Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 06 de xullo de 2001 Páx. 9.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de almacenistas de madeira.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector almacenista de madeira, con nº de código 3600085, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 18-5-2001, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Madera, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT, e CIG, en data 3-5-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de maio de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para o sector de almacenistas de madeira da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son en representación dos traballadores as centrais sindicais CIG, UGT e CC.OO., e en representación dos empresarios, a Asociación Provincial de Empresarios de la Madera de Pontevedra (Asema).

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación obrigatoria en toda a provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O convenio obriga a tódolos almacéns e cooperativas de compravenda de madeiras, ben ó retallo ou ó por xunto e de importación e exportación.

Cando a empresa, ademais de dedicarse a algunha das actividades antes indicadas, explote industrias de elaboración ou transformación dos artigos propios do seu comercio de compravenda, xa sexa no mercado nacional ou como importador-exportador, respectará para o persoal que tena unha actividade ou clase de traballo do cal especificada neste convenio, as condicións máis favorables, non sendo de aplicación a este persoal as doutros convenios que lles fosen menos vantaxosas.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O presente convenio afectará a tódolos traballadores que presten servicios en calquera das empresas de almacenistas de madeira.

Artigo 5º.-Efectos económicos.

Independentemente da entrada en vigor do presente convenio, os seus efectos económicos comezarán a rexer a partir do 1 de xaneiro de 2001.

Artigo 6º.-Duración.

O presente convenio rematará a súa vixencia o día 31 de decembro de 2001.

Artigo 7º.-Garantías persoais.

Tódalas condicións personais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou en pacto entre patronal e traballadores serán respectadas individualmente.

Artigo 8º.-Salarios.

1. Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá desde o 1 de xaneiro de 2001 as retribucións consignadas no anexo deste convenio, acrecentadas, se é o caso, co premio de antigüidade.

2. Incremento para o ano 2001: aplicaráse un 3,5% sobre a táboa salarial vixente o 31 de decembro de 2000.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos de consumo (IPC), establecido polo INE rexistrase ó 31 de decembro de 2001, respecto ó 31 de decembro de 2000, un incremento superior ó 2,5%, efectuarase unha revisión da táboa salarial, tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia no exceso sobre a indicada cifra. Esta revisión efectuarase con efectos do 1 de xaneiro de 2001, servindo así mesmo de base de cálculo para o incremento salarial de 2002. A revisión salarial pagarase dunha soa vez durante o primeiro trimestre de 2002.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto, os traballadores percibirán trinta días do salario establecido neste convenio, máis a antigüidade á que tivera dereito, en cada unha das extras de 24 de xullo e Nadal. Así mesmo, todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá 30 días de paga extra, fixados na Ordenanza laboral da madeira, que se pagará o día 19 de marzo de cada ano.

Artigo 11º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio, desfrutará por este concepto de 30 días naturais, dos cales 22, como mínimo serán laborables.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O premio de antigüidade será calculado sobre o salario pactado neste convenio, a razón do 5% por cada quinquenio.

Artigo 13º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán a todo o persoal dous xogos de roupa de traballo, como determina a Ordenanza laboral e dous pares de luvas ó ano. O incumprimento desta obriga dará lugar ó pagamento de 7.197 pesetas e de 1.723 pesetas para os guantes.

Artigo 14º.-Compensacións.

Como complemento por enfermidade, as empresas o cuarto día de baixa por enfermidade, pagarán ós seus productores a diferencia, ata o total do salario, incluídas as melloras obtidas por este convenio, durante o período en que o productor reciba asistencia polo seguro obrigatorio de enfermidade.

No suposto de baixas producidas por accidente de traballo as empresas completarán ata a totalidade do salario do convenio a correspondente prestación económica da Seguridade Social a partir do primeiro día da baixa.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

Tódolos traballadores que por necesidade da empresa e por orde do empresario teñan que efectuar viaxe ou desprazamento que lles impida realizar comidas ou pernoitas no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custo:

-Axuda de custo completa: 3.655 pesetas.

-Media axuda de custo: 1.527 pesetas.

Se por circunstancias especiais os gastos orixinados exceden do importe das axudas de custo, o exceso deberá ser pagado pola empresa, tras coñecemento previo dela e posterior xustificación do traballador.

Artigo 16º.-Denuncia.

De acordo coa lexislación vixente, o presente convenio terá que ser denunciado con tres meses de antelación á súa data de remate, que é o 31 de decembro de 2001.

Artigo 17º.-Xornada.

A xornada ordinaria anual de vixencia para o presente convenio, polo período 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001, será de 1.780 horas.

Establécese o horario de inverno en corenta horas semanais, segundo establece a Lei 4/1983, descansando os sábados; sen embargo, para o período dese convenio e sen que sirva de precedente para outros, establécese o horario de 9 a 13 horas, pola mañá e de 15 a 19 horas pola tarde.

Durante o verán, o horario que se establece, do 15 de xuño, ó 31 de agosto, é o seguinte: de 7 a 15 horas, cada día laborable, descansando igualmente ós sábados.

Artigo 18º.-Xornadas non laborables.

Para a vixencia do presente convenio terán a consideración de festivos e aboables para tódolos efectos os seguintes días: 24 de xullo (4 horas), 17 de agosto, 2 de novembro e 7, 24 e 31 de decembro.

No caso de que algún concello da provincia sinale como festivo local algún dos días anteriormente referidos, establécese como festivo na súa substitución, o día laborable inmediatamente seguinte.

Artigo 19º.-Licencias.

1. O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguintes:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de cosangüinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberase que estar ó que está disposto en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no número 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

2. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou pai no caso de que ambos traballen.

Este artigo de licencias terá vixencia namentres sexa de aplicación o artigo 37.3º e 4º do Estatuto dos traballadores na redación dada polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 22 de marzo.

Artigo 20º.-Revisión médica.

As empresas estarán obrigadas a xestiona-la realización dunha revisión médica anual para todo o persoal do cadro, sendo o tempo para a mesma retribuído, a través dos seus propios medios ou dunha entidade aseguradora.

Artigo 21º.-Taboleiro de anuncios.

Toda empresa estará obrigada a poñer no taboleiro de anuncios todo o relacionado con:

-Horarios.

-Lista de vacacións.

-Boletíns de cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria integrada por tres representantes, un de cada central, e tres representantes da parte empresarial.

Artigo 23º.-Seguro colectivo.

As empresas concertarán seguros colectivos de accidentes, con primas integras, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

-Accidente laboral con resultado de morte: 1.500.000 pesetas.

-Accidente laboral con resultado de invalidez permanente ou total: 1.950.000 pesetas.

-Accidente laboral con resultado de invalidez absoluta ou grande invalidez: 2.100.000 pesetas.

Estas indemnizacións entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2001, e terán vixencia ata o 31 de decembro de 2001.

Artigo 24º.-Mesa negociadora.

Acórdase que nos primeiros 15 días do mes de outubro de 2001 se constitúa a mesa negociadora do próximo convenio.

Artigo 25º.-Idioma.

O presente convenio publicarase no boletín da provincia en galego e castelán, e no Diario Oficial de Galicia en galego.

Táboa salarial do convenio de almacenistas de madeiras

CategoríasSalario/Mes

Persoal administrativo

Xefe administrativo160.357

Oficial de 1ª140.879

Oficial de 2ª131.941

Auxiliar, telefonista e mecanógrafo/a116.943

Viaxante

Vixantes corredores de praza131.941

Persoal en xeral

Encargado137.215

Serrador de 1ª128.836

Serrador de 2ª122.048

Serrador de serra circular121.400

Dependentes119.371

Peón especialista119.371

Carretilleiro118.147

Peón115.241

Nota: os choferes percibirán o salario correspondente ás categorías de oficiais de primeira ou segunda, de acordo co seu carné de conducir.