Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 27 de xuño de 2001 Páx. 8.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de maio de 2001 pola que se modifica para o curso 2001-2002 o horario semanal da educación secundaria obrigatoria derivado da Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación desa etapa.

En cumprimento do Real decreto 1007/1991, do 14 de xuño, modificado polo Real decreto 894/1995, do 2 de xuño, que fixou as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria, a Orde do 19 de xuño de 1996 estableceu para a

Comunidade Autónoma de Galicia o horario semanal para cada un dos cursos desa etapa.

Este real decreto foi recentemente modificado polo Real decreto 3473/2000, do 29 de decembro, que determina no seu anexo II o novo horario escolar correspondente ás ensinanzas mínimas para a educación secundaria obrigatoria e na disposición transitoria única o calendario de implantación das modificacións. En particular, no curso 2001-2002 serán de aplicación os novos horarios escolares correspondentes ás ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria e que só difiren dos precedentes no primeiro ciclo.

Cómpre, polo tanto, fixa-las correspondentes modificacións para o curso 2001-2002 do horario escolar da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, e no uso das competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Artigo único.-No curso 2001-2002, os centros educativos engadirán ós seus horarios lectivos semanais, elaborados conforme a Orde do 19 de xuño de 1996, no primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria os períodos semanais que se relacionan a continuación:

a) En primeiro curso, un período semanal na área de lingua galega e literatura, que se destinará á realización de actividades de lectura dirixida.

b) En segundo curso, un período semanal na área de lingua castelá e literatura, que se destinará á realización de actividades de lectura dirixida.

c) En primeiro e segundo curso, un período semanal na área de matemáticas.

Como consecuencia destas modificacións, o número total de períodos semanais en primeiro e segundo curso de educación secundaria obrigatoria será de 32.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional, de Centros e Inspección Educativa e de Persoal para dicta-las normas que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria