Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 22 de xuño de 2001 Páx. 8.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 142/2001, do 31 de maio, polo que se acorda a imposición da afectación secundaria sobre unha parcela situada no porto do Grove, a favor da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda solicitou da Secretaría Xeral e do Patrimonio a incoación do expediente de afectación secundaria dunha parcela no porto do Grove, termo municipal do Grove (Pontevedra), baseándose na necesidade de construír unha terminal intermodal de transportes.

A titularidade do porto do Grove correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real Decreto 3214/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de portos (BOE nº 285, do 27 de novembro). Mediante Decreto 167/1982, do 1 de decembro (DOG nº 10, do 12 de febreiro de 1983) as competencias asumidas asignáronse á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (hoxe Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda). Na actualidade, segundo o disposto no artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro (DOG nº 243, do 20 de decembro), o porto do Grove atópase adscrito ó ente público Portos de Galicia.

O ente público Portos de Galicia, no trámite de audiencia establecido no artigo 31.2º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega (DOG nº 71, do 13 de abril), informou favorablemente sobre a imposición dunha afectación secundaria sobre unha parcela de 1.650 m nos terreos adcritos ó porto do Grove, para a construcción dunha terminal intermodal.

Á vista do disposto nos artigos 12.4º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do seu regulamento, a afectación secundaria de bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil un,

DISPOÑO

Artigo 1º

Acórdase a imposición dunha afectación secundaria a favor da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda sobre unha parcela de 1.650 m de extensión situada no porto do Grove (Pontevedra), situada no lugar que se indica no plano incorporado ó expediente, con destino á construcción dunha terminal intermodal de transportes.

Artigo 2º

A concorrencia da antedita afectación secundaria respecto do porto do Grove non altera a adscrición orgánica esixida pola afectación principal, que conferirá ó seu titular -Portos de Galicia- as facultades de administración, xestión e conservación, sen prexuízo das que correspondan á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda como titular dun interese específico por razón da afectación secundaria establecida.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda