor.

j) Situación da explotación nun concello de montaña.

2. Axudas á primeira instalación:

a) Instalación do mozo, pola modalidade de cotitularidade.

b) Maior viabilidade da explotación.

c) Primeira instalación ligada a un plan de mellora.

d) Maior dimensión productiva da explotación.

e) Axuda ligada ó préstamo.

f) Situación da explotación nun concello de montaña.

Artigo 17º.-Resolución.

1. O director do Ilgga resolverá os expedientes, comunicándollo ó interesado, ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, se é o caso, á entidade financeira correspondente, segundo o previsto na normativa vixente e convenios establecidos ou que se establezan entre o devandito ministerio e a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou entre aquel e as entidades financeiras.

2. O prazo máximo para dictar e publicar e/ou notifica-la correspondente resolución será de 6 meses, contados a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e, en todo caso antes do 30 de decembro deste ano. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase e notificase a resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 18º.-Certificación de investimentos e gastos.

Só serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de solicitude, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos, agás o previsto no artigo 13.2º do R.D. 613/2001.

Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos e cumpridos, de se-lo caso, os compromisos adquiridos, os interesados deberán comunicarllo, por escrito, preferentemente ás oficinas agrarias comarcais, con anterioridade ó remate do prazo concedido para a execución das melloras. De non facelo deste

xeito, entenderase que renuncia expresamente ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión dictada e debendo reintegra-las cantidades percibidas, de se-lo caso, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar. Unha vez comunicado o remate dos investimentos, os técnicos das oficinas agrarias comarcais, preferentemente, ou dos servicios provinciais do Ilgga, realizarán as correspondentes certificacións previas ó pagamento da axuda.

O importe do investimento certificado, nos casos de plans de mellora, non poderá ser inferior, en máis dun 20%, ó investimento aprobado, nin ós mínimos establecidos para as distintas axudas, aténdose, neste caso, ó disposto no artigo 12 do R.D. 613/2001.

Artigo 19º.-Financiamento das axudas.

1. A participación do Ilgga no financiamento deste programa de axudas que recolle esta disposición axustarase ó disposto no R.D. 613/2001 sobre mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, no relativo ó financiamento de actuacións.

2. O financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.712-A.770.1, dotada para esta finalidade con 5.302.887 millóns de pesetas (31.870.992,75 euros), segundo o orzamento de gastos do Ilgga, dos que 300 millóns de pesetas (1.803.036,31 euros) se destinarán a novas aprobacións de solicitudes, con pagamento neste exercicio, no marco desta orde. Esta aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

Artigo 20º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

Os solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 21º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos competentes do Ilgga, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 22º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras admnistracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 23º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas no artigo 25 do R.D. 613/2001.

Artigo 24º.-Recursos administrativos.

As resolucións que, en aplicación desta orde, dicte o director do Ilgga non esgotan a vía administrativa e, contra elas, poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Ilgga, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.

O Ilgga, nos casos en que a documentación achegada polo solicitante das axudas previstas nesta orde sexa abonda e se reúnan os requisitos esixidos, efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, de acordo co establecido na orde desta consellería, do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia, comunicándollo ó interesado.

Segunda.-Infraccións e sancións.

Ademais do disposto no Regulamento (CE) 1260/1999, do Consello, do 21 de xuño, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estruturais e demais regulamentación comunitaria concordante, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Terceira.-Investimento que hai que certificar.

O requisito recollido no artigo 18º desta orde, de que o importe do investimento certificado non poderá

ser inferior, en máis dun 20%, ó investimento aprobado, non será de aplicación para aqueles expedientes sobre os que recaese resolución aprobatoria con anterioridade á publicación desta orde e correspondan a explotacións de gando vacún.

Cuarta.-Cursos de incorporación á actividade agraria.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural establecerá a duración e programas dos cursos de incorporación á actividade agraria, en función da idade e grao de experiencia, para os mozos que soliciten a súa instalación no sector como agricultores mozos.

Disposicións transitorias

Primeira.-De acordo co establecido na disposición transitoria primeira do R.D. 613/2001 e ata o 30 de decembro do ano en curso, as solicitudes acollidas ó Real decreto 204/1996, do 9 de febreiro, pendentes de resolución na data de entrada en vigor desta orde, e que cumpran os requisitos establecidos naquel, poderán resolverse aplicando as contías das axudas reguladas no R.D. 204/1996, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria seguinte.

Segunda.-As axudas ós investimentos recollidos en plans de mellora destinados á diversificación de actividades productivas nas explotacións agrarias, mediante a incorporación a elas de actividades non agrarias, reguladas na alínea c) do artigo 5 do Real decreto 204/1996, que se solicitaran antes da entrada en vigor do Real decreto 613/2001, serán atendidas, exclusivamente, con fondos nacionais. O importe máximo da axuda para este tipo de investimentos non poderá supera-los 16.638.600 pesetas (100.000 euros), nin o 45% do importe do investimento.

Estas axudas acóllense ó Regulamento (CE) 69/2001, da comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis e ó Regulamento (CE) 70/2001 da comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para o establecemento das marxes brutas das principais actividades productivas das explotacións das distintas comarcas galegas, así como para dicta-las instruccións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria