Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 09 de xullo de 2001 Páx. 9.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2001 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, polo que se conceden subvencións de ata mil cincocentos millóns (1.500.000.000) de pesetas para obras de reparación ou restitución de infraestructuras, equipamentos, instalacións ou servicios recollidos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local danados polas choivas e temporais acaecidos desde outubro de 2000 ata marzo de 2001.

Os danos causados polas inundacións producidas na Comunidade Autónoma de Galicia a consecuencia das choivas e temporais acaecidos desde os últimos días de outubro de 2000 ata finais de marzo de 2001, afectando considerablemente ás infraestructuras e bens de titularidade pública municipal, orixinan a adopción dunha serie de medidas encamiñadas ó financiamento dos gastos que deriven da reparación dos danos producidos e da rehabilitación dos servicios públicos afectados.

En primeiro lugar, o pasado 16 de febreiro a Xunta de Galicia, sendo consciente das necesidades de financiamento que para as tesourerías das administracións locais, suporía a reposición dos bens e servicios básicos afectados, asinou un convenio coa Fegamp, a través do que se instrumentou un anticipo sobre as axudas a percibir da Administración xeral do Estado de ata tres mil millóns de pesetas, (3.000.000.000 de pesetas), e ata o 20% da valoración dos danos acasionados en cada concello.

Este anticipo de carácter reintegrable aboouse á totalidade dos concellos que así o solicitaron, no mes de marzo pasado.

A Administración xeral do Estado, a través do Real decreto lei 6/2001, do 6 de abril, estableceu axudas de ata catro mil millóns de pesetas (4.000.000.0000 de pesetas), sen que en ningún caso as mesmas poidan superar unha contía máxima individualizada do 50% do importe dos proxectos técnicos ou dos orzamentos presentados e aprobados, para a rehabilitación de danos en infraestructuras de carácter local causados nas comunidades autónomas de Galicia e Castela-León, desde os últimos días de outubro ata finais de xaneiro de 2001.

Os concellos afectados e os procedementos que hai que seguir para a súa concesión establécense en senllas ordes do Ministerio do Interior do 27 de abril de 2001 e do Ministerio das Administracións Públicas de 10 de maio de 2001, respectivamente.

Sen embargo, dado que na Comunidade Autónoma de Galicia os danos ocasionados non só se orixinaron ata finais de xaneiro de 2001, data tope para a obtención de axudas da Administración xeral do Estado, senon que se prolongaron ata finais do mes de marzo de 2001, considérase necesario facer extensivo o establecemento de axudas para os danos causados durantes os meses de febreiro e marzo pasados.

En consencuencia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do cinco de xullo de dous mil un, adoptou, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Conceder unha subvención de ata o 20% dos danos ocasionados, durante os meses de febreiro e marzo de 2001, nos bens e servicios previstos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, ós concellos afectados.

A dita valoración de danos obterase como diferencia entre a valoración final da relación de concellos certificada pola Delegación do Goberno en Galicia, e a valoración resultante da relación remitida polo dito organismo á Administración xeral do Estado obtida das correspondentes comisións técnicas de valoración, segundo as actas de 7 de febreiro de 2001.

Segundo.-O importe restante, despois da aplicación do punto primeiro deste acordo, ata acada-la contía de mil cincocentos millóns de pesetas (1.500.000.000 de pesetas) aplicarase a subvenciona-los danos ocasionados, igualmente en bens e servicios municipais, orixinados desde os últimos días de outubro ata finais de xaneiro de 2001, cofinanciando deste xeito coa Administración xeral do Estado a reparación ou restitución de infraestructuras, equipamento ou instalacións danadas.

Terceiro.-As citadas subvencións quedan condicionadas ó total reintegro dos anticipos concedidos por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de febreiro de 2001.

Cuarto.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a execución do presente acordo.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda