Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 28 de xuño de 2001 Páx. 8.721

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2001, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Gas Galicia SDG, S.A., (código de convenio 8200392), que se subscribiu coa data do 26 de abril de 2001, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2001.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

III Convenio colectivo da empresa

Gas Galicia SDG, S.A. Ano 2000-2001

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regula as relacións de traballo entre Gas Galicia SDG, S.A. e os traballadores incluídos no seu ámbito persoal e territorial, aplicándose con preferencia ó disposto nas demais normas laborais vixentes.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio é de aplicación en tódolos centros de traballo da empresa xa existentes ou de nova creación situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Este convenio colectivo afecta a tódolos traballadores da empresa integrados nos centros de traballo en que é de aplicación, sen outras excepcións que o persoal directivo e os que regulen individualmente a súa relación laboral pactando a súa exclusión do ámbito de aplicación do convenio.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

1. Este convenio terá unha duración de dous anos, entrando en vigor na data da súa sinatura con independencia da data en que teña lugar a súa publicación no DOG. Os efectos retrotráense ó 1 de xaneiro de 2000 estendendo a súa vixencia ata o día 31 de decembro de 2001, excepto naqueles artigos ou materias en que se estableza unha vixencia diferente.

2. Rematado o período inicial de vixencia sinalado no parágrafo anterior ou calquera das súas prórrogas anuais, quedará prorrogado nas súas cláusulas normativas por anos naturais, se non se producise denuncia expresa por calquera das partes.

3. A denuncia deberá formularse mediante comunicación escrita á outra parte lexitimada e á autoridade laboral competente, dentro do prazo dos tres meses previos á expiración da súa vixencia ou á de calquera das súas prórrogas anuais.

Artigo 5º.-Aplicación de condicións.

1. As condicións pactadas neste convenio compensan e absorben na súa globalidade calquera outra que os traballadores desfruten ou ás que puideran ter dereito por título anterior, actual ou futuro, de acordo cos límites establecidos na lei.

2. Os valores que neste convenio se determinan son de carácter bruto, polo que a eles se lles aplicarán as deduccións e retencións que correspondan nos termos legalmente establecidos.

3. A vixencia deste convenio colectivo implica a derrogación expresa de todas aquelas outras normas vixentes de carácter colectivo que, tendo a súa orixe en acordos alcanzados entre a empresa e a representación dos seus traballadores ou estando fundamentadas en usos e costumes locais e profesionais, se opoñan ó pactado nel.

4. Sendo as condicións reguladas neste convenio un todo único e indivisible, a modificación total ou parcial do establecido nel por aplicación de norma de dereito necesario ou resolución administrativa, implicará a anulabilidade da totalidade deste convenio por instancia de parte. De producirse este suposto, ámbalas partes se comprometen á constitución da comisión negociadora do convenio colectivo no prazo dun mes a partir da data en que se producise a denuncia de nulidade.

Artigo 6º.-Dereito supletorio.

1. No non regulado neste convenio aplicarase o disposto en normas legais e regulamentarias de carácter estatal, e, se é o caso, de ámbito autonómico aplicable cando a lexislación xeral prevexa a súa competencia específica nunha determinada materia.

2. Empresa e traballador poderán concertar, mediante contrato individual de traballo, condicións laborais diferentes ás reguladas neste convenio colectivo, sempre e cando non redunden, con carácter global, en prexuízo do traballador interesado.

Artigo 7º.-Organización do traballo.

1. A organización, control e dirección do traballo, de acordo co establecido neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

2. As partes acordan o acatamento, no marco de relacións laborais pactado, dos principios e normas establecidos na lexislación vixente, e comprometen a súa colaboración en cantas melloras en sistemas, procedementos e métodos de prestación do traballo poidan implantarse para, mediante a utilización óptima dos recursos humanos e materiais, alcanza-los obxectivos empresariais de calidade de servicio, productividade, competitividade por desenvolvemento tecnolóxico e de xestión, e o fin último de rendibilidade na actividade empresarial.

Capítulo II

Clasificación profesional

Artigo 8º.-Clasificación profesional.

1. Os traballadores afectados por este convenio serán clasificados en grupos profesionais de acordo coas definicións que se especifican no artigo seguinte.

2. A empresa, en uso das súas facultades de organización e dirección do traballo, poderá establecer e desenvolver organizativamente grupos profesionais, atendendo a evolución dos seus obxectivos e actividade.

Artigo 9º.-Descrición de grupos profesionais.

Establécense dous grupos profesionais en función do contido xeral da prestación: técnico e administrativo, nos que se inclúen, ademais das funcións específicas dos seus respectivos ámbitos, as actividades e tarefas comerciais, que son compartidas por ámbolos grupos polo carácter central que desempeñan para a misión e obxectivos da empresa. A mellor atención e servicio ó cliente defínese como obriga básica de tódolos traballadores de Gas Galicia SDG, S.A.

Para o desempeño das funcións que a continuación se indican, os traballadores utilizarán os procedementos, medios, soportes técnicos e equipos ofimáticos que a empresa considere adecuados en cada momento.

Grupo técnico: os traballadores adscritos a este grupo realizan funcións operativas propias da industria e o mercado en que a empresa desenvolve a súa actividade, tales como, producción, distribución e utilización de gas e mantemento, atención e reparación de instalacións e productos relacionados directa ou indirectamente con el. Igualmente realizan actividades comerciais, tales como atención e información a clientes e promoción de productos e servicios da empresa.

Grupo administrativo: os traballadores adscritos a este grupo realizan funcións administrativas xerais, atención a clientes, venda e promoción de productos e servicios, información e promoción comercial, elaboración de orzamentos, contratación e elaboración de informes e estudios.

Artigo 10º.-Niveis de cualificación funcional.

1. Dentro dos citados grupos profesionais, atendendo á amplitude, competencia e eficacia no desempeño das funcións, establécense dous niveis de cualificación funcional e un nivel de acceso. O nivel de cualificación funcional é independente das actividades que de forma accesoria, temporal ou ocasional se poidan asignar ós traballadores.

2. Os niveis de cualificación funcional son os seguintes:

Superior.

Correspóndese coa alta especialización ou a maior amplitude e autonomía no desempeño das funcións propias do grupo profesional. Os traballadores nel incluídos poden exercer supervisión de tarefas e mando de equipos de traballo.

Xeral.

Correspóndese co desempeño xeral e pleno das funcións propias do grupo profesional. Os traballadores nel incluídos poden exercer supervisión de tarefas e mando de equipos de traballo.

Acceso.

É o referido ó desempeño básico das funcións propias do grupo profesional.

3. O nivel de acceso ten por obxecto favorece-la incorporación e desenvolvemento na empresa de traballadores sen experiencia ou formación suficientes. A adscrición dun traballador a este nivel terá carácter transitorio, cunha duración máxima de 2 anos de prestación de servicios neste nivel. O tempo de suspensión do contrato de traballo non computará para tales efectos.

Capítulo III

Réxime de traballo

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

1. A partir do 1 de xaneiro de 2001, a duración da xornada anual para todo o persoal da empresa será de 1.755 horas de traballo efectivo, que poderán distribuírse de forma irregular ó longo do ano respectando os límites establecidos na lexislación

vixente e prestada nos réximes de xornada partida, continuada ou a quendas. O eventual exceso sobre a citada xornada anual poderá ser compensado pola empresa en tempo de descanso.

2. A empresa, e os representantes dos traballadores, establecerán de mutuo acordo o calendario laboral que deberá incluír necesariamente os días festivos oficiais e os horarios de traballo para cada réxime de xornada e, se é o caso, a programación do réxime de quendas e reténs, os períodos de distribución irregular da xornada de traballo e as datas hábiles para o desfrute de vacacións e descansos compensatorios.

En defecto de acordo, a empresa publicará o calendario laboral, con carácter provisional.

3. A xornada continuada comprenderá desde o 15 de xuño ata o 14 de setembro, ámbolos dous incluídos. Durante este período a xornada diaria será de 7 horas de traballo efectivo, efectuándose o resto do ano en réxime de xornada partida, conforme o calendario laboral.

4. A empresa, en uso da súa facultade de organización do traballo poderá acomoda-las quendas ás necesidades temporais ou cíclicas de subministración na distribución de gas, suspendelos, ou ben contratar persoal para completa-los equipos de traballo necesarios.

5. O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador se encontre no seu posto de traballo.

Artigo 12º.-Vacacións.

1. Todo o persoal da empresa desfrutará 22 días laborais de vacacións anuais, ou a parte proporcional que corresponda en caso de non estar en situación de alta na empresa o ano natural completo. No cómputo de días laborais non se considerarán os sábados.

2. Establécese como período xeral preferente de desfrute de vacacións anuais o comprendido entre os meses de xuño e setembro, incluídos ambos. Non obstante e por razón de necesidades de servicio ou por petición do traballador, a empresa poderá autoriza-lo fraccionamento do período total de vacacións. O desfrute das vacacións correspondentes ó persoal en réxime de quendas será o establecido no calendario que publique a empresa conforme o regulado no artigo 11º deste convenio.

Artigo 13º.-Mobilidade na empresa.

1. O traballador realizará habitualmente as funcións propias do seu grupo profesional. A empresa poderá asignarlle outras funcións equivalentes sen máis limitacións que as establecidas nas disposicións laborais vixentes.

Por razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción, a empresa poderá asignarlle ó traballador funcións distintas das propias do seu grupo profesional respectando os límites e garantías establecidos na lexislación vixente.

2. A asignación temporal de funcións correspondentes a un nivel de cualificación funcional superior, dentro do mesmo grupo profesional ou noutro, implicará o dereito a devenga-las diferencias salariais que correspondesen durante o tempo de desempeño de tal prestación.

A asignación de funcións correspondentes a un nivel de cualificación funcional inferior efectuarase polo tempo imprescindible, respectando en todo caso o salario que o traballador tivera acreditado.

3. O traballador prestará os seus servicios no centro de traballo en que estea adscrito, e poderá ser desprazado temporalmente por decisión da empresa nos termos legalmente establecidos.

Por mutuo acordo de empresa e traballador poderá excederse o límite máximo establecido na lei para esta situación, no tempo e condicións que expresamente conveñan, sen que isto modifique a súa natureza xurídica de desprazamento temporal.

4. Enténdese por traslado o cambio de centro de traballo que esixa para o traballador un cambio permanente de residencia.

O traballador poderá ser trasladado a calquera centro de traballo da empresa, de conformidade coa lexislación vixente.

En caso de traslado, poderase establecer unha compensación na contía que acorden empresa e traballador, sen que en ningún caso poida ser esta inferior ós gastos do primeiro desprazamento derivados do traslado da persoa e utensilios do traballador e os familiares ó seu cargo.

Capítulo IV

Contratación, promoción e formación

Artigo 14º.-Ingresos.

O ingreso dos traballadores axustarase ás modalidades de contratación establecidas en cada momento pola lexislación vixente, e estará determinado por razóns de necesidade de contratación libremente establecidas a criterio da empresa.

Artigo 15º.-Período de proba.

O ingreso de traballadores entenderase feito a título de proba co período de duración máximo que na lei se estableza.

2. Durante o período de proba poderá resolverse libremente o contrato por calquera das partes sen prazo de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización.

3. A situación de incapacidade temporal ou equivalente interromperá o cómputo do período de proba, que se reiniciará a partir da data de incorporación efectiva ó traballo.

4. En caso de promoción e ascenso do traballador, a empresa poderá condiciona-la súa efectividade á superación dun período de proba que non será superior ó establecido no parágrafo 1 deste artigo.

Artigo 16º.-Programa de desenvolvemento profesional.

1. O programa de desenvolvemento profesional regula e dá canle ó dereito dos traballadores á promoción e está destinado ó conxunto dos traballadores suxeitos a este convenio.

2. Constituirase unha comisión mixta paritaria composta por unha representación dos traballadores e outra da empresa, á que lle corresponden as seguintes competencias:

-Analizar, con carácter previo á súa aprobación pola dirección, sobre o proxecto de accións e contido previstos dentro do programa anual elaborado pola dirección e a súa distribución por grupos profesionais.

-Desenvolve-lo deseño das accións en canto a requisitos, fases, programas básicos de formación, tratamento económico delas, seguimento do programa e das accións e avaliación final do programa.

-Comprobar que o cumprimento das distintas accións se axusta ó acordado polas partes e á programación previa realizada en cada caso.

-Analizar e propor solucións á dirección sobre as cuestións que puideran suscitarse en aplicación ás distintas accións e sobre posibles mellora no desenvolvemento do sistema.

-Realizar propostas encamiñadas a favorece-lo desenvolvemento do sistema.

-Velar pola non discriminación do traballador para o seu acceso ó sistema ou pola súa pertenza a este.

-Distribuí-la dotación económica do programa, atendendo ás accións efectuadas.

Artigo 17º.-Promoción e ascensos.

1. A promoción e ascenso de nivel de cualificación dentro de cada grupo profesional, ou o cambio deste, efectuarase en calquera dos seguintes supostos:

a) Sempre que se alcanzase a retribución correspondente a un nivel superior mediante a suma do soldo base e o correspondente complemento de desenvolvemento profesional, que se destina pola comisión que distribúe o PDP. Neste caso absorberase o complemento de desenvolvemento profesional na parte que proceda para garanti-lo nivel salarial correspondente.

b) Cando a empresa así o aprecie libremente atendendo ás súas necesidades organizativas.

c) Transcorridos 2 anos no nivel de acceso pasarase automaticamente ó nivel xeral. O tempo de suspensión do contrato de traballo non computará para tales efectos.

2. Será de libre criterio da empresa, en función das súas necesidades de organización, a amortización das vacantes que se produzan.

3. Para a cobertura de vacantes considerarase como criterio de selección a posibilidade de mobilidade

funcional con persoal propio ou doutras empresas do grupo, con carácter previo á contratación externa.

Artigo 18º.-Formación.

1. A empresa poderá establecer programas de formación e perfeccionamento, co fin de facilitarlles ós traballadores a súa permanente adecuación profesional ós cambios organizativos e tecnolóxicos e potencia-las súas expectativas de promoción e desenvolvemento. Os traballadores asumen o dereito e deber de colaborar activamente nas accións formativas tanto en calidade de alumnos para a ampliación e perfeccionamento dos propios coñecementos, como de profesores ou monitores para transmitir a outros os xa adquiridos.

A empresa facilitaralles ós representantes dos traballadores información sobre a planificación, programación e desenvolvemento dos distintos programas de formación e perfeccionamento que se realicen.

Esta formación realizarase preferentemente en xornada de traballo sen que a súa posible extensión fose do ámbito de xornada laboral poida considerarse a ningún efecto como prestación efectiva de traballo.

2. As partes asinantes asumen o compromiso de desenvolve-las iniciativas e accións necesarias, e instar conxuntamente dos organismos oficiais a obtención das axudas e subvencións que nesta materia estean establecidas.

Capítulo V

Sistema retributivo

Artigo 19º.-Sistema retributivo.

1. As retribucións do persoal comprendido neste convenio estarán constituídas polo salario, integrado polo soldo base, o complemento de desenvolvemento profesional, e polos complementos funcionais.

Para os efectos de percepción do salario consideraranse tódolos meses de trinta días.

2. As retribucións que se establecen neste convenio e os valores que para cada concepto se fixan están referidos a xornada efectiva e completa de traballo. En consecuencia, o persoal que teña concertado un réxime de traballo a xornada parcial, devengará tales retribucións na proporción que corresponda á xornada que efectivamente realice.

3. Os conceptos integrantes do salario de acordo co establecido no parágrafo 1 deste artigo, teñen carácter consolidable. Non terán tal carácter os complementos funcionais, polo que deixarán de percibirse polos traballadores que os devenguen cando se lles asignen tarefas que non leven aparellada a condición esixida para a súa percepción.

4. Quedan suprimidos todo tipo de complementos de calquera contido e denominación, con excepción dos regulados neste convenio e daqueles pactados individualmente con cada traballador que teñan carácter ad personam ou calquera outro que tivera ese carácter.

5. É de libre facultade da empresa a creación de novos conceptos de complementos, fixos ou variables, e a modificación e anulación dos existentes, con respecto dos límites establecidos na lexislación vixente.

Artigo 20º.-Soldo base.

É a parte do salario constituída pola cantidade anual asignada, dentro da táboa salarial, en relación cos niveis de cualificación funcional e grupos profesionais existentes. O seu valor mensual é o resultado de dividir entre catorce pagamentos de igual importe, doce mensualidades e dúas pagas extraordinarias, o total establecido no anexo I e II para os anos 2000 e 2001 respectivamente.

Artigo 21º.-Complemento de desenvolvemento profesional.

É a parte do salario constituída pola cantidade asignada a cada traballador, atendendo ó seu desempeño efectivo, amplitude de funcións, experiencia e grao de desenvolvemento profesional no exercicio da súa actividade.

O importe deste complemento para cada traballador será absorbido no soldo base, no suposto de cambio de nivel de cualificación funcional do traballador, ou cando a suma do soldo base e complemento de desenvolvemento alcance outro nivel ou escala de acordo coas escalas salariais e niveis referidas nos anexos I e II, neste caso se producirá o ascenso ó dito nivel e escala de forma automática.

O complemento de desenvolvemento profesional percibirase en catorce pagamentos de igual importe, doce mensualidades e dúas pagas extraordinarias.

Artigo 22º.-Gratificacións extraordinarias.

De conformidade co establecido nos artigos 20º e 21º, devengaranse anualmente dúas gratificacións extraordinarias que se percibirán nos meses de xullo e decembro. Por ter cada gratificación extraordinaria cómputo de carácter semestral, o persoal percibiraas proporcionalmente ó tempo traballado respecto a cada unha delas.

Artigo 23º.-Complementos funcionais.

1. Son complementos funcionais de posto de traballo as cantidades que poidan asignarse ós traballadores por razón dos requirimentos específicos das funcións que exerzan ou das circunstancias de tempo ou lugar en que estas deban desenvolverse.

2. Dado o seu carácter funcional, a súa percepción dependerá exclusivamente do exercicio efectivo das funcións para as que están regulados, polo que non teñen carácter consolidable e en consecuencia o dereito ó seu devengo, por día efectivamente traballado, cesará automaticamente para o traballador en canto o deixen de afecta-los requirimentos esixidos ou as circunstancias de tempo, lugar e condición de traballo predeterminadas para o seu devengo.

Artigo 24º.-Retén.

1. Devengará este complemento todo traballador que funcionalmente quede adscrito pola empresa a

este servicio, a súa finalidade fundamental consiste en asegura-la actuación rápida ante situacións de urxencia, accidente ou sinistro que poidan implicar risco na seguridade das persoas e de instalacións propias ou de terceiros, así como para garanti-la continuidade e suficiencia de subministración nos termos esixidos á prestación dun servicio público. Isto implica, para o persoal vinculado á súa prestación, a obrigatoriedade de estar dispoñible e efectivamente localizable e en condicións que aseguren a súa efectiva presencia no menor tempo posible e dentro do prazo que estableza a dirección da empresa.

2. O servicio de retén esténdese desde a finalización da xornada laboral ordinaria do persoal a el adscrito ata o inicio da seguinte, podendo existir entre ámbolos momentos días festivos ou non laborables completos.

3. A situación de retén distribúese por bloques de semana completa ou por días, establecendo a empresa o calendario correspondente por sistema rotacional de asignación individual da condición de titular ou suplente, co fin de que o colectivo de persoal adscrito a este servicio asegure a súa cobertura ante situacións de absentismo de calquera clase.

4. A dirección da empresa regulará as normas de actuación e organización do traballo no servicio de retén e o seu calendario anual correspondente, que estableza as datas e horas de inicio e fin do citado servicio.

5. O complemento por adscrición ó servicio de retén retribúe tanto a dispoñibilidade como a efectiva prestación do traballo, con independencia do tempo que en cada intervención fose necesario e do día e hora da semana en que se realice. Non obstante, se como consecuencia da adscrición a este servicio se producise a efectiva prestación do traballo nun día festivo (domingo ou festa oficial), ou ben a adscrición a este se producise nos días 1 de xaneiro, festividade do Xoves Santo e 25 de decembro, esta compensarase cun día de descanso.

A contía do complemento por adscrición ó servicio de retén establécese en 21.000 pesetas brutas semanais/126,21 euros.

Artigo 25º.-Complemento da prestación pública por incapacidade temporal.

A empresa complementará ós traballadores con contrato vixente, cun ano de antigüidade como mínimo, a prestación pública por incapacidade temporal ata o 90% do seu soldo base e complemento de desenvolvemento profesional, no suposto de que a baixa derive de enfermidade común ou accidente non laboral e ata o 100% se deriva de accidente de traballo, enfermidade profesional, ou incapacidade temporal directamente motivada pola situación de embarazo.

Os traballadores que perciban o complemento, terán obriga de se someteren ó exame médico que

poida establece-la empresa. Se neste se determina que o traballador é apto para o traballo, deixará de percibi-lo complemento.

Artigo 26º.-Pagamento de salarios.

O pagamento dos salarios realizarase o último día hábil de cada mes, mediante transferencia bancaria á conta corrente indicada polo traballador e da que este sexa titular.

Artigo 27º.-Incremento salarial.

Suba do IPC real, máis 0,4 puntos, para os anos 2000 e 2001.

Para o ano 2000, con efectos do 1 de xaneiro do dito ano, e sobre os conceptos que posteriormente se sinalarán, aplicaráselle un incremento do 4%, segundo o IPC real do dito ano, máis 0,4 puntos.

Para o ano 2001, con efectos do 1 de xaneiro do dito ano, e sobre os conceptos que posteriormente se sinalarán, aplicarase un incremento do 2%, igual á previsión do IPC determinada polo Goberno da Nación para o dito ano, máis 0,4 puntos.

Os conceptos afectados polos citados incrementos serán os seguintes:

-Soldo base.

-Complemento de desenvolvemento profesional.

De acordo cos criterios de incremento salarial fixados para os anos 2000 e 2001, respectivamente, defínense as novas táboas salariais que se xuntan como anexo I e II.

Artigo 28º.-Revisión salarial.

A cláusula de revisión, por desviación do IPC real con respecto ó previsto, operará no ano 2001 na forma seguinte:

-Se o IPC real é superior ó previsto, a diferencia terá efectos retroactivos, e modificaranse á alza os valores dos conceptos obxecto de incremento salarial, que servirán de base para os incrementos do exercicio seguinte.

-Se o IPC real é inferior ó previsto, a diferencia non terá efectos retroactivos, e modificaranse á baixa, no 50% da desviación, os valores dos conceptos obxecto de incremento salarial, que servirán de base para os incrementos do exercicio seguinte.

Capítulo VI

Outras disposicións

Artigo 29º.-Bonificación de gas.

Ós empregados en activo que tiveran contratado, na vivenda que constitúa a súa residencia habitual, a subministración de gas con Gas Galicia SDG, S.A., concederáselles un 75% de bonificación da facturación da empresa, sendo por conta do traballador os impostos correspondentes.

Esta bonificación só é aplicable no domicilio particular do empregado e para usos domésticos.

Artigo 30º.-Comisión mixta.

Ámbalas partes negociadoras acordan establecer unha comisión mixta como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia de cumprimento deste convenio.

A comisión mixta está integrada paritariamente por dous representantes dos traballadores e por dous representantes da empresa.

Serán funcións específicas da comisión mixta as seguintes:

a) Interpretación do convenio.

b) Vixilancia do cumprimento do convenio.

c) Establecemento de procedementos para resolve-las discrepancias no seo da propia comisión.

d) Establecemento de procedementos voluntarios de solución de conflictos colectivos.

Artigo 31º.-Acción sindical.

1. Os representantes dos traballadores terán o réxime de garantías, dereitos e deberes que determinen en cada momento as disposicións legais sobre a materia.

2. Os representantes dos traballadores poderán acumular entre eles o crédito de horas que a lexislación lles conceda para efectos sindicais, cun tope máximo do dobre das que persoalmente lles corresponda, computándose por períodos mensuais.

3. As horas necesarias para asistir a reunións por instancia da empresa, así como as reunións previamente concertadas con esta, non serán descontadas do crédito de horas que lles corresponde ós representantes dos traballadores. Así mesmo, os gastos xerados como consecuencia da asistencia a estas reunións, irán a cargo da empresa.

Artigo 32º.-Prevención de riscos laborais.

As partes asinantes deste convenio colectivo, co obxecto de promoveren activamente a protección da saúde dos traballadores, comprométense a desenvolve-las accións necesarias para a aplicación da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e o seu regulamento de desenvolvemento para consegui-lo maior grao de seguridade no desenvolvemento da actividade, mediante a creación dunha comisión mixta constituída para tal efecto.

A acción preventiva desenvolverase baixo o principio de coordinación e colaboración da empresa e os traballadores. Para estes efectos constituirase un único comité de seguridade e saúde, que actuará no ámbito de aplicación deste convenio, como órgano de participación e consulta regular e periódica sobre saúde e seguridade, e que entenderá de tódalas cuestións relacionadas coa política de prevención na empresa. Este comité estará constituído paritariamente por dous delegados de prevención, en repre

sentación dos traballadores e por dous representantes da empresa.

En todo o non previsto nos parágrafos anteriores aplicarase a lexislación xeral en materia de prevención de riscos laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Réxime disciplinario.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa de acordo co réxime disciplinario que se establece no anexo III deste convenio colectivo.

Segunda.-Plan de pensións.

Con efecto 1-1-2001, a empresa promoverá e formalizará un plan de pensións do sistema de emprego, modalidade de plan mixto (achega definida e prestacións de risco), coas seguintes características:

-Achega corrente de aforro ou capitalización para os partícipes en alta no plan de pensións a cargo da empresa promotora: 1,5% anual do salario pensionable do partícipe e dentro dos límites legais.

Para tal efecto, o salario computable estará integrado polos seguintes conceptos: soldo base, pagas extraordinarias e complemento de desenvolvemento profesional.

-Achega corrente complementaria, desde o 1 de xullo de 2001, a cargo dos traballadores-partícipes: 0,50% anual do salario computable.

-Nas condicións que se regulen no Regulamento de especificacións do plan de pensións da empresa, será admisible a diferenciación de achegas do promotor nos casos e circunstancias que a seguir se indican.

En primeiro lugar, será admisible a diferenciación de achegas para os partícipes procedentes doutras empresas do grupo Gas Natural, ós cales se lles respectará, como mínimo, o réxime de achegas de aforro a cargo do promotor que tiveran na empresa de procedencia.

Así mesmo, será admisible o establecemento dunhas achegas mínimas de aforro a cargo do promotor, segundo o nivel retributivo e a clasificación profesional, para o persoal excluído de convenio con salarios computables superiores á cifra que se determine no regulamento do plan.

-Prestacións de risco (falecemento e determinados graos de invalidez): como mínimo, anualidade e media do salario pensionable, que poderá aumentar nunha ou dúas anualidades e media máis en función do feito causante. Para tal efecto subscribirase, dentro do plan de pensións, o seguro correspondente, sendo a prima a cargo da empresa promotora.

Disposición transitoria

Primeira.-Dotación económica por PDP.

Con efecto do 1-1-2001 establécese a dotación inicialmente prevista para os anos 2000 e 2001 por

un importe de 650.000 pesetas/3.906,58 euros e 750.769 pesetas/4.512,21 euros, respectivamente.

Complementariamente, e con igual efecto do 1-1-

2001, efectuarase, con carácter extraordinario, unha

dotación especial de PDP por un importe adicional

de 2.000.000 de pesetas/12.020,24 euros.

En consecuencia, a dotación global por PDP que se aplicará, con efecto do 1-1-2001, será de 3.400.769 pesetas/20.439,03 euros, e será distribuída pola comisión mixta paritaria. En defecto de acordo, no seo da comisión mixta, establécese que cada unha das partes que integran esta comisión, propoña a aplicación do 50% da dotación pendente de distribución.

ANEXO I

Táboa de salario anual 2000

A táboa de soldos base, en valor anual, por grupos profesionais e niveis, é a seguinte:

EscalaNivelGrupo técnicoGrupo administrativo

salarialcualificaciónPesetasEurosPesetasEuros

ASuperior3.436.84820.655,873.436.84820.655,87

B3.333.30620.033,573.333.30620.033,57

DXeral2.800.00016.828,342.800.00016.828,34

E2.480.00014.905,102.480.00014.905,10

F2.222.20413.355,722.222.20413.355,72

G1.944.42911.686,251.944.42911.686,25

2º anoAcceso1.700.00010.217,211.700.00010.217,21

1 ano1.600.0009.616,191.600.0009.616,19

ANEXO II

Táboa de salario anual 2001

A táboa de soldos base, en valor anual, por grupos profesionais e niveis, é a seguinte:

EscalaNivelGrupo técnicoGrupo administrativo

salarialcualificaciónPesetasEurosPesetasEuros

ASuperior3.519.33221.151,613.519.33221.151,61

B3.413.30520.514,383.413.30520.514,38

DXeral2.867.20017.232,222.867.20017.232,22

E2.539.52015.262,822.539.52015.262,82

F2.275.53713.676,252.275.53713.676,25

G1.991.09511.966,721.991.09511.966,72

2º anoAcceso1.740.80010.462,421.740.80010.462,42

1º ano1.638.4009.846,981.638.4009.846,98

Os valores desta táboa determináronse, inicialmente, de conformidade co establecido no artigo 27º do convenio colectivo e axustaranse segundo o regulado no artigo 28º.

ANEXO III

Réxime disciplinario

Artigo 1º.-Réxime disciplinario.

Os traballadores poderán ser sancionados pola empresa de acordo co réxime disciplinario que para a graduación de faltas e sancións se establece nos artigos seguintes.

Artigo 2º.-Graduación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendida a súa importancia, transcendencia e

as circunstancias que cualifiquen a súa conducta, como leve, grave ou moi grave.

Artigo 3º.-Faltas leves.

Cualificaranse como faltas leves as seguintes:

1. A falta de puntualidade na asistencia ó traballo con atraso sobre o horario de entrada superior a cinco e inferior a trinta minutos.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivos xustificados, a non ser que se probe a imposibilidade de efectualo.

3. O abandono sen causa fundada do traballo, aínda cando sexa por breve tempo.

4. Pequenos descoidos na conservación do material de traballo.

5. Falta de aseo e limpeza persoal.

6. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

7. A discusión sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou no desempeño das súas funcións.

8. Faltar inxustificadamente ó traballo un día no período de trinta.

Artigo 4º.-Faltas graves.

Cualificaranse como faltas graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas inxustificadas de puntualidade durante un período de trinta días, ou unha soa cando tivese que substituír a outro traballador.

2. Faltar inxustificadamente dous días ó traballo durante un período de trinta.

3. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia e que poidan afectar á Seguridade Social.

4. Dedicarse a actividades impropias ou alleas ó traballo durante a xornada laboral.

5. A simulación de enfermidade ou accidente en prexuízo da prestación do traballo ou o normal rendemento.

6. A mera desobediencia ós superiores xerárquicos en calquera circunstancia laboral.

7. Simula-la presencia doutro traballador.

8. A neglixencia ou desidia no traballo.

9. A imprudencia no desempeño das súas funcións.

10. Realizar traballos particulares durante a xornada, así como empregar para usos propios ferramentas da empresa.

11. A embriaguez ou drogadicción en xornada de traballo, e aínda fóra desta se se incorrese nisto vestindo uniforme da empresa.

12. O abandono sen causa fundada do posto de traballo cando e como consecuencia deste se cause prexuízo á empresa ou dano a outros compañeiros.

13. Non atender ó público coa corrección debida.

14. A reincidencia en falta leve (excluída a de puntualidade), aínda que sexa de distinta natureza e mediase amoestación escrita.

Artigo 5º.-Faltas moi graves.

Cualificarase como faltas moi graves as seguintes:

1. Máis de dez faltas de puntualidade inxustificadas na asistencia ó traballo, cometidas no período de seis meses, ou vinte durante un ano.

2. A desobediencia ós superiores xerárquicos que implique quebranto manifesto da disciplina ou cando dela se derivase prexuízo notorio para a empresa.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, e o furto ou roubo á empresa, traballadores ou terceiros dentro das dependencias da empresa ou no desempeño das súas funcións en calquera lugar.

4. O delicto de furto, ou complicidade nel, de gas ou subproductos.

5. Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar deterioracións a primeiras materias, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, utensilios ou documentos da empresa.

6. A imprudencia no desempeño das funcións que implique risco de accidente para el mesmo ou outros traballadores ou terceiras persoas, ou perigo de avaría en instalacións da empresa ou de terceiros alleos a ela.

7. A condena por delicto de roubo, furto ou malversación cometidos fóra da empresa, ou por calquera outra clase de feitos que poidan implicar desconfianza para o seu autor. En todo caso as de duración superior a seis anos dictadas polos tribunais de xustiza como sentencia firme.

8. A habitual e continuada falta de aseo e limpeza.

9. A embriaguez ou drogadicción que implique prexuízo grave no rendemento do traballo.

10. Viola-lo segredo de correspondencia ou documentos reservados da empresa.

11. O uso en beneficio propio ou alleo da información á que teña acceso ou coñeza por causa ou con ocasión da súa relación laboral coa empresa.

12. A divulgación de información confidencial ou propia da empresa, dos seus clientes ou provedores, que coñeza por razón ou con ocasión das funcións desempeñadas.

13. Dedicarse particularmente a traballo ou negocio relacionado directa ou indirectamente cos fins industriais e comerciais da empresa, e recibir beneficios ou gratificacións dos clientes ou aboados por traballos realizados no desempeño das súas funcións.

14. Os malos tratos de palabra ou de obra, abuso de autoridade, ou falta grave de respecto e consideración a outros compañeiros e ós seus familiares directos.

15. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusables.

16. Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

17. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.

18. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dun período de seis meses da primeira.

Artigo 6º.-Sancións.

1. Atendida a maior ou menor gravidade da falta e as circunstancias concorrentes en cada caso, as sancións que a seguir se citan poderán imporse discrecionalmente de acordo coa cualificación que corresponda a ela.

2. Sancións por falta leve.

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata dos días.

3. Sancións por falta grave.

-Suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

4. Sancións por falta moi grave.

-Suspensión de emprego e soldo de vinte a sesenta días.

-Inhabilitación por un período non superior a cinco anos para ascender de categoría.

-Traslado forzoso ou cambio de centro de traballo a localidade distinta sen dereito a ningunha indemnización ou compensación.

-Despedimento con perda de tódolos dereitos na empresa.

Artigo 7º.-Prescrición das faltas.

A prescrición das faltas laborais, computada en todo caso a partir da data en que a dirección da empresa tivo coñecemento da súa comisión, producirase dentro dos seguintes prazos:

Graduación da faltaPrazo de prescrición

Leve10 días

Grave20 días

Moi grave60 días

En todo caso as faltas laborais prescribirán ós seis meses de se cometer.