Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 11 de xullo de 2001 Páx. 9.328

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de xuño de 2001 pola que se desenvolve o Decreto 134/2001, do 7 de xuño, se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a

formación e, a través do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúese a ela, por medio da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, correspóndelle agora a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están as unidades de promoción e desenvolvemento que, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, son obxecto de regulación mediante o Decreto 134/2001, do 7 de xuño.

Aprobado o antedito decreto pola Xunta de Galicia, na súa sesión do 7 de xuño de 2001, e de conformidade co previsto na súa disposición derradeira primeira, cumpre proceder ó seu desenvolvemento e ó establecemento das bases que regularán a concesión das axudas e subvencións que poidan conceder esta consellería ó funcionamento das anteditas unidades de promoción e desenvolvemento así como á súa convocatoria.

Esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, e no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de fomento do emprego.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento do programa regulado nesta orde, entre outros, realizarase con cargo ós créditos que figuran na aplicación orzamentaria 14.04.241A.480.0 por un importe total de 4.313.665.000 pesetas.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo; todo iso no marco dos Acordos para o Crecemento e o Emprego en Galicia 1998-2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, Inspección Xeral de Servicios e Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da

Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 134/2001, do 7 de xuño, polo que se establece o programa das unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o establecemento das bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó seu funcionamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como a convocatoria das ditas axudas e subvencións.

Artigo 2º.-Concepto.

As unidades de promoción e desenvolvemento son módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal e que teñen por finalidade actuar sobre as potencialidades de desenvolvemento fomentando a creación de emprego.

Constitúen un instrumento que, mediante a elaboración de plans e proxectos integrais de execución de políticas activas de emprego, ten como obxectivo último a inserción laboral de desempregados.

Artigo 3º.-Funcións.

1. As unidades de promoción e desenvolvemento, seguindo as directrices, orientacións e prioridades fixadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, realizarán as seguintes funcións:

a) Investiga-las oportunidades de desenvolvemento e emprego, por medio dunha axeitada prospección e avaliación dos recursos dispoñibles e do uso de métodos e sistemas que permitan a planificación, coordinación e posta en práctica de accións e estratexias de políticas activas de emprego, fundamentalmente vinculadas ós novos viveiros de emprego.

b) Facilitar información sobre o emprego e desenvolvemento, a través da súa organización, sistematización e divulgación ós técnicos e axentes de emprego, ás escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego e ás entidades interesadas no desenvolvemento local e na creación de emprego.

c) Apoiar, dinamizar e avaliar proxectos de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego.

d) Desenvolver estratexias e metodoloxías de apoio dirixidas á inserción laboral por conta allea, á creación de iniciativas empresariais e ó autoemprego dos desempregados e, especialmente, dos participantes en escolas obradoiro, casas de oficios, obradoiros de emprego e outros programas de cooperación.

e) Coordinar, sen prexuízo do establecido no parágrafo seguinte, as actuacións dos técnicos locais de emprego que desenvolvan o seu cometido no seu

ámbito de actuación cando a entidade á que se subvenciona a súa contratación estea integrada na entidade promotora da Unidade de Promoción e Desenvolvemento.

Estas funcións axustaranse ós plans concretos de actuación do ámbito territorial de cada unidade de promoción e desenvolvemento.

2. As unidades de promoción e desenvolvemento colaborarán na implantación das políticas activas de emprego no seu territorio de actuación, en coordinación cos técnicos locais de emprego, desenvolvéndose esta colaboración no marco da actuación conxunta entre a entidade promotora e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, seguindo as directrices fixadas por esta.

Artigo 4º.-Entidades promotoras.

1. Os proxectos de unidades de promoción e desenvolvemento poderán ser promovidos por:

a) Órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Entidades locais de carácter supramunicipal e os seus organismos autónomos.

c) Fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro cun ámbito de actuación superior ó municipal.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución dos servicios que pretenden prestar a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento e dispoñer da suficiente capacidade técnica e de xestión para garanti-lo seu adecuado desenvolvemento.

Artigo 5º.-Duración.

A duración das unidades de promoción e desenvolvemento non poderá exceder de dous anos e medio, dividida en fases de seis meses.

Artigo 6º.-Persoal.

1. Para a realización das funcións encomendadas ás unidades de promoción e desenvolvemento, as súas entidades promotoras deberán contratar persoal directivo e técnico, especialista nas materias obxecto de estudio e actuación, así como o persoal de apoio necesario, baixo a modalidade contractual máis adecuada, en cada caso, ás funcións e tarefas que se van desenvolver.

2. A súa selección e contratación levarase a cabo de conformidade co previsto nos artigos seguintes.

Capítulo II

Selección e contratación

Artigo 7º.-Normas xerais: grupo de traballo mixto.

1. A selección do director, técnicos e persoal de apoio será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por persoal da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da entidade pro

motora. A presidencia do dito grupo de traballo recaerá no representante da consellería que para o efecto sexa designado pola respectiva delegación provincial.

2. A este grupo corresponderalle establece-los criterios de selección de todo o persoal da Unidade de Promoción e Desenvolvemento, de acordo co establecido nesta orde e normas que poidan desenvolvela.

3. Finalizados os procedementos de selección, o grupo de traballo mixto preparará a relación dos seleccionados como persoal directivo, técnico e de apoio, expedindo acta, por duplicado exemplar, de todo o actuado, e remitiralle un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 8º.-Procedemento de selección.

1. Na selección do persoal da Unidade de Promoción e Desenvolvemento, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo, podendo utilizar oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Así mesmo, corresponderalle ó grupo de traballo mixto:

-Determina-lo perfil, as características e os requisitos que deben cumpri-los candidatos, tendo prioridade aquelas persoas que desempeñasen unha ocupación semellante noutra Unidade de Promoción e Desenvolvemento.

-Elabora-las convocatorias.

-Establece-los baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse.

-Prepara-las ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procedese.

-Difundi-las convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen, se é o caso.

2. A selección definitiva deberá ser realizada de entre os preseleccionados pola oficina de emprego e das solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, debendo considerar, na medida do posible, tres candidatos por posto.

Artigo 9º.-Contratación do persoal.

1. A entidade promotora contratará o persoal directivo, técnico e de apoio que fose seleccionado e figure como tal nas actas do grupo de traballo.

2. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, debendo facerse consta-la súa pertenza á Unidade de Promoción e Desenvolvemento, a denominación do proxecto para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Así mesmo, os ditos contratos serán rexistrados na oficina de emprego e codificados coa clave T02.

Artigo 10º.-Baixas.

A selección do persoal directivo, técnico e de apoio que se contrate para a cobertura das vacantes que se produzan unha vez iniciado o proxecto, efectuarase polo procedemento que para os efectos determine o grupo de traballo mixto.

Artigo 11º.-Incidencias e reclamacións.

1. As incidencias e reclamacións que se puideran suscitar derivadas dos procesos de selección serán resoltas polo grupo de traballo mixto.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servicio Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa un organismo público. Neste último caso, o persoal seleccionado non se considerará incluído no correspondente cadro de persoal ou relación de postos de traballo, polo que non será precisa oferta de emprego público previa.

Capítulo III

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As entidades que, estando previstas no artigo 4º, desexen promover unha unidade de promoción e desenvolvemento e obte-las axudas e subvencións establecidas nesta orde, deberán formaliza-la correspondente solicitude, por duplicado exemplar, de conformidade co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no modelo que se publica como anexo I, que estará ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais e servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo seu representante legal, xunto coa documentación sinalada no artigo seguinte.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. As solicitudes de axudas e subvencións ás Unidades de Promoción e Desenvolvemento poderán presentarse ata o 30 de novembro do ano 2001.

Artigo 13º.-Documentación.

Xunto á solicitude, a documentación que se presentará, sempre por duplicado exemplar e en orixinais ou en copias compulsadas, será a seguinte:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que:

-Se é un órgano da Administración xeral do Estado, un ente público desta ou da Administración da

Comunidade Autónoma de Galicia, un organismo autónomo estatal, autonómico ou local, unha mancomunidade ou consorcio, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no boletín oficial correspondente, podendo substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.

-Se é unha fundación, asociación ou outra entidade sen ánimo de lucro, achegaranse escritura pública de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente que acrediten a súa condición de entidade sen ánimo de lucro e o seu ámbito territorial de actuación.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) A que acredite a personalidade e o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente boletín oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

d) As entidades locais e os seus organismos autónomos deberán achegar certificación expedida polo secretario, na que se recolla o acordo de aprobación do proxecto da Unidade de Promoción e Desenvolvemento e de solicitude de subvención á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, adoptado polo órgano competente.

e) Declaración na que se recolla o conxunto de tódalas axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

f) Proxecto para o que se solicita a subvención e que, como mínimo, constará dunha memoria, segundo o modelo que se publica como anexo II, na que se recollerán os seguintes aspectos:

-Datos de identificación da entidade promotora: denominación, ámbitos competenciais e demais datos de localización, así como a estructura, servicios e experiencia coa que, en principio, conta ó respecto.

-Contido do proxecto de unidade de promoción e desenvolvemento que incluirá: finalidade e obxectivos do proxecto, metodoloxía que se empregará, estratexias previsibles de fomento do emprego, principais colectivos afectados e calendario de actuación.

-Data prevista de comezo e duración do proxecto.

-Custos máximos, periodificados por fases semestrais desde a data prevista de comezo e derivados da contratación do persoal técnico e de apoio, así como do funcionamento da Unidade de Promoción e Desenvolvemento.

-Orzamento total de ingresos da Unidade de Promoción e Desenvolvemento, sinalando as partes financiadas pola entidade promotora ou por outras fontes de financiamento que se indicarán, así como a parte do financiamento para a que se solicita a subvención.

g) Certificado no que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 14º.-Emenda.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos esixidos ou a documentación achegada contivera erros ou fora insuficiente, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, competente por razón do territorio para a instrucción do expediente, requirirá á solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 15º.-Comisión Central de Valoración.

1. Unha vez completos os expedientes, remitiranse no prazo de quince días xunto co informe técnico emitido pola delegación provincial, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, á Comisión Central de Valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

2. A dita Comisión Central de Valoración estará composta polo director xeral de Fomento do Emprego, que a presidirá; e serán vocais os catro delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

Artigo 16º.-Criterios de valoración dos proxectos.

Na valoración dos proxectos teranse en consideración, entre outros, os seguintes criterios:

-Número de desempregados existente no ámbito territorial no que se desenvolva o proxecto.

-Carácter innovador do proxecto.

-Calidade do proxecto, atendendo á súa finalidade e obxectivos e á metodoloxía e estratexia previstas de fomento do emprego, inserción laboral dos desempregados e dos beneficios sociais que se prevexa xerar.

-Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, téndose en conta o esforzo investidor en cada caso.

-Resultados cualitativos e cuantitativos de anteriores proxectos de unidades de promoción e desenvolvemento, escolas obradoiro, casas de oficios ou obradoiros de emprego promovidos ou impulsados pola entidade solicitante.

-Participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio na elaboración do contido e o desenvolvemento do proxecto, ou cando este estivera vinculado ou xurdira en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

Artigo 17º.-Resolución.

1. Cumpridos os trámites previstos no artigo 15º e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención, o/a delegado/a provincial por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dictará e notificará a resolución debidamente motivada outorgando ou denegando a concesión de subvención á entidade solicitante.

A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes extremos:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto para o que se concede a subvención.

b) Número e características do persoal subvencionado.

c) Subvención outorgada con cargo ós orzamentos da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o financiamento dos custos sinalados no artigo 19º, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado e que o seu aboamento quedará condicionado á existencia de crédito para tal fin nos futuros exercicios orzamentarios.

d) Duración da unidade de promoción e desenvolvemento e datas previstas para o seu comezo e para cada unha das súas fases.

e) Calquera outra especificación que se considere oportuna en cada caso concreto.

3. O prazo para resolver será de seis meses que se computarán a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución, as entidades solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 29º, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para a solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116

e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, no prazo dun mes, se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase, para a solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 18º.-Modificacións do proxecto.

1. Calquera modificación que implique un cambio de titularidade da entidade promotora ou da finalidade ou obxectivos básicos do proxecto, será considerada como esencial e deberá ser solicitada segundo o procedemento indicado anteriormente.

As delegacións provinciais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Fomento do Emprego para que esta dictamine sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa autorización correspóndelle ás delegacións provinciais, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o esixan.

3. Para a tramitación do cambio de titularidade, a entidade promotora titular deberá presentar ante a correspondente delegación provincial a seguinte documentación:

a) Solicitude de aceptación da súa renuncia e de cambio de titularidade do proxecto, debidamente xustificada.

b) Escrito de aceptación do cambio de titularidade pola nova entidade, xunto coa documentación esixible a teor do previsto no artigo 13º.

c) Balances dos dereitos e obrigas que se transfiren e de situación e xustificación das subvencións recibidas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

d) Acta conxunta aceptando a liquidación e transferencia dos dereitos e obrigas co visto e prace do delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do dictame de procedencia da Dirección Xeral de Fomento do Emprego para seren resoltas pola delegación provincial, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Da resolución que se dicte enviarase copia á dita dirección xeral.

Capítulo IV

Financiamento e xustificación de subvencións

Artigo 19º.-Financiamento e obxecto da subvención.

1. As unidades de promoción e desenvolvemento financiaranse con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou ben directamente con medios propios con cargo ás partidas orzamentarias correspondentes.

2. No caso das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para cada Unidade de Promoción e Desenvolvemento, que se determinará na resolución que aprobe o proxecto, destinarase exclusivamente a sufraga-los seguintes custos:

-Os salariais derivados dos contratos que se subscriban co director, técnicos e persoal de apoio previsto no artigo 6º.

-Os derivados do funcionamento da Unidade de Promoción e Desenvolvemento.

3. O importe da subvención concedida pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

Artigo 20º.-Subvención para custos salariais.

1. A contía da subvención prevista para a contratación do persoal técnico, incluídas as cotas patronais á Seguridade Social, queda establecida, para o ano 2001, en 4.032.590 pesetas por xornada completa, ano e traballador, reducíndose proporcionalmente, de se-lo caso, en función da xornada e da duración de cada contrato. Esta subvención incrementarase nun 20% para a contratación do director da Unidade de Promoción e Desenvolvemento.

2. O importe da subvención para custos salariais, incluídas as cotas patronais á Seguridade Social, derivados da contratación do persoal de apoio será, no ano 2001, de 2.027.968 pesetas por xornada completa, ano e traballador, reducíndose proporcionalmente, de se-lo caso, en función da xornada e da duración de cada contrato.

Para o caso de que o persoal de apoio subscriba un contrato para a formación, a subvención será equivalente ó 75% do salario mínimo interprofesional.

3. En todo caso, as referidas cantidades considéranse subvencións por custos salariais e cotas patronais derivadas da contratación do persoal das unidades de promoción e desenvolvemento, sen que as ditas cantidades condicionen os salarios efectivamente pactados entre ese persoal e as entidades promotoras.

Artigo 21º.-Subvención para gastos de funcionamento.

Os gastos derivados do funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento establécense, para 2001, en 459.503 pesetas por traballador e ano.

Artigo 22º.-Actualización da subvención.

As cantidades previstas nos artigos 20º e 21º en concepto de subvención para custos salariais e gastos de funcionamento serán obxecto dun incremento anual equivalente a un 2%, en tanto non sexa dictada disposición en contrario.

Artigo 23º.-Convenios de colaboración.

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os cales se comprometan a achegar parte ou a totalidade do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 13º alínea f).

Artigo 24º.-Pagamento.

1. O pagamento das subvencións será feito polas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás entidades promotoras, logo de solicitude destas, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, por períodos semestrais e en función das fases do proxecto que se expresen na resolución de concesión.

2. Unha vez iniciada a primeira fase, e logo da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado para ese período.

Rematada a fase anterior e logo de xustificación de gastos, no prazo dun mes contado desde a data da súa solicitude, aboaráselle ó promotor, en concepto de pagamento a conta da liquidación definitiva e a medida que o beneficiario xustifique os gastos, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente á nova fase, sen que en ningún caso se supere o límite do 80% do importe total da subvención para o conxunto do proxecto. Na segunda e sucesivas fases, para a determinación deste límite do 80% descontarase da base de cálculo o importe dos libramentos anteriores debidamente xustificados pola entidade promotora de acordo co establecido no artigo 26º.

3. O 20% restante aboáraselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados tódolos gastos e presentada acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 26º e 27º.

4. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha decla

ración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 25º.-Garantías.

1. No suposto de que as entidades promotoras teñan a condición xurídica de entes de dereito privado, con carácter previo á recepción dos libramentos previstos no artigo anterior, deberán depositar na Caixa Xeral de Depósitos avais ou garantías de calquera das clases admitidas en dereito, en favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e suficientes en cantidade e calidade para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

2. A garantía será liberada cando sexa acreditado que a subvención concedida se aplicou á finalidade prevista e que foron xustificadas correctamente as cantidades percibidas en tal concepto.

Artigo 26º.-Forma de xustificación.

1. A entidade promotora, dentro do mes seguinte ó remate de cada fase, remitirá á Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os xustificantes dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos recibidos. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, non podendo efectuarse compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, xuntarase a relación de pagamentos realizados con identificación dos perceptores e detalle das cantidades aboadas.

Unha vez verificada a xustificación por gastos efectuados, axustarase o correspondente saldo na próxima transferencia que se vaia efectuar.

2. Cando as entidades promotoras sexan organismos públicos, consideraranse documentos xustificativos dos pagamentos efectuados as certificacións expedidas para o efecto polos órganos competentes e nas que consten detallados os pagamentos correspondentes a cada unha das partidas subvencionadas. Igualmente deberán achegar relación de xustificantes de gastos e pagamentos realizados.

En todo caso, os documentos xustificativos individualizados deberán quedar dispoñibles para as actuacións de comprobación e control.

3. As asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro ás que se refire o artigo 4º.1 alínea c), presentarán documentos xustificativos individualizados dos pagamentos efectuados.

4. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos parágrafos anteriores, non se realizarán novas provisións de fondos e procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

Artigo 27º.-Liquidación.

1. Dentro do mes seguinte ó remate do proxecto, a entidade promotora remitirá á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego a seguinte documentación:

a) Xustificación dos pagamentos efectuados con cargo ós fondos correspondentes á segunda ou sucesivas fases, segundo proceda.

b) Relación de gastos realizados e os correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Acta de liquidación e cadro resumo de xustificantes de gastos.

2. Unha vez verificada a xustificación presentada, e no caso de acordo, a Delegación Provincial da Consellería dará a súa conformidade ós documentos antes sinalados, ó mesmo tempo que procede ó aboamento das cantidades previstas no artigo 24.3º e, se é o caso, expide o certificado necesario para a liberación da garantía depositada na Caixa Xeral de Depósitos.

No suposto de desconformidade ou discrepancia, a delegación provincial descontará do pagamento do 20% restante as cantidades non xustificadas.

3. Revisada a xustificación, e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a Delegación provincial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

4. En todo caso, no prazo dos tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude remitiralle á Dirección Xeral de Fomento do Emprego a documentación sinalada na alínea c) do parágrafo primeiro.

Capítulo V

Obrigas, seguimento e control

Artigo 28º.-Obrigas.

Os beneficiarios das subvencións previstas nesta orde, estarán obrigados a:

a) Realiza-las actividades para as que se concede a subvención seguindo as directrices, orientacións e prioridades fixadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Acondicionar e dota-las instalacións de xeito que reúnan as condicións mínimas de seguridade e hixiene que permitan o normal desenvolvemento das actividades da Unidade de Promoción e Desenvolvemento desde o inicio das súas actividades.

c) Contrata-lo persoal directivo, técnico e de apoio que se determine.

d) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos esixidos para a concesión da subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comproba-lo cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e Tribunal de Contas da Unión Europea.

f) Comunicar á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento de presenta-la solicitude, así como no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento.

g) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as actividades e servicios que se realicen, tendo en conta que as actividades de publicidade e divulgación do proxecto adecuaranse á normativa correspondente.

h) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

i) Cumpri-las demais que se deriven da normativa aplicable ás subvencións previstas nesta orde.

Artigo 29º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria do establecido na normativa aplicable orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento e tendo en conta a súa incidencia no cumprimento dos obxectivos previstos para a Unidade de Promoción e Desenvolvemento, o reintegro total ou parcial das cantidades que se recibisen xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 30º.-Asistencia, seguimento e avaliación.

As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude son os órganos encargados de realiza-las tarefas de supervisión, coordinación, asistencia técnica, seguimento e control da xestión das unidades de promoción e desenvolvemento así como das subvencións concedidas.

Ademais de tramita-lo expediente de solicitude, resolver esta, se é o caso, e transferi-los fondos

correspondentes, deben realiza-las seguintes actuacións, na forma e cos procedementos que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego:

-Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como á propia Unidade de Promoción e Desenvolvemento na realización das actividades para as que se concede a subvención, co obxecto de consegui-lo éxito do proxecto: creación de emprego, así como a correcta realización do traballo e actividades previstas.

-Seguimento da xestión, obtendo das unidades de promoción e desenvolvemento a información que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

-Control das subvencións recibidas e liquidación do expediente.

-Control dos resultados das actividades realizadas polas unidades de promoción e desenvolvemento.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas e subvencións previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario, sendo o seu límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 indicado na exposición de motivos desta orde.

Segunda.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, aprobación ou denegación das modificacións dos proxectos, así como para autoriza-los gastos e propoñe-la ordenación dos correspondentes pagamentos.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto sexa designada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego a dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude