Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 05 de xullo de 2001 Páx. 9.047

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 19 de xuño de 2001 pola que se regulan diferentes aspectos do potencial de producción vitícola e se regula a asignación de dereitos para novas plantacións de viñedo en zonas de denominación de orixe.

O Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, establece a organización común de mercado vitivinícola e determina as directrices básicas no ordenamento do sector en canto a potencial de producción no seu título II, regulando distintos puntos referentes á plantación de vides e reestructuración e reconversión do viñedo entre outras materias.

O Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, polo que se regula o potencial de producción vitícola en España, esixe o correspondente desenvolvemento nesta Comunidade Autónoma de todos aqueles procedementos que atinxen á ordenación da vitivinicultura en Galicia, suxeita a unha Organización Común de Mercado (OCM) desde a entrada en vigor do Regulamento (CE) 1493/1999.

O Regulamento (CEE) 2392/86 do Consello e o Regulamento (CEE) 649/1987 da Comisión, rela

tivas ó establecemento do Rexistro Vitícola Comunitario, recentemente entregado á Comunidade Autónoma, obrigan a un desenvolvemento normativo para a súa correcta aplicación como instrumento de xestión.

O Rexistro Vitícola é un instrumento técnico indispensable para o mellor coñecemento da situación real da viticultura tendo unha dobre utilidade como base de datos para a explotación estatística, por un lado, e sobre todo como instrumento de xestión administrativa por outro.

O Rexistro Vitícola está suxeito a cambios de forma continua como consecuencia das actuacións dos viticultores que buscan unha renovación dos seus viñedos co obxectivo de mante-la rendibilidade das súas explotacións e aumenta-la calidade dos seus viños. Así mesmo, prodúcense transmisións da propiedade ou titularidade das parcelas, debéndose reflectir no Rexistro Vitícola.

Por isto, e polo simple feito de conter erros de distinta índole, débese prever un sistema de actualización e modificación dos datos nel contidos.

Está previsto na OCM que os estados membros establezan excepcións á prohibición da utilización para producción de viño destinado á comercialización das uvas obtidas en superficies plantadas con anterioridade ó 1 de setembro de 1998 e das que a producción, segundo o Regulamento CE 822/1987, só podería destinarse a destilación.

Por iso se regula na presente disposición o procedemento de regularización desas superficies.

En materia de xestión de autorizacións administrativas regúlanse os procedementos para a obtención de dereitos de replantación, o seu ámbito de aplicación dentro das explotacións vitícolas, así como a posibilidade de transferencia entre explotacións.

Por último, considerando que a asignación de dereitos de nova plantación en zonas de denominación de orixe para obter viños de calidade constitúe un compoñente útil da política vitivinícola que ten, entre outros, o obxectivo de axustar mellor a oferta á demanda, efectúase unha convocatoria de solicitudes a este fin.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde regula medidas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1493/1999, do Consello, do 17 de maio de 1999, polo que se establece a orga

nización común de mercado vitivinícola, así como do Regulamento (CE) 1227/2000, da Comisión, do 31 de maio de 2000, polo que se fixan as disposicións de aplicación do regulamento anterior no relativo ó potencial de producción, que ten a súa transposición á lexislación española mediante o Real decreto 1472/2000, de 4 de agosto, polo que se regula o potencial de producción vitícola no territorio do Estado.

As disposicións contidas nesta orde serán de aplicación ós viñedos destinados á producción de uva de vinificación no territorio da Comunidade Autónoma galega, así como os dereitos por eles xerados.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos da regulación contida nesta orde, entenderase por:

1. Parcela: unha porción continua de terreo delimitada no Rexistro Vitícola Comunitario. A identificación de cada unha das parcelas que integran unha explotación vitícola realizarase mediante a súa referencia catastral.

2. Titular dunha parcela: toda persoa física ou xurídica que ten ou adquire dereitos de plantación ou replantación sobre ela, ben como consecuencia dun dereito de propiedade ou ben porque teña atribuído un dereito de uso e disposición sobre a devandita parcela.

3. Explotación: conxunto de parcelas dun mesmo titular.

4. Agricultor profesional: o definido como tal no artigo 2.5º da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

Capítulo II

Sección primeira

O Rexistro Vitícola Comunitario

Artigo 3º.-O Rexistro Vitícola Comunitario.

1. A inscrición dunha explotación no Rexistro Vitícola Comunitario (no sucesivo, RV) acreditarase por medio da posesión da declaración de explotación vitícola ou ficha do rexistro vitícola. No correspondente Servicio Provincial de Sanidade e Producción Vexetal, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, facilitaráselle copia da antedita declaración de explotación vitícola ou da ficha do rexistro vitícola a todo viticultor inscrito que a solicite.

2. Deberán solicita-la actualización do RV aqueles viticultores titulares dunha explotación que non figuren como tales, e aqueles que aínda figurando como titulares no RV, os datos rexistrados non se correspondan coa realidade da súa explotación, ben pola tramitación de altas e baixas de parcelas, pola modificación dos datos contidos nelas ou pola transmisión da titularidade ou da propiedade.

3. As solicitudes para tramitar altas e baixas de parcelas, modificación dos datos contidos nelas e transmisións da súa titularidade ou propiedade, presentaranse segundo o modelo do anexo I da presente orde e seguirán as normas establecidas nos artigos seguintes.

4. A inclusión dunha parcela no RV non presupón, en ningún caso, pronunciamento ningún sobre a súa situación legal, que virá determinada pola posesión dos correspondentes dereitos de replantación, ou pola regularización da dita parcela se iso procedese.

5. Os datos do RV poderán ser obxecto de controis en campo polos servicios competentes en materia de producción vexetal, co obxecto de garanti-la súa autenticidade. Os administrados deberán facilitar este labor e a documentación necesaria que se lles poida requirir para a súa verificación. Os resultados destes controis, comunicados ós titulares das parcelas inspeccionadas, poderán dar lugar ás correccións pertinentes no RV.

Artigo 4º.-Documentación común.

1. A toda solicitude de actualización do RV deberáselle acompañar, ademais da documentación específica prevista para cada caso, copia do DNI e copia da ficha do rexistro vitícola que se pretende actualizar.

2. Sen prexuízo do anterior, ó expediente unirase un informe favorable do técnico da Oficina Agraria Comarcal ou do Servicio de Producción Vexetal que de trámite a solicitude.

Este informe, motivado e desprendido da inspección en campo e baseado en toda ou en parte da documentación sinalada para cada caso, poderá constituír garantía suficiente para proceder á modificación/actualización, do RV por causa de erro. Deste xeito, exímese da presentación daqueles documentos que en determinadas situacións son difíciles de obter, supoñendo un serio problema para a tramitación da modificación.

Neste caso, incorporarase declaración xurada do titular ou propietario.

Artigo 5º.-Altas e baixas de parcelas.

1. As solicitudes de baixa que impliquen unha alta e viceversa deberán presentarse á vez, e ademais:

Cando as solicitudes de alta ou baixa se produzan por cambio de viticultor (explotador) e non impliquen a transmisión da propiedade, bastará coa presentación da solicitude de baixa asinada polo explotador actual e a solicitude de alta firmada polo novo explotador.

Estas solicitudes terán que ser asinadas persoalmente polo declarante, non sendo admisible a sinatura por orde.

En caso de que as solicitudes de alta ou baixa impliquen o cambio de titularidade da propiedade será necesario achegar documento público ou docu

mento privado no que se practicase a correspondente liquidación de impostos.

2. En caso de que se solicite a alta de parcelas por parte dun viticultor e non exista a baixa, faranse as comprobacións que se estimen oportunas antes de proceder á actualización.

Como base documental empregarase un plano catastral emitido e certificado pola Xerencia Territorial do Catastro, unha foto aérea con certificación da data de realización do voo polo organismo depositario dos fotogramas, así como un informe técnico asinado por técnico competente e visado. Neste caso serán os servicios centrais os que finalmente efectúen a inclusión da parcela no RV, se procedese.

Excepcionalmente, poderase eximir da presentación da foto aérea certificada cando do informe técnico e da inspección en campo se desprenda claramente a antigüidade do viñedo e se reflicta nun certificado do técnico do Servicio de Extensión e Capacitación Agraria ou do Servicio de Producción Vexetal.

3. Se se presenta solicitude de baixa e non se ten presentada a alta, a parcela pasara a descoñecido na base de datos do RV.

A solicitude de baixa pode ser como explotador e/ou propietario, polo que a alta respectiva, cando se solicite polo verdadeiro explotador, se é o caso, deberá realizarse utilizando base documental, que en caso de afectar á propiedade será de carácter público ou privado no que se practicase a correspondente liquidación de impostos.

4. A baixa por ter desaparecido o viñedo na parcela, tras comproba-la inexistencia de dereitos de replantación, reflectirase na base de datos do RV a solicitude do titular ou ben de oficio, como consecuencia de inspeccións de campo, dando audiencia ó explotador teórico.

Artigo 6º.-Modificación de datos nas parcelas.

As modificacións practicadas no RV en relación coas parcelas poden afectar ós seguintes datos:

-Titular, explotador ou viticultor.

-Propietario.

-Superficie.

-Data de plantación.

-Variedade.

1. Titular, explotador ou viticultor.

A modificación da titularidade como explotador dunha parcela/s efectuarase mediante a solicitude descrita no artigo anterior para altas/baixas de parcelas.

2. Propietario.

A solicitude para modifica-la condición de propietario dunha parcela, logo de audiencia ó antigo propietario, requirirá a sinatura conxunta das dúas partes interesadas, debendo achegarse a documentación acreditativa da propiedade.

No caso de que o anterior propietario non atendese á notificación que se lle practique ou non asine persoalmente a solicitude de modificación, os documentos que se presenten deberán ser públicos ou privados coa correspondente liquidación de impostos.

3. Superficie.

A solicitude de modificación dos datos correspondentes á superficie dunha parcela deberá acompañarse dun plano catastral emitido e certificado pola Xerencia Territorial do Catastro. No caso de que a superficie de viñedo non ocupe a totalidade da parcela, a solicitude de modificación irá acompañada dun esbozo acotado.

O sinalado no parágrafo anterior establécese sen prexuízo de que, se fose necesario, se poida esixir un informe de técnico competente visado.

4. Data de plantación.

As solicitudes relativas á rectificación de erros na data de plantación irán acompañadas, ademais de polo plano catastral emitido e certificado pola Xerencia Territorial do Catastro, por un informe de técnico competente, visado polo correspondente colexio profesional, que inclúa fotografía aérea onde se reflicta claramente a plantación actualmente existente. Tamén deberá figura-la certificación da data de realización do voo emitida polo organismo depositario dos fotogramas.

5. Variedade.

As solicitudes de corrección de datos que supoñan cambios dunha variedade a outra que se atopen incluídos en grupos distintos de entre os establecidos no Regulamento (CE) 3800/1981 (variedades autorizadas ou recomendadas do anexo IV do R.D. 1472/2000, do 4 de agosto), deberán achegar informe de técnico competente, visado polo colexio profesional.

Artigo 7º.-Transmisións da titularidade ou propiedade das parcelas.

1. As transmisións da titularidade ou propiedade das parcelas, para os efectos da actualización no RV, solicitaranse cubrindo conxuntamente o epígrafe de altas e baixas, xuntamente co de transmisións, no impreso de solicitude (anexo I). A solicitude de actualización, que se asinará conxuntamente, irá acompañada dos correspondentes documentos públicos ou privados nos que se practicase a oportuna liquidación de impostos.

Sen prexuízo do anterior, cando o Servicio Provincial de Sanidade e Producción Vexetal da consellería o estime conveniente para esclarece-la realidade da superficie vitícola en cuestión (asentamento, propietario, explotador, etc.), deberase achegar, logo de requerimento, plano catastral certificado pola Xerencia Territorial de Catastro correspondente.

2. A existencia de documentos oficiais de arrinque (impreso de solicitude A do anexo II), transferencia (impreso de solicitude T do anexo III), plantación substitutiva (impreso de solicitude PS do anexo IV) ou plantación (impreso de solicitude P do anexo V), será documentación suficiente para resolver favorablemente as solicitudes de actualización, se dos ditos documentos se desprende a circunstancia fidedignamente.

Sección segunda

Autorizacións administrativas de superficie de viñedo

Artigo 8º.-Autorizacións administrativas de superficies vitícolas. Rexistro de dereitos de replantación e plantación (arrinques, transferencias, plantacións, novas plantacións e outros).

1. Para proceder á plantación de viñedo independentemente do disposto normativamente no artigo 2 do R.D. 1472/2000 referente a novas plantacións, será necesario dispor dos dereitos de replantación correspondentes. Estes procederán do arrinque dunha plantación ou ben dunha transferencia e figurarán no Rexistro de Dereitos de Replantación e Plantación, a nome do titular da parcela que fose arrincada ou, se é o caso, do adquirinte do dereito como consecuencia dunha transferencia.

2. Os dereitos de replantación deberán utilizarse antes de que finalice a oitava campaña seguinte a aquela na que se procedese ó arrinque da plantación que xerou o dereito. Non obstante, no caso de dereitos adquiridos por transferencia, estes deberán utilizarse antes de que finalice a segunda campaña desde a autorización da transferencia, sen que, en ningún caso se poida supera-lo prazo que establece o parágrafo anterior.

3. Os viticultores presentarán as solicitudes para arrinques, transferencias ou plantación, nos impresos oficiais establecidos, para tal efecto, no formato que se recolle nos impresos de solicitude A, T, PS e P, correspondentes ós anexos II, III, IV e V respectivamente.

4. As solicitudes presentaranse nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, nas súas delegacións provinciais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 9º.-Arrinques.

1. Xunto coa solicitude de declaración de arrinque deberá presentarse a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI; NIF ou CIF do solicitante e do propietario (se é o caso).

-Copia da ficha do Rexistro Vitícola do titular da parcela, en todo caso.

-Esbozo, no caso de ser arrinque parcial.

2. De non axustarse a solicitude literalmente á ficha de Rexistro Vitícola, no que concirne á referencia catastral do titular e/ou propietario, deberá xuntarse solicitude de actualización do RV e a documentación oportuna segundo o artigo 3º e seguintes desta orde.

3. A concesión de dereitos ó arrincar unha parcela con dereito de replantación será para o propietario da parcela, ou ben será para o explotador-titular dela, coa conformidade do propietario que será rubricada no epígrafe D do impreso de solicitude A (anexo II).

A conformidade prestada polo propietario autorizando a solicitude de arrinque ó explorador/titular da parcela producirá o efecto de transmitirlle a este a posesión dos dereitos de replantación e a potestade de exerce-lo dereito de transferencia ou de realiza-la plantación nas parcelas que posteriormente solicite, independentemente de que sexan do mesmo propietario ou doutro diferente. Para estes efectos, cubrirase o anexo VI da presente orde.

4. A autorización de arrinque concederase logo de comproba-la existencia das parcelas de viña solicitadas no RV así como a existencia en campo delas. Unha vez comunicado o arrinque por parte do viticultor, o técnico do Servicio de Extensión e Capacitación Agraria comprobará que efectivamente as parcelas de viña foron arrincadas.

Tramitado polo Servicio de Sanidade e Producción Vexetal, na delegación provincial concederase o dereito de replantación.

Artigo 10º.-Transferencia e adquisición de dereitos.

1. Os dereitos de replantación poderán ser obxecto de transferencia total ou parcial nos seguintes casos:

a) Cando a parcela á que pertenzan os dereitos se transfira por calquera negocio xurídico inter vivos ou mortis causa. A dita transmisión deberá efectuarse directamente entre o posuidor dos dereitos e o titular da parcela onde se vai realiza-la plantación.

b) Cando unicamente se transmitan os dereitos dunha parcela a outra e a parcela do adquirente se destine á producción de viños con denominación de orixe ou viños de mesa designados mediante indicación xeográfica ou ó cultivo de viñas nais de enxertos.

2. Non terá a consideración de transferencia a cesión de dereitos de replantación entre dúas parcelas do mesmo titular.

3. Non poderán autorizarse transferencias de dereitos de nova plantación nin de dereitos de replantación obtidos por transferencia ou da reserva e tampouco daqueles dereitos de replantación anticipada.

4. Para solicitar transferencias de dereitos de replantación, os adquirentes deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ter regularizada a totalidade do seu viñedo.

b) Non ter transferido dereitos de replantación nin terse acollido ó abandono definitivo durante a campaña en curso nin nas cinco campañas precedentes.

c) Cumpri-la normativa reguladora da denominación de orixe ou ter dereito a comercializar viño con indicación xeográfica.

5. As transferencias de dereitos non poderán en ningún caso supoñer incremento do potencial productivo vitícola. Para estes efectos, aplicaranse os coeficientes correctores necesarios, segundo os rendementos medios publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación anualmente.

6. As solicitudes de transferencia de dereitos de replantación irán acompañadas da fotocopia do impreso de solicitude A, de arrinque, (anexo II desta orde) e da fotocopia da ficha do Rexistro Vitícola.

7. Xunto coa solicitude de concesión de plantacións susbtitutivas (impreso PS recollido como anexo IV), entregarase:

a) Fotocopia dos impresos de solicitude A e T que figuran como anexos II e III respectivamente, en base á plantación que se pretende realizar.

b) Plano vitícola ou catastral onde se deberá reflecti-lo polígono e parcela.

Artigo 11º.-Plantacións.

A solicitude de plantación irá acompañada dos seguintes documentos:

a) O que acredite a declaración do feito impoñible do importe que corresponda pola transferencia dos dereitos de replantación.

b) Fotocopia da ficha do Rexistro Vitícola.

c) Fotocopia que acredite o dereito de replantación, para o cal se presentarán os impresos de solicitude A (anexo II) ou T (anexo III) e PS (anexo IV).

d) Plano de Rexistro Vitícola. No caso de que a referencia da parcela a plantar non se reflicta nestes planos, achegarase plano catastral.

e) Se a parcela se planta parcialmente achegarase esbozo acotado indicando a zona que ocupará o viñedo.

Capítulo III

Regularización de superficies de viñedo

Artigo 12º.-Procedemento de regularización.

1. As parcelas de viñedo plantadas antes do 1 de setembro de 1998, das que a producción só podía ser posta en circulación con destino a destilerías, segundo o Regulamento (CEE) 822/1987, polo que se establece a organización común do mercado do sector vitivinícola, continuarán sometidas a esta mesma obriga sen prexuízo de que se poidan regularizar, unha vez que fosen aplicadas as sancións correspondentes previstas no artigo 2 do Regula

mento (CE) 1493/1999, cando se atopen nalgún dos seguintes casos:

a) Cando o titular da parcela xustifique que se arrincaron superficies de viñedo na parcela a regularizar ou noutras parcelas da súa explotación e que ese arrinque non xera dereitos de replantación, nin se percibiron primas por abandono definitivo. O titular deberá achegar algunha das seguintes probas, agás no caso de que estean en poder da consellería:

-Acreditación por medio de fotografía aérea vertical na que poida apreciarse con exactitude o perímetro da parcela dos dereitos que se pretendan achegar.

-Certificación con base no catastro de rústica na que conste o cultivo existente na parcela, nunha data posterior á entrada en vigor da Lei 25/1970, do 5 de decembro, do Estatuto da viña, o viño e os alcois.

-Certificación, de se-lo caso, da situación de cultivo da parcela tomada das bases de concentración parcelaria previstas no Decreto 118/1973, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o texto da Lei de reforma e desenvolvemento agrario, así como na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria.

-Xustificación da expropiación da parcela de viñedo cultivada.

b) Cando o productor achegue dereitos de replantación obtidos antes do 31 de marzo de 2002. Neste caso, o titular da parcela deberá achegar dereitos de replantación que cubran a superficie que se trate de regularizar incrementada nun 50 por 100.

2. A sanción administrativa á que se refire o artigo 11.2º do R.D. 1472/2000, establécese de acordo co estipulado no artigo 4.2º 9 do R.D. 1945/1983, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, quedando fixada no mínimo do artigo 10.1º, que ascende a 50.000 pesetas.

3. A documentación que deberá presentarse xunto coa solicitude de regularización (anexo VII desta orde) será a seguinte:

No suposto do punto 1.a) do presente artigo:

-Fotocopia do DNI.

-Ficha do Rexistro Vitícola da explotación.

-Cartografía axeitada da parcela orixinal arrincada en base á que se regulariza.

-Documento acreditativo de ter arrincada superficie de viñedo na súa explotación sen que aquela xerase dereitos nin percibise primas por abandono definitivo. Este documento poderá ser tan só algún dos enumerados do 1 ó 4 no artigo 11.2º, letra a) do R.D. 1472/2000 ou ben, certificado emitido polo Servicio de Concentración Parcelaria desta consellería.

-Documento acreditativo de que a parcela arrincada formaba parte da súa explotación.

b) No suposto do punto 1.b) do presente artigo:

-Fotocopia do DNI.

-Ficha do Rexistro Vitícola da explotación.

-Cartografía axeitada da parcela que se vai regularizar.

-Documento orixinal acreditativo de dereitos de replantación por valor de 150% da superficie que se pretende regularizar (impresos A e T que se recollen como anexos II e III respectivamente).

4. O Servicio Provincial de Sanidade e Producción Vexetal comprobará que as parcelas arrincadas ou os dereitos achegados para regularizar non se utilizaron para legalizar ningunha outra plantación existente.

5. Unha vez analizada a solicitude e comprobada a súa idoneidade, deberá de incorporarse ó expediente o documento acreditativo de ter aboada a sanción, para poder proceder á resolución favorable de regularización da parcela.

Artigo 13º.-Lugar, prazo de presentación e resolución das solicitudes de regularización.

1. A solicitude de regularización, que se axustará ó modelo do anexo VII, presentarase en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente nas oficinas agrarias comarcais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2. O prazo de presentación de solicitudes de regularización finalizará o día 31 de marzo de 2002.

3. Compételle ó director xeral de Producción Agropecuaria a resolución destas solicitudes. O prazo máximo para resolver e notifica-la resolución é de seis meses a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. En calquera caso, a data límite para a resolución de tódalas solicitudes é o 31 de xullo de 2002. Transcorrido o prazo máximo sen que se notificase resolución expresa, entenderase esta desestimada.

4. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 14º.-Superficies plantadas de viñedo a partir do 1 de setembro de 1998.

As superficies de viñedo plantadas a partir do 1 de setembro de 1998, ás que fai referencia o punto 7 do artigo 2 do Regulamento (CE) 1493/1999, do consello, deberán ser arrincadas polo propietario da parcela, sen prexuízo do seu dereito a reclama-lo custo do arrinque ó responsable da plantación ilegal. A Administración competente poderá proceder á execución subsidiaria da obriga do arrinque, se no prazo de dous meses contados desde a notificación de

arrinque que se faga para o efecto, o titular da parcela non executara a obriga. O incumprimento do establecido neste artigo dará lugar á imposición das sancións procedentes en cada caso.

Capítulo IV

Convocatoria para a asignación de dereitos de novas plantacións

Artigo 15º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

As normas contidas neste capítulo teñen por obxecto regula-la solicitude e a asignación de dereitos de novas plantacións de viñedo nas zonas de producción das denominacións de orixe.

Artigo 16º.-Beneficiarios e exclusións.

1. Poderán solicitar dereitos de novas plantacións as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións vitícolas en Galicia, que deberán ter regularizada a totalidade da superficie do seu viñedo, conforme a normativa vixente da OCM vitivinícola, reflectida no capítulo III da presente orde.

2. Quedarán excluídos da asignación de dereitos para novas plantacións as persoas físicas ou xurídicas que transferiran dereitos de replantación a outros productores.

Artigo 17º.-Requisitos das plantacións.

As novas plantacións deberán reuni-las seguintes características:

a) Superficie mínima para plantar 0,20 ha (2.000 metros cadrados).

b) As variedades para utilizar serán as recomendadas ou preferentes establecidas nos regulamentos de cada denominación de orixe.

Artigo 18º.-Reparto dos dereitos.

1. A asignación de novas superficies de dereitos repartirase por medio dunha orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en fución da distribución estatal.

2. Cando a superficie solicitada en cada unha das denominacións de orixe supere a superficie asignada á citada zona, a concesión de dereitos para novas plantacións realizarase priorizando as solicitudes, de acordo coa puntuación obtida ó aplica-lo seguinte baremo:

a) Os agricultores mozos, tal como se definen no artigo 2.7º da Lei 19/1995: 2 puntos.

b) As persoas físicas que reúnan os requisitos necesarios para ser consideradas como agricultor profesional, que soliciten dereitos de novas plantacións para obter unha superficie mínima de 2 ha, sumando ás superficies de viñedo existentes os dereitos de replantación e os dereitos para novas plantacións, que se asignen ó abeiro desta orde: 4 puntos.

c) As persoas xurídicas nas que, polo menos o 50% dos socios que as integren ou polo menos dous tercios dos socios que sexan responsables da xestión ou administración, reúnan os requisitos necesarios

para ser considerados agricultores profesionais, que soliciten dereitos de novas plantacións para obter unha superficie mínima de 6 ha, sumando ás superficies de viñedo existentes os dereitos de replantación e os dereitos para novas plantacións que se asignen ó abeiro desta orde: 4 puntos.

d) Os viticultores que estean realizando ou realizaran melloras permanentes na súa explotación de viñedo, na data indicada de entrada en vigor desta orde, no marco dos reais decretos 1887/1991 ou 204/1996, ou das ordes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, polas que se establece a reestructuración de viñedo en Galicia a partir do 31-1-1991, ou das ordes da Consellería de Economía e Facenda de 18 de abril de 1991, polas que se establecen axudas financeiras a pequenas e medianas empresas ó sector productivo agrario: 2 puntos.

e) As persoas físicas titulares de explotacións que reúnan os requisitos esixidos para ser considerados como agricultores profesionais: 2 puntos.

No caso de que o beneficiario sexa unha comunidade de bens, poderá obter esta puntuación cando tódolos seus integrantes sexan agricultores profesionais, ou ben cando polo menos o sexa un dos seus membros e exista un pacto de indivisión da comunidade de bens por un período de tempo mínimo de seis anos a partir da data de entrada en vigor desta orde.

f) As cooperativas ou sociedades agrarias de transformación (SAT), nas que polo menos o 50% dos socios ou polo menos dúas terceiras partes deles que sexan responsables da xestión ou administración, cumpran os requisitos de agricultor profesional: 3 puntos.

g) Outras persoas xurídicas nas que polo menos o 50% dos socios ou polo menos dous tercios dos socios, que sexan responsables da xestión ou administración, cumpran os requisitos de agricultor profesional: 1 punto.

h) As persoas físicas ou xurídicas que asemade sexan titulares dunha adega para transformación da uva ou sexan socios dunha cooperativa ou SAT, que dispoña dese tipo de instalacións: 2 puntos.

i) Os viticultores que soliciten tódolos dereitos de novas plantacións a realizar en predios colindantes con outras de viñedo da súa propiedade ou en predio único de superficie superior a 1 ha: 2 puntos.

j) Os solicitantes que pretendan a asignación dun máximo de dereitos permitidos en parcelas, todas elas maiores de 0,5 ha: 1 punto.

k) Solicitudes que leven aparellado un proceso de concentración de viñedo tendo previstas plantacións en superficies contiguas de máis de 10 ha: 4 puntos.

No caso de tratárense de explotacións familiares ou asociativas prioritarias segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, incrementarase nun punto a baremación do punto b), c), e), f) ou g), segundo se trate.

A condición de explotación familiar ou asociación prioritaria deberá xustificarse mediante certificación do director xeral do Ilgga, acreditativa da cualificación da explotación como prioritaria, ou copia da solicitude da devandita cualificación de acordo co modelo incluído no anexo da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 16 de xuño de 1998 (DOG nº 121, do 25 de xuño) acompañada da documentación indicada nel.

3. No caso de explotacións individuais e comunidades de bens nos que os seus titulares sexan persoas físicas, a superficie máxima de dereitos para novas plantacións que poderá asignarse será de 2 ha.

Para as explotacións que teñan como titular unha persoa xurídica, a superficie máxima de dereitos de novas plantacións que poderán asignarse por denominación de orixe será de 2 has por socio, cun máximo de 6 ha.

4. No caso de que varias solicitudes obteñan a mesma puntuación, por aplicación do baremo establecido no punto 2 deste artigo e non exista superficie de dereitos para novas plantacións dispoñibles para atende-los dereitos solicitados en cada denominación, a asignación de dereitos efectuarase dando prioridade ás de menor superficie de dereitos solicitados.

No caso de igualdade de puntuación e de superficie de dereitos solicitada, asignaranse dando prioridade ós solicitantes de menor idade ou ás entidades con data de constitución máis recente.

5. A puntuación establecida no punto 2 letras b) e c), é incompatible con calquera das correspondentes ás letras e), f) ou g).

6. As superficies de dereitos que non sexan asignadas en cada denominación de orixe serán distribuídas entre as solicitudes de dereitos de novas plantacións das restantes denominacións de orixe da provincia correspondente ou de toda a Comunidade Autónoma, dando prioridade ás solicitudes na forma establecida nos puntos 2, 3 e 4.

Artigo 19º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para a asignación de dereitos de novas plantacións en zonas de denominación de orixe, formuladas segundo o modelo do anexo VIII da presente orde, presentaranse, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da consellería, ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Coa solicitude xuntarase a seguinte documentación.

A) En tódolos casos:

a) Fotocopia do DNI ou CIF do solicitante.

b) Documento acreditativo de que o solicitante é o titular das parcelas para as que solicita dereitos de novas plantacións. No caso de que a titularidade se xustifique mediante documento público de arrendamento, este deberá ser por un período mínimo de 20 anos.

c) Documento acreditativo da titularidade do resto das parcelas rexistradas de viñedo: ficha do Rexistro Vitícola.

d) Certificado catastral ou do RV da parcela a plantar.

e) Informe do Consello Regulador conforme as parcelas para as que se solicita a asignación de dereitos pertencen ó ámbito da denominación de orixe.

B) No caso de persoas físicas que queiran acollerse ás puntuacións establecidas no artigo 18.2º desta orde, deberán xuntar, segundo o caso:

a) Informe da vida laboral, acreditativo de estar dado de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria.

b) Copia da declaración do IRPF correspondente ó último exercicio liquidado; no seu defecto poderanse presentar copias de tres declaracións do IRPF dos últimos cinco anos, incluíndo a correspondente ó exercicio inmediatamente anterior ó último liquidado.

Os agricultores que se incorporaron á actividade agraria con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2000 deberán presenta-lo documento descrito no punto a) xunto coa declaración censal (documento 037) de estar dado de alta na Delegación de Facenda correspondente. Este documento presentarase en substitución do descrito no punto b) anterior.

Así mesmo cada un dos integrantes das comunidades de bens deberán xunta-la documentación descrita nos puntos a) e b) anteriores e, se é o caso, copia compulsada do pacto de indivisión da comunidade por seis anos.

c) Documento acreditativo da titularidade da adega autorizada ó seu nome, ou ben certificado dunha cooperativa/SAT titular dunha adega autorizada, que acredite a pertenza a ela na calidade de socio.

d) Copia do plano do catastro de rústica ou do RV, na que figuren as parcelas da súa propiedade para efectos do punto i) do artigo 18º.2 desta orde.

e) Certificación do director xeral do Ilgga da cualificación da explotación como prioritaria, ou solicitude para a dita cualificación, acompañada da documentación correspondente.

C) No caso de persoas xurídicas:

a) Copia do documento de constitución da entidade.

b) Certificación expedida polo órgano xestor da entidade, na que conste a identificación da persoa á que se autoriza no nome da mesma, para solicita-los dereitos de novas plantacións, ou ben copia da escritura de apoderamento a favor da persoa que, no nome da sociedade, solicita a asignación de dereitos para novas plantacións de viñedo.

Se a persoa xurídica desexa acollerse á puntuación establecida no artigo 18º.2, deberán xuntar ademais:

c) Certificación expedida polo órgano xestor da sociedade, na que figure a relación nominal dos socios co NIF correspondente ou, se é o caso, dos socios responsables da xestión.

d) Copia da declaración do IRPF correspondente ó último exercicio liquidado; no seu defecto, poderanse presentar copias de tres declaracións do IRPF dos últimos cinco anos, incluíndo a correspondente ó exercicio inmediatamente anterior ó último liquidado. Así mesmo, informe da vida laboral acreditativo de estar dados de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria, de cada un dos compoñentes da sociedade que cumpran os requisitos necesarios para ser considerados agricultores profesionais.

e) Documento acreditativo da titularidade dunha adega autorizada ou certificado dunha cooperativa ou SAT, titular dunha adega, acreditativo da pertenza a ela en calidade de socio.

f) Copia do plano do catastro de rústica ou do RV na que figuren as parcelas da súa propiedade para efectos do punto i) do artigo 18º.2.

g) Certificación do director do Ilgga da cualificación da explotación como prioritaria, ou solicitude para a devandita cualificación, acompañada da documentación correspondente.

Artigo 20º.-Resolución.

1. O órgano competente para a resolución das solicitudes de dereitos de novas plantacións é o director xeral de Producción Agropecuaria.

2. O director xeral resolverá, despois da proposta dos servicios provinciais correspondentes, na que conste a relación de beneficiarios e a superficie de dereitos para novas plantacións a asignar a cada un deles, en cada denominación de orixe.

3. O prazo máximo para resolver e notifica-la resolución será de seis meses a partir da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se notifique resolución, entenderase esta desestimada.

4. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 21º.-Realización das plantacións.

As plantacións correspondentes ós dereitos asignados deberán realizarse e inscribirse no Rexistro de Dereitos de Replantación e Plantación da Comunidade Autónoma de Galicia, antes de transcorridos dous anos desde o momento no que a autorización da plantación adquira firmeza. No caso de que a plantación non se rexistre antes da data indicada anteriormente, o interesado perderá os dereitos asignados. En ningún caso se poderá conceder prórroga.

Artigo 22º.-Inspeccións e controis.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos a fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada. O beneficiario estará obrigado a colaborar na dita inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación, sen prexuízo das sancións a que a súa negativa poida dar lugar.

Disposicións transitorias

Primeira.-A superficie de dereitos para asignar, regulada no capítulo IV desta orde, queda fixada, para o ano 2001, nun total de 150 ha e distribuirase entre as distintas denominacións de orixe do seguinte xeito:

Denominación de Orixe Rías Baixas: 50.

Denominación de Orixe Valdeorras: 22.

Denominación de orixe Ribeiro: 39.

Denominación de Orixe Monterrei: 21.

Denominación de Orixe Ribeira Sacra: 18.

Total: 150 ha.

Segunda.-O prazo de presentación de solicitudes relativas á asignación de dereitos de novas plantacións, para este ano 2001, será de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Para os efectos do reparto de dereitos regulado no artigo 18 desta orde, terán preferencia absoluta aqueles solicitantes que non resultaran beneficiarios da autorización de novas plantacións, ó abeiro das ordes do 14 de agosto de 1998 e do 4 de novembro de 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a correcta aplicación e cumprimento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería, e Política

Agroalimentaria