Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 27 de xuño de 2001 Páx. 8.633

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xuño de 2001 pola que se convocan axudas para as corporacións locais que sexan titulares de escolas-fogar e se regula a súa concesión no presente exercicio económico.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, establece no seu artigo 11

o dereito de tódolos españois a recibiren unha educación básica e accederen a niveis superiores de educación.

Nesta liña, a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que a política educativa reforzará a acción do sistema educativo coa finalidade de evita-las desigualdades derivadas dos factores sociais, económicos, culturais, xeográficos, étnicos ou doutra índole.

Pola súa parte, o Decreto 2240/1965, do 7 de xullo, regulou a creación das escolas-fogar como centros destinados á educación en réxime de internado de nenos residentes en zonas de poboación ultradiseminada, tendo como finalidade a de conseguir unha maior igualdade de oportunidades no ensino.

De acordo coa lexislación das corporacións locais, os concellos teñen entre as súas finalidades a de contribuír e cooperar á mellora educativa e cultural. Neste contexto, determinados concellos son titulares de escolas-fogar, polo que se estima necesario que a Administración educativa conceda axudas económicas ás ditas corporacións coa finalidade de contribuír ó seu funcionamento e á mellora dos servicios que veñen prestando.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade convocar axudas económicas para as corporacións locais que sexan titulares de escolas-fogar no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e regula-lo seu procedemento e condicións de outorgamento no presente exercicio económico.

Segundo.-Importe.

Estas axudas serán con cargo á partida orzamentaria 07.03.323A.460.0, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, e non superarán o importe de 4.200.000 pesetas.

Terceiro.-Solicitudes, prazos e documentación.

1. As solicitudes serán presentadas polos representantes das corporacións locais nas delegacións provinciais de Educación e Ordenación Universitaria e irán dirixidas ó director xeral de Centros e Inspección Educativa, segundo o modelo de instancia que figura como anexo desta orde, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de instancias é dun mes, contado a partir da entrada en vigor desta orde.

3. Ás solicitudes xuntaráselle-la seguinte documentación:

A) Memoria das características demográficas, socioeconómicas e xeográficas do contorno.

B) Exposición razoada dos motivos xeradores da necesidade da axuda e actividades para as que se solicita.

C) Número de alumnos residentes internos na escola-fogar, separados por niveis e sinalando o número e núcleos de poboación de procedencia así como

a situación con respecto ós centros educativos máis próximos. Estes datos referiranse ó curso escolar 1999-2000.

D) Fotocopia do CIF.

E) Certificación bancaria (orixinal) a nome do solicitante, na que conste a c/c na que se ingresará o importe da axuda, se é o caso.

F) Declaración de que reciben, ou non, axudas doutras entidades para o mesmo fin.

Cuarto.-Informe.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria verificarán que as solicitudes achegan a documentación esixida, solicitarán informe da Inspección de Educación e remitirán as solicitudes acompañadas do dito informe á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Quinto.-Selección.

1. Rematado o prazo de solicitudes, a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa avaliará as solicitudes e efectuará a correspondente proposta de concesión de axudas e procederá a dar vista do expediente ós solicitantes, no prazo de dez días naturais, para que poidan alega-lo que estimen procedente no seu dereito.

2. A selección será realizada por unha comisión de avaliación composta polos seguintes membros:

-Presidente: o director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue.

-Vocais: o subdirector xeral de Centros. Un inspector/a-xefe da Inspección Educativa. O xefe do Servicio de Centros. O xefe do Servicio de Xestión de Programas Educativos.

-Secretario: un funcionario designado pola dirección xeral, con voz pero sen voto.

3. Os criterios prioritarios para a concesión das axudas que se terán en conta son os seguintes:

-Atención ós concellos de menos poboación.

-Distancia do domicilio do alumnado ó centro educativo máis próximo.

-Atención ó maior número de residentes na escola-fogar.

-Número de alumnos procedentes doutros concellos.

-Existencia doutros centros semellantes no contorno.

-Zona de influencia.

Sexto.-Resolución da convocatoria.

A resolución que proceda por parte do conselleiro será publicada no Diario Oficial de Galicia. No caso de resultar denegatoria será motivada e notificaráselles ós interesados nun prazo máximo de cinco meses, contados a partir da publicación desta convocatoria. Contra esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción

contencioso-administrativa competente no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de cinco meses a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria.

Sétimo.-Pagamento e xustificación.

As subvencións estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufraga-los gastos de carácter fixo e recorrente que figuren no documento especificado no punto terceiro.3.B)

O pagamento realizarase de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

En todo caso, o beneficiario presentará antes do 15 de outubro de 2001 a xustificación completa.

Para que se poida dar curso ós libramentos, os solicitantes deberán achegar certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Ademais, de acordo co artigo 15.4º do mencionado Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior as axudas e subvencións financiadas con cargo a fondos do Feoga-Garantía.

A xustificación deberase facer sobre o investimento total, e de non producirse este, minorarase a subvención na mesma proporción.

As xustificacións referidas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, SubDirección Xeral de Centros, Servicio de Xestión de Programas Educativos, rúa San Lázaro, nº 107, 15771 Santiago de Compostela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria