Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 27 de xuño de 2001 Páx. 8.685

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO.

Por acordo da Comisión Municipal de Goberno do 28 de maio de 2001, aprobouse a seguinte convocatoria e bases de selección para a contratación laboral temporal dun director técnico encargado da elaboración, seguimento e implantación dun proxecto de xestión museístico para o Museo Municipal de Arte Contemporáneo.

Obxecto da convocatoria.

O obxecto da presente convocatoria constitúeo a selección dun técnico superior encargado da elaboración dun proxecto de xestión, organizativo e funcional para a implantación do Museo Municipal de Arte Contemporánea, así como o asesoramento, dirección, coordinación e supervisión técnica necesarias para a correcta posta en funcionamento e operatividade do referido proxecto museístico.

A duración do contrato será dun ano, prorrogable excepcionalmente ata un máximo de dous.

Durante ese tempo, deberá estar perfectamente elaborado o proxecto de implantación museística, que conterá, como mínimo, as seguintes determinacións:

-Memoria.

-Estudio sobre as distintas fórmulas de ordenación da actividade museística no ámbito da producción, exhibición e investigación das artes e culturas contemporáneas e, particularmente, a súa relación co territorio de alcance metropolitano, con Galicia e coa eurorrexión.

-Estudio de viabilidade e análise comparativa das posibles formas de xestión propostas para a implantación do museo.

-Estudio económico financeiro para a implantación do proxecto, segundo os distintos modelos de xestión propostos.

-Programa de implantación do proxecto por etapas, segundo as distintas formas de xestión.

-Programa de necesidades.

-Estudio organizativo e funcional dos recursos humanos necesarios para a implantación do proxecto museístico.

-Estudio técnico onde se configuren e deseñen os distintos espacios expositivos do museo, con especificación das distintas condicións técnicas de luminosidade, climatización, seguridade, etc., que precisen os ditos espacios expositivos.

-Estudio sobre as distintas fórmulas de financiamento e captación de recursos económicos externos para o desenvolvemento do proxecto.

-Estudio para a incorporación ás redes internacionais de arte e avaliación dos requirimentos do

centro para o cumprimento dos ryder internacionais de producción artística.

A elaboración do proxecto implicará asemade o asesoramento técnico e supervisión dos traballos de habilitación necesarios para a implantación do proxecto museístico, así como de todas aquelas materias que constitúan o obxecto do proxecto.

Publicidade da convocatoria.

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello. O anuncio da convocatoria incluirase asemade nun xornal de ámbito nacional.

Condicións dos aspirantes.

a) Ser español/a.

Os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea poderán acceder en idénticas condicións ás dos españois a aqueles sectores da función pública ós que, segundo o dereito comunitario, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade e non exceder de 55.

c) Ser licenciado universitario, arquitecto superior ou enxeñeiro superior.

No caso de equivalencia ou homologación deberá xustificarse con certificado expedido polo organismo competente para establecelas.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desenvolvemento das funcións do posto, sen prexuízo de que sexan admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

Para resolver, os tribunais poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos competentes da Administración laboral ou sanitaria da Xunta de Galicia.

e) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, Comunidade Autónoma ou Administración local, nin atoparse inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas.

f) Non atoparse incurso/a en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente.

Tódolos requisitos anteriores deberán terse no momento de remata-lo prazo de admisión de solicitudes e conservarse, cando menos, ata a data do nomeamento.

Forma de presentación da documentación que se deberá achegar para a fase de concurso.

Os aspirantes deberán presenar, xunto coa solicitude e, en todo caso, antes da finalización do prazo de presentación de instancias, a documentación acreditativa dos méritos que lles interese valorar segundo o baremo establecido nestas bases, a través de orixinal ou copia compulsada.

A comisión de selección poderá solicitar que se complete ou aclare a documentación presentada para xustifica-los méritos alegados, pero non pedir nova documentación para acreditar méritos soamente alegados.

Presentación de solicitudes.

As instancias dirixiranse ó alcalde-presidente do Concello de Vigo, e presentaranse no rexistro xeral no prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte a aquel no que apareza o anuncio das presentes bases no Diario Oficial de Galicia.

As instancias tamén poderán presentarse nas demais formas que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Nas instancias deberán indicarse preceptivamente os seguintes extremos:

-Nome, apelidos, DNI, teléfono de contacto e enderezo do aspirante.

-Relación de tódolos documentos que se achegan xunto coa instancia.

-Identificación da convocatoria, con indicación do DOG na que foi publicada.

Ademais, deberá incorporarse coa instancia copia cotexada ou orixinais de tódolos documentos que se presentan xunto a ela.

En todo caso, achegaranse xunto coa instancia os seguintes documentos:

-Unha copia cotexada por ámbolos dous lados do documento nacional de identidade.

-Unha copia cotexada por ámbolos dous lados do título universitario esixido para participar na convocatoria.

-Certificado médico no que se acredite non padecer enfermidade ou defecto psicofísico que inhabilite o candidato para este traballo.

-Declaración xurada de reunir todos e cada un dos requisitos de admisión previdos nestas bases.

-Unha copia cotexada ou orixinal de tódolos documentos que se citan na instancia.

Admisión.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía dictará resolución na que aprobará a lista de aspirantes admitidos/as e excluídos/as cos motivos da exclusión, así como a designación das persoas que integran a comisión de selección, e, de se-lo caso, dos seus suplentes.

A resolución publicarase no taboleiro de edictos da corporación, concedéndose un prazo de 10 días, a partir do seguinte ó da publicación, para a corrección por parte de quen fose excluído/a, dos defectos a que alude o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e a abstención e recusación dos membros dos tribunais. A publicación da dita resolución será determinante, así mesmo, para efectos de posibles impugnacións e recursos, de conformidade co previsto na invocada lei.

A resolución das solicitudes de abstensión ou recusación será publicada así mesmo no propio taboleiro de edictos da corporación, nun prazo máximo dun mes a partir da finalización do prazo de reclamacións.

Comisión de selección.

Estará integrada polos seguintes membros, con voz e voto:

Presidente: o concelleiro de Cultura ou persoa en quen delegue.

Secretario: o secretario xeral do concello ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-A interventora municipal ou persoa en quen delegue.

-Unha persoa de recoñecido prestixio con experiencia directiva en centros de artes contemporánea, nomeada pola Comisión Municipal de Goberno e por proposta do concelleiro de Cultura.

-Outro especialista en arte contemporánea de recoñecido prestixio, nomeado pola Comisión Municipal de Goberno entre aquela terna que propoña a Asociación Galega de Artistas Visuais (AGAV).

A comisión de selección quedará integrada, igualmente, polos respectivos/as suplentes, que serán designados/as xunto cos/as titulares.

Tódolos membros da comisión de selección deberán contar con titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza, agás o presidente.

Así mesmo, o presidente da comisión autorizará a asistencia ás sesións dun asesor/a, con voz e sen voto, cando así se requira para a adecuada cualificación dos exercicios de coñecemento de idiomas oficiais da Unión Europea. Tódalas actuacións da comisión de selección se publicarán no taboleiro de edictos da corporación.

Comezo dos exercicios.

O comezo dos exercicios anunciarase con 10 días hábiles de antelación no taboleiro de anuncios da corporación.

Os exercicios e probas practicaranse en chamamento único.

Comezarase pola fase de concurso, reuníndose a comisión seleccionadora coa antelación necesaria para que se cumpra a data dos exercicios e probas.

A cualificación da fase de concurso e dos exercicios da oposición, así como a relación dos aspirantes por orde de puntuación, publicaranse no taboleiro de edictos e no de anuncios do lugar onde se realicen.

Sistema de selección.

Establécese o concurso-oposición.

1. Fase de concurso.

Para a cualificación da fase de concurso rexerá o seguinte baremo de méritos:

a) Coñecemento e experiencia profesional de carácter directivo nas redes internacionais de arte contemporánea:

Valorarase con 0,20 puntos por ano, ata un máximo de 5 puntos. Deberase acreditar que corresponden a funcións relacionadas co posto, e acreditaranse con certificación de servicios prestados expedida polo organismo oficial no que se presentaron; ou con contrato de traballo inscrito no Inem e certificación da Seguridade Social se os servicios se prestaron en empresas privadas, nos que se poida comprobar que as funcións ou tarefas realizadas se corresponden coas do obxecto do contrato.

Non será obxecto de valoración o desempeño daqueles traballos que, aínda que versen sobre a arte contemporánea, non impliquen o exercicio de funcións de máxima responsabilidade ou dirección.

b) Pola participación en cursos, másters ou seminarios relacionados directamente coa arte contemporánea:

b.1. Se foron impartidos pola universidade, pública ou privada.

Por cada curso de 60 horas de duración ou, no seu defecto, 10 xornadas como mínimo: 0,60 puntos.

Por cada curso entre 30 e 59 horas de duración ou, no seu defecto, de 5 a 9 xornadas: 0,40 puntos.

Por cada curso entre 10 e 29 horas de duración ou, no seu defecto, entre 2 e 4 xornadas: 0,20 puntos.

Por cada curso no que non se especifique a duración: 0,10 puntos.

b.2. Se foron impartidos por outros organismos de carácter oficial: 0,25 puntos por cada un, sempre e cando se acredite que a súa duración foi superior ás 60 horas, non puntuándose o resto.

A puntuación máxima por este epígrafe non excederá de 2 puntos.

c) Por posuír unha ou mais titulacións universitarias superiores, ademais da esixida para participar na convocatoria: 2 puntos.

d) Por estar en posesión do doutoramento universitario: 2 puntos.

e) Por estar en posesión dos cursos oficiais de iniciación e perfeccionamento ó galego: 0,25 puntos por cada un.

2. Fase de oposición.

A fase de oposición constará de catro exercicios:

1º Exame de carácter práctico, que se realizará por escrito, relacionado co obxecto do contrato e que se puntuará ata un máximo de dez puntos, debendo o aspirante obter un mínimo de cinco puntos para entender superada a proba. En caso contrario quedará eliminado.

O tribunal acordará a lectura dos exercicios polos/as aspirantes unha vez finalizada a súa realización, sempre en sesión pública.

2º Exame de coñecemento de dous idiomas da Unión Europea, con exclusión das linguas oficiais do territorio nacional, e que poderá realizarse de forma oral ou por escrito, e que se puntuará de cero a tres puntos.

Para a realización da proba de coñecemento de idiomas da Unión Europea, deberá indicarse na propia instancia os idiomas dos que solicita examinarse o/a aspirante. Caso de non indicarse esta preferencia, o exame referirase á lingua francesa e inglesa.

3º Entrevista persoal, e que terá por obxecto valora-lo nivel de asimilación dos méritos acreditados polo aspirante, a súa iniciativa e capacidade de desenvolvemento na materia obecto da contratación. Valorarase ata un máximo de 3 puntos.

A puntuación de cada aspirantes nos diferentes exercicios da fase de oposición será a media aritmética das cualificacións de tódolos membros do tribunal asistentes á sesión.

Será proposto para o traballo o candidato que obteña maior puntuación, sumando as cualificacións obtidas na fase de concurso e máis na oposición.

No caso de empate, o desempate resolverase a favor do/a aspirante con maior puntuación na fase de oposición; de persisti-lo empate polo que obtivese maior puntuación polo epígrafe de coñecementos ou experiencia profesional; se seguira persistindo o empate, a/o de maior idade.

Naqueles exercicios en que sexa preciso establecer unha orde de actuación dos/as aspirantes, o tribunal, antes do primeiro exercicio da oposición, establecerá a intervención destes consonte a orde alfabética dos seus apelidos.

Achega dos documentos.

As/os aspirantes, para tomar parte nas probas, deberán achegar xunto coa súa instancia, copia cotexada ou orixinais de tódolos documentos acreditativos dos méritos alegados así como dos requisitos de titulación que xustifiquen a súa participación na convocatoria.

Non se valorará ningún méritos que non fose presentado dentro do prazo de presentación de instancias.

Contratación.

Unha vez aprobada a proposta polo órgano competente, notificaráselle ó interesado para que subscriba o contrato laboral no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación do acordo. A falta de suscrición do contrato supón a perda do dereito á súa contratación.

A comisión de selección poderá, neste caso, propoñe-lo segundo candidato.

No contrato poderá establecerse un período de proba de dous meses.

O contrato laboral terá carácter temporal e formalizarase baixo a modalidade de obra ou servicio determinado, e implica expresamente a dedicación exclusiva para a prestación dos seus servicios nesta administración.

Coa sinatura do contrato farase consta-la manifestación do/a interesado/a de non estar desempeñando ningún posto ou actividade no sector público e que non realiza actividade privada incompatible ou suxeita a recoñecemento de compatibilidade, así como non atoparse percibindo pensión de xubilación, retiro ou orfandade, por dereitos pasivos ou por calquera réxime da Seguridade Social, público e obrigatorio.

A xornada de traballo será de 37,5 horas semanais, a tempo completo.

O salario bruto establécese en 9.000.000 de pesetas anuais.

No referido salario inclúense rateadas dúas pagas extraordinarias.

Incidencias.

As convocatorias e as súas bases e cantos actos administrativos deriven destas e da actuación da comisión de selección poderán ser impugnadas polas e polos interesados nos casos, termos e forma que prevé a Lei de procedemento administrativo.

O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde de selección.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG, ou potestativamente recurso administrativo de reposición no prazo dun mes, contado desde a mesma data.

Contra a desestimación expresa do recurso de reposición poderá deducirse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde a data de notificación da correspondente resolución. Contra a desestimación presunta do recurso de reposición, que se entenderá producida no prazo dun mes contado desde a súa interposición sen recaer resolución expresa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de seis meses contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda producida a desestimación presunta.

Vigo, 1 de xuño de 2001.

Lois Pérez Castrillo

Alcalde-presidente