Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 25 de xuño de 2001 Páx. 8.498

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 18 de xuño de 2001 pola que se convocan, para o ano 2001, axudas para o financiamento de programas de mellora da calidade do leite recollido nas explotacións.

A nova orientación da política agrícola común fronte á maior competitividade das produccións da Unión Europea, pretende, á súa vez, dar resposta ás preocupacións e sensibilidade dos consumidores en materia de calidade e seguridade alimentaria, o que implica a necesidade de estimula- la adaptación da oferta neste sentido.

No que respecta ó sector lácteo, a entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 1998, das esixencias relativas á calidade hixiénica do leite cru e outras disposicións sobre as condicións das explotacións de producción, e a necesidade da súa homologación e control polas autoridades competentes, demanda un esforzo importante de adecuación por parte do sector, tanto compradores como productores.

O R.D. 1563/1998, do 17 de xullo, de medidas para a mellora integral das explotacións de producción e en relación cos compradores de leite, establece as bases reguladoras das axudas estatais destinadas a estes fins.

Nos seus artigos 5 e 6 disponse que a tramitación das solicitudes, así como a súa resolución e o seu pagamento lles corresponden ós órganos competentes das comunidades autónomas.

O financiamento será por conta dos orzamentos xerais do Estado, segundo se dispón no artigo 7 do devandito real decreto, distribuíndose o crédito consignado para o efecto entre as comunidades autónomas.

Por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 30 de maio de 2001, convocáronse as ditas axudas para o presente exercicio.

Ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que atinxe á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la da execución das medidas de fomento.

No marco das anteriores disposicións, a presente orde ten por obxecto establece-las normas de desenvolvemento dos programas de mellora da calidade do leite, establecendo o procedemento para a tra

mitación das solicitudes presentadas, para a súa resolución e, de se-lo caso, pagamento.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.3º de Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, así como a do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Pola presente orde convócanse axudas para a realización de accións incluídas en programas de control e mellora da calidade do leite recollido nas explotacións, desenvoltas no marco do Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos, e de acordo co establecido no R.D. 1563/1998, do 17 de xullo, de medidas para a mellora integral das explotacións de producción e en relación cos compradores de leite.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas na presente orde:

a) Os compradores autorizados, ben a título individual, ben a través de asociacións de compradores, que elaboren e apliquen os programas ós que se refire o artigo 1º, e se comprometan a un pagamento diferencial dos parámetros de calidade superiores ós esixidos na normativa vixente e cumpran as obrigas impostas polo réxime da taxa suplementaria.

b) As agrupacións de productores que elaboren e apliquen os programas ós que se refire o artigo 1º, sempre e cando os seus membros cumpran co réxime de taxa suplementaria.

Artigo 3º.-Programas de mellora da calidade do leite.

1. Estes programas terán por obxecto o fomento da mellora da calidade do leite nas explotacións mediante a adecuación dos parámetros que incidan nas condicións de producción, obtención, almacenamento e transporte do leite, que determinen avances en todos ou nalgún dos seguintes aspectos:

a) Melloras no reconto total de bacterias e células somáticas.

b) Melloras nos parámetros mínimos físicoquímicos.

c) Ausencia de inhibidores.

2. Os programas de mellora deberán contar, polo menos, cos seguintes elementos:

a) Identificación do comprador ou entidade que aplica o programa e do seu responsable técnico, así como especificación dos compromisos asumidos, de

acordo co indicado no anexo II. O programa deberá de ser desenvolto sobre un grupo mínimo de 70 explotacións ou 1.100 vacas.

Cando se trate dunha asociación de compradores presentarase esta información desagregada por cada un deles.

b) Identificación das explotacións que realizarán o programa, de acordo co especificado no anexo X, así como relación dos compromisos asumidos polos productores segundo o indicado no anexo III. No caso de que o titular da explotación non coincida co titular da cota ou coa persoa física o xurídica dada de alta no LIGAL, deberase facer constar no dito anexo.

As explotacións incluídas nos programas deberán de ter asignada cantidade de referencia na campaña 2001/2002.

c) As entidades que realizaron o programa no ano 2000 non terán que presenta-lo anexo III daquelas explotacións que continúen neste ano, debendo presenta-las variacións e os compromisos das altas que se produzan.

No caso de explotacións que no ano 2000 realizaran o programa con outra entidade, deberase achega-lo anexo III, acompañado do anexo XI, cuberto e asinado polo titular da explotación e polos representantes legais de ámbalas dúas entidades.

d) Identificación dos parámetros que deben ser obxecto de mellora.

3. Descrición detallada das accións que se van realizar:

a) Asesoramento, que poderá incidir nas seguintes accións:

-Adecuación e limpeza de instalacións e equipos.

-Rutina do muxido.

-Prevención e control de residuos de medicamentos e hormonais e de enfermidades, en especial de mamite.

b) Investimentos necesarios para o desenvolvemento das funcións de asesoramento, agás medios de transporte.

4. Establecemento dun sistema de control que permita avalia-la eficacia das medidas, que consistirá no seguinte.

A. Os productores beneficiarios do programa autorizarán o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), ou outro laboratorio que estea capacitado, como laboratorios responsables dos controis analíticos, para que lle faciliten á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria os resultados mensuais das análises de calidade do leite das súas explotacións.

B. No caso de control de instalacións de muxido, estes serán realizados por técnicos autorizados pola Unidade de Tecnoloxía de Muxido (UTM) do Ilgga e deberán asumi-los compromisos indicados no

anexo IV, cumprindo, en cada instalación, os parámetros indicados no anexo VIII.

C. No caso de control de equipos de refrixeración de leite, estes deberán ser realizados por técnicos autorizados pola UTM do Ilgga ou titulados en FP2, rama frigoristas, e deberán asumi-los compromisos indicados no anexo V, cumprindo en cada instalación os parámetros indicados no anexo IX.

D. No caso de asesoramento técnico en temas que inflúan na calidade do leite, os técnicos participantes nel deberán asumi-los compromisos indicados no anexo VI, cumpri-lo epígrafe referente á declaración de actividades e as enquisas ou partes de visita a explotacións que reflictan o desenvolvemento do programa.

3. Como parte do sistema de control, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, porá á disposición dos beneficiarios unha aplicación informática denominada «Programa Calidade do Leite II», (en diante PCL II), que permitirá tanto a gravación de ficheiros para a solicitude, como o control das explotacións, gravación de revisións e visitas a estas, e que xerará os ficheiros necesarios para a xustificación do programa. Para o seu manexo necesítase un ordenador cos seguintes requirimentos mínimos:

Pentium II ou III, con 64 Mb de memoria RAM, alomenos 200 Mb de disco duro baleiro e un sistema gráfico (tarxeta e monitor) que soporte unha resolución mínima de 800x600. Así mesmo, co fin de obter certa fluidez no intercambio de datos, será preciso dispor dunha conta de correo electrónico. Este enderezo deberá incluírse como parte da documentación de solicitude.

6. Se o beneficiario fose un primeiro comprador, descrición do método de pagamento diferenciado pola calidade do leite.

7. Orzamento detallado dos gastos derivados da execución do programa e o sistema de control.

8. Determinación específica do laboratorio responsable dos controis analíticos, que será, preferentemente, o LIGAL. A utilización doutro laboratorio necesitará a autorización expresa da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

9. Cando colaboren no desenvolvemento do programa outras entidades, deberanse identificar estas.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

O importe das axudas concedidas ó abeiro da presente orde non poderá superar, en ningún caso, o 70 por 100 dos gastos derivados do desenvolvemento do programa.

A dirección do Ilgga poderá establecer módulos de custos máximos para subvencionar por nivel de técnico asesor, por punto de muxido, por tanque de refrixeración, así como outros parámetros tecnicamente xustificables.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Tódalas solicitudes se presentarán, preferentemente, nos servicios centrais do Ilgga, sitos en Santiago de Compostela, na rúa dos Irmandiños s/n, Salgueiriños 15771 A Coruña, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co modelo do anexo I.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde.

3. Ás solicitudes xuntaráselles, ademais, a seguinte documentación:

A. Acreditación da personalidade xurídica do solicitante.

B. Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa. Xunto coa solicitude, a agrupación deberá presentar un ficheiro en base de datos, coa estructura indicada no anexo X, con formato da aplicación PCL II, facilitado polo Ilgga, antes de inicia-la execución do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas a este.

C. Código de identificación fiscal e certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta na que se solicita o ingreso do importe da axuda.

D. Memoria descritiva do programa establecido no artigo 3º.3 da presente orde, indicando a relación de explotacións nas que se aplicará este.

E. Relación dos técnicos que participen na execución do programa e capacitación deles.

F. Fotocopia cotexada do título profesional do técnico, de se-lo caso.

G. Factura proforma dos equipos que se van adquirir, de se-lo caso.

H. Anexos II, III, IV, V, VI, e XI totalmente cubertos.

I. Folla resumo totalmente cuberta (anexo VII).

J. Compromiso de comunicarlle ó Ilgga os resultados dos controis, en cada unha das explotacións acollidas ó programa.

K. Cando o solicitante sexa primeiro comprador, compromiso do pagamento diferencial dos parámetros de calidade do leite superiores ós esixidos na normativa vixente.

Artigo 6º.-Resolución.

1. O director do Ilgga, por proposta da subdirección deste organismo, resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, antes do 30 de novembro, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e segundo os criterios establecidos na alínea seguinte.

2. Os programas avaliaranse en función do número de gandeiros, volume de leite, a relación entre estes dous criterios e a súa idoneidade. Dentro destes criterios terán preferencia:

a) Cooperativas e SAT que sexan primeiros compradores de leite.

b) Cooperativas e agrupacións de gandeiros con programas de calidade de leite aprobados polo Ilgga no 2000.

c) Outros solicitantes.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Os beneficiarios deberanlle comunica-la finalización do programa ós servicios centrais do Ilgga xuntando unha memoria explicativa sobre a súa realización, resultado da avaliación en cada unha das explotacións e incidencia na mellora da calidade do leite. Así mesmo, deberán remitirse trimestralmente xustificantes das accións.

Xunto coa xustificación achegarase a seguinte documentación:

a) No caso de control de equipos de muxido e equipos refrixerantes, resultados da comprobación de tódalas instalacións de muxido controladas, de acordo co anexo VIII (Control de instalación de muxido) e anexo IX no que, obrigatoriamente, se fará consta-lo nome do controlador autorizado pola Unidade de Tecnoloxía do Muxido e os números asignados pola devandita unidade ós equipos de control de instalacións que realizaron a comprobación. Toda esta información se recollerá nun programa informático de Control de instalación de muxido facilitado polo Ilgga.

b) Enquisas de muxido e partes de visita das actuacións derivadas de programas de asesoramento técnico.

c) En canto á información das letras a) e b), ademais do soporte papel requirido nos anteriores puntos, deberase presenta-la información gravada na aplicación PCL II. Trimestralmente remitirase o ficheiro informático coas revisións e visitas realizadas así como explotacións que causen baixa no programa.

d) Relación de explotacións que executaron os programas, así como o volume pormenorizado do leite que representan.

e) Facturas orixinais ou copias cotexadas dos bens e/ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.

f) Copia cotexada das nóminas do persoal contratado para a execución do programa.

2. O pago das axudas estará condicionado á evolución e grao de consecución dos obxectivos programados. Poderanse efectuar pagamentos parciais de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As accións que se vaian desenvolver serán sometidas a seguimento en canto á calidade técnica do traballo, sobre todo no relativo ás revisións das instalacións de muxido e ós labores de asesoramento nas explotacións

3. Para poder percibi-la axuda, o beneficiario deberá acreditar que se encontra ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda ninguna, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Efectuadas as comprobacións oportunas, o Ilgga procederá ó pagamento das axudas.

5. A dirección do devandito instituto remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA, de acordo co artigo 8 do R.D. 1563/1998, a relación de beneficiarios e as axudas pagadas, así como a información sobre o grao de consecución dos obxectivos pretendidos.

Artigo 8º.-Financiamento.

O financiamento das axudas reguladas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria do orzamento de gastos do Ilgga 09.60.712-A.773.1, na que existe crédito para esta finalidade por un importe de douscentos noventa millóns de pesetas (290.000.000 de pesetas), dotación que poderá incrementarse logo da oportuna xeración do crédito.

Artigo 9º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

1. Os solicitantes das axudas previstas na presente orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

2. Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. O importe total das axudas públicas por beneficiario non superará, en ningún caso, a cantidade de 100.000 euros nun período de 3 anos, de acordo co disposto nas directrices comunitarias (2000/C28/02) sobre axudas estatais ó sector agrario.

Artigo 10º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, o beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das

súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Recursos administrativos.

As resolucións que, na aplicación desta orde, dicte o director do Ilgga, non esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente de dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional

Infraccións e sancións.

Seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2001.

Juan Miguel Díz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria