Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 25 de xuño de 2001 Páx. 8.545

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte Rudeiro, a favor dos veciños do lugar de Pradobó, parroquia de Palmés, no concello de Ourense.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o vinteoito de marzo de dous mil un, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado Rudeiro, por solicitude dos veciños de Pradobó, parroquia de Palmés, concello de Ourense.

Resultando que con data 16 de marzo de 1998 tivo entrada no rexistro da Delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente de Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños do lugar de Pradobó, concello de Ourense (Ourense), solicitando que se declare o monte Rudeiro como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial en sesión celebrada en data 18 de novembro de 1998 acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores deste a Manuel Bouzas Costa e a Miriam Areal López, os cales aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade nº 2 de Ourense, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños do lugar de Pradobó, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Ourense, á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Castastro, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, á Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e ó xefe do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Ourense, durante o prazo dun mes

segundo consta en dilixencia estendida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, para que durante o prazo sinalado en edictos os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, e non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade nº 2 de Ourense, como segue:

Tomo 1.457, libro 304 do Concello de Ourense, folios 35, leira rexistral nº 24309, anotación letra A.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1. Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais.

2. Que polo tanto o número de titulares é variable e indeterminado.

3. Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano.

4. Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescriptible e inembargable.

5. Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños do lugar de Pradobó, parroquia de Palmés, no concello de Ourense.

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños do lugar de Pradobó están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que das informacións recollidas resulta que en canto á superficie do expediente hai que se ater ó disposto na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños do lugar de Pradobó, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes

e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Rudeiro, de dez (10) ha aproximadamente en conxunto de superficie, a favor dos veciños do lugar de Pradobó, parroquia de Palmés, no concello de Ourense, e cos datos que a seguir se relacionan, coma veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Ourense.

Monte denominado: Monte Rudeiro.

Comunidade propietaria: veciños de Pradobó, parroquia de Palmés.

Superficie: 10 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: monte comunal do Pereiro.

Sur: monte comunal de Amoeiro.

Leste: propiedades de Pradobó: Cándido Fernández, José Iglesias, Concepción Hermilla, José Araújo Fernández, Constantino Álvarez Pérez, Eduardo Rodríguez, Claudio Fernández.

Oeste: monte comunal do Concello de Amoeiro.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Ourense, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin a vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 28 de marzo de 2001.

Míriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común