Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 03 de xullo de 2001 Páx. 8.972

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2001 pola que se convoca un curso sobre fiscalización interna das entidades locais galegas e a responsabilidade contable das súas autoridades e funcionarios.

Dentro do Plan de actividades da EGAP para 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre fiscalización interna das entidades locais galegas e a responsabilidade contable das súas autoridades e funcionarios, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Perfeccionar e actualiza-los coñecementos dos participantes no procedemento de control interno e fiscalización das corporacións locais.

Segunda.-Destinatarios.

Interventores-tesoureiros de categoría superior e entrada, secretarios-interventores en activo, e titulados superiores ó servicio da Administración local, que desempeñen postos de responsabilidade na área económico-financeira das corporacións locais.

Terceira.-Desenvolvemento.

3.1. Duración: 45 horas.

3.2. Lugar: EGAP.

3.3. Datas: do 15 de outubro ó 3 de decembro de 2001.

3.4. Horarios: das 17 ás 20 horas.

3.5. Prazas: 40.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo modelo oficial, figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 28 de setembro de 2001.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina Web: www.egap.xunta.es

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG n.º 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con reguralidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994; BOE n.º 267, do 8 de abril, e correción de erros, no BOE n.º 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,70 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 136/1997, do 5 de xuño (DOG nº 114, do 16 de xuño), sobre a determinación dos méritos que lle corresponde fixar á Comunidade Autónoma nos concursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.

Novena.-Contido.

A fiscalización interna das corporacións locais: clases, contido e alcance do control interno das entidades locais. A fiscalización dos gastos de persoal: actos e acordos singulares. Persoal funcionario e laboral. Contratación de persoal laboral. As nóminas mensuais. A fiscalización do proceso de contratación administrativa e de convenios. Fiscalización en materia de subvencións e axudas públicas. O control interno de actuacións singulares: orzamentos, liquidación de orzamento, conta xeral e inmobilizado. A fiscalización da xestión de ingresos dos entes locais. Particularidades dos ingresos procedentes da actividade urbanística municipal: cotas de urbanización, cesións obrigatorias, patrimonio municipal do solo, concesións urbanísticas, etc. O control pleno posterior nos casos de fiscalización previa limitada. O control financeiro: normativa reguladora, control e alcance. As normas de auditoría do sector público: aplicación práctica.

-A fiscalización externa das entidades locais: o control externo dos entes locais polo Tribunal de Contas. A función fiscalizadora externa. O Plan de fiscalización das entidades locais galegas do Consello de Contas.

-A responsabilidade de autoridades e funcionarios públicos: a responsabilidade patrimonial das administracións públicas e a acción de regreso. A responsabilidade disciplinaria. A responsabilidade contable: conceptos, clases e elementos. Procedemento en vía administrativa e xurisdiccional. A responsabilidade penal: delictos de autoridades e funcionarios.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2001

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública