Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 04 de xullo de 2001 Páx. 8.998

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 154/2001, do 14 de xuño, polo que se aproban os estatutos modificados do Consorcio para o Servicio contra Incendios e de Salvamento da Comarca de Valdeorras.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servicio fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Este feito aconsellou que a Xunta de Galicia elaborara o Plan galego de dotación de parques contra incendios urbanos baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permita dota-la Comunidade Autónoma dun servicio integrado de extinción de incendios que garanta este servicio en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e a dificultade técnica da extinción, sendo o Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras un dos parques previstos no plan galego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catro de decembro de mil novecentos noventa e oito, acordou participar no Consorcio do Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeoorras, segundo o disposto no punto 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Consonte co anterior, o Consello da Xunta de Galicia prestou aprobación, mediante o Decreto 294/1999, de 21 de outubro, ós estatutos que rexen o citado consorcio.

Para alcanzar unha maior axilidade na xestión e eficacia na prestación do servicio cómpre proceder á modificación dos estatutos que rexen o Consorcio do Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras tanto na representatividade dos seus órganos de goberno como no seu financiamento.

A modificación e aprobación dos estatutos modificados do consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 143 e 151 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-los estatutos modificados do Consorcio para o Servicio contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras, sendo o seu texto o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 249/1999, do 21 de outubro, polo que se aprobaron os estatutos do Consorcio para o Servicio contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Consorcio para o Servicio contra Incendios e Salvamento da Comarca de Valdeorras

A Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas as competencias sobre prevención e extinción de incendios e protección civil.

A necesidade dunha resposta eficaz dos servicios de salvamento ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida das persoas ou para os seus bens, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles, fai necesaria unha organización axeitada destes servicios en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra parte os servicios de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento non se desenvolveron de forma suficiente dando unha cobertura axeitada a toda Galicia e non sempre se ten posibilidades para intervir dunha maneira rápida e eficaz.

Doutra banda, conforme a decisión do Consello da Unión Europea do 29 de xullo de 1991, polo que se crea o número único para as chamadas de urxencia denominado un, un, dous (112), o Goberno da Xunta de Galicia en setembro de 1997 acordou a prestación do servicio público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112, no que deberán quedar integrados os servicios contra Incendios e Salvamento como centros asociados do Servicio 112, e un deles será o da Comarca de Valdeorras.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Ó abeiro do establecido na lexislación vixente, constitúese un consorcio entre a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e os concellos que se citan no anexo I, que son os que integran a Comarca de Valdeorras.

Artigo 2º

Para a constitución do consorcio requírese acordo de constitución e de aprobación definitiva dos seus estatutos por parte dos plenos da Deputación Provincial de Ourense e dos concellos que o integren, así como acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que decida formar parte do consorcio:

-Os estatutos aprobaranse mediante decreto da Xunta de Galicia que se publicará no DOG xunto co texto íntegro dos estatutos.

-Unha vez publicados os estatutos o alcalde do concello onde radique o consorcio convocará a tódolos representantes das entidades que o integran co obxecto de elixi-los órganos rectores e inicia-lo funcionamento do consorcio.

Artigo 3º

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran e capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios.

Artigo 4º.-Enderezo.

O consorcio terá a súa sede no parque de bombeiros no concello da Rúa.

Artigo 5º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto do consorcio a prestación, no réxime de xestión que aprobe o Pleno do Consorcio, do servicio contra incendios e salvamento.

O fin do servicio será o salvamento de persoas e bens, a extinción de incendios e a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro e situacións de risco e o asesoramento e asistencia en materia de seguridade e sempre que se faga precisa a súa colaboración.

Artigo 6º.-Ámbito de actuación.

1. O servicio que presta o consorcio esténdese ós concellos corsorciados.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso, sempre que o demanden os órganos competentes e o autorice o presidente do consorcio.

2. O Consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ó cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3. Formará parte da rede de emerxencias do Servicio 112-SOS-GALICIA, de acordo co protocolo de actuación que para o efecto se establecerá.

Artigo 7º.-Regulación dos servicios.

O consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servicios.

Capítulo II

Órganos de goberno

Artigo 8º

Os órganos de goberno do consorcio son os seguintes:

-Pleno.

-Presidente.

-Vicepresidente.

Artigo 9º.-Composición do Pleno.

O Pleno do Consorcio, máximo órgano colexiado del, estará integrado por:

-O alcalde do concello onde radique a sede do parque, quen poderá ser substituído nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade por un tenente alcalde do devandito concello.

-Un alcalde, que resulte designado nunha elección efectuada de entre os restantes concellos consorciados, que poderá, á súa vez, ser substituído por un suplente, igualmente elixido para o efecto, que deberá reuni-la condición de alcalde dun dos concellos consorciados.

-Dous representantes da Deputación Provincial de Ourense, designados polo presidente da deputación, que poderán ser substituídos por dous suplentes nomeados de entre os membros que compoñen a corporación provincial.

-Dous representantes da Xunta de Galicia, designados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que poderán ser substituídos por dous suplentes, designados pola mesma consellería.

Con voz pero sen voto:

-Un funcionario do concello onde radique a sede do consorcio para efectua-las funcións de secretario, que deberá reuni-los requisitos que figuran no artigo 15º.

Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente.

Os cargos do presidente e vicepresidente serán elixidos polo Pleno do Consorcio, podendo renovarse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas, como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fixeran necesario. Para tal efecto, o Pleno do Consorcio deberá celebrar sesión dentro do mes seguinte ó da sesión constitutiva das corporacións consorciadas.

O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nos presentes estatutos.

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o presidente, durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Cesamento dos representantes.

Os membros do Pleno poderán ser cesados por acordo do mesmo órgano que os nomease.

Artigo 12º

As atribucións do Pleno serán as seguintes:

a) Aprobación do orzamento da entidade.

b) Aprobación das contas anuais e as operacións de crédito que excedan das competencias do presidente do consorcio que poidan efectuarse.

c) Aprobación da modificación dos orzamentos que excedan da competencia do presidente do consorcio.

d) Aprobación da memoria anual de actividades, xunto co seu seguimento, control e valoración.

e) Iniciativa para a integración e separación de novas entidades do consorcio.

f) Aprobación do cadro de persoal e relación de postos de traballo.

g) Aprobación do programa anual de actividades.

h) Proposta de rectificación ou modificación dos estatutos.

i) Aprobación dos regulamentos que estime pertinentes dentro das súas competencias, así como as normas de funcionamento do propio Pleno.

j) Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro, con administracións públicas ou entidades privadas.

k) Aprobación de proxectos de obras e servicios cando lle corresponda a súa intervención.

l) Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servicios e abastecementos que sexan da súa competencia.

m) A administración do patrimonio.

n) Servir de comité asesor de protección civil no ámbito comarcal e entidade de apoio ó presidente do consorcio, asumindo as funcións previstas no artigo 14 do Decreto 378/1998, do 4 de decembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil.

ñ) Facer delegacións de competencias nos órganos de goberno do consorcio que considere oportunos, a este respecto haberá que aterse ó disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

o) As demais que, expresamente, lle veñan conferidas pola lexislación aplicable. En xeral tódalas funcións que non están atribuídas dun modo expreso a outro órgano do consorcio.

Artigo 13º.-Competencias do presidente do consorcio.

Serán funcións propias do presidente as seguintes:

a) Dirixi-lo goberno e a administración, velando polo cumprimento dos estatutos.

b) Te-la súa representación legal para tódolos efectos.

c) Aproba-la orde do día, convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, así como dirixi-las deliberacións do Pleno.

d) Decidi-los empates nos acordos co seu voto de calidade.

e) Vixia-lo cumprimento e publicación dos acordos do Pleno.

f) Presenta-lo proxecto de orzamento ordinario.

g) Supervisa-lo funcionamento administrativo e técnico do consorcio, en especial a actuación do xerente como xefe directo del, dando conta ó Pleno.

h) Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo ós orzamentos do consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

i) O control da actuación do xerente.

j) Facer delegacións de competencias nos órganos de goberno do consorcio que considere oportunas, a este respecto rexerá o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

k) As demais competencias que lle atribúan as normas legais da Comunidade Autónoma, así mesmo recoñeceranse as competencias en materia de contratación establecidas para o presidente das entidades locais na lexislación vixente.

Artigo 14º.-Xerente.

1. O xerente é o órgano ó que corresponde realiza-la xestión ordinaria dos asuntos de competencia do Pleno, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente e será nomeado polo Pleno entre persoas que posúan a formación axeitada que os capacite para realiza-las funcións propias do cargo.

2. Serán funcións do xerente:

a) Dirixir e xestiona-lo servicio e resolve-los asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presenta-lo anteproxecto de orzamentos, os plans de actuación e programa de necesidades do consorcio.

c) Prestar asistencia técnica ó presidente e ó Pleno.

d) Informar dos asuntos que deban tratarse nas sesións do Pleno.

e) Exerce-la dirección do persoal ó seu cargo, así como propoñe-las reformas que supoñan unha mellora do funcionamento das dependencias e servicios.

f) Prepara-los expedientes para adquisición de material e realización de obras de mellora e mantemento do servicio, así como os demais que se refiren ó funcionamento do consorcio.

g) Propoñe-lo presidente do consorcio os pagamentos que deban realizarse.

h) Propoñer e tramita-la contratación, destino, ascensos, excedencias, xubilacións, permisos e baixas do persoal do consorcio, segundo as disposicións legais vixentes.

i) Elabora-las estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual acerca do funcionamento, custo e rendemento dos servicios ó seu cargo, propoñendo as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servicio.

j) Asistir ás sesións do Pleno con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o Pleno lle encomende.

Artigo 15º.-Funcións reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

As funcións reservadas a habilitados de carácter nacional exerceranse:

a) A través de funcionarios con tal habilitación, dalgunha das entidades locais que integran o consorcio baixo o réxime de acumulación previsto no artigo 31.2º do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A través do servicio de asistencia da deputación, de conformidade co establecido no artigo 5 do devandito texto regulamentario.

As funcións que desempeñará son:

a) Asistir ás reunións do Pleno, convocando os compoñentes, por orde do presidente, e notificando a orde do día.

b) Formalizar e cumpri-los acordos adoptados nas sesións, así como levantar acta deles.

c) Asesorar e asistir xuridicamente os órganos de goberno do consorcio.

Capítulo III

Réxime funcional

Artigo 16º

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez cada dous meses.

2. Realizarase sesión extraordinaria por petición do presidente cando o considere oportuno, ou por petición da metade dos membros do Pleno.

Artigo 17º

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 5 días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun quórum mínimo da metade dos seus membros de dereito. Este quórum deberase manter durante toda a sesión.

En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou dos que legalmente os substitúan.

Artigo 18º

1. Os acordos do Pleno adoptaranse, como regra xeral, por maioría simple dos membros presentes, agás nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 215 da Lei 5/1997.

2. Cada representante do Pleno terá un voto.

Capítulo IV

Do persoal

Artigo 19º

O persoal ó servicio do consorcio estará integrado por:

a) Xerente.

b) O persoal de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento, sen prexuízo de que se opte pola prestación do servicio baixo o réxime que aprobe o Pleno do Consorcio.

c) O persoal que, de conformidade co artigo 15, atenda as funcións reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, salvo que estas funcións sexan asumidas polo servicio de asistencia da deputación provincial.

d) Calquera outro que se acorde, que, en todo caso, deberá estar recollido no correspondente cadro de persoal.

Artigo 20º

A División ou Unidade Operativa de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento estará composta polo xerente que será o xefe de servicio que realizará as funcións técnicas que lle son propias, así como as de dirección do resto do persoal; a escala operativa poderá estar formada por xefes de quenda, xefes de saída e bombeiros.

Artigo 21º

1. O persoal do consorcio terá carácter de funcionario ou laboral en atención ás funcións que desenvolvan e sempre sen prexuízo da previsión que se realiza no artigo 19º b).

2. As funcións deste persoal serán as que se determinan nas normas de réxime interior do consorcio.

Artigo 22º

O consorcio aprobará o seu propio cadro de persoal, segundo as normas previstas e acordará a súa provisión polos sistemas legais establecidos.

Capítulo V

Réxime económico e financeiro

Artigo 23º

Para o cumprimento dos seus fins, o consorcio disporá dos seguintes recursos:

a) As achegas por parte dos entes consorciados.

b) Os créditos que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e da Deputación Provincial de Ourense.

c) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

d) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

e) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo consorcio que se integran no seu patrimonio.

f) Calquera outro recurso que puidera serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

g) O producto de operacións de crédito.

Artigo 24º

1. As contribucións de cada ente consorciado ó orzamento ordinario de ingresos do consorcio para cada ano efectuaranse da forma seguinte:

A Comunidade Autónoma de Galicia achegará o 62,5% da cantidade do total do orzamento anual do consorcio.

A Deputación Provincial de Ourense achegará o 37,5% da cantidade do total do orzamento anual do consorcio.

2. O orzamento de ingresos do consorcio para cada exercicio económico será aprobado polo Pleno.

En todo caso poderase acudir ós mecanismos previstos na lexislación vixente para obte-la satisfacción das achegas en caso de que algunha das administracións consorciadas non achegasen en prazo a totalidade das cantidades a que veñen obrigadas polo presente artigo e co fin todo iso de facer efectivas estas cantidades.

Artigo 25º

1. Cada ente consorciado obrígase a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atende-las súas obrigas económicas relativas ó consorcio.

2. Unha parte da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada dous meses, na Tesourería do consorcio.

Artigo 26º

Os entes consorciados poderán ceder medios materiais ó consorcio. Os medios cedidos seguirán sendo propiedade do ente entregante ó que reverterán en caso de separación ou disolución do consorcio.

Artigo 27º

O Pleno aprobará o orzamento do consorcio e elevarao ós entes consorciados para o seu coñecemento.

Capítulo VI

Réxime xurídico

Artigo 28º

A actuación do consorcio rexerase polo establecido nestes estatutos, nos regulamentos de organización e réxime interior, os que se supeditarán ó ordenamento xurídico vixente.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 29º

A tódalas actuacións do consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1985, de bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril; o Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; o Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas; e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 30º

1. As modificacións estatutarias, así como as altas e baixas dos concellos integrantes do ente local consorciado, seguirán o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997.

Artigo 31º

1. Calquera que sexa o momento no que se adopte o acordo de incorporación ó consorcio dun novo ente non producirá efectos ata a aprobación do orzamento ordinario do seguinte exercicio económico do consorcio.

2. No caso de que unha entidade das que integran o consorcio decida unilateralmente separarse del, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo.

Artigo 32º

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio local así como para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997 para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. En caso de disolución do consorcio practicarase liquidación de tódolos seus bens e dereitos e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ó consorcio.

Artigo 33º

O consorcio facilitaralles ós entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión, e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Pleno poderá dictar cantas disposicións complementarias sexan necesarias para o desenvolvemento destes estatutos.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO II

Relación de concellos que integran a comarca de Valdeorras

O Barco de Valdeorras.

O Bolo.

Carballeda de Valdeorras.

Larouco.

Petín.

A Rúa de Valdeorras.

Rubiá.

A Veiga.

Vilamartín de Valdeorras.