Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 22 de xuño de 2001 Páx. 8.421

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 141/2001, do 25 de maio, polo que se desafectan do dominio público diversos inmobles das antigas cámaras agrarias locais de Ames, Boimorto, Castro de Rei e Xove.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que: «o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes».

Tendo en conta as solicitudes de cesión de uso presentadas, así como os informes favorables da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 26 de outubro de 1998, 23 de setembro de 1999 e 16 de febreiro e 16 de abril de 2001, foi tramitado pola Consellería de Economía e Facenda, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, expediente de desafectación do dominio público de varios inmobles.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Edificio de planta baixa de 116 m construídos, sobre un soar de 208 m en total, situado no lugar de Augapesada, parroquia e municipio de Ames (A Coruña). Estrema: norte, con Manuel Vilas Mouriño, hoxe Concello de Ames; sur, con Manuel Vilas Mouriño, hoxe estrada de Roxos a Portomouro; leste, con camiño, hoxe María Recarey Pensado; e oeste, con Manuel Vilas Mouriño, hoxe Concello de Ames.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 1.033, libro 335, folio 204, predio nº 5.339, inscrición 4ª.

2. Parcela de 100 m aproximadamente, ocupada na súa práctica totalidade por un edificio de baixo e primeiro andar, no lugar de Gándara, hoxe nº 15, no municipio de Boimorto. Estrema: norte, María Botana Sueiro; sur, Comunidade Autónoma de Galicia; leste, almacén da Comunidade Autónoma de Galicia; e oeste, estrada de Corredoiras a Gándara.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 629, libro 57, folio 12, predio nº 8.226, inscrición 1ª.

3. Edificio de planta baixa, que ocupa 144 m da parcela de labradío de 600 m en total, á que lle chaman dos Curros, situada no lugar de Castro, parroquia de Duarría municipio de Castro de Rei (Lugo). Estrema o conxunto: norte, Antonio García Crecente, hoxe José Gigán Rodríguez; sur, Josefa Maneuro Rodríguez, hoxe Travesía da Cámara Agraria ou rúa da Quevada; leste, José González Varela, hoxe Manuela González Freire; e oeste, pista que conduce ó mercado de gando, hoxe rúa Trapero Pardo.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 1.051, libro 82, folio 87, predio nº 9.339, inscrición 2ª.

4. Edificio de planta baixa e alta que ocupa aproximadamente 110 m do seu soar, que ten un total de 393 m, situado na avenida Deputación nº 44 da vila de Xove (Lugo). Estrema: norte, camiño, hoxe Antonia Rodríguez López; sur, Escolástica Andrade, hoxe avenida Deputación; leste, José Aramburo, hoxe Antonia Rodríguez López; e oeste, herdeiros de Josefa Rapa, despois Eliseo López Casabella, hoxe María Luz Vázquez Casabella.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro no tomo 727, libro 90, folio 148, predio nº 5.443, inscrición 3ª.

5. Edificio de planta baixa que ocupa practicamente a totalidade do seu soar de 40 m, situado no lugar de Lavandeiras, municipio de Xove (Lugo). Estrema: norte ou costas, predio matriz de Flora Álvarez; sur ou fronte, estrada de Ribadeo a Viveiro, C-642; leste ou dereita, predio matriz, hoxe Antonio Lorenzo; e oeste ou esquerda entrando, Ramón López, hoxe Flora Álvarez.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro no tomo 768, libro 94, folio 103, predio nº 11.905, inscrición 1ª.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, vintecinco de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda