Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 05 de xullo de 2001 Páx. 9.067

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de xuño de 2001 pola que se establece o réxime de subvencións ás organizacións profesionais do sector agrario.

O Decreto 195/1994, do 16 de xuño, establece o réxime de axudas ás organizacións profesionais do sector agrario, fixando as regras xerais de procedemento e os criterios básicos polos que se rexerá a concesión de axudas ás devanditas organizacións profesionais. No mesmo decreto habilítase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para o desenvolver, tanto en materia de subvencións como no relativo á subscrición de convenios de colaboración.

En consecuencia, e de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-las subvencións ás entidades representativas do sector agrario para a realización de actividades de representación e de formación dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse beneficiar das axudas establecidas na presente orde as organizacións profesionais vinculadas co sector agrario e as organizacións representativas das cooperativas agrarias, legalmente constituídas, cando o seu obxecto social contemple a representación profesional dos seus asociados.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. Poderanse subvenciona-las solicitudes de axuda para actividades realizadas durante o ano en curso, sempre que se cumpran as condicións esixidas nesta orde.

2. Consideraranse subvencionables os gastos derivados das seguintes actividades:

a) Representación dos intereses dos seus asociados e dos agricultores galegos en xeral.

b) Participación nas comisións, mesas de traballo e outros órganos colexiados que, para a defensa dos dereitos dos seus representados, constituíse a Administración.

c) Formación dos asociados e demais membros familiares, así como dos xerentes e persoal técnico das entidades asociativas agrarias.

d) Impulso do asociacionismo agrario.

Artigo 4º.-Subscrición de convenios de colaboración.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de conformidade co disposto na normativa orzamentaria, poderá subscribir convenios de colaboración coas organizacións beneficiarias

desta axuda para a realización de actividades concretas que solicitasen os interesados e que se consideren de elevado interese. Os convenios de colaboración rexeranse polas súas disposicións específicas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización peticionaria, xunto coa documentación que se detalla nos artigos 7º e 8º desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Documentación.

1. Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicita-la subvención e se autoriza a persoa encargada dos trámites.

2. Memoria explicativa das actividades que se desenvolvan durante o ano 2001.

3. Copias compulsadas do CIF da organización solicitante e do DNI do seu representante.

4. Certificación bancaria do número de conta.

5. Certificación do presidente, secretario xeral ou representante legal da organización solicitante, sobre os datos que se requiren no artigo 8º desta orde, xunto cos documentos complementarios que nel se citan, para acredita-las circunstancias descritas no devandito artigo.

6. Certificación sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ó abeiro desta orde.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

1. A concesión das subvencións dependerá da natureza e alcance das accións realizadas, de acordo cos obxectivos descritos no artigo 1º desta orde.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta, como criterios preferentes, o carácter xeral e o maior grao de implantación destas organizacións no sector agrario galego, que se valorarán considerando, entre outros, os seguintes criterios: número de socios, número de oficinas abertas ó público, número de traballadores en cadro de persoal, orzamento anual de funcionamento, grao de dependencia económica, etc.

Tamén se analizará o interese e calidade das actuacións realizadas, que se poderán valorar a título indicativo en función da dimensión e tipoloxía dos servicios prestados ós agricultores, das comunicacións e publicacións informativas elaboradas, das actividades específicas de fomento do asociacionismo agrario desenvolvidas, etc.

2. En relación co citado no punto anterior, as organizacións peticionarias deben acreditar, de se-lo caso, mediante certificación expedida polo seu presidente, secretario xeral ou representante legal, os seguintes datos:

a) Número de socios.

b) Número e localización das oficinas abertas con regularidade, horario de atención ó público e servicios que se prestan nelas.

Para este efecto achegarase fotocopia compulsada dos documentos que acrediten a titularidade dos locais de oficina ou dos contratos de aluguer deles.

c) Subsectores agrarios nos que está implantada e a entidade da dita presencia.

d) Número de traballadores, con especificación das tarefas que realizan e duración do seu contrato.

Ó respecto achegarase copia compulsada dos contratos de traballo e dos documentos de cotización á Seguridade Social dos doce meses anteriores á publicación desta orde no DOG, (xuño/2000-

maio/2001).

e) Orzamento de gastos da organización para o ano 2001, ó que se xuntará certificación do acordo de liquidación do orzamento do ano 2000. Se pertencen a unha organización de ámbito estatal, especificarán documentalmente a contía da súa contribución correspondente.

f) Subvencións procedentes das administracións públicas, debidamente desagregadas e especificadas, que se lle concederon durante o ano 2000.

g) Así mesmo, tamén presentarán:

-Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa administración pública desta comunidade autónoma.

-Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

-Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

Artigo 9º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Alimen-

tación, para que se proceda á súa revisión e tramitación, comprobando se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos establecidos nesta orde e que as actuacións e actividades incluídas na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se o impreso de solicitude non está debidamente cuberto, se non se achega a documentación esixida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase os interesados para que nun prazo máximo de dez días emenden os erros ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de preferencia establecidos para esta liña de axudas, elaboraranse as propostas de resolución, que o director xeral de Industrias e Alimentación remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería. Unha vez fiscalizadas, elevaranse as propostas de resolución ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, como órgano competente para resolver.

2. A consellería notificaralle ás organizacións beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, e en función das peticións presentadas e da dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

3. O prazo para resolver será de tres meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas unha vez transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa.

Artigo 11º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e gastos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 12º.-Financiamento.

As subvencións concedidas e os convenios de colaboración que se poidan establecer, segundo a presente orde, imputaranse á aplicación orzamentaria 09.-

04.612-A.480.0 «Axudas ó asociacionismo agrario», dos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Gali-

cia para o ano 2001, por un importe máximo de vinte-

cinco millóns (25.000.000) de pesetas (150.253,03 euros).

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. Para proceder ó pagamento da axuda concedida é imprescindible que previamente a organización beneficiaria presente a seguinte documentación:

-Certificación da organización na que se detalle a súa aceptación expresa da axuda nos termos en que se lle concedeu.

-Memoria da organización, debidamente asinada, na que se concreten as accións e actividades obxecto de subvención que se desenvolveron. Tamén se desagregarán de forma detallada os gastos contraídos como consecuencia da súa realización.

-Copia compulsada das nóminas, TC 1 e TC 2 do persoal da organización. A suma do seu importe non poderá supera-lo 70% do total de gastos presentados.

-Facturas orixinais dos gastos, ou as súas copias compulsadas, debidamente conformadas polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización beneficiaria. As facturas deberán trae-lo IVE desagregado correctamente.

-Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins contemplados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización.

2. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicita-la documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control desta axuda.

3. A documentación e xustificantes, tal e como se requiren neste artigo, deberase presentar no prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención. O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás organizacións beneficiarias.

4. A xustificación do gasto efectuarase ante o Servicio de Fomento Asociativo, (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela).

5. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas, documentación e demais xustificantes que se presenten ó respecto, de acordo co establecido nesta orde e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos, unha vez descontado o IVE, sexan inferiores ó importe da subvención concedida, practicarase a reducción proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Artigo 14º.-Seguimento e control.

1. As organizacións beneficiarias deberán comunicar obrigatoriamente á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

Calquera irregularidade ou ocultación de datos que poida afecta-la concesión desta axuda será causa suficiente para a súa denegación.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a dita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As organizacións beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as organizacións beneficiarias desta axuda non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional

A concesión destas axudas quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións complementarias necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria