Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 25 de xuño de 2001 Páx. 8.547

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte integrado por dúas parcelas e denominado Comunal de Carpacedo e Penelas, a favor dos veciños do lugar de Oímbra, concello de Oímbra (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o vinteoito de marzo de dous mil un, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado integro por dúas parcelas e denominado Comunal de Comunal de Carpacedo y Penelas, por solicitude dos veciños do lugar de Oímbra, do concello de Oímbra.

Resultando que con data 17 de marzo de 1997, tivo entrada no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños do lugar de Oímbra, concello de Oímbra (Ourense), solicitando que se declare o monte comunal de Carpacedo e Penelas 1, e Penelas 2 como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial en sesión celebrada en data trinta de xuño de mil novecentos noventa e sete, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores del a José Ramón Goyanes Flores e a José Manuel Baltar Blanco, que aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Verín e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños do lugar de Oímbra, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Oímbra, á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Castastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e ó Servicio de Extensión Agraria, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Oímbra, durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia estendida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, para

que durante o prazo sinalado en edictos os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, e non constando presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade de Verín como segue:

Tomo 694, libro 49, folios 144, anotación letra A.

Resultando que na reunión do xurado do 30 de setembro de 1998 se adoptou o acordo de nomear instructora a Míriam Areal López en substitución de José Manuel Baltar Blanco nos expedientes de clasificación pendentes.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de Montes Veciñais en Man Común ten como características esenciais as seguintes:

1. Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais.

2. Que polo tanto o número de titulares é variable e indeterminado.

3. Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano.

4. Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescriptible e inembargable.

5. Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños do lugar de Oímbra, no concello de Oímbra.

Considerando que examinada a documentación e comprobado en terreo a inexistencia, coma consecuencia da concentración parcelaria, da parcela que aparece descrita coma Penelas I na solicitude de clasificación.

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños do lugar de de Oímbra están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños do lugar de Oímbra, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu Regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro de 1992, modificada pola Lei 4/1999.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte integrado por dúas parcelas e denominado comunal de Carpacedo e Penelas, de 5 ha 22 a 68 ca, aproximadamente en conxunto, de superficie a favor dos veciños do lugar de Oímbra, parroquia de Oímbra, no concello de Oímbra (Ourense), e cos datos que a seguir se relacionan, coma veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Oímbra.

Denominación: monte integrado polas parcelas denominadas comunal de Carpacedo e Penelas.

Comunidade propietaria: veciños de Oímbra.

Superficie: 5 ha 22 a 68 ca aproximadamente en conxunto.

Parcela: comunal de Carpacedo:

Superficie: 4 ha 02 a 03 ca, aproximadamente.

Estremas:

Norte: camiño de Carpacedo.

Sur: parcela nº 184 a nome de herdeiros de José Gómez Rodríguez termo municipal de Verín.

Leste: camiño Carpacedo.

Oeste: regato de Lagoa, parcela nº 416 a nome de Francisco Valles Afonso, parcela nº 130 a nome de Pedro Valles Afonso e camiño.

Parcela: Penelas:

Superficie: 1 ha 20 a 65 ca, aproximadamente.

Estremas:

Norte: parcela nº 23 a nome de Rosa García Feijóo, parcela nº 24 a nome de Josefa Valles Afonso e zona excluída.

Sur: parcela nº 26 a nome de Dolores Rodríguez Pardo, e outros, e parcela nº 25 a nome de Francisco Rodríguez Pardo.

Leste: estrada de Oímbra-San Cibrao.

Oeste: parcela nº 19 a nome de Manuel Pardo Rodríguez.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Oímbra, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da

Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 28 de marzo de 2001.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común