Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 11 de xullo de 2001 Páx. 9.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de xuño de 2001 pola que se convocan as subvencións para salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade.

As salas de exhibición cinematográfica son un foro cultural particularmente importante na sociedade actual. É sabido que no presente o sector da exhibición cinematográfica atravesa unha importante crise, que ten como principal efecto o crecente peche de salas, particularmente en zonas rurais.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, co fin de procurala pervivencia das salas de exhibición cinematográfica sitas nas zonas rurais ou de baixa rendibilidade establece que se adoptarán medidas de fomento para a exhibición de cine nas mencionadas salas mediante un réxime de axudas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións para salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade mediante réxime de concorrencia competitiva, con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.-

353B.770 dos orzamentos xerais da Comunidade

Autónoma de Galicia para 2001, nos que existe un cré-

dito para este efecto por un importe de 5.000.000

de pesetas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar ás subvencións os titulares de salas de exhibición cinematográfica sempre que cumpran as seguintes condicións:

-Que as salas estean situadas fóra de capitais de provincia, en localidades con poboación inferior a 50.000 habitantes.

-Que durante o ano 2000 tivesen actividade, cando menos, durante catro meses, obtendo unha recadación anual bruta inferior a 5.000.000 de pesetas.

-Que estean inscritos no Rexistro de Empresas do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse, segundo os modelos que figuran nos anexos, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte o da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presenta-lo seguinte día hábil.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nos rexistros das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Xuntaranse os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI do solicitante.

b) Acreditación compulsada da súa titularidade sobre a sala.

c) Documentación compulsada acreditativa da inscrición da sala no rexistro de empresas do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

d) Fotocopia compulsada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Acreditación da actividade mediante a presentación da fotocopia compulsada en formato DIN-4 dos partes-declaración de exhibición semanal debidamente cubertos pola Sociedad General de Autores de España.

g) Relación na que se indique o número de semanas de actividade indicando a recadación bruta por semana.

h) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos sinalados anteriormente, o interesado será requerido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos necesarios, con indicación de que, se non o fixese, considerarase que desiste da súa petición, arquivándose sen máis trámite.

Artigo 5º.-Resolución.

As solicitudes e documentación presentadas serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual e a directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá, esgotando a vía administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de tres meses, contados a partir do día seguinte a publicación desta orde. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados,

nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6º.-Obrigacións do beneficiario.

De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino de axudas.

Artigo 7º.-Contía da axuda.

A contía das axudas será proporcional ó número de semanas de actividade realizada por cada sala durante o ano 2000, sen que, en ningún caso, a contía da axuda poida ser superior á recadación bruta obtida no dito ano.

Artigo 8º.-Pagamento.

Unha vez resolta e notificada a concesión da subvención farase efectiva a cantidade adxudicada sempre a través de pagamento único.

Para proceder a calquera pagamento os beneficiarios deberán presentar:

-Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa.

-Certificado da entidade bancaria de existencia da conta, acreditando que a titularidade dela corresponde ó solicitante subvencionado.

Artigo 9º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias cantas, disposicións considere precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo