Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 26 de xuño de 2001 Páx. 8.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cáritas Diocesana de Santiago-Interparroquial da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Cáritas Diocesana de Santiago-Interparroquial da Coruña (código convenio nº 1503842) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5-4-2001 e completado o 3-5-2001, suscrito en representación da parte económica pola empresa, e pola parte social, polo comité de empresa o día 21-3-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 10 de maio de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela-Interparroquial da Coruña

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo afecta a tódalas dependencias e servicios existentes na actualidade ou que se puideran crear no futuro no ámbito territorial de Cáritas Interparroquial da Coruña.

Artigo 2º.--Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo regula as relacións laborais entre Cáritas Interparroquial da Coruña e o persoal que presta os seus servicios nos centros de traballo dependentes da dita entidade.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O presente convenio é de aplicación a tódolos traballadores, sexa cal sexa a súa modalidade de contratación e que realicen as súas funcións nos centros e servicios dependentes de Cáritas Interparroquial.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no BOP, e terá duración desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2002, retrotraéndose os efectos económicos ó 1 de xaneiro de 2001.

Artigo 5º.-Denuncia.

A denuncia do presente convenio efectuarase por escrito, que presentará a parte denunciante á outra parte, cunha antelación mínima de dous meses previa ó termo da vixencia del.

En caso de non efectuarse a denuncia en tempo e forma, entenderase automáticamente prorrogado o convenio por prazos anuais. Neste caso, tódolos conceptos económicos se incrementarán tendo en conta o incremento do índice de prezos ó consumo, previsto para o ano seguinte.

Artigo 6º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as condicións económicas e sociais que sexan máis beneficiosas para os traballadores e que viñeran desfrutando á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Capítulo II

Da organización e réxime de traballo

Artigo 8º.-Norma xeral.

A organización técnica do traballo corresponde á comisión permanente da institución, quen poderá establecer cantos sistemas de organización, racionalización e modernización considere oportunos, así como calquera estructuración das seccións, departamentos e centros de traballo, podendo move-lo seu

persoal dentro destes sempre que se realice de conformidade coas disposicións legais vixentes sobre a materia. O traballador está obrigado a realiza-lo traballo convido baixo a dirección da entidade ou persoa en quen esta delegue.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 9º.-Disposicións xerais.

As clasificacións de persoal consignadas neste convenio son meramente enunciativas, o cal non supón a obriga de ter cubertas tódalas prazas relacionadas.

Así mesmo, os distintos cometidos asignados a cada categoría son simplemente informativos, pois todo traballador está obrigado a executar cantos traballos e operacións lles ordenen os superiores, dentro do xeral cometido propio da súa competencia profesional, ou cando por competencias excepcionais e de urxencia, sexa necesaria a súa colaboración persoal.

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

Todo o persoal laboral que preste os seus servicios nos centros pertencentes a Cáritas Interparroquial da Coruña clasificarase, en atención á capacitación para a función que desenvolvan, nos seguintes grupos profesionais:

A. Titulados superiores.

B. Titulados medios.

C. Persoal técnico administrativo.

D. Profesionais de oficio.

E. Persoal subalterno e persoal non cualificado.

Artigo 11º.-Traballos de superior e inferior categoría.

Cando un traballador realice tarefas correspondentes a unha categoría superior, pero non proceda legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito a percibi-la diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Cando o traballador de inferior categoría realice funcións de categoría superiores ás que lle corresponden, de forma permanente e estable, e por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, pode reclamar ante a dirección da entidade ou organismo competente a categoría profesional adecuada.

A realización de traballos de categoría superior e inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

O traballador só poderá realizar traballos de categoría inmediatamente inferior á súa durante un período non superior a 30 días consecutivos. Transcorrido o tempo citado, o traballador non poderá volver ocupar un posto de categoría inferior ata que transcorra un ano.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 12º.-Xornada de traballo.

As horas de traballo efectivo, unha vez descontados os días festivos e vacacións, quedan reducidas a 1.816 horas anuais para o 2001. Do 1 de xullo ó 31 de agosto establécese unha xornada intensiva para as oficinas dos servicios centrais e técnicos.

Artigo 13º.-Horarios e quendas.

A empresa, dentro das súas facultades organizativas e respectando sempre o número de horas laborais efectivas de traballo do ano, logo de conformidade do comité de empresa, encargarase de establecer os horarios de inicio e fin da xornada de traballo de cada persoa, así como a organización das distintas quendas de traballo nos casos en que se realice a tarefa baixo a modalidade de traballo a quendas, publicándose os horarios e quendas antes do día primeiro de xaneiro de cada ano. Calquera modificación destes horarios deberalle ser comunicada ó comité para a súa previa conformidade.

A empresa poderá establecer un sistema de control de asistencia, sen que o tempo reflectido no rexistro de asistencia signifique, por si só, horas efectivas de traballo.

Na modalidade de traballo a quendas, ningún traballador poderá abandona-lo seu posto de traballo, unha vez finalizada a súa xornada laboral, ata que non chegue o relevo correspondente.

O calendario laboral establecerase anualmente pola entidade, comunicándollelo ós representantes dos traballadores, e debendo estar exposto o correspondente a cada centro de traballo á vista de tódolos traballadores del, co fin de que cada un coñeza a súa xornada laboral, que só poderá ser modificada por causas de forza maior.

Artigo 14º.-Vacacións.

1. Duración.

As vacacións anuais serán de 30 días naturais, desfrutados de forma continuada ou en dúas tandas de 15 días a petición do traballador segundo as necesidades do servicio, equivalentes durante a vixencia deste convenio a 21 día laborais do calendario de traballo de cada posto, desfrutado durante os meses de xaneiro a decembro.

Para os traballadores de axuda a domicilio, as quendas rotativas serán de abril a decembro, para as de Meu Lar de abril a setembro.

2. Organización e calendario.

O calendario de vacacións quedará elaborado antes do 28 de febreiro de cada ano, seguíndose na elección da quenda de vacacións un sistema rotativo, tendo preferencia de elección, o primeiro ano, entre os traballadores que compoñan cada grupo según a súa antigüidade na empresa, tomando como referencia inicial a data de desfrute do ano 2000.

3. Obrigatoriedade e retribución.

As vacacións han de desfrutarse durante o ano natural, non sendo posible acumulalas a anos seguintes nin ser compensables economicamente salvo os casos de liquidación por finiquito. Por iso, calquera que fora a causa, o non desfrute durante o ano natural supón a perda delas ou da fracción pendente de desfrute.

A retribución deste período será o importe resultante de acha-la media dos meses transcorridos do ano natural e ata un máximo de seis meses, tomándose para o dito cómputo o salario base, a antigüidade e o complemento por penosidade.

4. Enfermidade.

Se durante o desfrute das vacacións o traballador se encontrara en situación de IT, estas non se interrompen nin son conmutables por novos períodos.

Artigo 15º.-Permisos e licencias.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, poderán ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais por falecemento de familiares ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade; se nestes casos o traballador fora o que levara os trámites legais correspondentes ante a autoridade, por falta doutros parentes de grao próximo, e os días a que ten dereito foran festivos, estes ampliaranse nun día laborable.

c) Os citados días de permiso por falecemento ampliaranse a 6 días naturais no caso de que o traballador necesitase realizar un desprazamento superior 300 km.

Medio día para acudir ó enterro de familiares de 3º e 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Polo nacemento dun fillo ou adopción, o traballador, cónxuxe ou convivente terá dereito a 3 días naturais de permiso, consecutivos ou non, dos que polo menos dous han de ser laborables e comprendidos no período de 15 días a partir da data do nacemento ou chegada do adoptado ó fogar; cando o traballador necesite desprazarse fóra da localidade, o dito permiso ampliaráselle a 5 días naturais.

e) 4 días naturais no caso de enfermidade grave ou ingreso en centro sanitario ou internamento indefinido de parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade. Se o traballador tivera que desprazarse máis de 300 km, o dito permiso ampliarase nun día.

f) Polo tempo necesario para asisti-lo traballador ou acompaña-los seus fillos ou esposos e os pais á consulta médica cando non fora posible acudir fóra das horas de traballo, comunicándoo previamente e con xustificación.

g) 1 día por traslado de domicilio habitual.

h) Polo tempo necesario para o cumprimento de deberes inescusables de carácter público e persoal, xustificándoo adecuadamente.

i) Polo tempo necesario para atende-los danos producidos por catástrofes nos bens inmobles que constitúan a vivenda habitual do traballador, con xustificación.

j) Para realizar funcións sindicais ou de representación de persoal, nos termos establecidos legalmente, e neste convenio.

k) Para realizar exames, cando curse con regularidade estudios para a consecución de títulos oficiais, académicos ou profesionais, o traballador terá dereito ó correspondente permiso, que comprenderá un día por exame, que se ampliará un día máis se se precisa para traslados a outra poboación situada a máis de 300 km.

l) Un día de permiso polo matrimonio dun familiar ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade, aumentando un día máis cando sexa preciso desprazarse a máis de 300 km.

m) 1 día de permiso en caso de separación ou divorcio.

n) Ata 5 días no ano, sen retribuír, solicitándoo cunha antelación de dous días laborais a xustificar por unha necesidade, que serán concedidos sempre que as necesidades do servicio o permitan.

ñ) Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou a un diminuído físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe outra actividade retribibuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre polo menos un tercio e un máximo da metade da duración daquela. (Art. 37.5º da Lei 39/1999).

o) As tardes dos días 24 e 31 de decembro serán consideradas como festivas. Ós traballadores que polas peculiaridades do seu traballo non as poidan desfrutar aboaránselles como festivas.

Artigo 16º.-Curso de formación.

Os cursos de formación e promoción do persoal, organizados ou propostos pola institución, realízanse preferentemente durante o horario laboral, sempre e cando nos ditos horarios non se prexudique o labor que hai que realizar na xornada ordinaria de traballo. En todo caso, computarase a asistencia como horas traballadas.

Terán preferencia para a asistencia ós cursos os traballadores que estean desempeñando labores directamente relacionados coa materia obxecto do curso, e dentro destes aqueles que participaran en menor número de cursos. As decisións ó respecto adoptaranse por acordo entre a institución e os representantes designados polo comité de empresa.

Artigo 17º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa, nos termos contidos nos puntos seguintes:

1. Excedencia forzosa.

Serán causa dela:

a) A designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

b) Pola prestación do servicio militar ou prestación social substitutoria, e polo tempo da súa duración.

c) Polo exercicio de funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, e sempre que a central sindical á que pertenza o traballador teña no sector a representatividade que estipula a lei.

d) Por calquera outra causa que legalmente se estableza.

O traballador que desfrute de excedencia forzosa ten dereito a reserva do posto de traballo e cómputo da antigüidade, e durante todo o tempo en que permaneza nesta situación.

Desaparecida a causa que motivou a excedencia, o traballador deberá solicita-la incorporación á institución no prazo de 30 días naturais desde que se produza tal circunstancia, debendo reincorporarse á súa tarefa no prazo máximo de 7 días contados desde a súa solicitude de reincorporación. De non facelo así, perderá todo o dereito á reserva do posto de traballo e demais características propias da excedencia forzosa.

2. Excedencia voluntaria.

Concederase ó traballador, logo de petición por escrito con 30 días de antelación, que teña polo menos un ano de antigüidade na institución, e ó que non lle fora concedida outra excedencia voluntaria durante os catro anos anteriores.

O permiso de excedencia voluntaria concederase por un mínimo dun ano con reserva de posto de traballo. Poderá ser prorrogable ata cinco anos, con preferencia ó reingreso, neste caso, no posto de traballo que desempeñase, sempre que este non fora cuberto por outro traballador, podendo en caso contrario optar entre o reingreso nun posto de traballo de igual categoría e funcións similares, se o houbera dispoñible, ou esperar a que se produza unha vacante no posto que desempeñaba con anterioridade a solicita-la excedencia.

Durante o tempo de excedencia voluntaria non se computará a antigüidade.

A reincorporación ó posto de traballo, unha vez finalizado o período de excedencia e conforme ó expresado no parágrafo 2º do presente artigo, deberá realizarse ó día seguinte da súa finalización.

Se a concesión da excedencia voluntaria fora motivada polo desfrute dunha bolsa, viaxe de estudios ou participación en cursos de perfeccionamento propios da especialidade do traballador, e non excedese dun ano, computaráselle a antigüidade durante o

dito período e terá dereito a reincorporarse ó posto de traballo no que viñera desempeñando o seu labor, ó que deberá reintegrarse no prazo máximo de 7 días desde a finalización da causa que motivou a solicitude de excedencia. Para a concesión neste caso, e aplicación dos beneficios correspondentes, o traballador haberá de xustificar previamente o motivo da súa solicitude, así como determina-lo período no que se vai encontrar en situación de excedencia.

3. Excedencia especial por maternidade.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a 3 anos, para atende-lo coidado de cada fillo, tanto o sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contados desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

O nacemento, adopción ou acollemento de novos fillos xerará o dereito a futuras e sucesivas excedencias, que en todo caso porán fin á anterior que se viñera desfrutando.

O período no que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o aquí establecido, será computable para efectos de antigüidade, e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, deberá ser convocado pola entidade para a súa participación neles, especialmente con ocasión da súa reincorporación.

O traballador terá dereito, durante o primeiro ano de permanencia de excedencia, á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

A excedencia considerada no presente epígrafe constitúe un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres. Nembargantes, se dous ou máis traballadores da mesma entidade xeraran este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da entidade. (Art. 46.3º da Lei 39/1999).

Artigo 18º.-Xubilación.

Establécese como data tope para acceder á xubilación o ano en que o traballador cumpra os 65 anos de idade, e sempre e cando cotizara o tempo mínimo requirido para ter dereito a percibi-las prestacións correspondentes, podendo en caso contrario permanecer en alta na entidade ata completa-lo dito período mínimo.

Como excepción ó parágrafo anterior, e como medida de fomento de emprego, convén que os traballadores con 64 anos de idade que desexen acollerse á xubilación anticipada co 100% da prestación, sempre que reúnan os requisitos de carencia e cotización correspondentes, poderán facelo, estando neste caso a entidade obrigada a substituílo na forma e condicións que veñen regulamentadas polo R.D. 1194/1985, do 17 de xullo.

Así mesmo, todo traballador que cumpra os requisitos da lexislación vixente, poderá acollerse a unha xubilación anticipada.

Capítulo V

Réxime retributivo

Artigo 19º.-Disposicións xerais.

A retribución do persoal afectado polo presente convenio estará integrado polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Antigüidade.

c) Outros complementos.

d) Pagas extraordinarias.

Para o exercicio de 2001 incrementaranse tódolos conceptos salariais co 3% sobre a táboa salarial actualizada de 2000, cunha revisión salarial do 0,50% sobre o IPC real. Para o ano 2002 aplicarase o IPC previsto máis 1 punto, garantíndose unha revisión salarial do 0,75% sobre o IPC real do ano 2002.

Artigo 20º.-Salario base.

Constitúeo a retribución do traballador, que virá determinada polo grupo e a categoría profesional a que pertenza. Se a xornada realizada fora inferior á pactada no presente convenio, o salario base reducirase proporcionalmente.

Artigo 20º bis.-Garantía de mínimos.

Ós traballadores de axuda a domicilio garantiráselles un salario mínimo equivalente a 33 horas de traballo semanais para o ano 2001, e 34 horas semanais para o ano 2002, con independencia de que as realizaran ou non, podendo percibir cada un dos traballadores, e a título individual, un salario superior en función das horas efectivamente realizadas.

É competencia de Cáritas Interparroquial, a distribución dos servicios, para poder garantir este salario mínimo a tódolos traballadores de axuda a domicilio, de tal maneira que, se algún deles se negara a aceptar, polo motivo que fora, el ou os servicios asignados perderán tamén a garantía de mínimos do presente artigo.

Artigo 21º.-Antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a percibir en concepto de antigüidade, por cada tres anos de traballo efectivo, o 5% do salario base da súa categoría profesional, computándose cada trienio a partir do día 1 do mes en curso, ou do día 1 do mes seguinte, dependendo de que a data na que se cumpra o dito trienio pertenza á 1ª ou á 2ª quincena, e co límite máximo do 60%.

Os traballadores que á sinatura do presente convenio viñesen percibindo unha cantidade superior á que resultase de aplica-lo parágrafo anterior, percibirán, ademais das cantidades que lles correspondesen por antigüidade segundo se dispón no presente artigo, a diferencia que resulte en concepto de complemento persoal.

Artigo 22º.-Complementos persoais.

Poderá establecerse entre cada traballador e a entidade un complemento persoal en contía, que se acordará en cada caso, e que se aboarán nas doce pagas mensuais.

Así mesmo, establécese, e con carácter único, á sinatura do presente convenio, a absorción dos complementos persoais actuais na nova táboa salarial.

Artigo 23º.-Complemento de transporte.

Os/as auxiliares de axuda a domicilio que teñan que realizar desprazamentos intermedios nas súas asistencias dentro da súa xornada de traballo percibirán un complemento por transporte por cada desprazamento. Este complemento revisarase anualmente e de forma independente ó resto dos conceptos retributivos, en función do custo obxectivo do transporte urbano.

Por outra banda estipúlase o pagamento do quilómetro a 24 pesetas para todos aqueles traballadores que, por motivos de traballo, teñan que usa-lo seu propio vehículo.

Artigo 24º.-Complemento de penosidade.

Os/as auxiliares de axuda a domicilio que realicen funcións que requiran un maior esforzo e/ou dificultade en función do grao de incapacidade da persoa asistida, ou da deterioración ambiental dos domicilios ós que acudan, percibirán este complemento nas contías e circunstancias que se especifican no anexo II.

Os/as auxiliares de servicio e cociñeiros/as de Meu Lar cobrarán nas 14 pagas o dito complemento de penosidade polo seu traballo, a razón do especificado nas táboas salariais.

Artigo 25º.-Complemento por traballo en festivo.

A entidade aboaralle ó traballador, mensualmente, un complemento polos días festivos do dito mes nos que o traballador realizara as súas tarefas normais.

Este complemento equivalerá a un 50% sobre o salario base diario multiplicado polo número de días festivos traballados.

Artigo 26º.-Complemento de nocturnidade.

Aboarase por este concepto o 25% da hora de salario base. Considéranse para efectos de nocturnidade as horas comprendidas entre as 22 e as 6 da mañá.

Artigo 27º.-Pagas extraordinarias.

A entidade aboará, ademais das doce mensualidades, unha paga extraordinaria no mes de xullo e outra no mes de decembro, por un importe equivalente a 30 días de salario base, incluída a antigüidade, se é o caso. Estas pagas devengaranse por semestres naturais cada ano. O persoal que ingrese ou cese durante o ano percibirá estas pagas extraordinarias en proporción ó tempo traballado no semestre correspondente a cada paga.

O persoal que non traballe a xornada completa percibirá por este concepto a parte proporcional correspondente.

O persoal eventual ou temporeiro os servicios do cal non excedan de 30 días percibirá a parte proporcional correspondente incluída no salario día ou hora, na forma especificamente establecida no presente convenio para os ditos traballadores.

Artigo 28º.-Atrasos.

No caso de que a un traballador lle finalice o contrato durante a vixencia do convenio, independentemente de que asine a liquidación, aboaránselle, con efectos retroactivos, os atrasos que lle puideran corresponder, e de acordo co incremento do IPC.

Artigo 29º.-Aboamento de haberes.

Tanto as pagas mensuais como as extraordinarias se ingresarán mediante transferencia bancaria na conta corrente elixida polo traballador dentro do territorio nacional, o último día do mes no caso das nóminas mensuais, e os días 15 de xullo e 15 de decembro para as pagas extraordinarias de xullo e Nadal, respectivamente. Se fosen festivos, aboaranse o día hábil inmediatamente anterior.

Artigo 30º.-Complemento por ILT.

Os traballadores en situación de incapacidade laboral transitoria, e durante un período de ata 12 meses, recibirán o complemento necesario ata completa-lo 100% da retribución mensual, ou, se é o caso, diaria ou por hora, ordinaria que lles correspondería de poderen desenvolve-las súas actividades laborais, e a teor do percibido no mes anterior á data da baixa.

Artigo 31º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas que, consideradas no seu conxunto diario, semanal ou anual, excedan da xornada pactada no presente convenio.

A realización das ditas horas extraordinarias será con ocasión de situacións excepcionais.

As horas extraordinarias incrementaranse no 75% sobre o valor do salario/hora ordinario.

Estas horas non poderán superar en todo caso o tope máximo de 70 horas, debendo ser comunicadas ó comité de empresa.

Artigo 32º.-Retribución do persoal eventual ou temporeiro, os servicios dos cales non excedan de 180 días:

1. Os traballadores eventuais ou temporeiros os servicios dos cales non excedan de 180 días devengarán a súa retribución por día efectivo de traballo, incluíndo no importe do día a parte proporcional da retribución dos domingos e festivos, así como das dúas pagas extraordinarias correspondentes ó salario de 30 días cada unha delas, rateadas anualmente por cada día de traballo, tomando como referencia para o cálculo do salario diario, a retribución

da táboa salarial do presente convenio de acordo coa categoría profesional desempeñada, que no caso de ser mensual se dividirá por trinta.

2. Os traballadores que traballen por horas, e con relación laboral de eventuais ou temporeiros, devengarán a súa retribución por hora efectiva traballada, incluíndo no importe da hora a parte proporcional da retribución dos domingos e festivos, así como as dúas pagas extraordinarias correspondentes ó salario de 30 días cada unha delas, rateadas anualmente por cada hora traballada, tomando como referencia para o cálculo do salario por hora a retribución da táboa salarial do presente convenio de acordo coa categoría profesional desempeñada, que no caso de ser mensual se dividirá por trinta, e multiplicarase o importe resultante por sete e dividirase por corenta.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 33º.-Saúde laboral.

De conformidade co disposto na Lei de prevención de riscos laborais, os traballadores teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo. O citado dereito supón a existencia dun correlativo deber de Cáritas Interparroquial na protección dos traballadores ó seu servicio fronte ós riscos laborais.

En cumprimento do deber de protección, a entidade deberá garantiza-la seguridade e a saúde dos traballadores ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co traballo. Igualmente a entidade está obrigada a garantir unha formación práctica e adecuada nestas materias a tódolos traballadores.

Corresponde a cada traballador velar en e polo cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan adoptadas.

Así mesmo, haberase que ater ó disposto nas demais normas sobre seguridade e hixiene no traballo vixentes en cada momento.

Crearase o comité de seguridade laboral, de forma paritaria e coas funcións e desenvolvemento establecidos na Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 34º.-Recoñecementos médicos.

O traballador ten dereito, e asemade a obriga, de someterse ás revisións médicas, tanto as previas ó ingreso ó posto de traballo como as periódicas que sexan aconselladas ou propostas tanto pola entidade como polos organismos oficiais competentes, así como a someterse ós medios profilácticos ou de vacinación que sexan obrigatoriamente indicados por eles, coa salvagarda do seu dereito constitucional á intimidade.

Todo traballador será informado de maneira conveniente e confidencial dos resultados dos exames da saúde ós que fora sometido.

Artigo 35º.-Roupa de traballo.

Cáritas Interparroquial da Coruña facilitaralles ós seus traballadores a roupa adecuada de traballo e

en cantidade suficiente para o desempeño dos seus cometidos específicos, contra o reintegro da deteriorada. O traballador estará obrigado a usar durante a realización da súa tarefa a roupa facilitada pola entidade, así como a coidala.

No caso de que a deterioración ou perda se produza por neglixencia do traballador, este deberá procurar pola súa conta as pezas que sexan necesarias.

Queda prohibida a utilización da dita roupa de traballo para tarefas persoais ou de calquera outra índole que non sexan as propias de Cáritas.

Artigo 36º.-Enfermidades por contaxio.

No caso de que calquera dos traballadores se vira afectado por calquera tipo de enfermidade sobrevida por contaxio ó desenvolve-lo seu traballo, haberase que ater ó que dispoña a autoridade sanitaria.

Artigo 36º bis.-Prestación por morte ou invalidez.

Tódolos traballadores contarán cun seguro de accidentes, que contratará a entidade pola súa conta e cargo, e que cubrirá os accidentes ocorridos ós traballadores como consecuencia da realización do seu traballo ou nos desprazamentos a ou desde o mesmo, e dos que resulte morte, invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez, e garantirase en tódolos casos 3.000.000 de pesetas por cada traballador.

Capítulo VII

Dereitos sindicais

Artigo 37º.-Dereito de sindicación.

A entidade respectará o dereito de tódolos traballadores a sindicárense libremente.

Non se poderá condiciona-la ocupación dun traballador ó feito de que estea ou non afiliado ou renuncie á súa afiliación sindical, e tampouco poderá incomodalo ou prexudicalo de ningunha outra forma a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

Artigo 38º.-Dereito de participación.

Todo traballador ten dereito a participar de forma activa nos órganos de representación, na forma regulada polo Estatuto dos traballadores.

Así mesmo poderán celebrarse reunións, recoller cotas e distribuír información sindical fóra das hotras de traballo e sen perturba-la actividade normal.

Cando por traballar en quendas, por insuficiencia dos locais, ou por calquera outra circunstancia, non poida reunirse simultáneamente todo o cadro de persoal sen prexuízo ou alteración no normal desenvolvemento da actividade, as diversas reunións parciais que deban celebrarse consideraranse como unha soa e datadas no mesmo día da primeira. En todo caso manteranse uns servicios mínimos, cando así fora necesario, establecidos de común acordo entre a endidade e os representantes dos traballadores, que garantan a cobertura e atención necesaria da actividade.

Artigo 39º.-Dereito de información.

A entidade facilitará taboleiros de anuncios para que, baixo a responsabilidade dos representantes sindicais na publicidade ou comunicacións asinadas polos sindicatos, se coloquen aqueles avisos e comunicacións que haxa que efectuar e se crean pertinentes. Estes taboleiros distribuiranse nos puntos e lugares visibles para permitir que a información chegue facilmente ós traballadores.

Artigo 40º.-Dereitos supletorios.

En todo o previsto no presente convenio en materia de dereitos de representación colectiva, reunión, liberdade sindical e participación, folga e conflictos colectivos, haberase que ater ó que se dispoña na lexislación vixente en cada momento.

Capítulo VIII

Infraccións laborais

Artigo 41º.-Disposicións xerais.

Os traballadores poderán ser sancionados pola entidade, en virtude de imcumprimentos laborais e de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establezan nos seguintes artigos, sendo o Estatuto dos traballadores, o Codigo penal, a Lei 8/1988, do 7 de abril, e o R.D. 396/1996, do 1 de marzo, en materia de infraccións e sancións, dereito supletorio nesta materia.

Como excepción ó contido nos artigos 40, 41 e 42 en materia de faltas de asistencia e puntualidade, no caso dos traballadores de axuda domiciliaria terase un especial coidado nas sancións pola dificultade que supón a proba ou a desistencia na imputación da dita falta.

Artigo 42º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

1. O atraso e neglixencia no cumprimento das súas funcións, así como a indebida utilización dos locais, materiais, informacións ou documentos da empresa, salvo que pola súa manifesta gravidade poida ser considerada como falta grave ou moi grave.

2. A non comunicación coa debida antelación da falta de asistencia ó traballo por causa xustificada, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, e en número de tres a cinco cometidas nun período dun mes.

4. Non lle comunicar á entidade os cambios persoais que poidan afecta-las prestacións coa Seguridade Social ou á relación coa Facenda pública.

5. A negativa rotunda a pasa-las revisións médicas consideradas no artigo 32º do presente convenio.

Artigo 43º.-Faltas graves.

Terán a consideración de faltas graves:

1. A falta de disciplina no traballo.

2. A falta de asistencia ó posto de traballo sen causa xustificada.

3. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante máis de cinco días ó mes e menos de dez.

4. O abandono inxustificado do posto de traballo.

5. A reincidencia na comisión dunha falta leve, aínda que sexa de diferente natureza e dentro dun mesmo trimestre, sempre que se produza sanción por ese motivo.

6. A ausencia de notificación, nun prazo de 24 horas, da situación de baixa por IT.

7. A neglixencia no traballo que afecte negativamente á marcha nel.

8. A simulación de enfermidade ou accidente.

9. As discusión públicas cos compañeiros no centro de traballo.

Artigo 44º.-Faltas moi graves.

Serán cualificadas como faltas moi graves as seguintes:

1. Dar a coñecer procesos patolóxicos e datos íntimos dos usuarios.

2. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, e calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

3. A falta de asistencia ó traballo non xustificada, e durante máis de tres días ó mes.

4. As faltas reiteradas e inxustificadas de puntualidade durante máis de dez días ó mes ou durante máis de 30 días ó trimestre.

5. Os malos tratos de palabra ou obra, psíquicos ou morais, infrinxidos ós usuarios, compañeiros de traballo de calquera categoría ou a familiares de calquera deles, así como os abusos de autoridade.

6. A obtención de beneficios económicos ou en especie dos usuarios.

7. Apropiarse de obxectos, documentos, material ou calquera outro efecto persoal dos usuarios ou dos traballadores.

8. A neglixencia na administración da medicación.

9. Facer públicos datos persoais e/ou teléfono dos usuarios, familiares ou compañeiros de traballo a persoas alleas a eles.

10. Os actos ou conductas verbais ou físicas de natureza sexual ofensivas dirixidas a calquera traballador, sendo de máxima gravidade aquelas que sexan exercidas desde posicións de mando ou xerarquía, as realizadas cara a persoas con contrato non indefinido, ou as de represalia contra as persoas que as denunciaran.

11. A indisciplina ou desobediencia no traballo.

12. A diminución voluntaria e continua do rendemento normal do traballo, cando supoña neglixencia por parte do traballador.

13. A embriaguez ou toxicomanías.

14. A reincidencia na comisión dunha falta grave, aínda que sexa de natureza distinta, sempre que se produza sanción por ese motivo.

Artigo 45º.-Sancións.

As sancións que poderán impoñerse, en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

A) Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata tres días.

-Desconto proporcional das retribucións que sexan correspondentes ó tempo real deixado de traballar por falta de asistencia ou puntualidade non xustificadas.

B) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de tres días a un mes.

-Desconto proporcional das retribucións que sexan correspondentes ó tempo real deixado de traballar por falta de asistencia ou puntualidade non xustificadas.

C) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de un a tres meses.

-Despedimento.

Artigo 46º.-Tramitación.

As sancións comunicaranse motivadamente e por escrito ó interesado para o seu coñecemento e efectos, dándose notificación ó comité de empresa ou delegados de persoal.

Para a imposición de sancións por falta moi grave ós delegados de persoal será preceptiva a instrucción de expediente sumario. Este expediente incoarase logo de coñecemento da infracción, remitíndolle ó interesado prego de cargos con exposición sucinta dos feitos supostamente constitutivos de falta. Deste expediente daráselles traslado ó comité de empresa ou ós delegados de persoal para que por ámbalas partes e no prazo de cinco días, poidan manifestar á dirección o que consideren conveniente para o esclarecemento dos feitos. Transcorrido o dito prazo, e aínda que o comité, o traballador, ou ambos non fixeran uso de dereito que se lles concede a formular alegacións, procederase a impoñer ó traballador a sanción que se considere oportuna de acordo coa gravidade da falta cometida e o estipulado no presente convenio.

Artigo 47º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós trinta días, as graves ós sesenta días e as moi graves ós noventa días, a partir da data na que se tivera coñecemento, e en todo caso ós seis meses de cometerse.

Artigo 48º.-Infraccións da empresa.

Clasificaranse como infracións laborais da empresa as accións ou omisións contrarias ás disposicións legais en materia de traballo, ó presente convenio colectivo, e ás demais normas que sexan de aplicación vixente en cada momento.

Sancionarase a obstaculización do exercicio das liberdades públicas e dos dereitos xudiciais.

Artigo 49º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria para a interpretación, aplicación e vixilancia do cumprimento deste convenio, así como para a mediación, arbitraxe e conciliación no caso de conflicto colectivo, cando se solicite por instancia dun dos seus órganos.

Esta comisión estará constituida por José Luis Souza Porto, Ernesto Vázquez Mariño e Fernando Esclusa Otero (parte empresarial) e Mercedes Carrión Rosende, Fuensanta Prieto, e Oliva Berbia Mourelle (parte social). As dúas partes poderán seren asistidas por un asesor con voz pero sen voto. Os acordos da comisión paritaria requirirán, validamente constituida, a asistencia á reunión de dous membros de cada unha das representacións.

ANEXO I

Táboas de salarios

Ano 2001

CategoríaSalario base

mes/día

Trienios 5% Complem.

festivo/día

Titulados superiores

Director centro149.2667.4632.487

Médico135.6996.7842.261

Outros titulados superiores135.6996.7842.261

Titulados medios

Coordinador centro136.8296.8412.281

Asist. social/Diplom. Trab. Social124.3916.2192.073

ATS/DUE124.3916.2192.073

Persoal administrativo

Administrativo113.0825.6541.885

Auxiliar administrativo84.8124.2421.413

Profesionais de oficio

Encargado de quenda87.0774.3541.451

Cociñeira90.4664.5241.508

Persoal subalterno

Conserxe96.1204.8071.602

Porteiro84.8124.2471.413

Auxiliar servicios xerais79.1583.9601.320

Limpadora79.1583.9601.320

Auxiliar domicilioSalario base/hora

465

Trieneio 5%

24

ANEXO II

Complemento de penosidade na asistencia

domiciliaria

Ano 2001

Nivel 0: 0 ptas./hora.

Nivel 1: 102 ptas./hora.

Nivel 2: 204 ptas./hora.

Complemento de penosidade na Residencia

Meu Lar

Ano 2001

Auxiliar de servicios: 3.000 ptas./mes.

Cociñeiro/a: 3.000 ptas./mes.