Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 09 de xullo de 2001 Páx. 9.212

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro para repara-los danos causados polas chuvias e temporais acaecidos en Galicia, financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras.

Con data do 12 de xuño o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 10 entidades financeiras asinaron un convenio coa finalidade de establecer liñas de financiamento subsidiado para repara-los danos causados polas chuvias e temporais acaecidos en Galicia, someténdose ás directrices tanto horizontais como sectoriais dictadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas no citado convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio coas entidades financeiras que figura como anexo I e a relación de entidades que o subscribiron que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de apoio financeiro para repara-los danos causados polas chuvias e temporais acaecidos en Galicia financiado polo Igape, o ICO e as entidades financeiras

Antecedentes.

O presente convenio, asinado por unha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández e, por outra parte, por..., (en diante, a entidade financeira) representado por D/Dª...con poder suficiente, inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia e en virtude do Real decreto lei 6/2001, do 6 de abril, de adopción de medidas urxentes para repara-los danos causados polas chuvias e temporais acaecidos desde os últimos días de outubro de 2000 ata finais do mes de xaneiro de 2001, coa finalidade de financia-la reparación ou reposición de instalacións e vehículos industriais, instalacións mercantís, explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras e locais de traballo de profesionais que resultasen danados como consecuencia dos fenómenos atmosféricos mencionados.

En tanto non se pronuncie a Comisión Europea acerca da compatibilidade coa normativa comunitaria do novo decreto de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, axustarase ás directrices tanto horizontais coma sectoriais dictadas pola Comisión Europea así como ós límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa rexional de axudas de España para o período 2000-2006.

A axuda consistirá na subsidiación do tipo de xuro dos préstamos que para eses efectos se concerten coas entidades financeiras acollidos a este convenio. Os fondos para a formalización destas operacións serán facilitados ás entidades financeiras polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) nos termos e condicións establecidos no contrato de financiamento que subscribiran para tal efecto.

Os citados préstamos poderán ser subsidiados con suxeición ás seguintes

Cláusulas

Primeira.-Obxecto, volume máximo de préstamos que se subsidian e dotación orzamentaria.

1.1. Obxecto: o presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre as partes que o subscriben, coa finalidade de establecer liñas de financiamento subsidiado destinadas á reparación ou reposición de instalacións e vehículos industriais, instalacións mercantís, explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras e locais de traballo de profesionais que resultasen viran danados como consecuencia dos fenómenos atmosféricos mencionados e/ou á amortización de operacións de préstamo ou crédito con entidades financeiras que os damnificados formalicen con posterioridade ó mes de outubro de 2000 aplicadas ós mesmos fines, someténdose

ás directrices tanto horizontais como sectoriais dictadas pola Comisión Europea, ás normas específicas contidas no presente convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

1.2. Volume máximo de préstamos que se van subsidiar: o volume de préstamos que se van subsidiar ó abeiro do presente convenio non poderá superar nun importe total de 3.000 millóns de pesetas (ou o seu contravalor en euros) e atenderanse en virtude da dispoñibilidade dos fondos da liña de préstamos habilitada polo ICO para esta finalidade.

1.3. Dotación orzamentaria: as axudas reguladas neste convenio financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 02.01.01/01/11.656700, cun crédito plurianual de 270.376.920 pesetas (ou o seu contravalor en euros), distribuído para cada exercicio orzamentario nas seguintes cantidades anuais:

Ano 2001: 45.062.820 pesetas.

Ano 2002: 81.932.400 pesetas.

Ano 2003: 66.570.075 pesetas.

Ano 2004: 46.086.975 pesetas.

Ano 2005: 25.603.875 pesetas.

Ano 2006: 5.120.775 pesetas.

Total: 270.376.920 pesetas.

A concesión destas axudas estará supeditada á existencia de crédito orzamentario suficiente.

O volume máximo de préstamos que se van subsidiar, así como a correspondente dotación orzamentaria poderá ser ampliable en función da contía dos danos avaliados e da demanda de operacións de préstamo, sempre e cando existan fondos da liña de préstamos habilitada polo ICO para esta finalidade.

Segunda.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no presente convenio as pemes, sexan persoas físicas o xurídicas, que realicen unha actividade empresarial ou profesional, que acrediten ter sufrido algún tipo dos danos citados na cláusula 1.1. mediante informe ou certificación expedida pola delegación ou subdelegación do Goberno na provincia correspondente, e que teñan instalacións situadas nos municipios que se detallan no anexo 1 deste convenio e que cumpran a definición de PEME adoptada pola Comisión da Unión Europea do 3 de abril de 1996. Para estes efectos, terán a consideración de PEME as empresas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 250 traballadores.

b) Que teñan un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual, activo total, non superior a 27 millóns de euros, e

c) Que cumpran o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenzan a outra

empresa, ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa;

-Se o capital está distribuído de tal forma que non sexa posible determinar quen o posúe e se a empresa declara que pode lexitimamente presumir que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de PEME.

Para o cálculo dos límites establecidos nas alíneas a) e b) engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa directa ou indirectamente o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto.

Os solicitantes deberán acreditar esta circunstancia segundo o formulario establecido no anexo 2 a este convenio.

Terceira.-Vixencia e prazo de solicitudes.

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación de solicitudes de subsidiación nas entidades financeiras finalizará o 17 de setembro de 2001. O convenio estenderá a súa vixencia ata a total amortización dos préstamos subsidiados co límite máximo do 31 de decembro de 2006.

Cuarta.-Modalidade e destino das axudas.

A axuda consistirá na subsidiación do tipo de xuro dos préstamos formalizados con fondos facilitados ás entidades financeiras polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) nos termos e condicións establecidos no contrato de financiamento que subscribiran para tal efecto e destinados á reparación ou reposición de instalacións e vehículos industriais, instalacións mercantís, explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras e locais de traballo de profesionais que resultasen danados como consecuencia dos fenómenos atmosféricos mencionados e/ou á amortización de operacións de préstamo ou crédito con entidades financeiras que os damnificados formalicen con posterioridade ó mes de outubro de 2000 aplicadas ós mesmos fines.

Quinta.-Condicións do programa de axudas.

5.1. Consideraranse subvencionables os investimentos en inmobilizado adquiridos a terceiros que se realicen con posterioridade ó mes de outubro de 2000, destinados á reparación ou reposición de instalacións e vehículos industriais, instalacións mercantís, explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras e locais de traballo de profesionais. Os investimentos en inmobilizado inmaterial non poderán supera-lo 25% do total do investimento subvencionable do proxecto.

5.2. A contía do investimento subvencionable determinarase excluíndo o IVE e outros tributos do custo de adquisición e non poderá supera-lo importe do dano avaliado pola delegación ou subdelegación do Goberno da provincia correspondente ou, se é o caso, polo Consorcio de Compensación de Seguros.

5.3. Os beneficiarios das axudas establecidas neste convenio deberán mante-los investimentos obxecto de financiamento durante un prazo mínimo de 5 anos desde a súa adquisición. Considerarase que se cumpre esta condición no caso de que os bens nos que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda financeira do Igape.

Sexta.-Características das operacións de préstamo.

6.1. Importe dos préstamos e porcentaxes de financiamento.

O importe do préstamo con dereito a subsidiación poderá acadar ata o 100% do investimento subvencionable.

En ningún caso o importe do préstamo poderá superar:

-A diferencia entre o valor do dano producido e o importe doutras axudas ou indemnizacións declaradas compatibles ou complementarias que, polos mesmos conceptos, puideran concederse por outras administracións e organismos públicos, nacionais ou internacionais, ou corresponderan en virtude da existencia de pólizas de seguro.

-Nin o importe do investimento subvencionable pendente de pagamento á data de presentación da solicitude no Igape, agás para aqueles casos para os que, en todo ou en parte, se efectuasen pagamentos mediante préstamos ou créditos que os damnificados formalizasen con posterioridade ó mes de outubro de 2000 aplicados ós fines previstos neste convenio, importes que, para estes efectos, se computarán como pagamentos pendentes sempre e cando se cancelen as ditas operacións co préstamo formalizado ó abeiro deste convenio. Se a partir desta data fora necesario efectuar novos pagamentos, estes deberán facerse seguindo a operativa establecida na cláusula 7.10.1.

6.2. Prazos de amortización.

O prazo de amortización será de 5 anos, incluído un ano de carencia.

Os períodos de amortización sinalados anteriormente comezarán a computarse a partir do primeiro día 20 do calendario inmediato á data de formalización, polo que a vixencia de cada préstamo poderá ser superior polos días que se engaden no período irregular inicial e que se incluirán no período de carencia.

6.3. Sistema de amortización: as amortizacións serán realizadas polo prestameiro en cotas de amortización semestrais iguais, debendo recolle-la póliza ou escritura o número de cotas e as datas nas que se producirán a primeira e última.

O préstamo poderá ser amortizado de forma anticipada, total ou parcialmente, á vontade do prestameiro. Así mesmo, o préstamo será amortizado, total ou parcialmente, na contía das axudas outorgadas en virtude de indemnización ós afectados. As amortizacións anticipadas parciais que, se é o caso, realice voluntariamente o prestameiro deberán aplicarse a reducir en igual contía as cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións no prazo de amortización do préstamo.

A entidade financeira deberá comunicar puntualmente as ditas amortizacións anticipadas indicando data e importe delas e o novo cadro de amortización ó Igape e, en calquera caso, antes de presenta-la solicitude de cobramento da liquidación semestral da subsidiación.

6.4. Liquidación de xuros: o devengo de xuros será por días comerciais, con liquidacións semestrais, que comezarán a computarse desde o primeiro día 20 posterior á data de formalización. Non obstante, o primeiro período de liquidación de xuros será irregular e igual ou superior a seis meses polos días que transcorran desde a data de formalización ata o primeiro día 20.

6.5. Tipo de xuro e subsidiación para o beneficiario das operacións de préstamo.

O tipo de xuro dos préstamos acollidos ó presente convenio será fixo do 3,75% TAE.

A subsidiación do tipo de xuro das operacións de préstamo acollidas a estas axudas será de 2,75% T.A.E.

6.6. Comisións.

O tipo de xuro é TAE e as entidades financeiras prestamistas non poderán percibir cantidade ningunha en concepto de comisión.

Sétima.-Tramitación.

7.1. Solicitudes e documentación.

As solicitudes de subsidiación presentaranse nas entidades financeiras, no modelo normalizado distribuído a través destas e publicado no DOG, acompañadas da documentación establecida no anexo 3 por duplicado exemplar. A documentación deberá achegarse en orixinal ou en copia cotexada cos orixinais pola entidade financeira.

As solicitudes presentadas por sociedades civís ou comunidades de bens deberanse tramitar a nome dos titulares que formalizarán o préstamo, seguido da denominación da sociedade civil ou comunidade de bens.

7.2. Coa presentación da instancia de solicitude, as empresas que se acollan ás axudas establecidas no presente convenio apoderan a entidade financeira para a realización ante o Igape de todos aqueles trámites nos que así se prevexa neste convenio. A este respecto, o Igape considerará a actuación da entidade financeira coma se fora propia da empresa solicitante.

7.3. O impreso de solicitude constará de catro exemplares:

-Orixinal e 1ª copia para Igape.

-2ª copia para entidade financeira.

-3ª copia para solicitante.

A entidade financeira datará e selará os catro exemplares do impreso de solicitude, entregando ó solicitante a súa correspondente copia. A entidade financeira deberá centraliza-la recepción das solicitudes unha vez seladas polas súas distintas sucursais, tendo un prazo de 15 días para resolve-la petición de préstamo. O prazo para a presentación das solicitudes na entidade financeira finaliza o 17 de setembro de 2001.

A entidade financeira remitirá ó Igape as solicitudes coa documentación anexa, acompañada da comunicación de concesión do préstamo segundo o modelo establecido no anexo 4.

O último día hábil para a presentación das solicitudes no Igape será o 1 de outubro de 2001. As solicitudes presentadas fóra deste prazo serán obxecto de arquivo, asumindo a entidade financeira toda a responsabilidade polos prexuízos que iso poida supor á empresa solicitante.

7.4. Dentro dos dez días seguintes á recepción das solicitudes, o Igape comunicará ós solicitantes a data na que foron recibidas as solicitudes, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e os efectos do silencio administrativo.

7.5. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xuntase a documentación esixida, requirirase ó solicitante e á entidade financeira, para que no prazo de 10 días hábiles desde o seguinte ó requirimento emende a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución declarativa de tal circunstancia. O requirimento á entidade financeira, se é o caso, realizarase vía fax.

7.6. Informes.

Nos casos nos que o Igape o considere necesario, e para efectos da resolución da solicitude, solicitarase informe á consellería sectorial correspondente, en relación ó cumprimento por parte dos proxectos da normativa específica que resulte aplicable.

7.7. Trámite de audiencia.

Instruído o procedemento pola Área de Financiamento do Igape e inmediatamente antes de redactar proposta de resolución, porase de manifesto ós interesados, para que no prazo de 10 días poidan alegar e presenta-los documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

7.8. Concesión.

A Dirección Xeral do Igape elevará ó presidente do Igape a proposta de resolución do director da

Área de Financiamento, que incluirá o tipo de xuro da operación de préstamo, os puntos de subsidiación propostos, o importe do préstamo subsidiable, o prazo de vixencia e carencia do préstamo, o importe do investimento subvencionable. As propostas de denegación de solicitudes deberán detalla-la causa.

As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotárense as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas.

7.9. Silencio administrativo e recursos: o Igape notificará ó solicitante e comunicará á entidade financeira a concesión ou denegación da subsidiación. O beneficiario deberá aceptar expresamente a resolución de concesión. A aceptación formalizarase na copia da resolución que para tal efecto se remitirá xunto coa resolución de concesión e que deberá ser devolta ó Igape debidamente cuberta.

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde a súa notificación. Potestativamente, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o Consello de Dirección do Igape no prazo dun mes desde a súa notificación.

O prazo máximo para notifica-la resolución do procedemento será de 6 meses desde a data de presentación da solicitude da axuda. Este prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse estimada.

7.10. Formalización.

A entidade financeira e o solicitante deberán formaliza-lo préstamo mediante escritura pública ou póliza intervida por fedatario público, de acordo coas seguintes condicións:

7.10.1. Formalización anticipada: a partir da entrada en vigor deste convenio e respectando as condicións e requisitos establecidos nel, a entidade financeira, unha vez presentado o expediente de solicitude no Igape, poderá formaliza-los préstamos cos seus clientes. Para iso, deberá remitir escrito, segundo o modelo que se xunta no anexo 5, manifestando a intención de acollerse a esta opción co obxecto de que, con anterioridade á data de formalización prevista, este instituto analice e cuantifique o investimento subvencionable e o importe do préstamo que se subsidiase. O Igape comunicará por fax á entidade financeira a autorización, se procede, da dita formalización anticipada. A empresa solicitante requirirá á entidade financeira copia da autorización do Igape antes de proceder á formalización anticipada do préstamo.

A autorización da formalización do préstamo antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto da concesión da subsidiación solicitada.

No contrato de préstamo formalizado anticipadamente de acordo co previsto no parágrafo anterior, deberanse mencionar, alomenos, os seguintes extremos: que se presentou solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto; que o Igape autorizou a formalización anticipada do préstamo, indicando a data e as condicións establecidas nela; e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas no presente convenio nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión da axuda que, se é o caso, no seu día se dicte.

No suposto de que a resolución de concesión da axuda que, se é o caso, se dicte, contemple unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ó documento de préstamo, no prazo de 1 mes contado desde o día seguinte á data de notificación da concesión ó beneficiario, intervido por fedatario público, no que se fagan consta-las características establecidas na dita resolución.

7.10.2. Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, a correspondente escritura ou póliza de préstamo deberá recolle-la característica de estar acollido ás axudas previstas neste convenio, figurando nela o tipo de xuro nominal anual da operación e os puntos de subsidiación concedidos.

7.10.3. O prazo máximo para a formalización do préstamo será ata o 31 de decembro de 2001.

Finalizado este prazo sen que se formalice o préstamo, dictarase resolución tendo o solicitante por renunciado e ordenando o arquivo do expediente.

7.10.4. A entidade financeira remitirá ó Igape, coa maior brevidade, copia cotexada da póliza ou escritura de préstamo e, se é o caso, do correspondente anexo, antes de presenta-la solicitude de cobramento da subvención.

7.11. Disposición e xustificación.

Os beneficiarios deberán xustificar á entidade financeira a aplicación dos fondos da operación financeira ás finalidades para as que foi concedida, de acordo co establecido a continuación:

7.11.1. Período de disposición do préstamo e de realización dos investimentos.

O período de disposición do préstamo e de realización dos investimentos non poderá supera-la data pactada no contrato de préstamo para o aboamento da primeira amortización de principal.

7.11.2. Disposición dos fondos do préstamo e xustificación.

As disposicións realizaranse a través dunha conta específica na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos na operación de préstamo.

Á formalización do préstamo ou, en todo caso, previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira requirirá ós beneficiarios a documentación

(facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento subvencionable para o seu pagamento. A disposición dos fondos irá destinada ós pagamentos pendentes do investimento e/ou á amortización de operacións de préstamo ou crédito con entidades financeiras que os damnificados formalicen con posterioridade ó mes de outubro de 2000 aplicadas ós fins previstos neste convenio.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas dos documentos que xustifiquen o investimento total subvencionado, así como dos medios utilizados para o seu pagamento e, se é o caso, certificación emitida pola entidade financeira da amortización dos préstamos ou créditos ós que se fai referencia no parágrafo anterior, co obxecto de remitila ó Igape no prazo máximo de dous meses contados desde a data do último xustificante de pagamento. Ademais, deberán remitir declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas polo beneficiario para o proxecto, segundo o modelo do anexo 6.

Oitava.-Liquidación e pagamento dos xuros e da subsidiación.

8.1. Liquidación dos xuros e da subsidiación.

A liquidación dos xuros e a subsidiación realizarase de acordo co establecido na cláusula 6.2.

8.2. Pagamento dos xuros por parte do beneficiario e pagamento da subsidiación.

8.2.1. Pagamento dos xuros por parte do beneficiario.

O beneficiario do préstamo subsidiado pagará ó seu vencemento, exclusivamente, a parte non subsidiada do préstamo, é dicir, o tipo de xuro do convenio descontados os puntos de subsidiación.

8.2.2. Pagamento da subsidiación.

O pagamento da subsidiación realizarase semestralmente á entidade financeira. As entidades financeiras solicitarán ó Igape, dentro dos 5 primeiros días de cada mes, o pagamento da subvención semestral correspondente a aqueles préstamos que liquiden xuros vencidos no mes anterior. Acompañarán a dita solicitude as liquidacións semestrais en formato de listaxes ou relacións individualizadas dos préstamos ordenados alfabeticamente, onde figuren: o capital vivo teórico á data de inicio de cada semestre que se liquida; as variacións no capital vivo que se produzan ó longo de cada semestre e a data na que se produciron, certificando a autenticidade deses datos.

8.2.3. As liquidacións practicadas serán á conta e provisionais en tanto o Igape non realice a oportuna comprobación, que poderá efectuarse durante o período de vixencia do préstamo. Nos casos de erros nas liquidacións de subsidiación, o Igape procederá á súa corrección, podendo compensa-las cantidades indebidamente aboadas coas posteriores liquidacións de subsidiación.

Novena.-Prórroga de prazos.

En atención ó disposto polo artigo 49 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as prórrogas dos prazos establecidos neste convenio solicitaranse ó Igape cunha antelación mínima de 10 días hábiles ó vencemento do prazo a ampliar, co obxecto de que o instituto poida resolvela con anterioridade á súa expiración.

Décima.-Modificacións.

10.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

10.2. O presidente do Igape poderá acorda-la modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que a modificación do proxecto non desvirtúe a finalidade da axuda, non exista prexuízo a terceiros e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

As solicitudes de modificación, acompañadas de memoria xustificativa, presentaranse ó Igape a través da entidade financeira.

10.3. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da concesión e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido. En ningún caso, a resolución de modificación implicará aumenta-la contía do préstamo subsidiable inicialmente aprobado.

10.4. O cambio de beneficiario da axuda poderá ser autorizado polo presidente do Igape nos supostos de sucesión de empresa e de transformación da forma xurídica do beneficiario, sempre que se acredite documentalmente a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e, especificamente, do préstamo subsidiado, así como o cumprimento dos requisitos establecidos no número 10.2.

10.5. O presidente do Igape, por instancia do beneficiario, poderá autoriza-la formalización do préstamo con entidade financeira distinta da que tramitou a solicitude. Para tales efectos, solicitarase o cambio a través da nova entidade financeira prestamista, xuntando nova comunicación de concesión de préstamo e declaración xurada da inexistencia de variación na restante documentación do expediente.

Décimo primeira.-Perda da subvención.

1. No caso de reclamación xudicial por instancia da entidade financeira por incumprimento do contrato de préstamo e nos de suspensión de pagamentos ou quebra do beneficiario, perderase o dereito á axuda concedida desde a data de presentación da reclamación ou da admisión a trámite das anteriores declaracións no xulgado. Igualmente, perderase o dereito á axuda no caso de cesamento da actividade subvencionable desde a data da baixa.

A entidade financeira queda obrigada a comunicar ó Igape a relación detallada das operacións obxecto de reclamación xudicial e as que incorran en quebra ou suspensión de pagamentos con indicación da data de presentación ou admisión a trámite no xulgado.

Así mesmo, a entidade financeira deberá comunicar ó Igape a mora ou falta de pagamento das cotas por parte do beneficiario, circunstancia que suporá a retención da subsidiación por parte do Igape en tanto o beneficiario non regularice a situación.

2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora producidos desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos requiridos para isto.

c) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

e) Cando o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con outras, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superara o 50% do investimento subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas.

As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

3. O procedemento para declara-lo incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ó disposto no artigo 20 do Decreto 287/2000, de desenvolvemento do réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras colaboradoras sométense ó réxime de infraccións e sancións establecido no artigo 79 da Lei do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, desenvolvido no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Décimo segunda.-Compatibilidade.

Non poderán acollerse ás axudas establecidas neste convenio aqueles proxectos que se vaian financiar, en todo ou en parte, mediante créditos, préstamos ou contratos de leasing que teñan calquera tipo de subvención encamiñada a mellora-las condicións financeiras respecto ás normais de mercado.

A concesión das axudas deste convenio queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nestes termos, serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas -salvo as referidas no parágrafo ante

rior-, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

Para o cálculo da intensidade da axuda de subvención ó tipo de xuro procederase da seguinte forma:

-Calcularanse en pesetas correntes (ou o seu contravalor en euros) os valores absolutos das subvencións que se vaian percibir.

-Actualizaranse, ó ano da concesión das axudas, os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro.

Décimo terceira.-Control.

Os beneficiarios quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape para verifica-la aplicación das axudas ás finalidades aprobadas e o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos, así como ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, debendo facilitar toda a información requirida polos citados organismos.

Décimo cuarta.-Obrigas das entidades financeiras.

1. A entidade financeira asinante comprométese a:

a) Concede-los préstamos nos termos e condicións establecidos neste convenio.

b) Colaborar na tramitación dos expedientes de axuda, cumprindo os prazos e demais formalidades establecidas no presente convenio.

c) Manter ó dispor do Igape a documentación relativa á personalidade xurídica das sociedades (escritura de constitución e estatutos) e a capacidade do asinante da solicitude (poder de representación).

d) Acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo dicte o Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas neste convenio.

e) Remitir ó Igape as aclaracións que solicite respecto á documentación relativa á xustificación, liquidación e aboamento das subsidiacións, así como someterse ás actuacións de comprobación que respecto á xestión dos fondos poida efectua-lo Igape ou calquera dos organismos referidos na cláusula décimo cuarta.

2. A entidade financeira asinante comprométese, así mesmo, a responder subsidiariamente co beneficiario do reintegro das axudas indebidamente percibidas por este cando, por neglixencia grave ou dolo da entidade financeira, se permitira dispoñer indebidamente dos fondos da conta restrinxida do préstamo para finalidades distintas ás aprobadas, e isto dera lugar á resolución administrativa firme declarativa da obriga de reintegro de cantidades indebidamente percibidas.

Non se considerarán no suposto anterior os simples erros materiais ou aritméticos nos que non interveña neglixencia grave indolo.

Décimo quinta.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia das restantes cun mínimo de 30 días de aviso previo.

A resolución suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas partes.

Décimo sexta.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha comisión de vixilancia e seguimento, integrada pola entidades financeiras e representantes do Igape. A comisión terá reunións con periodicidade trimestral ou ben convocando separadamente cada unha de elas.

O Igape fará públicos os resultados do convenio de forma periódica.

Décimo sétima.-Publicidade.

As entidades financeiras asinantes comprométense a amosar, nas súas distintas sucursais, a publicidade facilitada polo Igape e a colaborar na correcta difusión desta liña de axudas.

Co obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as entidades financeiras sobre este convenio, deberán contar coa autorización previa do Igape.

Décimo oitava.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa e corresponde ó presidente do Igape a interpretación do seu contido e a resolución das controversias xurdidas na súa aplicación.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2001.

Pola entidade financeira

Asdo:...

DNI:...

Polo Igape:

Asdo.: José Antonio Orza Fernández.

ANEXO 1

Relación de concellos e núcleos de poboación afectados

Provincia da Coruña.

Abegondo; Ames; Aranga; Ares; Arteixo; Arzúa; Baña, A; Bergondo; Betanzos; Boimorto; Boiro; Boqueixón; Brión; Cabana de Bergantiños; Cabanas; Camariñas; Cambre; Carballo; Cariño; Carnota; Carral; Cedeira; Cee; Cerceda; Cerdido; Cesuras; Coirós; Corcubión; Coristanco; Coruña, A; Culleredo; Curtis; Dodro; Dumbría; Fene; Ferrol; Fisterra; Frades; Irixoa; Laracha, A; Laxe; Lousame; Malpica; Mañón; Mazaricos; Melide; Mesía; Miño;Moeche; Mugardos; Muros; Muxía; Narón; Neda; Negreira; Noia; Oleiros; Ordes; Oroso; Ortigueira; Outes; Oza dos Ríos; Paderne; Padrón; Pino, O; Pobra do Caramiñal, A; Ponteceso; Pontedeume; Pontes de García Rodríguez, As; Porto do Son; Rianxo; Ribeira; Rois; Sada; San Sadurniño; Santa Comba; Santiago de Compostela; Santiso; Sobrado;

Somozas, As; Teo; Toques; Tordoia; Touro; Trazo; Val do Dubra; Valdoviño; Vedra; Vilarmaior; Vilasantar; Vimianzo; Zas.

Provincia de Lugo.

Abadín; Alfoz, Antas de Ulla; Baleira; Baralla; Barreiros; Becerreá; Begonte; Bóveda; Burela; Carballedo; Castro de Rei; Castroverde; Cervo; Corgo, O; Cospeito; Chantada; Folgoso do Courel; Foz, Friol; Guitiriz; Guntín; Incio, O; Láncara; Lugo; Meira; Monforte de Lemos; Monterroso; Muras; Ourol; Outeiro de Rei; Palas de Rei; Pantón; Paradela; Páramo, O; Pastoriza, A; Pobra de Brollón, A; Pontenova, A; Portomarín; Quiroga; Ribadeo; Ribas de Sil; Ribeira de Piquín; Samos; Sarria; Sober; Taboada; Triacastela; Valadouro, O; Vicedo, O; Vilalba; Viveiro; Xermade; Xove.

Provincia de Ourense.

Allariz; Arnoia; Avión; Baltar; Barco de Valdeorras, O; Beariz; Blancos, Os; Boborás; Bola, A; Carballeda de Avia; Carballeda de Valdeorras; Carballiño, O; Cartelle; Castrelo de Miño; Castrelo do Val; Castro Caldelas; Cenlle; Chandrexa de Queixa; Coles; Cortegada; Entrimo; Gomesende; Gudiña, A; Irixo, O; Larouco; Laza; Leiro; Lobeira; Lobios;

Maceda; Manzaneda; Mezquita, A; Monterrei; Muíños; Nogueira de Ramuín; Oímbra; Ourense; Padrenda; Pereiro de Aguiar, O; Peroxa, A; Petín, Piñor; Pontedeva; Punxín; Quintela de Leirado; Rairiz de Veiga; Ribadavia; Riós; Rúa, A; San Amaro; San Cibrao das Viñas; San Cristovo de Cea; Sarreaus; Teixeira, A; Toén; Trasmiras; Valga, A; Verín; Viana do Bolo; Vilamartín de Valdeorras; Vilar de Santos; Vilardevós; Vilariño de Conso; Xinzo de Limia, Xunqueira de Espadanedo.

Provincia de Pontevedra.

Agolada; Arbo, Baiona; Barro; Bueu; Caldas de Reis; Cambados; Campo Lameiro; Cangas; Cañiza, A; Catoira; Cerdedo; Cotobade; Covelo; Crecente; Cuntis; Dozón; Estrada, A; Forcarei; Fornelos de Montes; Gondomar; Grove, O; Guarda, A; Illa de Arousa; Lalín; Lama, A; Marín; Meaño; Meis; Moaña; Mondariz; Mondariz Balneario; Moraña; Mos; Neves, As; Nigrán; Oia; Pazos de Borbén; Poio; Ponteareas; Ponte Caldelas; Pontecesures; Pontevedra; Porriño, O; Portas, Redondela; Ribadumia; Rodeiro; Rosal, O; Salceda de Caselas; Salvaterra de Miño; Sanxenxo; Silleda; Soutomaior; Tomiño; Tui; Valga; Vila de Cruces; Vilaboa; Vilanova de Arousa; Vigo; Vilagarcía de Arousa.

ANEXO II

Relación de entidades financeiras colaboradoras

Caixas:

Caixa Galicia.

Caixanova.

Caja España.

Bancos:

Banco Atlántico.

Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.

Banco de Galicia.

Banco Español de Crédito.

Banco Gallego.

Banco Pastor.

Banco Santander Central Hispano.