Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 05 de xullo de 2001 Páx. 9.083

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, parque eólico de Viveiro-subestación Boimente, no termo municipal de Viveiro. (Expediente 027/2000 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Gamesa Energía S.A., con enderezo para efectos de notificacións en avda. do Cruceiro da Coruña nº 201, 15705 Santiago de Compostela, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 24 de outubro de 2000 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presenta o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización

de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décima primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

1. Liña de alta tensión aérea a 132 kV, para interconexión das subestacións eléctricas de Boimente e a do parque eólico de Viveiro, ámbalas dúas en proxecto, cun tramo aéreo da subestación do parque eólico de Viveiro ó apoio nº 21 da dita liña (paso aereosubterráneo) de 5.862,37 m de lonxitude, composta por un circuíto cun conductor por fase e cable de terra OPGW sobre torres metálicas de celosía.

2. Un tramo subterráneo de interconexión do apoio nº 21 ó apoio nº 1 da L.A.T. 132 kV Boimente-Buio (paso subterráneo-aéreo), de 100 m de lonxitude e formado por unha terna de conductores soterrados baixo tubo a 1,25 m de profundidade e conexión a terra das pantallas en ámbolos extremos.

A traza da liña discorre polo concello de Viveiro (Lugo).

Orzamento 77.651.436 pesetas.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 12 de marzo de 2001, publicada no DOG do 19-3-2001, no BOP de Lugo do 20-3-2001 e o xornal El Progreso do 19-3-2001, no taboleiro de anuncios do Concello de Viveiro e na Delegación Provincial de Lugo. Así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, de se-lo caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións.

1. Victoria Piñón Fandiño oponse á declaración de utilidade pública e solicita que a liña se desvíe a outras zonas do monte de peor calidade.

2. Nemesio Fra Cuadrado manifesta que o predio está en parte cuberto de piñeiros de nove anos e que a afección indica só monte alto; ademais, que no predio lindeiro se está a estudia-la posibilidade de que a liña sexa subterránea, o que fai factible que continúe subterránea nos predios do alegante.

3. Venancio Casavella Yáñez, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santo André de Boimente, alega que debe tramitarse o expediente de prevalencia dos montes veciñais polo Consello da Xunta, logo do informe da consellería correspondente; afirma non ter noticias de que se estea tramitando ou se vaia facer.

4. Isabel Martínez Yáñez e Claudio Martínez Yáñez manifestan ser propietarios dos predios nº 104, 105, 106, 107; que para a posible identificación dos citados predios necesitan un plano a escala no que se detalle o tipo de arboredo, percorrido da liña, afección de voo e número de árbores afectadas.

5. Domingo Otero Seara, en relación co predio nº 29 manifesta que non se trata dunha parcela senón de seis parcelas iguais, e que os titulares son Domingo Otero Seara, Pilar Otero Seara, Milagros Otero Seara, María Jesús Otero Seara, Margarita Otero Seara, Pablo Otero Seara, Manuel Gómez Otero, Francisco Gómez Otero, Dolores Gómez Otero e Pilar Gómez Otero.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Delegación Provincial de Lugo, comprobándose mediante inspección sobre o terreo, seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e nos artigos 25 e 26 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora, e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto á alegación formulada por Victoria Piñón Fandiño, cabe dicir que a declaración de utilidade pública se realiza ó abeiro do artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico. Por outra banda, a modificación do trazado non se pode aceptar xa que non se dan as condicións establecidas para iso no artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

2. En relación coa alegación formulada por Nemesio Fra Cuadrado, relativa a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados, estas teranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de valoración; en relación coa modificación da liña no seu predio, cabe dicir que non se dan as condicións fixadas polo artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

3. En relación coa alegación presentada por Venancio Casavella Yánez, cabe dicir que non se pode estudia-la posibilidade de prevalencia dunha instalación sobre outra ata que se declare a utilidade pública da dita instalación.

4. En canto á alegación presentada por Isabel e Claudio Martínez Yánez, deuse traslado á empresa promotora da solicitude de documentación complementaria formulada polos alegantes, e esta tomou razón dela, procedendo ó seu envío.

5. En relación cos cambios de titularidade na parcela nº 29, manifestado por Domingo Otero Seara, a empresa beneficiaria tomará razón dela e procederase a tramita-lo expediente de expropiación forzosa cos interesados. Non obstante, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, acto que lles será convenientemente notificado, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas.

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV, parque eólico de Viveiro-subestación Boimente, no termo municipal de Viveiro (Lugo).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria