Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 13 de xullo de 2001 Páx. 9.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de xuño de 2001 pola que se modifica a do 16 de novembro de 2000, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2001.

A Orde do 16 de novembro de 2000 establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2001, sendo necesario modificar algúns dos seus puntos para axustar, por unha banda, o desenvolvemento dos proxectos formativos con compromiso de contratación regulados nela e, por outra, para perfecciona-lo sistema de xustificación e liquidación dos gastos subvencionables con cargo á programación dos cursos FIP.

A citada orde esixe, dentro da documentación xustificativa dos gastos dos cursos, unha relación das facturas que se imputan ós cursos. Con fin de lograr un control máis rigoroso deses gastos, cómpre solicitar tamén como elemento xustificativo non só esa relación, senón tamén os xustificantes de gasto.

Así mesmo, o requisito que introduce como novidade a Orde do 16 de novembro para as entidades que aspiren a impartir proxectos formativos con compromisos de contratación, así como o sistema de xustificación do cumprimento deses requisitos, tanto na solicitude do curso como na liquidación final, está orixinando problemas de interpretación, motivo polo que, así mesmo, é necesario darlle unha nova redacción ó artigo que regula os proxectos formativos e, consecuentemente, modifica-lo anexo III da citada orde.

Finalmente, a disposición adicional cuarta da Orde do 16 de novembro de 2000 foi concibida para que as entidades que, por razóns de contratación non puidesen agardar para inicia-lo curso á resolución de concesión, tivesen a posibilidade de comeza-la acción formativa antes de que se dictase esa resolución, co único requisito de que llo comunicasen á delegación provincial correspondente. A práctica demostrou que esa vía excepcional era utilizada para comeza-la impartición dos proxectos formativos sen razóns excepcionais que o xustificasen, desvirtuando o espírito desa disposición, polo que cómpre varia-la súa redacción para que as entidades utilicen este procedemento excepcional exclusivamente en casos debidamente xustificados.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.

Dáselles nova redacción ós artigos 2º, 5º.7, á disposición adicional cuarta e modifícase o anexo III

da Orde do 16 de novembro de 2000, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2001, nos seguintes termos:

1. A letra c) do punto 1 do artigo 2º da orde queda redactada do seguinte modo:

c) As empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas cun compromiso de contratación de polo menos o 60 por cento dos alumnos que inicien o curso, por un período mínimo inicial de seis meses a xornada completa ou tempo equivalente, no caso de que a contratación non sexa a xornada completa. Neste último caso non se admitirán contratos inferiores ás catro horas diarias.

Só poderán acudir a este procedemento aquelas empresas que non reducisen o número total de traballadores, nin o número total de traballadores con contrato indefinido nos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso, agás que se trate de empresas que tiveran un expediente de regulación de emprego nese período. Así mesmo deberán xustificar que non reduciron o número de traballadores con contrato indefinido nin o número total de traballadores da empresa durante a realización do curso.

O cumprimento destes requisitos acreditarase do seguinte xeito:

No momento da solicitude da acción formativa presentarase o anexo III debidamente cuberto, no que figurará o número de traballadores da empresa, tanto con contrato indefinido como totais, dos 13 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude do curso.

No momento de solicita-la liquidación final do curso, presentaranse os documentos TC2 dos trece meses anteriores ó inicio do curso e o do mes no que consten os alumnos da acción formativa contratados en virtude do compromiso adquirido.

No caso de empresas que non tivesen traballadores nos trece meses anteriores, por ser de nova creación ou por crearse durante ese período, presentarán os TC-2 dos meses dos que teñan eses documentos ou, no seu defecto, xustificante da data de creación da empresa.

As empresas terán como prazo límite para a presentación dos contratos ós que se comprometeron non momento de presentación do proxecto formativo ata o 30 de abril de 2002. Por causas excepcionais, logo de petición da entidade, este prazo poderá ser ampliado polo director xeral de Formación e Colocación.

2. O artigo 5º.7 queda redactado así:

Enviar, sen prexuízo do disposto no artigo 7º.3, como data límite o 30 de novembro de 2001, á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á correspondente delegación provincial, segundo quen concedese o curso, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación que deberá presentarse selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Orixinal ou fotocopia compulsada de tódalas facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de tódolos gastos imputables ó curso.

-Certificación dos gastos por módulos.

-Declaración complementaria do conxunto de tódalas axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución), para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. A disposición adicional cuarta da orde queda redactada así:

Cuarta.-Poderán financiarse con cargo ás axudas e subvencións desta orde os proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2º.1 c), aínda que as accións formativas se inicien, por razóns excepcionais debidamente acreditadas e xustificadas pola entidade solicitante, antes de que se dicte a correspondente resolución de concesión, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a solicitude fose presentada con anterioridade ó inicio das accións.

b) Que as accións formativas se inicien e rematen dentro do ano 2001.

c) Que se cumpran tódolos requisitos formais e de procedemento, aínda que sexa a posteriori, previstos nesta orde.

d) Que a entidade solicite autorización de inicio á Dirección Xeral de Formación e Colocación, expoñendo as razóns excepcionais polas que pretenden comezar anticipadamente. Esta autorización non se concederá en ningún caso antes de que o técnico da delegación provincial emita informe unha vez visitadas as instalacións da empresa ou empresas solicitantes do proxecto formativo. En caso de autorización, a empresa deberá comunica-lo inicio á delegación provincial correspondente con cinco días de antelación ó comezo do curso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2001

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude